Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Luns, 14 de xaneiro de 2013 Páx. 1090

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 2 de xaneiro de 2013 pola que se dá publicidade á asignación de dereitos de pagamento único da reserva nacional, no marco do programa de reestruturación do sector lácteo.

O Real decreto 1719/2012, do 28 de decembro, polo que se establece a asignación de dereitos de pagamento único da reserva nacional, no marco do programa de reestruturación do sector lácteo (BOE núm. 313, do 29 de decembro) establece unha nova axuda directa para as explotacións lácteas en proceso de reestruturación articulada en forma de dereitos de pagamento único da reserva nacional. A dita asignación realízase dunha maneira única na campaña 2012.

O dito real decreto establece o marco xurídico, con carácter de normativa básica ditada ao abeiro do disposto no artigo 149.1.13ª da Constitución, para unha nova asignación de dereitos de pagamento único da reserva nacional aos produtores cuxas explotacións estean suxeitas a un programa de reestruturación do sector lácteo, consonte o previsto no artigo 41.3 do Regulamento (CE) núm. 73/2009 do Consello, do 19 de xaneiro, polo que se establecen disposicións comúns aplicables aos réximes de axuda directa aos agricultores no marco da política agrícola común e se instauran determinados réximes de axuda aos agricultores e polos que se modifican os regulamentos (CE) núm. 1290/2005, (CE) núm. 247/2006, (CE) núm. 378/2007 e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1782/2003.

En consecuencia, a través desta normativa de carácter básico disponse un apoio suplementario ás explotacións leiteiras, de maneira que se favoreza a reestruturación e o desenvolvemento das que teñen unha dimensión próxima á media comunitaria (305.000 kg de produción de leite).

Este apoio suplementario realízase a través dunha nova asignación de dereitos de pagamento único procedentes da reserva nacional aos produtores de leite en proceso de reestruturación ou desenvolvemento e que realizaran entregas de leite no período de taxa 2011-2012, conforme os requisitos previstos no Real decreto 1719/2012, do 28 de decembro.

Para o acceso a esta nova asignación de dereitos de pagamento único da reserva nacional os produtores cuxas explotacións estean suxeitas a un programa de reestruturación do sector lácteo deberán cumprir os seguintes requisitos previstos no artigo 2.1 do real decreto citado:

a) Dispor no período de taxa 2011-2012, dunha cota por riba de 12.500 kg, e ter feito, para o mesmo período, entregas e/ou vendas directas, igualmente, por riba de 12.500 kg.

b) Presentar a solicitude única con cargo ao ano 2012, conforme o establecido no artigo 1 do Regulamento 1271/2012, da Comisión, do 21 de decembro de 2012, incluíndo nesta a declaración de hectáreas admisibles para efectos do réxime do pagamento único e solicitando a asignación de dereitos da reserva nacional do réxime de pagamento único.

Os produtores que cumpran os citados requisitos deberán presentar a solicitude única dirixida ao director do Fogga no período comprendido entre o día 2 de xaneiro e o 31 de xaneiro de 2013, conforme o disposto no artigo 3 da Orde do 25 de xaneiro de 2012 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría, e das axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable das terras agrícolas no ano 2012 (DOG núm. 21, do 31 de xaneiro).

Porén, todos aqueles produtores que presentaran a solicitude única con cargo ao ano 2012, con anterioridade ao 29 de decembro de 2012, no prazo e forma establecidos no Real decreto 202/2012, do 23 de xaneiro, e na Orde do 25 de xaneiro de 2012, e que na dita solicitude declararon hectáreas admisibles en que se solicita o réxime de pagamento único, e que non pretendan introducir modificacións con respecto ás hectáreas admisibles declaradas, non estarán obrigados a presentar nova solicitude, sen prexuízo de que o Fogga poida solicitar aos produtores toda a información adicional que se precise para comprobar a adecuada correspondencia de datos das solicitudes presentadas para a atribución dos dereitos que correspondan en virtude do disposto no real decreto.

En virtude do exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Asignación de dereitos sen necesidade de presentar nova solicitude

Tramitar a asignación de dereitos de pagamento único da reserva nacional aos produtores cuxas explotacións estean suxeitas a un programa de reestruturación do sector lácteo, regulada no Real decreto 1719/2012, do 28 de decembro, e que presentaron solicitude única con cargo ao ano 2012, conforme os requisitos previstos na normativa aplicable, en que declararon hectáreas admisibles para as cales solicitaron o réxime do pagamento único, e que non pretendan modificar.

A nova asignación de dereitos, que non precisa de nova solicitude dos produtores, tramitarase en función das hectáreas admisibles declaradas, para efectos do réxime de pagamento único e determinadas tras os controis, na solicitude única para o exercicio 2012, sen prexuízo das comprobacións que poida levar a cabo a autoridade competente.

Todo isto salvo renuncia expresa e por escrito á dita asignación dos produtores interesados.

Segundo. Asignación de dereitos con base na presentación de nova solicitude única

Os produtores que non declararon na solicitude única do exercicio 2012 hectáreas admisibles para as cales solicitaron o réxime de pagamento único, e que cumpran os requisitos previstos no artigo 2.1 do Real decreto 1719/2012, do 28 de decembro, deberán presentar a solicitude única no período comprendido entre o 2 de xaneiro e o 31 de xaneiro de 2013, conforme o disposto no artigo 3 da Orde do 25 de xaneiro de 2012 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría, e das axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable das terras agrícolas no ano 2012 (DOG núm. 21, do 31 de xaneiro).

Terceiro. O importe individual de referencia, os criterios para o cálculo da reserva nacional e o procedemento de asignación de dereitos serán os previstos no Real decreto 1719/2012, do 28 de decembro.

Cuarto. Será de aplicación o Real decreto 1719/2012, do 28 de decembro, no resto dos elementos non indicados na presente resolución.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2013

José Álvarez Robledo
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria