Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Xoves, 10 de xaneiro de 2013 Páx. 903

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 26 de decembro de 2012 sobre a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Coirós no lugar de Pena, Armea.

O Concello de Coirós solicita novamente a aprobación definitiva da modificación puntual referida, en virtude do artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O 14 de decembro de 2010, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas emitiu orde de non aprobación da modificación puntual de referencia, ao abeiro do establecido no artigo 85.7.b) da LOUG, sinalando unha serie de deficiencias que había que emendar.

2. O Concello solicita novamente a aprobación definitiva da modificación, xuntando expediente administrativo e proxecto de modificación de data de marzo de 2011, modificado en data de marzo 2012, que foi obxecto de acordo de aprobación provisional polo Concello Pleno de Coirós en sesión do 10 de maio de 2012.

3. A documentación agora achegada polo Concello de Coirós consiste en:

a) Convenio urbanístico subscrito o 3.12.2011, cun anexo do 5.5.2012, exposto ao público por 20 días (Diario Oficial de Galicia e El Ideal Gallego do 5.1.2012) e aprobado por acordo municipal plenario do 29.12.2011.

b) Informe xurídico da secretaría municipal do 20.12.2011.

c) Informe da empresa subministradora Espina y Delfín de data do 20.2.2012.

d) Informes da Secretaría do Concello do 24.2.2012 e do 7.5.2012, así como un ditame externo do 20.4.2012, sobre as alegacións e trámites que se deben realizar.

e) Informe técnico urbanístico da arquitecta municipal do 2.10.2012 sobre a suficiencia das redes de infraestruturas e servizos urbanísticos.

f) Informe de Repsol YPF sobre o abastecemento de gas do 2.8.2011.

g) Certificado de Telefónica sobre a existencia de rede do 2.8.2011.

h) Informes remitidos pola Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia do 12.3.2012: informe de Red Eléctrica de España do 5.8.2011; informe da Subdirección Xeral de Planificación Enerxética e Seguimento do 8.8.2011, e informe de Reganosa do 19.7.2011.

4. O proxecto incorpora, así mesmo, estudo de sustentabilidade económica, aprobado polo Concello Pleno do 25.9.2012.

II. Obxecto da modificación proposta.

O ámbito da modificación puntual alcanza uns 68.650 m2 de solo situados entre o lugar de Pena (parroquia de Armea) e o límite co termo municipal de Betanzos, en contacto coa estrada N-VI, clasificados polo plan xeral vixente como solo rústico común apto para o desenvolvemento urbanístico, ao que lle resulta de aplicación o réxime do solo urbanizable non delimitado, en aplicación da disposición transitoria 1ª.d) da LOUG. O uso global é o de vivenda unifamiliar, unha intensidade máxima de 0,20 m2/m2 e unha densidade máxima de 10 vivendas por hectárea.

A modificación, que inclúe a ordenación detallada do ámbito, ten por obxecto incrementar a intensidade máxima de 0,2 a 0,3 m2/m2 e suprimir o actual límite de densidade de vivendas.

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación remitida polo Concello de Coirós, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, observouse:

1. O proxecto elimina as contradicións que no anterior figuraban en canto á categoría de solo, establecéndoo como solo urbanizable delimitado con ordenación detallada.

2. As razóns de interese público que fundamentan a proposta do incremento da intensidade de uso de 0,2 a 0,3 m2/m2 consisten na achega dunha maior contía respecto dos estándares legais aplicables ao solo urbanizable das reservas de solo para dotacións urbanísticas, que servirán aos núcleos rurais lindantes, e que superan os mínimos legalmente establecidos nun 11,16 %.

3. Canto ás redes de servizos e ás súas conexións cos sistemas existentes exteriores, consta informe municipal do 2 de outubro de 2012 sobre a súa suficiencia; sendo que o documento establece no número 8 da memoria as actuacións complementarias que hai que acometer, e no número 10, a obriga dos propietarios do solo de asunción dos custos correlativos, segundo as características definidas no estudo das infraestruturas e servizos. Conexión cos sistemas xerais, incluído na Memoria de sustentabilidade ambiental da modificación puntual, nos termos establecidos no artigo 132 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e nos artigos 58 a 66 do Regulamento de xestión urbanística.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

Visto o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do PXOM de Coirós (A Coruña) no lugar de Pena, Armea, de acordo co punto 7.a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Segundo. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

Terceiro. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2012

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas