Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Xoves, 10 de xaneiro de 2013 Páx. 906

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 26 de decembro de 2012 sobre aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Mesía.

O Concello de Mesía eleva, para a súa aprobación definitiva, o expediente do Plan xeral de ordenación municipal, de conformidade co disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

O Concello de Mesía dispón na actualidade dunhas normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente o 26 de xuño de 1987.

I. Antecedentes.

1. Mediante Orde do 27 de xullo de 2012 esta consellería acordou, de conformidade co artigo 85.7.b) da LOUG, non outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do concello de Mesía, que fora aprobado provisionalmente polo Concello o 24 de abril de 2012, mentres non se realizasen as modificacións necesarias para corrixir as deficiencias que a propia orde establecía.

2. O Pleno do Concello de Mesía, en sesión do 19 de outubro de 2012, aprobou provisionalmente o documento do Plan xeral de ordenación municipal, logo de introducir as oportunas modificacións, e tras a emisión dos informes técnico e xurídico, ambos do 9 de outubro de 2012.

3. Advertidos erros na documentación remitida a esta consellería, o Concello Pleno de Mesía, en sesión do 17 de decembro de 2012, adoptou o acordo de aprobar a addenda ao documento de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal, e remitila á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, para incorporala ao expediente de aprobación definitiva do PXOM.

II. Análise e consideracións.

Unha vez analizada a documentación aprobada provisionalmente polo Concello Pleno de Mesía o 19 de outubro de 2012, modificada pola addenda aprobada provisionalmente polo Concello Pleno o 17 de decembro de 2012, en relación coas consideracións contidas na anterior Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 27 de xullo de 2012, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, púidose comprobar que as consideracións contidas na anterior orde foron tidas en conta e que se introduciron as correccións necesarias para lles dar cumprimento.

Segundo o disposto nos artigos 85.7 e 227 da LOUG, para resolver sobre a aprobación definitiva, analizouse a integridade e suficiencia dos documentos que integran o plan; a conformidade do plan coa lexislación urbanística vixente e a adecuación das súas determinacións á protección do medio rural; a incidencia do plan sobre as materias de competencia autonómica e sobre as políticas autonómicas de desenvolvemento sustentable, e a articulación das infraestruturas de carácter local cos elementos vertebradores do territorio de alcance supramunicipal.

O modelo de ordenación proposto polo PXOM de Mesía axústase, no fundamental, aos criterios expresados na LOUG, recoñece o sistema tradicional de asentamentos, establece para eles unha ordenación propia, define as necesarias proteccións para os terreos que as precisan, prevé ámbitos para o futuro desenvolvemento de usos residenciais e produtivos, e dota o Concello dunha ordenación propia para favorecer o desenvolvemento equilibrado e sustentable do territorio.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do concello de Mesía, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia.

Segundo. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

Terceiro. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2012

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas