Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Venres, 5 de xullo de 2013 Páx. 26871

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 2013 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape ás agrupacións empresariais (clústers) innovadoras na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 5 de febreiro de 2013, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape ás agrupacións empresariais (clústers) innovadoras na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, facultando ao director xeral para a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape ás agrupacións empresariais (clústers) innovadoras na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80 % no programa operativo Feder Galicia 2007/2013, que corresponde ao eixe E2, tema prioritario 08, actuación 6.

Segundo. Convocar para 2013, en réxime de concorrencia competitiva, as referidas axudas.

Terceiro. Prazo de presentación de solicitudes:

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o día final do prazo coincidise en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, posporase ao día hábil seguinte.

Cuarto. Créditos:

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias e polos seguintes importes:

Partida orzamentaria

2013

2014

2015

08.A1-741A-7816

2.100.000,00 €

200.000,00 €

1.900.000,00 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, logo de previa declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto. O prazo de execución dos proxectos non poderá superar o 31 de outubro do exercicio correspondente á anualidade establecida na resolución de concesión. Os beneficiarios deberán presentar a solicitude de cobramento antes do 30 de novembro do exercicio correspondente á anualidade establecida na resolución de concesión (no caso de que coincida en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, posporase ao día hábil seguinte).

Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2013

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Igape ás agrupacións empresariais
(clústers) innovadoras na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas
polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do
programa operativo Feder Galicia 2007-2013

A Axenda de Lisboa renovada en 2005, no punto Crecemento e Emprego presenta entre os obxectivos para Europa o coñecemento e a innovación, factores de crecemento; favorecer os pólos de innovación empresarial a nivel rexional ou local; crear máis postos de traballo e de maior calidade, investir en mellorar a cualificación e adaptabilidade da man de obra.

O ditame do Comité das Rexións (CDR) sobre o tema «clústers e política de clústers» (2008/C 257/12) establece nas súas consideracións xerais, entre outras, que os clústers son importantes motores e condutores da innovación, contribúen á competitividade e ao desenvolvemento sustentable da industria e os servizos, e potencian o desenvolvemento económico das rexións mediante a creación de riqueza e empregos, polo que tamén contribúen á cohesión territorial, obxectivo que foi incluído entre os fins da Unión Europea no tratado de Lisboa.

Tamén considera o Comité que, en moitos casos, é necesaria a participación das autoridades públicas e entidades privadas no estímulo aos clústers e no apoio ao mantemento destes na vangarda dos seus sectores. Sinala que o papel do sector público debe ser crear as condicións de contorno necesarias para o desenvolvemento dos clústers entre as cales indica a de apoiar e acelerar as iniciativas privadas sen esquecer que os tres niveis da administración deben estar interconectados entre si: o comunitario, o nacional e o rexional, tendo este último un papel clave na definición e implementación das políticas de axuda aos clústers.

Dentro das súas propostas para a implementación dun Marco Estratéxico Común para os clústers, na fase de incubación dos clústers, o CDR propón a creación das condicións de contorno necesarias para o seu desenvolvemento e a dotación de axudas financeiras que faciliten a interconexión de pequenas e grandes empresas localizadas nun mesmo territorio e a apreciación das potenciais sinerxías que se poidan dar.

O Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación e desenvolvemento e innovación (2006/C 323/01) (DOUE do 30 de decembro de 2006) establece no seu punto 1.1. o obxectivo das axudas de Estado á investigación e desenvolvemento e innovación especificando que fomentar a investigación e o desenvolvemento e a innovación (I+D+i) é un importante obxectivo de interese común.

No seu punto 1.2. o marco comunitario indica, entre outras consideracións, que o dito marco seguirá sendo de aplicación a todas as medidas notificadas á Comisión, ben porque a medida non se contemple no Regulamento xeral de exención por categorías (REC), ben porque este estableza a obriga de notificala individualmente, ben porque o estado membro opte por notificar unha axuda que segundo o REC podería haberse acollido en principio a unha exención, así como para a avaliación de todas as axudas non notificadas.

No actual período de programación, os criterios que aplica a comisión á hora de avaliar a compatibilidade das axudas de Estado ás agrupacións empresariais (clúster) innovadoras, encóntranse no punto 5.8. Axudas ás agrupacións (clúster) innovadoras do Marco comunitario sobre axudas estatais á investigación e ao desenvolvemento e innovación para o período 2007-2013 (2006/C 323/01).

O efecto de aceleración do clúster, que non tivo ata agora un instrumento específico de apoio e pulo cara á promoción da innovación e a mellora do seu soporte, será indubidable, tanto polo efecto na capacidade de actuación da agrupación, como na posibilidade de que poida abordar iniciativas de fomento de maior custo. O desenvolvemento dos clúster en Galicia, como panca do propio desenvolvemento económico da comunidade autónoma será, por primeira vez, abordado co espírito dunha mellora na competitividade global dos núcleos máis importantes da economía galega e, en consecuencia, polas súas posibilidades de difusión e exemplificación nos restantes ámbitos da actividade económica.

As presentes bases reguladoras teñen, así mesmo, o seu fundamento normativo, no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño) que establece que, sen prexuízo de que o Consello da Xunta de Galicia determine os criterios básicos, os órganos concedentes establecerán con carácter previo á disposición dos créditos as bases reguladoras aplicables á concesión.

As presentes bases teñen por obxecto establecer, á luz da nova regulamentación existente, un instrumento xurídico de fomento da I+D+i a través do apoio aos clústers en Galicia, tras a súa notificación e aprobación do réxime pola Comisión Europea. O anterior enténdese sen prexuízo das axudas existentes a I+D+i na Comunidade Autónoma de Galicia aprobadas a través do réxime de axudas Subvencións para o apoio ao crecemento empresarial (ACE) da Comunidade Autónoma de Galicia, axuda estatal SA.33599 (2011/N)-España, e cuxos obxectivos difiren dos que constitúen o obxecto destes presentes bases, por ser estes específicamente dirixidos aos clústers, como axudas ao investimento e funcionamento necesarias para o desenvolvemento dos seus plans de acción.

O alcance da norma e o seu carácter plurianual, que cubrirá para efectos de concesión o ano 2013, podendo executarse os proxectos plurianuais ata mediados de 2015, fai necesario o seu desenvolvemento a través das convocatorias das axudas nela recollidas, que respectarán, ademais da normativa básica estatal e a autonómica en materia de subvencións, a regulamentación contida nestas bases e limitaranse básicamente a fixar os prazos de presentación de solicitudes e as asignacións orzamentarias de cada convocatoria.

A iniciativa normativa da Consellería de Economía e Industria e a súa xestión a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), xustifícase pola súa competencia sobre as actuacións autonómicas en materia de innovación e política de clústers como medidas de fomento da actividade económica de Galicia, todo iso no contexto do Marco estratéxico de converxencia económica de Galicia, que pon a énfase no aumento da competitividade económica e empresarial, a incorporación ás novas tecnoloxías e á sociedade da información e na creación de emprego de calidade.

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Estas bases, cuxo obxectivo é servir de panca para impulsar a competitividade e o potencial de innovación das pequenas e medianas empresas, teñen por finalidade regular as axudas ás agrupacións empresariais (clúster) innovadoras que conceda a Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica, para promover o desenvolvemento económico mediante o fomento da innovación e a cooperación en distintos sectores da actividade económica en Galicia, con estruturas xurídicas que representen a estas agrupacións clúster.

En particular, outorgaranse axudas a fondo perdido a determinados investimentos desenvolvidos e explotados polas agrupacións, necesarios para facilitar o impulso tecnolóxico e a innovación, relacionados no artigo 5.4.1 das bases reguladoras; e tamén axudas de funcionamento para o arranque e a consolidación destas, establecidas no artigo 5.4.2 das bases reguladoras.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

2.1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e convocaranse anualmente, non podendo ser un mesmo beneficiario obxecto de axuda en máis dunha convocatoria.

2.2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine en cada convocatoria, agás que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2.3. As axudas recollidas nestas bases incardínanse no punto 5.8. Axudas ás agrupacións empresariais (clúster) innovadoras do Marco comunitario sobre axudas estatais á investigación e o desenvolvemento e innovación para o período 2007-2013 (2006/C 323/01) (DOUE do 30 de decembro de 2006). E, se é o caso, as modificacións que poidan regularse no dito marco, serán consecuentemente trasladadas ás presentes bases. O réxime de axudas ás agrupacións de innovación (clústers) en Galicia consta notificado como Axuda estatal SA.34993 (2012/N)-España (Galicia) (DOUE C 43/9 do 15.2.2013).

2.4. Estas axudas abarcarán a totalidade do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, rexión obxectivo converxencia da Unión Europea e estarán cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) a través do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, eixe 2, tema prioritario 08, actuación 6; e están sometidas ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular, os regulamentos (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006 (DOUE L 210/25, do 31 de xullo), Regulamento (CE) nº 1080/2006, do 5 de xullo de 2006, do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo) e Regulamento 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L 45, do 15 de febreiro de 2007). Os gastos subvencionables cumprirán os requisitos establecidos pola Orde EHA/524/08, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE nº 53, do 1 de marzo de 2008).

2.5. Nas convocatorias teranse en conta as limitacións previstas nas directrices comunitarias para sectores sensibles, particularmente as previstas para o transporte e outros que poida establecer a Unión Europea.

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

3.1. As axudas outorgadas conforme as presentes bases non poderán acumularse con outras axudas. A este respecto, as axudas concedidas ao abeiro destas bases non se acumularán con axudas de minimis relativas aos mesmos gastos subvencionables, co fin de non superar as intensidades máximas de axuda previstas no Réxime de axudas ás agrupacións de innovación (clústers) en Galicia (axuda estatal SA.34993 12/N) e que se fixaron de acordo cos requisitos do Marco de I+D+i.

3.2. De acordo co anterior, todos os beneficiarios están obrigados a proporcionar ao Igape unha declaración escrita ou en soporte electrónico sobre calquera apoio estatal recibido para o mesmo obxectivo que aborde o proxecto ou as actividades subvencionadas polo réxime de axudas, incluídas as axudas de minimis, tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, o Igape solicitará da empresa a citada declaración. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Agrupacións beneficiarias

4.1. As axudas recollidas nestas bases destínanse ás agrupacións empresariais (clúster) innovadoras que colaboren e desenvolvan proxectos en cooperación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro, que xestione a agrupación clúster.

4.2. As agrupacións clúster identificadas ata a data en Galicia son as seguintes: Fundación Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), Asociación Clúster do Naval de Galicia (Aclunaga), Asociación Clúster da Madeira de Galicia (CMA), Asociación Clúster do Audiovisual Galego (CLAG), Asociación Clúster do Produto Gráfico e Libro Galego, Asociación Clúster TIC, Asociación Clúster da Pedra Natural de Galicia, Clúster da Acuicultura, Clúster Agroalimentario de Galicia (Clusaga), Clúster Termal, Clúster de Industria e Servizos de apoio ao desenvolvemento das enerxías renovables e a sustentabilidade enerxética (Cluiser), Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (Cointega-Euroclustex). Esta enumeración, non exhaustiva, é o resultado da identificación realizada polo Igape no contexto do proxecto «AT-Clústers» e actualizarase no enderezo da internet http://www.atcluster.org/es/ResultadoDiciembre2011.

4.3. Sen prexuízo das anteriores, poderán optar tamén ás axudas aquelas entidades con personalidade xurídica propia e sen fin de lucro, representativas de ámbitos de actividade empresarial con impacto significativo na economía galega, superando a achega conxunta ao PIB máis do 1 % e que, á súa vez, conten como socios da entidade clúster un conxunto de empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que o volume de vendas conxunto supere polo menos o 30 % do total de vendas do ámbito de actividade total de Galicia no último exercicio pechado.

b) Que o número de empresas representadas supere polo menos o 10 % do total de empresas existentes no ámbito de actividade que teñan centro de actividade en Galicia.

c) Acreditación de capacidade tecnolóxica e de innovación no seo da agrupación.

4.4. Non poderán ser entidades beneficiarias as que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais ou incompatibles co mercado común, nin as empresas en crise. Para estes efectos convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as grandes empresas figura no punto 2.1 das directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (DOUE C 244/2, do 1 de outubro de 2004) e que para as pemes aparece no artigo 1.7 do Regulamento xeral de exención (Regulamento (CE) nº 800/2008).

4.5. Non poderán ter a condición de beneficiarios as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

Artigo 5. Actuacións e conceptos subvencionables e contía da axuda

5.1. Para incentivar o desenvolvemento dos agrupamentos e a innovación colectiva, outorgaranse axudas a fondo perdido a determinados investimentos desenvolvidos e explotados pola asociación, necesarios para facilitar o impulso tecnolóxico e a innovación; e axudas de funcionamento para o arranque e a consolidación das agrupacións beneficiarias, tal e como se especifica en detalle no artigo 5.4.

Os solicitantes deberán presentar un plan trienal de actuacións innovadoras que será a base de análise do apoio. O contido mínimo, deste plan será:

a) Análise estratéxica do clúster.

b) Visión e obxectivos do plan.

c) Plan de acción.

d) Plan de seguimento.

5.2. Serán subvencionables os custos elixibles realizados e pagados dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión. O dito prazo iniciarase coa presentación da solicitude de axuda e finalizará na data establecida na resolución de concesión en atención ás características do proxecto para os efectos de cumprimento de todas as condicións da subvención. No caso de que se detecte calquera custo do proxecto incorrido con carácter previo á solicitude da axuda, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable.

Soamente poderán apoiarse custos derivados da realización de actividades novas. Os proxectos xa en marcha ou iniciados non poderán ser obxecto de axuda.

5.3. Os solicitantes terán que acreditar ao Igape o efecto incentivador da subvención solicitada. Para tal efecto, deberán presentar un documento onde se reflicta o incremento de volume nos custos asumidos que os incentivos representarían para os proxectos subvencionados.

5.4. As actuacións propostas para subvención polos solicitantes poderán considerar custos subvencionables en todas ou algunha das tipoloxías seguintes:

5.4.1. Investimentos: serán subvencionables os seguintes tipos de proxectos de investimento, promovidos pola entidade xurídica que representa e xestiona a agrupación, sempre que esta entidade se encargue así mesmo de xestionar a participación nas infraestruturas e actividades, e o acceso a estas; ese acceso será libre e os honorarios pola utilización das instalacións e participación nas actividades da agrupación deberán reflectir o seu custo:

a) Centros de formación e investigación.

b) Infraestruturas de investigación de libre acceso tales como laboratorios e instalacións de ensaio.

c) Infraestruturas de redes de banda ancha.

Os custos subvencionables serán os correspondentes a investimentos en edificios, maquinaria e equipos.

A intensidade de axuda sobre o custo dos investimentos será do 30 %, de acordo coa condición de Galicia como rexión que pode acollerse á excepción do artigo 107, letra 3, letra a) do Tratado CE, e elevarase ao 40 % se a unidade económica (agrupación con personalidade xurídica) cumpre as condicións de mediana empresa e ao 50 % se cumpre as de pequena empresa.

A agrupación promotora do proxecto de investimento deberá garantir que as contratacións das obras e as adquisicións de maquinaria e equipos sexan obxecto dunha adecuada licitación pública, cuxo resultado e adxudicacións deberán ser xustificados na correspondente solicitude de cobramento da axuda pública concedida.

Así mesmo, cando os proxectos prevexan a creación ou dotación destas estruturas, deberá propoñer o tipo de remuneración, acorde con prezos de mercado, que as empresas satisfarán para acceder aos servizos.

5.4.2. Axudas de funcionamento á animación de agrupacións: poderanse conceder en favor da entidade xurídica que xestione a agrupación innovadora axudas de funcionamento á animación de agrupacións. Estas axudas concederanse por un máximo de 3 anos e serán decrecentes ano a ano. Serán subvencionables os custos de persoal e administrativos da entidade, correspondentes ás seguintes actividades:

a) Marketing e difusión da agrupación para captación de novas empresas.

b) Xestión de instalacións de libre acceso da agrupación.

c) Organización de programas de formación, talleres e conferencias co fin de fomentar o intercambio de coñecementos e o traballo en rede entre os membros da agrupación.

As axudas acadarán o 100 % dos custos subvencionables no primeiro ano, decrecendo a intensidade un 25 % en cada ano seguinte.

5.5. O investimento terá que manterse no centro de traballo en Galicia durante os cinco anos, ou tres no caso de pemes, seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto. Non obstante, admitirase a substitución de instalacións ou equipos que quedasen obsoletos debido á rápida evolución da tecnoloxía, sempre e cando a actividade económica se manteña durante o dito prazo.

5.6. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse coa solicitude de axuda, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta economicamente máis vantaxosa. Para modificar o provedor seleccionado deberá pedir previamente á súa contratación autorización ao Igape e xustificar as razóns do cambio.

No caso de que o solicitante teña a condición de poder adxudicador nos termos previstos no artigo 3.3.b) do TRLCSP deberá presentar, se é o caso, o correspondente expediente de contratación tramitado ao efecto nos termos previstos nos artigos 189, 190 e 191 do TRLCSP. Será responsabilidade da entidade beneficiaria o cumprimento da citada normativa, podendo o seu incumprimento dar lugar á perda do dereito ao cobro total ou parcial e demais responsabilidades previstas na normativa de subvencións públicas.

Conforme o artigo 3.3.b) do TRLCSP teñen a consideración de poderes adxudicadores todos os entes, organismos ou entidades con personalidade xurídica propia distintas das administracións públicas que fosen creados específicamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos que deban considerarse poder adxudicador de acordo cos criterios dese punto 3 financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión, ou nomeen máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia.

5.7. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda.

5.8. Os gastos subvencionables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario da axuda e o provedor final. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades. Admítese a subcontratación das actividades subvencionadas polos beneficiarios, sen límite respecto ao importe da actividade subvencionada, esixíndose aos beneficiarios o cumprimento das obrigas establecidas nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 43 do seu regulamento. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

5.9. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 6. Criterios de avaliación e selección de proxectos

a) Polas características da Agrupación clúster:

1. A representatividade da actividade no conxunto da economía (0-10 puntos), atendendo á facturación conxunta das empresas representadas, desde centros de traballo radicados en Galicia, ponderado segundo a consideración nos plans estratéxicos da Comunidade Autónoma.

2. A capacidade de asociación de pemes, o número de pemes asociadas en relación coa totalidade do ámbito de actividade representado (0-10 puntos).

3. A capacidade tecnolóxica e de innovación acreditada no seo da agrupación (0-10 puntos), segundo a presenza de centros tecnolóxicos asociados, investimento en I+D+i, presenza en programas de financiamento da innovación e consideración sectorial nos plans de desenvolvemento da Comunidade Autónoma.

b) Polas características dos proxectos:

1. O encadre nun plan estratéxico da agrupación (0-10 puntos), na medida en que as diversas actuacións propostas fosen previstas no dito plan.

2. A presenza de accións de adaptación e mellora ambiental e loita cara o cambio climático (0-5 puntos).

3. A incorporación de tecnoloxía avanzada, cando proceda (0-10 puntos), ponderada na medida en que a dita tecnoloxía sexa unha novidade para as empresas da agrupación clúster.

4. O carácter innovador dos proxectos e a capacidade de arrastre da iniciativa empresarial no seu contorno (0-15 puntos).

5. A existencia de iniciativas de cooperación entre empresas alén do seo do clúster (0-10 puntos).

6. A proposta de informes, estudos ou programas que poidan detectar novas oportunidades de negocio, atraer novas empresas, propiciar a diversificación de negocios desde outros ámbitos de actividade ou calquera outro impacto extra-clúster (0-15 puntos).

7. Incorporación de medidas comprometidas coa efectividade do principio de igualdade de oportunidades no emprego, de conformidade co previsto nas leis estatais e autonómicas en materia de igualdade (0-5 puntos).

A Área de Competitividade valorará estes criterios de xeito proporcional, en función da comparación das solicitudes presentadas.

O Igape poderá denegar o apoio cando considere que os proxectos presentados non representan un grao de avance significativo en materia de I+D+i no ámbito do clúster do que se trate. Para este efecto, as solicitudes que non acaden un total de 50 puntos na suma dos criterios a.3+b.3+b.4+b.6 serán denegadas.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

7.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

7.2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes relativos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no referido rexistro, feito que terá lugar excepto nos supostos legalmente establecidos. Todo isto conforme ó establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito ó honor, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

7.3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

A referida autorización esténdese á cesión do seus datos persoais á entidade colaboradora do Igape, á entidade financeira na que se aboe o pagamento das axudas, ao Diario Oficial de Galicia e ás demais cesións previstas na lei.

O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición respecto do contido dos rexistros antes citados, ante a Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, sito no complexo administrativo de San Lázaro s/n, 15703 Santiago de Compostela, en aplicación do disposto no Decreto 132/2006.

7.4. A presentación da solicitude polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar as certificacións coa solicitude. No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de emisión do certificado telemático, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

7.5. A presentación da solicitude tamén autoriza ó órgano xestor para acceder ao Sistema de Verificación de Datos de Identidade e Residencia, co fin de evitar a achega do DNI do solicitante ou do seu representante legal. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar o DNI coa solicitude.

7.6. As propostas que resulten seleccionadas nos programas con cofinanciamento europeo pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

Artigo 8. Solicitudes

8.1. Dentro do prazo establecido na convocatoria, para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo de internet http://www.tramita.igape.es.

8.2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do mencionado enderezo de internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará unívocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

8.3. Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

8.4. As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. Na instancia será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque teñen un formato erróneo ou porque non foron xeradas pola aplicación informática) non serán tramitadas concedéndolles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal teráselles por desistidos da súa petición, previa resolución de arquivo.

8.5. Xunto coa instancia de solicitude, presentarase a seguinte documentación:

a) Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.

b) Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.

c) Os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.6 das bases reguladoras. Calquera cambio na oferta seleccionada deberá contar coa autorización do Igape segundo o disposto no citado artigo 5.6.

d) Calquera outra documentación ou información adicional que se considere conveniente para unha correcta análise da solicitude.

De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b) e 60 da Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda realizaranse preferentemente mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase indicar que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado enderezo. Excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web, pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

8.6. O interesado presentará a instancia de solicitude co IDE e a documentación anexa, en orixinal ou copia cotexada, no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8.7. Así mesmo, os interesados poderán asinar electrónicamente a instancia de solicitude co IDE e presentala no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. Neste tipo de presentación, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberá achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 8.5, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao interesado a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Para achegar xunto coa instancia de solicitude os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura sexa suficiente para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro de 2004). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre- Real Casa da Moeda serán válidos a efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ó longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dunha soa persoa física. No caso de que deba ser asinada por máis dunha persoa (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación no rexistro expedirá, utilizando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior, tamén poderán utilizar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante indicara no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun acuse de recibo das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño) e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que regula o desenvolvemento da Administración Electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

8.8. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Para iso utilizarán a aplicación establecida no enderezo de internet citado anteriormente, introducindo os 40 caracteres do IDE e a dirección de correo electrónico na que desexa recibir o xustificante. As modificacións da solicitude inicial, deberán ser presentadas utilizando a aplicación informática para xerar un formulario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas modificacións.

Artigo 9. Órganos competentes

A Área de Competitividade será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e corresponde ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

10.1. As solicitudes de axuda serán avaliadas polos servizos do órgano instrutor, en función dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario e a documentación presentada e elaborará unha relación delas coa puntuación que lle corresponde a cada unha, en aplicación dos criterios de priorización establecidos nestas bases.

En caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta a utilización da lingua galega nas actividades subvencionadas e no caso de seguir o empate o número de expediente, que se outorgará segundo a data de entrada da solicitude no Igape.

10.2. A proposta de resolución provisional das solicitudes puntuadas cuantificará as subvencións propostas e publicarase na páxina web do Igape no enderezo
www.tramita.igape.es e no taboleiro de anuncios do Igape, no prazo máximo de 4 meses desde a data de remate do período de presentación das solicitudes. A proposta será notificada individualmente a todos os interesados.

10.3. Os interesados poderán formular alegacións no prazo de dez días contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación da dita proposta de resolución provisional.

10.4. Unha vez analizadas as ditas alegacións, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de subvencións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, na que se reflectirá a contía da axuda definitiva concedida a cada solicitude.

10.5. A resolución definitiva será publicada na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es e no taboleiro de anuncios do Igape. Os interesados poderán descargar a súa notificación individual da parte da resolución que lles afecta no enderezo citado, introducindo o código indicado na notificación individual da proposta de resolución provisional.

Na resolución de concesión de axuda, farase constar o importe dos conceptos subvencionables que hai que xustificar, a contía e a porcentaxe da axuda concedida, o prazo máximo para executar o proxecto e o prazo máximo para presentar a xustificación ao Igape. Así mesmo, constará a obriga por parte do beneficiario de indicar en toda labor de difusión, publicidade ou análogo da actividade subvencionada, a mención expresa de que a dita actuación foi financiada polo Igape, pola Consellería de Economía e Industria e polo Fondo Feder. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación. Así mesmo, os beneficiarios serán informados de que a aceptación da subvención implica a súa inclusión na lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

10.6. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da publicación da resolución definitiva sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992. No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme ao artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

10.7. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nas bases reguladoras da axuda e nas demais disposicións legais e regulamentarias que sexan de aplicación.

10.8. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses contados dende a data de remate do período de presentación das solicitudes. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas a súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións ditadas conforme a estas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que considere procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados dende o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

b) De forma potestativa, recurso previo de reposición, que resolverá, por delegación do Consello de Dirección do Igape, o director xeral do Igape, no prazo dun mes dende o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Artigo 12. Modificación da resolución

12.1. Poderán solicitarse modificacións da resolución, as cales se axustarán ao disposto no artigo 35 do Decreto 11/2009 polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, tramitando o formulario sinalado no artigo 8 destas bases e presentando a súa instancia dirixida ao director do Instituto Galego de Promoción Económica. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, despois da instrución do correspondente expediente no que se lles dará audiencia aos interesados.

12.2. O Igape soamente analizará a procedencia das solicitudes de modificación das condicións da resolución de concesión de axuda presentadas polo menos cun mes de antelación ao remate do prazo de execución do proxecto, denegando sen máis trámite as presentadas unha vez superada a dita data.

12.3. En ningún caso se admitirán nin aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 50 % do gasto subvencionable inicialmente aprobado, nin ampliacións do prazo de execución que excedan a metade do inicialmente aprobado. En todo caso o prazo de xustificación, incluída a ampliación deberá permitirlle ao Igape a verificación do expediente dentro do exercicio orzamentario que corresponda.

12.4. Sen necesidade de instar procedemento de incumprimento ou modificación da subvención, o Igape poderá aceptar variacións nos diversos capítulos de gasto aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20 % de cada capítulo e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de gasto aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Aceptar as condicións particulares establecidas na resolución de concesión, que poderán incluír análises e estudos clúster e iniciativas coherentes cos plans presentados en materia de difusión e exemplificación transversal, en beneficio do conxunto do sistema produtivo de Galicia.

b) Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión.

c) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou desfrute da concesión.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento no que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. A concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos dará lugar á revogación da axuda. A concorrencia con outros ingresos privados nacionais ou internacionais, non poderá superar o 100 % do custo elixible do proxecto que vai desenvolver o beneficiario.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables, durante un prazo de tres anos posteriores ao peche do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, tal como se define no artigo 89.3 do Regulamento 1083/2006 do Consello. Todo isto, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control e deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

g) Darlle publicidade ao financiamento polo Igape dos gastos que sexan obxecto de subvención, consistente na inclusión da imaxe institucional do Igape e a Consellería de Economía e Industria e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como lendas relativas ao financiamento público nos folletos, materiais impresos que vaian ser obxecto de difusión máis alá do uso exclusivo do solicitante, medios electrónicos audiovisuais, convocatorias e difusión de eventos ou ben en mencións realizadas nos medios de comunicación, sen prexuízo das normas sobre publicidade establecidas na normativa comunitaria que, de ser o caso, sexan de aplicación.

Para dar publicidade do financiamento debe utilizarse o escudo normalizado da Xunta de Galicia coa lenda Consellería de Economía e Industria, o logotipo do Igape, coa lenda Instituto Galego de Promoción Económica e, se é o caso, a bandeira da UE coa lenda Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Os logotipos se poderán descargar no enderezo de internet http://www.igape.es/.

h) Cumprir as medidas en materia de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan as normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, coas modificacións introducidas polo Regulamento (CE) nº 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009. Estas medidas están recollidas na «Guía de Publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013», que pode consultarse na páxina web http://www.conselleriadefacenda.es.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Xustificación da subvención

14.1. Os beneficiarios deberán presentar a solicitude de cobramento da subvención nos prazos seguintes:

– Custos de investimento: no prazo dun mes desde o remate do prazo de execución establecido na resolución de concesión e nunca posteriormente ao 30 de novembro do exercicio correspondente á anualidade establecida na resolución de concesión (no caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo finalizará o día hábil seguinte).

– Custos de funcionamento á animación de agrupacións: presentaranse solicitudes de cobramento semestrais a 31 de maio e 30 de novembro das anualidades establecidas na resolución de concesión en función do ritmo de execución do proxecto.

No caso de presentación de recurso administrativo contra resolución de concesión a data límite de presentación da solicitude de cobramento establecerase na resolución que o resolva.

14.2. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo de internet http://tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará unívocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e se obterá mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación citada anteriormente.

14.3. A solicitude de cobramento presentarase mediante a instancia normalizada que a título informativo figura como anexo II a estas bases, na cal será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, previo requirimento formulado para tal fin.

14.4. O beneficiario presentará a solicitude de cobramento co IDEL no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, acompañada da documentación establecida no artigo 14.6, en orixinal ou copia cotexada.

Así mesmo, poderá asinar electrónicamente a instancia de solicitude de cobramento co IDEL e presentalo no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, sempre que cumpra os requisitos previstos no anterior artigo 8.7. Neste tipo de presentación, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, o beneficiario deberá achegar coa solicitude de cobramento as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 14.6, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao beneficiario a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

14.5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase ao beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a esixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, de acordo co disposto no artigo 45.2 do seu Regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá ao beneficiario das sancións que, conforme á lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

14.6. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

14.6.1. Para os proxectos previstos no apartado 5.4.1.:

a) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, xustificativos do gasto da actividade. No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante a achega do correspondente extracto bancario que irá acompañado dun dos seguintes documentos: i) relación emitida polo banco dos pagamentos realizados; ii) orde de pagamentos da empresa selada polo banco; iii) recibín do provedor.

b) A documentación acreditativa do pagamento, por algún dos seguintes medios:

i) Xustificante de transferencia bancaria ou dos documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de execución do proxecto, así como, se é o caso, seu cargo en conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Os extractos bancarios a través da internet deberán ter estampado o selo orixinal da entidade financeira.

ii) Certificación bancaria orixinal conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento.

iii) Recibín do provedor só no caso de pagamentos en efectivo para importes inferiores aos 1.000 € por provedor.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas.

14.6.2. Para os proxectos previstos no apartado 5.4.2.: nóminas e xustificante de ingreso das mesmas correspondentes aos traballadores durante o período de imputación de gastos de funcionamento aprobados.

14.6.3. Para ámbolos tipos de proxectos:

a) A copia en formato dixital -que permita a súa lectura-, de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 13.g) destas bases.

b) Memoria de execución do proxecto onde se fagan patentes as accións desenvolvidas.

c) Calquera outra documentación que o Igape estime necesaria para a correcta análise da solicitude de cobramento, sinalada na resolución de concesión.

14.7. Deberase cubrir na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade nos que se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 13.f): número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

14.8. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e no seu regulamento, para ser beneficiario da axuda.

14.9. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, de ser o caso, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 15. Aboamento das axudas

15.1. Con carácter xeral, o aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

15.2. No caso dos custos de funcionamento á animación de agrupacións, deberase realizar unha liquidación semestral polos gastos incorridos en cada período do proxecto. O importe conxunto dos pagamentos á conta non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. Neste suposto exímese aos/ás beneficiarios/as da obriga de constituír garantías, previa a súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que regulamenta a Lei de subvencións de Galicia.

15.3. Os órganos competentes do Igape ou as súas entidades colaboradoras poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes.

15.4. Sen necesidade de iniciar procedemento de reintegro, no caso de que o beneficiario xustifique gastos por importe inferior ao establecido na resolución de concesión, e sempre e cando o gasto xustificado iguale ou supere o 50 % do gasto subvencionable establecido, non desvirtúe o proxecto aprobado e o beneficiario manifeste a súa conformidade, o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada calculado en función da porcentaxe subvencionada do custo final da actividade.

Artigo 16. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

16.1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

16.2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

16.3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo se é o caso reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento superase o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, debendo reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) Non será necesario iniciar procedemento de incumprimento cando se xustifiquen gastos por importe inferior ao aprobado na resolución de concesión, sempre que non sexan inferiores ao 50 % do mesmo, que a minoración non desvirtúe o proxecto, que se cumpran o resto das condicións da resolución e que o beneficiario manifeste a súa conformidade coa minoración proporcional da subvención en función dos gastos xustificados.

c) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida.

Artigo 17. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 19. Comprobación de subvencións

19.1. O órgano concedente e as súas entidades colaboradoras comprobarán a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o goce da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gasto será de 3 anos posteriores ao peche do programa operativo Feder 2007-2013 de Galicia, tal como se define no artigo 89, apartado 3 do Regulamento 1083/2006, do Consello.

19.2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, a xustificación documental considerarase suficiente nos termos do último parágrafo do artigo 60.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

19.3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Publicidade

20.1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñer, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

20.2. De acordo co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración Pública galega e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios.

A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións. Non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

Artigo 21. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto no Réxime de axudas ás agrupacións de innovación (clústers) en Galicia -axuda estatal SA.34993 (12/N) (BOE C 43/9, do 15.2.2013), no Marco Comunitario sobre axudas estatais á investigación e desenvolvemento e innovación para o período 2007-2013 (2006/C 323/01), na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no Regulamento (CE) nº 1083/2006, Regulamento Xeral de Fondos (modificado polo Regulamento (CE) nº 846/2009), no Regulamento (CE) nº 1080/2006, do 5 de xullo de 2006 do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo) e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, aplicarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Facúltase ao director xeral do Igape para modificar as intensidades de axuda previstas nas presentes bases a fin de adaptalas ás modificacións que poidan levarse a cabo pola Comisión Europea.

missing image file
missing image file
missing image file