Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Martes, 11 de xuño de 2013 Páx. 22023

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (105/2011).

María Adelaida Egurbide Margañón, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fago saber:

Que no procedemento ordinario 105/2011 deste xulgado do social, seguido por instancia de Cristina Muñoz Laíño contra a empresa Media Digital Press, S.L., sobre ordinario, se ditou a seguinte resolución:

«Sentenza 267/2013.

A Coruña, 21 de maio de 2013.

Vistos por Miguel Herrero Liaño, maxistrado xuíz do Xulgado do Social número 2 da Coruña e o seu partido, estes autos de xuízo nº 105/2011 seguidos por instancia de Cristina Muñoz Laíño, representada polo letrado Sr. Lagoa Cabana, fronte a Media Digital Press, S.L. e con intervención procesual do Fogasa, que non comparecen, sobre reclamación de cantidade.

Antecedentes de feito:

Primeiro. A parte demandante antes citada formulou demanda con entrada o día 1 de febreiro de 2011, que correspondeu a este xulgado, contra a demandada xa mencionada na cal, despois de expor os feitos e fundamentos que considerou pertinentes, terminaba suplicando que se ditase sentenza pola que se condene a empresa demandada ao aboamento á demandante da cantidade de 2.200 euros, coas consecuencias legais inherentes.

Segundo. Que admitida a trámite a demanda, convocáronse as partes aos actos de conciliación e xuízo que tiveron lugar o día 20 de maio de 2013, coa asistencia da parte demandante, non comparecendo a demandada, malia a súa citación en legal forma. Recibido o xuízo a proba, propúxose interrogatorio de parte e documental que, logo de declaración de pertinencia, se uniron os documentos aos autos, co resultado que consta neles; a seguir, as partes fixeron uso da palabra para conclusións en apoio das súas peticións e quedou o xuízo visto para sentenza.

Terceiro. Que na tramitación deste xuízo se observaron as prescricións legais vixentes.

Feitos probados:

Primeiro. A parte demandante prestou servizos para a demandada desde o 28 de setembro de 2010 coa categoría profesional de teleoperador e salario mensual de 1.100 euros con rateo de pagas extraordinarias.

Segundo. A empresa demandada debe á demandante a cantidade de 2.200 euros, correspondente aos salarios de novembro e decembro de 2010.

Terceiro. Logo de presentación de papeleta o 1 de febreiro de 2011, tivo lugar a conciliación previa ante o SMAC o 1 de febreiro de 2011, co resultado de intentada sen efecto.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A anterior relación dos feitos despréndese da valoración conxunta da proba practicada en autos e da documental achegada pola demandante, e interrogatorio da parte, coas precisións que máis adiante se expresan en torno á valoración probatoria.

Segundo. Neste procedemento a parte demandante exerce reclamación de cantidade correspondente a diversas cantidades debidas en función da relación laboral mantida, nos termos reflectidos no relato dos feitos, non tendo comparecido a empresa demandada, correctamente citada.

O principio regulador da carga da proba nos supostos de reclamación de pagamento de cantidades por salarios devindicados e non percibidos determina que o reclamante estea obrigado a demostrar a prestación dos servizos cuxo pagamento reclama e, en consecuencia, a devindicación non satisfeita do salario correspondente a eles; e é ao demandado, se excepciona o pagamento ou calquera feito impeditivo ou extintivo, a quen incumbirá a carga de probar ese pagamento ou calquera feito impeditivo ou extintivo –sentenzas do Tribunal Supremo do 13 de maio de 1986, 26 de xaneiro de 1988 e 2 de marzo de 1992–. A aplicación do onus probandi –coa consecuente imposición ao traballador da carga de acreditar o presuposto constitutivo da súa pretensión– determina a necesidade de que o empregador demandado xustifique o aboamento efectivo das retribucións reclamadas.

Por isto, xa que corresponde ao empresario probar o pagamento dos salarios reclamados –feitos extintivos–, e o traballador logrou acreditar os feitos constitutivos da súa reclamación de cantidade, e en aplicación dos artigos 304 da Lei 1/2000, de axuizamento civil, e 91.2 da Lei de procedemento laboral, ante a súa incomparecencia, e citación cos apercibimentos correspondentes, deben considerarse recoñecidos os feitos que constan na demanda, tanto relación laboral, categoría profesional, antigüidade, salarios e demais cantidades devindicadas antes da finalización da súa relación laboral, como igualmente do mesmo modo a falta de aboamento pola parte demandada.

Consecuencia da proba articulada, no suposto de autos, acreditáronse nas actuacións os presupostos constitutivos da obriga, todo o cal comporta as obrigas contidas nos artigos 4.2.f) e 29.1º e 53.4 do Estatuto dos traballadores, en relación co artigo 122.3 da Lei reguladora da xurisdición social, correspondendo ao demandado a proba dos feitos que impidan, extingan ou enerven tales obrigas (artigos 217.3º e 281 da LAC). Se non se practicar esa proba, a demanda debe ser estimada, con obriga de aboamento das cantidades que se declararon probadas.

Vistos os preceptos citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Resolvo:

Que debo estimar e estimo a demanda interposta por Cristina Muñoz Laíño fronte a Media Digital Press S.L., con intervención procesual do Fogasa e, en consecuencia, debo condenar e condeno a empresa demandada a que aboe á parte demandante a cantidade de 2.200 euros.

Fronte a esta resolución non cabe interpor recurso de suplicación (artigo 191.2.g LRXS).

Dedúzase testemuño literal desta sentenza, que quedará nestas actuacións, con inclusión da orixinal no libro de sentenzas.

Así, por esta miña sentenza, pronúncioo, mándoo e asínoo.

Publicación. A anterior sentenza leuna e publicouna o maxistrado xuíz que a subscribe, en audiencia pública no día da súa data. Dou fe».

E para que sirva de notificación en legal forma a Media Digital Press, S.L., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírtese o destinatario de que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que sexan autos ou sentenzas, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 22 de maio de 2013

Adelaida Egurbide Margañón
Secretaria xudicial