Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Mércores, 27 de febreiro de 2013 Páx. 5784

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 14 de febreiro de 2013 pola que se declara de interese galego a Fundación Aspace Coruña e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Aspace Coruña dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. Luis Alberto Gordillo de Eguilior, presidente do Padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Aspace Coruña foi constituída en escritura pública do 24 de xullo de 2012 outorgada en Sada ante o notario Andrés Cancela Ramírez de Arellano, co número de protocolo mil cento doce, pola Asociación de Padres de Niños Paralíticos Cerebrales (Aspace), que actúa representada polo seu presidente Antolín Manuel Rodríguez Martínez.

Terceiro. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto:

Tutela directa: exercer a tutela, curatela e representación dos beneficiarios, que lle sexa atribuída á Fundación polos medios previstos na lexislación vixente, para o cal poderá e deberá procurar a integración das persoas tuteladas no seu propio medio social, proporcionar a atención persoal da persoa tutelada, velando polo seu coidado, rehabilitación e recuperación, facilitándolle os recursos asistenciais ou non asistenciais dispoñibles.

Incidencia: promover a sensibilización social para fomentar o respecto aos dereitos das persoas incapacitadas xudicialmente e a súa maior e mellor integración e normalización na sociedade.

A actuación da Fundación será sempre subsidiaria da que lle corresponde aos familiares e parentes do incapacitado e, en todo caso, promoverá a integración familiar do tutelado dentro das condicións que garantan a súa estabilidade, custodia e atención de todo tipo.

Cuarto. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do Padroado.

Quinto. Nos estatutos da Fundación consta a denominación e natureza, o domicilio e ámbito de actuación, obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, e a designación do Padroado inicial.

Sexto. O Padroado inicial da Fundación está formado por Luis Alberto Gordillo de Eguilior como presidente; Eulogio López Río como secretario e Antolín Manuel Rodríguez Martínez, Ángeles Rouco Monterroso, Jacinto Sánchez Peñasco, Juan José Sánchez Arévalo e Ernesto Anido Varela como vogais.

Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías na xuntanza do 17 de decembro de 2012 elevoulle ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese asistencial da Fundación Aspace Coruña de acordo coas materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Traballo e Benestar.

Oitavo. De conformidade coa dita proposta, pola Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 21 de decembro de 2012 (DOG nº 4, do 7 de xaneiro) clasificouse como de interese asistencial a Fundación Aspace Coruña, e adscribiuse á Consellería de Traballo e Benestar para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2º do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da consellerías da Xunta de Galicia e o Decreto 109/2012, do 22 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, correspóndelle á Consellería de Traballo e Benestar a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Aspace Coruña, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Traballo e Benestar, da Fundación Aspace Coruña polo que

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Aspace Coruña ao cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo. Ordenar a inscrición da Fundación Aspace Coruña, no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Traballo e Benestar.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, e presentar anualmente a documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido por esta Consellería de Traballo e Benestar.

Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Traballo e Benestar, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2013

Cristina Ortiz Dorda
Secretaria xeral técnica da Consellería de Traballo e Benestar