Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Luns, 18 de marzo de 2013 Páx. 8154

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 4 de Vigo

EDICTO (636/2012).

Ángel Gómez Santos, secretario xudicial do Xulgado de Primeira Instancia número 4 de Vigo, polo presente anuncio:

No presente procedemento seguido por instancia de Juliana Bonifacio de la Herrera fronte a Promociones Badía Vigo, S.L. ditouse sentenza, cuxo encabezamento e ditame son do teor literal seguinte:

Sentenza nº 15/2013.

Vigo, 15 de xaneiro de 2013.

Vistos por min, Manuel Ángel Pereira Costas, maxistrado do Xulgado de Primeira Instancia número 4 de Vigo, os presentes autos de xuízo verbal que co número 636/2012 que se seguen por instancia de Juliana Bonifacio de la Herrera, a cal actúa no seu propio nome e en beneficio da súa sociedade de gananciais, representada pola procuradora Auxiliadora Ruiz Sánchez e dirixida pola letrada Celeste María Barco Vega, contra Promociones Badía Vigo, S.L., declarada en situación de rebeldía procesual, os cales teñen por obxecto unha pretensión de responsabilidade extracontractual.

Antecedentes de feito.

Primeiro. O día 30 de xullo de 2012, a procuradora Auxiliadora Ruiz Sánchez, actuando en nome e representación de Juliana Bonifacio de la Herrera, a cal actúa no seu propio nome e en beneficio da súa sociedade de gananciais, formulou demanda de xuízo verbal contra Promociones Badía Vigo, S.L., na que, tras facer invocación dos feitos e fundamentos de dereito que considerou axeitados, remataba solicitando que fose ditada sentenza pola:

1. Que fose declarado que o demandado debía retirar o entullo do seu predio e reconstruír o muro.

2. Que fose condenado o demandado a manter limpo o seu predio, de xeito suficiente para que non se volvesen producir danos no muro de separación nin se filtrase a vexetación ata a vivenda da demandante.

3. Que se condenase o demandado a avirse ás anteriores manifestacións, así como ao pagamento das custas procesuais e os xuros legais desde a data da interposición da demanda.

Segundo. Mediante Decreto do 18 de setembro de 2012 foi admitida a trámite, despois de emendado o defecto apreciado nela (falta de acreditación da representación procesual), acordándose nel a súa substanciación polos trámites do xuízo verbal, con traslado á parte demandada e citación de ambas as dúas partes para a celebración da correspondente vista.

Terceiro. O día 11 de decembro de 2012 tivo lugar a celebración da vista do xuízo verbal, coa comparecencia de todas as partes, agás a demandada, que foi declarada en situación de rebeldía procesual.

Concedida a palabra á demandante, a súa avogada ratificou a súa demanda do xeito que consta nas actuacións.

A parte demandante propuxo como medios probatorios a proba documental, a testemuñal e mais a pericial, que foron admitidas.

Tras a práctica das probas admitidas, do xeito que figura nas actuacións, quedaron a seguir conclusos os autos para ditar sentenza.

Resolución:

Estimo parcialmente a demanda interposta por Juliana Bonifacio de la Herrera contra Promociones Badía Vigo, S.L., facendo, en consecuencia, os seguintes pronunciamentos:

1º Condeno a Promociones Badía Vigo, S.L. a realizar os traballos precisos para impedir que a vexetación existente no predio da súa propiedade, que linda polo vento oeste da demandante, voe sobre a propiedade desta última, procedendo, se é o caso, á curta das pólas ou vexetación que invadan a propiedade da demandante. Sen que proceda dar acollida a ningún outro dos pedimentos contidos no escrito de demanda.

2º Non procede efectuar pronunciamento condenatorio en materia de custas procesuais.

Notifíquese esta sentenza ás partes, ás cales se lle fará saber que é firme e que contra ela non cabe formular recurso de ningún tipo.

Así o acordo, mando e asino.

E atopándose o dito demandado, Promociones Badía Vigo, S.L., en paradoiro descoñecido, expídese o presente co fin de que sirva de notificación en forma a este.

Vigo, 21 de xaneiro de 2013

O secretario xudicial