Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Martes, 19 de marzo de 2013 Páx. 8322

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (652/2012).

María Adelaida Egurbide Margañón, secretaria do social número 2 da Coruña, fago saber que por resolución ditada o día 25.2.2013, no proceso seguido por instancia de José Ramón Pardo Barros contra Galnor, S.L., administración concursal de Galnor, S.L. e Fogasa en reclamación por despedimento, foi rexistrada co nº 652/2012 e acordouse notificar ao administrador concursal de Galnor, S.L. e a Galnor, S.L. a parte dispositiva do auto de aclaración de sentenza seguinte:

«Parte dispositiva.

Que se debe emendar a Sentenza do 5 de febreiro de 2013 ditada nos presentes autos, que queda co seguinte teor literal:

«Vistos por Montserrat Matos Salgado, maxistrada xuíza substituta do Xulgado do Social número 2 da Coruña e o seu partido, os presentes autos de xuízo nº 652/2012 seguidos por instancia de José Ramón Pardo Barros, que comparece asistido do letrado Sr. Novo Prego, contra a empresa Galnor, S.L., que non comparece a pesar de estar citada en legal forma, o administrador concursal de Galnor, S.L., que non comparece a pesar de estar citado en legal forma e o Fogasa, que non comparece ao acto do xuízo; versa a litis sobre despedimento.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Que a parte demandante antes citada formulou demanda recibida no xulgado decano no 14.6.2012 e recibida neste xulgado no 15.6.2012, contra a demandada xa mencionada, na cal despois de expoñer os feitos e fundamentos que considerou pertinentes, terminaba suplicando que se ditase sentenza pola cal se declarase que o despedimento do actor é improcedente, e se condenase a demandada á readmisión do traballador nas mesmas condicións que rexían antes de procederse ao despedimento, ou á escolla daquela, a optar pola non readmisión e, despois da conseguinte extinción do contrato de traballo, lle aboase a indemnización legalmente establecida e, en todo caso, lle satisfixese os salarios de tramitación correspondentes aos días que medien entre a data do despedimento e aquela en que se notifique a sentenza, así como as cantidades pendentes de aboamento na data de despedimento, que suman un total de 8.752,68 euros.

Segundo. Admitida a trámite a demanda e sinalado día e hora para a celebración do acto de conciliación e xuízo, este tivo lugar o día da data, segundo consta na acta emitida. Aberto o xuízo, a parte demandante afirmouse e ratificou a súa demanda, e solicitou que se declare a extinción da relación laboral e o recibimento do preito a proba. A parte demandada non compareceu. Aberto o xuízo a proba, practicáronse as probas propostas admitidas e solicitouse despois, en conclusións, sentenza de conformidade coas súas pretensións e intereses, segundo consta na acta emitida, co cal os autos quedaron á vista para ditar sentenza.

Terceiro. Que na tramitación deste xuízo se observaron as prescricións legais.

Feitos probados.

Primeiro. O demandante, José Ramón Pardo Barros prestou servizos para a empresa Galnor, S.L. desde o 14.8.1996, coa categoría profesional de encargado de obra e percibindo un salario mensual de 1.932,14 euros, con rateo de pagas extras.

Segundo. Con data do 10.5.2012 a demandada procedeu a notificar ao demandante carta de despedimento con base no artigo 52.c) do ET, con efectos do 25.5.2012 na cal se expoñen as causas do despedimento do Sr. Pardo (doc. nº 1 da rama de proba da demandante).

Terceiro. A cantidade correspondente á indemnización e á liquidación de haberes pendentes non foi aboada ao demandante.

Cuarto. O demandante non ten nin tivo no último ano a condición de delegado de persoal nin membro de comité de empresa, nin representante sindical.

Quinto. Con data do 1.6.2012 tivo lugar acto de conciliación previa ante o SMAC, do cal se obtivo como resultado “sen avinza”.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Na demanda reitora do presente procedemento a parte demandante solicita que se declare a improcedencia do despedimento sufrido polo demandante con data do 10.5.2012 e con efectos do 25.5.2012, anunciado por carta notificada na mesma data, así como que se declare a extinción da relación laboral.

Débese lembrar que o despedimento comprende calquera extinción do contrato de traballo decidida unilateralmente polo empresario, aínda que esta non responda a unha finalidade disciplinaria (STS 23.3.2005). A cualificación do despedimento improcedente “non é, en absoluto, exclusiva do despedimento disciplinario, senón que pode aplicarse tamén normalmente a calquera despedimento causal, é dicir, a calquera despedimento en que o empresario alega unha determinada causa de extinción da relación laboral, aínda que esta non sexa un incumprimento contractual comprendido no artigo 54 do Estatuto dos traballadores” (STS 23.3.1993), pois estes despedimentos deberán ser declarados improcedentes cando a causa alegada polo empresario non quede acreditada e se cumpra o requisito da comunicación escrita do artigo 55.1 do ET (STS 20.2.1995).

Na súa consideración e entrando no fondo da litis formulada, de conformidade co artigo 105.1º da LRXS corresponderá ao demandado a carga de probar a veracidade dos feitos contidos na carta de despedimento. Así, no presente suposto e após a valoración da proba que consta nas actuacións, consistente en documental, a unida e presentada no acto da vista e a declaración de confesa da demandada, ao abeiro do artigo 91.2 da LRXS, vista a súa incomparecencia ao acto de xuízo, pode deducirse que non se probou a causa ou motivo do despedimento, ante o feito primario da incomparecencia da demandada ao acto da vista co obxecto de rebater os feitos contidos na demanda; acreditouse, así mesmo, coa documental que consta nas actuacións, principalmente certificado de empresa e recibos de salarios do Sr. Pardo, tanto a relación laboral que vinculaba ambas as partes como a baixa laboral na data 10.5.2012, sen causa acreditada que o xustifique, e por tanto, a imposibilidade do demandante para reincorporarse ao seu posto de traballo por inactividade da empresa demandada, polo que non cabe senón declarar extinguida a relación laboral que vincula as partes.

Segundo. Determinada a improcedencia do despedimento por falta de proba dos feitos determinantes deste e para fixar a indemnización que procede por despedimento, pode dicirse que da documental que consta nas actuacións, feito este que non é obxecto de discusión polas partes, quedou probada a relación laboral entre a parte demandante e o demandado, razón pola cal non pode senón recoñecerse ao Sr. Pardo unha antigüidade para os efectos de indemnización por despedimento de data 14.8.1996 e un salario mensual con rateo de pagas extra de 1.932,14 euros.

Terceiro. En relación ás cantidades reclamadas, que ascenden a un total de 8.752,68 euros en concepto de salario correspondente aos meses de febreiro, marzo e abril de 2012, vinte e cinco días de salario correspondente ao mes de maio de 2012, paga extra de xullo de 2012 e vacacións do ano 2012 percibidas e non desfrutadas, á vista da documental presentada, principalmente, nóminas do demandante e certificado de empresa, así como da incomparecencia da demandada, co obxecto de oporse á pretensión solicitada, debe condenarse a empresa Galnor, S.L. ao aboamento das citadas cantidades.

Cuarto. Polo que respecta ao Fogasa, non cabe facer ningunha declaración na sentenza, pois trátase dun simple terceiro traído a xuízo polas posibles responsabilidades posteriores que del puideren derivar na súa contra.

Vistos os preceptos legais e demais de concordante aplicación,

Resolvo:

Que debo estimar e estimo a demanda sobre despedimento formulada por José Ramón Pardo Barros, que comparece asistido do letrado Sr. Novo Prego, contra a empresa Galnor, S.L., que non comparece a pesar de estar citada en legal forma, administrador concursal de Galnor, S.L., que non comparece a pesar de estar citado en legal forma e o Fogasa, que non comparece ao acto do xuízo, e declaro a improcedencia do despedimento e a extinción da relación laboral que vincula as partes, con condena da empresa indicada a que aboe o Sr. Pardo a cantidade de 45.363,49 euros en concepto de indemnización.

Que, estimando a demanda sobre reclamación de cantidade, debo condenar e condeno a empresa Galnor, S.L. a aboar ao Sr. Pardo Barros a cantidade de 8.752,68 euros, no sentido exposto no fundamento de dereito terceiro da presente sentenza, cos xuros moratorios pertinentes.

Notifíquese esta sentenza ás partes e advírtaselles que contra ela poderán interpor recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza, que deberá ser anunciado por comparecencia, ou mediante escrito neste xulgado dentro dos cinco días seguintes á notificación desta sentenza, pasados os cales se declarará firme e se procederá ao seu arquivamento. Advírtase igualmente ao recorrente que non sexa traballador ou beneficiario do réxime público de Seguridade Social, ou habentecausa dun deles, ou que non teña recoñecido o beneficio de xustiza gratuíta, que deberá depositar a cantidade de 300 euros (artigo 229 da Lei 36/2011, do 11 de outubro, reguladora da xurisdición social) na conta aberta na entidade Banesto a nome deste xulgado.

Así o pronuncio, mando e asino por esta miña sentenza, xulgando definitivamente en primeira instancia, Montserrat Matos Salgado, maxistrada xuíza substituta do Xulgado do Social número 2 da Coruña.

Publicación. A anterior resolución, foi lida e publicada, pola xuíza que a autoriza, en audiencia pública, no lugar e data nela indicados. Dou fe».

Notifíquese a presente resolución ás partes, e fágaselles saber que contra ela non cabe recurso ningún en virtude do disposto no artigo 215.4 da LEC e artigo 267.7 da LOPX.

Así o pronuncia, manda e asina por este auto, Montserrat Matos Salgado, maxistrada xuíza substituta do Xulgado do Social número 1 (reforzo) da Coruña. Dou fe».

Advírtese ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán nas dependencias deste xulgado, salvo as que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

E para que sirva de notificación a Galnor, S.L. e administración concursal Galnor, S.L., en ignorado paradoiro, expídese a presente cédula para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e colocación no taboleiro de anuncios.

A Coruña, 26 de febreiro de 2013

A secretaria xudicial