Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Mércores, 22 de maio de 2013 Páx. 17819

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (650/2012).

María Adelaida Egurbide Margañón, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fago saber que no procedemento de despedimento/cesamentos en xeral 650/2012 deste xulgado do social, seguido por instancia de Cristian Mejías Sánchez contra a empresa Rosas y Grelos, S.L., o Ministerio Fiscal e o Fondo de Garantía Salarial (Fogasa), sobre despedimento, se ditou a seguinte resolución:

Xulgado do Social número 2 da Coruña.

Procedemento: despedimento número 650/2012.

Auto.

A Coruña o oito de abril de dous mil trece.

Feitos:

Primeiro. O 5 de febreiro de 2013 ditouse sentenza nos presentes autos, co seguinte teor literal no seu ditame:

«Primeiro. Que debo estimar e estimo a demanda sobre despedimento formulada por Cristian Mejías Sánchez, que comparece asistido da letrada Sra. Garrido Fernández, contra a empresa Hotelera del Noroeste, S.A., que comparece representada pola letrada Sra. López-Novoa Ces, contra a empresa Rosas y Grelos, S.L., que non comparece malia estar citada en legal forma e o Fogasa, que non comparece ao acto do xuízo, declarando a improcedencia do despedimento e a extinción da relación laboral que vincula as partes e con condena da empresa a aboar ao Sr. Mejías a cantidade de 501,69 euros en concepto de indemnización.

Segundo. Que dada a desistencia da demanda formulada fronte a Hotelera del Noroeste, S.A. ningún pronunciamento en relación co fondo do asunto cabe contra ela».

Segundo. Que unha vez notificada a sentenza referida, a representación letrada de Cristian Mejías Sánchez presentou escrito o 20.2.2013, pedindo que se aclarase a sentenza no sentido de precisar que a relación laboral se declara extinguida na data da notificación da sentenza e que o ditame condena tamén a Hotelera del Noroeste, S.A. cando a demandante desistira da demanda contra a devandita empresa.

Terceiro. O 25.2.2013 ditouse auto aclarando o ditame da citada sentenza no sentido pedido.

Cuarto. O 1.3.2013 presenta escrito a representación letrada de Cristian Mejías Sánchez pedindo que se aclare de novo a sentenza no sentido de corrixir a contía da indemnización que corresponde ao demandante que sería de 1.888,65 euros e condenar a empresa demandada ao aboamento dos salarios percibidos desde o despedimento ata a data da sentenza, a razón de 41,97 euros diarios e que ascenden un total de 14.059,95 euros.

Quinto. O 4.3.2013 este xulgado dita dilixencia de ordenación en que se dispón que non procede a nova aclaración solicitada. Fronte á devandita dilixencia a parte demandante formula recurso de reposición o 8.3.2013.

Sexto. O recurso presentado é estimado mediante decreto do 4.4.2013 en que se admite a trámite o escrito de aclaración presentado o 1.3.2013, quedando os autos para resolver.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 267 da LOPX, e en idéntico sentido os artigos 214 e 215 LAC, regula o chamado recurso de aclaración, que posibilita con carácter excepcional a aclaración de puntos escuros, a emenda de omisións ou a corrección de erros meramente materiais sobre puntos discutidos no litixio, pero sen en ningún caso consentir que por tal vía poida ser rectificado o que deriva dos fundamentos xurídicos e sentido do ditame ou se subvertan as conclusións probatorias previamente mantidas, salvo que excepcionalmente o erro material consista “nun mero desaxuste ou contradición patente e independente de calquera xuízo valorativo ou apreciación xurídica, entre a doutrina establecida nos fundamentos xurídicos e o ditame da resolución xudicial”, isto é, cando sexa evidente que o órgano xudicial «simplemente se equivocou ao trasladar o resultado do seu xuízo ao ditame».

Así mesmo, establece o artigo 267.3º LOPX:

«3. Os erros materiais manifestos e os aritméticos en que incorran as resolucións xudiciais poderán ser rectificados en calquera momento».

Segundo. Segundo establece o artigo 56 ET, cando o despedimento sexa declarado improcedente, o empresario, no prazo de cinco días desde a notificación da sentenza, poderá optar entre a readmisión do traballador ou o aboamento dunha indemnización equivalente, respecto dos contratos formalizados antes do 12.2.2012, calculando esta en dous tramos:

– Un primeiro tramo polo tempo de prestación de servizos anterior ao 12.2.2012, en que o cálculo se fai a razón de 45 días de salario por ano de servizo.

– Un segundo tramo polo tempo de prestación de servizos posterior ao 12.2.2012 a razón de 33 días de salario por ano traballado, ata a data do despedimento.

No caso que nos ocupa, o demandante comezou a prestar servizos o 2.12.2011 e o seu despedimento produciuse o 1.3.2012 con efectos do mesmo día e percibindo un salario de 1.259,14 euros mensuais con rateo de pagas extra, polo que a indemnización que lle corresponde é de 603,41 euros.

Terceiro. Respecto á aclaración relativa a que se condene a empresa ao aboamento dos salarios percibidos desde o despedimento ata a indemnización, establece o artigo 56.2 ET que: «En caso de que se opte pola readmisión, o traballador terá dereito aos salarios de tramitación. Estes equivalerán a unha cantidade igual á suma dos salarios deixados de percibir desde a data de despedimento ata a notificación da sentenza que declarase a improcedencia ou ata que encontrase outro emprego, se tal colocación for anterior á devandita sentenza e o empresario probase o percibido, para o seu desconto dos salarios de tramitación».

Despois de acordarse a extinción da relación laboral e non a readmisión, non cabe condenar a empresa ao aboamento de salarios de tramitación, polo que non cabe aclarar a sentenza no sentido pedido.

Vistos os artigos citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Parte dispositiva.

Que se debe aclarar o ditame da sentenza do 5 de febreiro de 2013 ditada nos presentes autos, quedando do seguinte teor literal:

«Primeiro. Que debo estimar e estimo a demanda sobre despedimento formulada por Cristian Mejías Sánchez, que comparece asistido da letrada Sra. Garrido Fernández, contra a empresa Hotelera del Noroeste, S.A., que comparece representada pola letrada Sra. López-Novoa Ces, contra a empresa Rosas y Grelos, S.L., que non comparece malia estar citada en legal forma e o Fogasa, que non comparece ao acto do xuízo, declarando a improcedencia do despedimento e a extinción da relación laboral con efectos de data da presente sentenza (5.2.2013) que vincula as partes e con condena da empresa Rosas y Grelos, S.L. a aboar ao Sr. Mejías a cantidade de 603,41 euros en concepto de indemnización.

Segundo. Que dada a desistencia da demanda formulada fronte a Hotelera del Noroeste, S.A. ningún pronunciamento en relación co fondo do asunto cabe contra ela».

Notifíquese a presente resolución ás partes, facéndolles saber que contra ela non cabe recurso ningún en virtude do disposto no artigo 215.4 LAC e o artigo 267.7 LOPX.

Así por este auto, pronúnciao, mándao e asínao, Montserrat Matos Salgado, maxistrada xuíza substituta do Xulgado do Social número 2 da Coruña.

E para que sirva de notificación en legal forma a Rosas y Grelos, S.L., en ignorado paradoiro, expido a presente para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírtese ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 30 de abril de 2013

María Adelaida Egurbide Margañón
Secretaria xudicial