Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Mércores, 27 de febreiro de 2013 Páx. 5788

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2013 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección deste instituto sobre delegación de facultades.

No actual contexto de crise económica estase incrementando o número de empresas beneficiarias de avais e préstamos do Igape que entran en concurso de acredores. Esta situación obriga a que Igape-Comunidade Autónoma de Galicia compareza nos procedementos xudiciais en defensa dos seus dereitos como acredor, e nestes teña que intervir en distintas fases, tales como xuntas de acredores, alleamentos de bens tomados en contragarantía e outros, o que dada a perentoriedade dos prazos establecidos obriga a actuacións moi rápidas que non poden ser dilatadas no tempo.

Por isto, resulta conveniente dotar a Dirección Xeral do Igape das facultades executivas necesarias para a adopción dos acordos pertinentes en defensa dos dereitos do Igape como acredor nos procedementos de concursos de acredores antes sinalados, así como noutros procedementos xudiciais incoados con motivo da concesión ou execución de contragarantías derivadas de avais ou préstamos do Igape, incluíndo tamén a aceptación ou rexeitamento das ofertas directas de adquisición de bens ou créditos pignoraticios e/ou hipotecarios do Igape-Comunidade Autónoma de Galicia formuladas por parte das administracións concursais ou de terceiros interesados, todo iso sen prexuízo da súa posterior comunicación ao Consello de Dirección para a súa constancia e coñecemento.

Por todo o anterior, o Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), na súa xuntanza do 5 de febreiro de 2013, acordou ampliar as delegacións de facultades na Dirección Xeral do Instituto, polo que de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Único. Publicar a seguinte delegación de facultades acordada polo Consello de Dirección do Igape na súa xuntanza do 5 de febreiro de 2013:

1. Deléganse na Dirección Xeral as facultades para:

– Aceptar ou rexeitar ofertas directas de adquisición de bens ou créditos pignoraticios e/ou hipotecarios, titularidade do Igape-Comunidade Autónoma de Galicia, con subsistencia ou extinción das contragarantías reais do Igape, nos termos e condicións que xulgue convenientes, e coas autorizacións previas da Consellería de Facenda que resulten pertinentes.

– Decidir a adhesión ou non do Igape-Comunidade Autónoma de Galicia como acredor nas propostas de convenio que se formulen nos procedementos de concurso de acredores de empresas beneficiarias de avais e préstamos do Igape, logo de autorización da Consellería de Facenda de acordo co artigo 22.2 do TRLRFOG.

– Formular ofertas con cargo aos créditos titularidade do Igape-Comunidade Autónoma de Galicia nas poxas e alleamento de bens tomados en contragarantía polo Igape, nos termos e condicións que xulgue convenientes, e coas autorizacións previas da Consellería de Facenda que resulten pertinentes, e poderá autorizar os letrados da Xunta de Galicia para comparecer no procedemento xudicial a presentar a oferta.

– Instar da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia a incoación de procedementos xudiciais de execución separada dos bens tomados en contragarantía dos avais e préstamos do Igape.

2. Entrada en vigor:

Este acordo entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2013

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica