Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Xoves, 10 de xaneiro de 2013 Páx. 909

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 26 de decembro de 2012 sobre a aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Camariñas.

O Concello de Camariñas remite o Plan xeral de ordenación municipal e solicita a súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación achegada e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

1. Antecedentes.

I.1. A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, na súa sesión do 19 de setembro de 2012, someteu a estudo e consideración a solicitude formulada polo Concello de Camariñas canto á posibilidade de redución da franxa de servidume de protección de costas en varios ámbitos territoriais, ao abeiro do previsto no artigo 32.2.e) da LOUG, e acordou emitir informe favorable sobre esa redución unicamente nos sectores Ponte do Porto-UNDR-B1 e Ponte do Porto-UDR-B1.

I.2. Mediante Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 25 de setembro de 2012, resolveuse non outorgar a aprobación definitiva ao PXOM de Camariñas, sinalando unha serie de deficiencias que había que emendar.

I.3. O Concello de Camariñas elaborou un novo documento de PXOM para dar cumprimento á citada orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e para corrixir as determinacións do PXOM afectadas polo acordo da CSU. Este documento foi aprobado en sesión plenaria do 12 de decembro de 2012 e remitido á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en solicitude de aprobación definitiva ao abeiro do artigo 85.7 da LOUG.

I.4. No expediente administrativo municipal constan os preceptivos informes técnico, xurídico e de intervención, do 30 de novembro de 2012.

2. Análise e consideracións.

II.1. O Concello incorporou no PXOM as correccións consecuencia do acordo da Comisión Superior de Urbanismo respecto da redución da franxa de protección de costas.

II.2. Respecto do cumprimento dos informes sectoriais que foran emitidos con consideracións, consta:

• Respecto do informe da Dirección Xeral de Infraestruturas, consta a execución da vía de servizo no núcleo NR-12 Prado.

• Respecto do informe de Augas, recolleuse a determinación do artigo 2.6 do PHGC.

• Respecto da memoria ambiental, constan xustificacións ou cumprimentos dos puntos nela sinalados.

• Respecto do informe autonómico en materia de costas, recolleuse a clasificación de solo rústico de protección de costas.

• Respecto dos informes municipais, constan as xustificacións requiridas.

II.3. Segundo o disposto nos artigos 85.7 e 227 da LOUG, para resolver sobre a aprobación definitiva, analizouse a integridade e suficiencia dos documentos que integran o plan; a conformidade do plan coa lexislación urbanística vixente e a adecuación das súas determinacións á protección do medio rural, e a incidencia do plan sobre as materias de competencia autonómica e sobre as políticas autonómicas de desenvolvemento sustentable e a articulación das infraestruturas de carácter local cos elementos vertebradores do territorio de alcance supramunicipal.

O modelo de ordenación proposto polo PXOM de Camariñas axústase, no fundamental, aos criterios expresados na LOUG, recoñece o sistema tradicional de asentamentos, establece para eles unha ordenación propia, define as necesarias proteccións para os terreos que as precisan, prevé ámbitos para o futuro desenvolvemento de usos residenciais e produtivos, e dota o Concello dunha ordenación propia para favorecer o desenvolvemento equilibrado e sustentable do territorio.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

3. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do concello de Camariñas, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia.

Segundo. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

Terceiro. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2012

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas