Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Xoves, 24 de xaneiro de 2013 Páx. 2038

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 22 de xaneiro de 2013, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convocan as probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2013, en desenvolvemento do Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo (BOE número 184, do 2 de agosto), e da Orde do 19 de novembro de 2009 desta consellería (DOG número 233, do 27 de novembro).

A Directiva 2003/59/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xullo de 2003, relativa á cualificación inicial e á formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada, pola que se modifican o Regulamento (CEE) número 3820/85 do Consello e a Directiva 91/439/CEE do Consello, establece unha nova formación obrigatoria para determinados condutores profesionais.

A formación obrigatoria dos condutores establécese como algo diferente da que actualmente existe para a obtención dos permisos de condución a que se refire a Directiva 91/439/CEE do Consello, do 29 de xullo de 1991, sobre o permiso de condución, incorporada ao ordenamento interno polo Regulamento xeral de condutores, aprobado polo Real decreto 772/1997, do 30 de maio. A nova formación difire desta última tanto na súa estrutura como no seu contido e destinatarios. Por unha parte, establécese unha cualificación inicial que debe obterse con independencia do permiso de condución e, por outra, unha formación continua dirixida a manter actualizados os coñecementos inicialmente exixidos. As materias sobre as cales se exixen coñecementos afectan fundamentalmente a actividade de transporte a que se dedican profesionalmente estes condutores.

En desenvolvemento destas previsións ditouse o Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada, que no seu capítulo VI (artigos 14 a 17) e no seu anexo V recolle a regulación dos exames para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial.

A convocatoria destas probas correspóndelle á Xunta de Galicia con base na delegación de competencias efectuada pola Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, de delegación de competencias do Estado nas comunidades autónomas en relación cos transportes por estrada e por cable.

O artigo 15 do referido Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, establece que deberán convocarse exames polo menos seis veces ao ano, e poderá o órgano competente publicar unha vez ao ano todas as convocatorias referidas a este, indicando os prazos de inscrición correspondentes a cada convocatoria.

Con base nas ditas previsións ditouse a Orde do 19 de novembro de 2009, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pola que se estableceron as bases e as regras de desenvolvemento das probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia, na cal, co obxecto de incidir na transparencia destes procesos, se incluíron normas que deberá ter en conta necesariamente o tribunal designado para a súa realización e avaliación.

Na dita norma previuse expresamente unha habilitación á persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para levar a cabo as sucesivas convocatorias de exame, con respecto ás premisas recollidas na orde.

Na súa virtude, de conformidade coas previsións contidas na Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo; na Directiva 2003/59/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xullo de 2003; no Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada, e na Orde do 19 de novembro de 2009 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas,

DISPOÑO:

1. Esta resolución dítase ao abeiro da base décima da Orde do 19 de novembro de 2009, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, por medio da cal se habilita o titular da Dirección Xeral de Mobilidade para ditar as convocatorias e calendarios das probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Polo exposto, e con sometemento ás bases previstas na Orde do 19 de novembro de 2009, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pola que se establecen as bases e as regras de desenvolvemento das probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia, convócanse, por medio desta resolución, as probas que van ter lugar no ano 2013.

3. Realizaranse oito convocatorias, que se desenvolverán nos meses que a continuación se detallan, tanto para as categorías D1, D1+E, D e D+E, como para as categorías C1, C1+E, C e C+E.

As probas correspondentes a cada un dos indicados procesos terán lugar consonte o seguinte calendario:

– Primeira convocatoria: entre o 27 de febreiro e o 13 de marzo de 2013.

– Segunda convocatoria: entre o 10 e o 24 de abril de 2013.

– Terceira convocatoria: entre o 22 de maio e o 5 de xuño de 2013.

– Cuarta convocatoria: entre o 26 de xuño e o 10 de xullo de 2013.

– Quinta convocatoria: entre o 31 de xullo e o 14 de agosto de 2013.

– Sexta convocatoria: entre o 18 de setembro e o 2 de outubro de 2013.

– Sétima convocatoria: entre o 6 e o 20 de novembro de 2013.

– Oitava convocatoria: entre o 11 e o 22 de decembro de 2013.

4. Os prazos para inscribirse nas probas previstas no punto anterior serán os seguintes:

– Primeira convocatoria: abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá desde o día de publicación da presente convocatoria ao 11 de febreiro de 2013, ambos inclusive.

– Segunda convocatoria: abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá desde o día 12 de febreiro ao 21 de marzo de 2013, ambos inclusive.

– Terceira convocatoria: abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá desde o día 22 de marzo ao 2 de maio de 2013, ambos inclusive.

– Cuarta convocatoria: abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá desde o día 3 de maio ao 7 de xuño de 2013, ambos inclusive.

– Quinta convocatoria: abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá desde o día 8 de xuño ao 12 de xullo de 2013, ambos inclusive.

– Sexta convocatoria: abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá desde o día 13 de xullo ao 30 de agosto de 2013, ambos inclusive.

– Sétima convocatoria: abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá desde o día 31 de agosto ao 18 de outubro de 2013, ambos inclusive.

– Oitava convocatoria: abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá desde o día 19 de outubro ao 22 de novembro de 2013, ambos inclusive.

5. Para inscribirse nas probas será necesario presentar, dentro do prazo previsto no punto anterior, unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I desta resolución, xunto co impreso de autoliquidación de taxas polo importe que estableza para o efecto a Lei 6/2003, do 29 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de non prestar o consentimento para que a Administración consulte telematicamente os seus datos de identidade e residencia, o aspirante deberá achegar tamén copia do DNI e, de ser o caso, da documentación que acredite a súa residencia habitual en Galicia de conformidade co disposto na Orde do 19 de novembro de 2009.

6. Os aspirantes excluídos ou non admitidos na realización das probas poderán solicitar a devolución das taxas que aboasen, de ser o caso, presentando para o efecto
unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución.

7. De acordo co establecido na Orde do 19 de novembro de 2009, as solicitudes de participación nas probas poderán presentarse:

a) A través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo:

https://sede.xunta.es

b) No Rexistro Auxiliar da Dirección Xeral de Mobilidade (praza de Europa, 5 A-2ª planta, Área Central-As Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela).

c) Por algún dos medios previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dirixida á Dirección Xeral de Mobilidade.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2013

Miguel Rodríguez Bugarín
Director xeral de Mobilidade

missing image file
missing image file