Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Luns, 18 de marzo de 2013 Páx. 8183

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 2013, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se autoriza, se aproba o proxecto de execución e se declara de utilidade pública, en concreto, para os efectos da urxente ocupación, a instalación eléctrica LMT, CT e RBT Reguenga, no concello de San Amaro (expediente IN407A 2012/42-3).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Unión Fenosa Distribución, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na Batundeira, 2, Velle, 32960 Ourense, sobre autorización administrativa e declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica de referencia, así como a aprobación do seu proxecto de execución, asinado o 4.7.2012 por Burkard Hecht Elorduy, enxeñeiro industrial colexiado nº 2633; resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro. A petición someteuse a información pública por Acordo do 30 de agosto de 2012, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense, publicada no DOG do 3.10.2012, no BOP de Ourense do 9.10.2012, no xornal La Voz de Galicia, Edificio Ourense, do 26.9.2012, no taboleiro de anuncios do concello afectado e nesta xefatura territorial, en aplicación dos artigos 125 e 144 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se aproba o regulamento de aplicación da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo. Dentro do prazo establecido para iso presentaron alegacións os titulares dos predios nos: 2, 3, 4, 6, 7, 11, 14, 15, 18, 20 e 20A, segundo as numeracións do plano parcelario do proxecto; destas alegacións déuselle traslado á empresa eléctrica solicitante. Os alegantes solicitan a suspensión desta instalación ao considerar que non existe ningunha petición de mellora eléctrica na zona e que existen outras alternativas ao trazado menos prexudiciais para os seus intereses; tamén cuestionan a súa utilidade pública.

Terceiro. As características técnicas das instalacións proxectadas, que teñen un orzamento de 36.295,89 euros, son as seguintes:

– LMT aérea de 685 m a 20 kV, con condutor LA-56, e orixe na LMT, CNO 8236, OR 236, en apoio derivación da LMT a CT Andrade e remate no CT proxectado na Reguenga, de 50 kVA e R/T 20.000/400-230 V.

– RBT aérea de 509 m con condutor RZ-0,6/1 kV e orixe no CT proxectado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio das competencias atribuídas polo Real decreto 1955/2000, polo Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, e polo Decreto 245/2009, do 30 de abril, que regula as delegacións territoriais da Xunta de Galicia (DOG do 1 de maio).

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da sinalada Lei 54/1997, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. Non se poden aceptar as alegacións presentadas por José González Rodríguez, José Barbeitos Alén, Matilde Barbeitos Alén, Gonzalo Domínguez González, Mª Ángeles Domínguez González, Nonito González Tizón, Dolores González Mosquera, Amancio González Mosquera, Josefa González Rodríguez, Manuel Domínguez González e Hortensia Salgueiro Mosquera, titulares respectivamente dos predios antes sinalados, xa que:

• No tocante á declaración de utilidade pública solicitada, esta vén recoñecida, para este tipo de instalacións, polo artigo 52 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, cumprindo para iso a empresa solicitante cos requisitos que recolle o artigo 53 da mencionada norma.

• Como indica a propia empresa, a presentación a trámite deste proxecto obedece ás obrigas que teñen as empresas de distribución eléctrica de mellora do servizo e de atención aos incrementos na demanda, de tal xeito que se manteñan os niveis de calidade que se establecen no artigo 99 e seguintes do citado Real decreto 1955/2000, coas penalizacións que, de non ser así, iso implica, o que non pode ser garantido de forma suficiente polo CT de Eiras que atende a subministración actual destas zonas, dado o seu afastamento.

• En canto ao trazado da liña eléctrica proxectada, como tamén manifesta Unión Fenosa na contestación ás alegacións, foi o considerado máis axeitado polo proxectista, no seu intento de lograr unha solución óptima para o conxunto da instalación, axustándose en todo caso ás prescricións da normativa de aplicación e máis concretamente, en relación co anterior, á ITC-LAT 07, punto 1.5.1, do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas de alta tensión.

• Polo que se refire aos prexuízos derivados das ocupacións e imposicións de servidumes de paso do tendido eléctrico proxectado, non corresponde a esta fase do procedemento entrar na súa valoración, xa que iso é competencia do Xurado de Expropiación de Galicia, órgano ao que se lle remitirá o expediente logo do levantamento das «actas previas á ocupación», e da incorporación das «follas de valoración» contraditorias que presenten as partes.

Cuarto. O proxecto de execución, que conta co informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial, reúne todos os requisitos necesarios para a súa execución. A comprobación efectuouse sobre o terreo do trazado da liña eléctrica, en que non se dá ningunha das limitacións á constitución de servidume de paso a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

Esta xefatura territorial, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro. Autorizar, aprobar o proxecto e declarar de utilidade pública, en concreto, as devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto, e ás condicións técnicas e de seguranza establecidas nos regulamentos de aplicación.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

As instalacións executaranse nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data desta resolución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Segundo. Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifiquen de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo da resolución de información pública do proxecto.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme o establecido no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou calquera outro recurso que se considere pertinente.

Ourense, 20 de febreiro de 2013

Gabriel Diéguez Domínguez
Xefe territorial de Ourense