Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Venres, 4 de xaneiro de 2013 Páx. 375

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (159/2012).

Número de autos: despedimento/cesamentos en xeral 159/2012 F.

Demandante: Jessica María Aller Suárez.

Avogado: José Nogueira Esmoris.

Demandados: Manpower Business Solutions, S.L.U., Fundación Caixa Galicia, Fogasa.

Óscar Méndez Fernández, secretario xudicial do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fago saber que no procedemento de despedimento/cesamentos en xeral 159/2012 deste xulgado do social, seguido por instancia de Jessica María Aller Suárez contra a empresa Manpower Business Solutions, S.L.U., sobre despedimento, se ditou a seguinte resolución:

«Xulgado do Social número 2 da Coruña.

Sentenza: 786/2012.

Autos: 159/2012.

Na cidade da Coruña, 31 de outubro de 2012.

Lara Mª Munín Sánchez, xuíza substituta do Xulgado do Social número 2 da Coruña, tras ver os presentes autos sobre despedimento, por instancia de Jessica María Aller Suárez, que comparece representada polo letrado Sr. Pérez López, contra a empresa Manpower Group Solutions, S.L.U. (anteriormente denominada Manpower Business Solutions, S.L.U.), que comparece representada polo letrado Sr. Caballero Sánchez, a Fundación Caixa Galicia, que comparece representada pola Sra. Porto Pedrido e asistida polo letrado Sr. Porto Caballero, e o Fondo de Garantía Salarial, que comparece representado pola letrada Sra. Abajo Lera, ditou a seguinte

Sentenza/antecedentes de feito:

Primeiro. A parte demandante Jessica María Aller Suárez presentou en data 9.2.2012 demanda, que por quenda correspondeu a este Xulgado do Social número 2 da Coruña, na que, tras expor os feitos e alegar os fundamentos de dereito que considerou pertinentes, remataba suplicando que se ditase sentenza conforme o pedido.

Segundo. Admitida a trámite a dita demanda, sinalouse para a realización do acto de xuízo o día 22.10.2012 e este tivo lugar na data sinalada en todas as súas fases co resultado que consta na acta redactada para o efecto e que quedou debidamente gravado no correspondente soporte CD. Unha vez concluso o acto do xuízo, quedaron os autos vistos para ditar sentenza.

Terceiro. Na tramitación dos presentes autos observáronse as normas legais de procedemento.

Feitos probados:

Primeiro. Jessica María Aller Suárez, con DNI 53269060, prestou servizos para Manpower Group Solutions, S.L.U. (anteriormente denominada Manpower Business Solutions, S.L.U.) desde o día 1.3.2006, mediante un contrato a tempo parcial (35 horas) coa categoría profesional de auxiliar de sala-nivel 2 e cun salario mensual rateado de 684,23 € [feito non controvertido, doc. núm. 1, 2, 6 e 9 do ramo de proba da demandada].

Segundo. O día 7.12.2011 recibe da súa empregadora unha carta en que se lle comunica que se procede ao seu despedimento por causas con efectos do día 8.1.2012, cuxo contido se ten por reproducido [doc. núm. 7 do ramo de proba da demandada].

Terceiro. No acto de entrega da carta ofreceuse un talón número 0.672.306-1 4201-1 por importe de 2.674,54 €, que foi transferido á conta corrente da traballadora na cal se lle aboaba o seu salario o 9.12.2012 [doc. núm. 7 do ramo de proba da demandada].

Cuarto. A Fundación Caixa Galicia contratara coa empresa demandada (Manpower Business Solutions) a execución do servizo de auxiliares de sala nas dependencias da Fundación na rúa Cantón Grande 21-23 da Coruña, segundo contrato de arrendamento de servizos asinado o 28.2.2006 para atender 3 salas, cuxo contido se dá por reproducido. Os servizos consisten en velar pola salvagarda das obras que se exhiben nas salas expositivas da Fundación e, ocasionalmente, actividades ou tarefas pedagóxicas (visitas guiadas ou apoio a talleres relacionados coas exposicións) [doc. núm. 4 e 12 do ramo de proba da demandada].

Quinto. O día 24.11.2011 a Fundación remite á empresa demandada misiva na cal lle informa da redución dos servizos a só dúas salas e do horario e o peche os domingos, cuxo contido se dá por reproducido [doc. núm. 5 do ramo de proba da demandada].

Sexto. A traballadora demandante non ten nin tivo no último ano a condición de delegada de persoal, membro do comité de empresa ou representante sindical.

Sétimo. Presentada a papeleta de conciliación o 11.1.2012, tivo lugar o preceptivo acto ante o SMAC o 31.1.2012, co resultado de intentado sen efecto.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Os feitos declarados como probados sono con apoio na proba practicada no acto do xuízo; e en exclusiva da documental achegada, valorada conforme o artigo 97.2 LXS; e o non discutido pode considerarse conforme. En particular, o salario da demandante fixouse tendo en conta as súas nóminas e a súa xornada reducida (87,50 % da xornada ordinaria), así como as súas bases de cotización, e como se producen salarios irregulares, a media do último ano (8.210,78 €) supón un salario mensual de 684,23 €.

Segundo.

1. A parte demandante desiste das súas pretensións sobre a Fundación Caixa Galicia, polo que corresponde absolvela desde o primeiro momento.

2. A primeira das pretensións da demandante é a nulidade do seu despedimento, pero non se pode acoller, dado que non se proporcionou proba ningunha que revele que a extinción acordada respondese a un móbil discriminatorio ou atentatorio cara a un dereito fundamental ou liberdade pública.

3. Entrando na valoración da causa obxectiva alegada para xustificar o seu despedimento (económicas e organizativas), hase recordar que o despedimento comprende calquera extinción do contrato de traballo decidida unilateralmente polo empresario, aínda que esta non responda a unha finalidade disciplinaria (STS 23.3.2005, Ar. 3576). A cualificación do despedimento improcedente «non é, en absoluto, exclusiva do despedimento disciplinario, senón que pode aplicarse, tamén normalmente, a calquera despedimento causal, é dicir, a calquera despedimento en que o empresario alega unha determinada causa de extinción da relación laboral, aínda que esta non sexa un incumprimento contractual comprendido no artigo 54 do Estatuto dos traballadores» (STS 23.3.1993 Ar. 2895), pois estes despedimentos deberán ser declarados improcedentes cando a causa alegada polo empresario non quede acreditada e se cumpra o requisito da comunicación escrita do artigo 55.1 ET (STS 20.2.1995 Ar. 1162). Ademais, o artigo 51 ET, ao cal se remite o artigo 52.c), expresa que «se entende que concorren causas técnicas cando se produzan cambios, entre outros, no ámbito dos medios ou instrumentos de produción; causas organizativas cando se produzan cambios, entre outros, no ámbito dos sistemas e métodos de traballo do persoal e causas produtivas cando se produzan cambios, entre outros, na demanda dos produtos ou servizos que a empresa pretende colocar no mercado. Para estes efectos, a empresa deberá acreditar a concorrencia dalgunha das causas sinaladas e xustificar que destas se deduce a razoabilidade da decisión extintiva para contribuír a previr unha evolución negativa da empresa ou a mellorar a situación desta a través dunha máis adecuada organización dos recursos, que favoreza a súa posición competitiva no mercado ou unha mellor resposta ás exixencias da demanda».

Como destacou a STSX Galicia 24.4.2012 R. 424/12, «a valoración que corresponde facer a propósito do despedimento colectivo/obxectivo [extinción por causas técnicas, organizativas ou de produción] non é unha de proba, en canto que non se refire a feitos pasados; nin é tampouco un ditame sobre se a medida económica adoptada pola empresa é a máis adecuada de todas as posibles, labor que non corresponde propiamente a un órgano xurisdicional. O control xudicial previsto na lei, para determinar se as medidas adoptadas pola empresa para «superar» [agora «contribuír»] as dificultades que impidan o seu bo funcionamento, hase limitar neste punto a comprobar se tales medidas é plausible ou razoable en termos de xestión empresarial, é dicir, se se axusta ou non ao estándar de conduta do «bo comerciante» (SSTS 10.5.2006 -rec. 705/05-; 31.5.2006 -rec. 49/05-; e 23.2.2009 -rcud 3017/07-). E se ben non precisa dunha situación económica negativa, a decisión debe constituír unha «medida racional en termos de eficacia da organización produtiva e non un simple medio para lograr un incremento do beneficio empresarial» (SSTS 21.3.1997 Ar. 2615; e 30.9.1998 -rec. 4489/97-), de forma que «no primeiro caso a extinción do contrato por causas obxectivas [...] sería procedente, mentres que no segundo sería improcedente» (SSTS 4.10.2000 Ar. 8291; e 3.10.2000 Ar. 8660). Todo iso porque [...] o artigo estatutario distingue claramente as causas económicas das causas técnicas, organizativas e de produción. Causas técnicas son as que están referidas aos medios de produción con posible vellez ou inutilidade total ou parcial destes; as causas organizativas encádranse no ámbito dos sistemas ou métodos de traballo que configuren a estrutura da empresa nunha organización racional destas; e as causas produtivas son as que inciden sobre a capacidade de produción da empresa para axustalas aos eventos do mercado, e corresponden a esa a esfera dos servizos ou produtos da empresa; finalmente, as causas económicas concrétanse no resultado da explotación, sobre o seu equilibrio de ingresos e gastos, de custos e beneficios, e que conforme o texto legal sempre debe ser negativa, exixencia que non se establece en relación coas outras causas que por iso están desvinculadas da existencia de perdas ou resultados económicos desfavorables, xa que van dirixidas como sinala o precepto a garantir a viabilidade futura da empresa a través dunha máis adecuada organización dos recursos [agora dise «contribuír a previr unha evolución negativa da empresa ou a mellorar a situación desta»], aínda que é incuestionable que en último termo todas estas medidas distintas ás causas económicas, cunha proxección inmediata ou máis de futuro, teñen un forte compoñente dese carácter económico, tratándose de empresas con estes fins, xa que constitúe a razón de existencia desas empresas (SSTS 14.6.1996 Ar. 5162; e 6.4.2000 Ar. 3285)». En definitiva, tres son os elementos que concorren nun despedimento obxectivo [neste caso por causas produtivas]; a saber:

O primeiro é a concorrencia dunha causa ou factor desencadeante [os cambios na demanda dos produtos ou servizos]. O lexislador quixo distinguir catro esferas ou ámbitos de afectación en que pode incidir a causa ou factor desencadeante dos problemas de rendibilidade ou eficacia que está na orixe do despedimento: 1) a esfera ou ámbito dos medios ou instrumentos de produción («causas técnicas»); 2) a esfera ou ámbito dos sistemas e métodos de traballo do persoal («causas organizativas»); 3) a esfera ou ámbito dos produtos ou servizos que a empresa pretende colocar no mercado («causas produtivas»); e 4) a esfera ou ámbito dos resultados de explotación («causas económicas», en sentido restrinxido). E é ao empresario a quen corresponde probar a realidade das causas ou factores desencadeantes dos problemas de rendibilidade ou eficiencia da empresa. O que supón, dun lado, a identificación precisa dos ditos factores e, doutro lado, a concreción da súa incidencia nas esferas ou ámbitos de afectación sinalados polo lexislador. Esta concreción reflíctese normalmente en cifras ou datos desfavorables de produción, ou de custos de factores, ou de explotación empresarial, tales como resultados negativos nas contas do balance, escasa produtividade de traballo, atraso tecnolóxico respecto dos competidores, obsolescencia ou perda de cota de mercado dos produtos ou servizos etc. Sequera en moitas ocasións aparecen combinadas algunha ou algunhas das causas da dita extinción [como no caso presente: económicas e obxectivas].

Unha vez que concorra a causa ou factor desencadeante, o segundo elemento é a amortización dun ou varios postos de traballo. Esta medida de emprego pode consistir na redución con carácter permanente do número de traballadores que compoñen «o equipo da empresa»; e pode consistir, así mesmo, na supresión da «totalidade» do equipo, ben por clausura ou peche da explotación, ben por mantemento en vida desta, pero sen traballadores asalariados ao seu servizo. Nos casos en que a amortización de postos de traballo non conduza ao peche da explotación, a medida de redución de emprego adoptada debe formar parte dun plan ou proxecto de recuperación do equilibrio da empresa, no que a amortización de postos de traballo pode ir acompañada doutras medidas empresariais (financeiras, de comercialización, de redución de custos non laborais), encamiñadas todas elas ao obxectivo de compensar os desequilibrios producidos, de tal forma que se adopte unha máis adecuada organización dos recursos, que favoreza a súa posición competitiva no mercado ou unha mellor resposta ás exixencias da demanda. Nestes mesmos casos de non previsión de desaparición da empresa, a amortización de postos de traballo hase concretar no despedimento ou extinción dos contratos de traballo daquel ou daqueles traballadores a que afecte o axuste de produción ou de factores produtivos que se decidise.

O terceiro elemento do suposto de despedimento obxectivo fai referencia á conexión de funcionalidade ou instrumentalidade entre a extinción ou extincións de contratos de traballo decididas pola empresa e a superación da situación desfavorable acreditada nesta de falta de rendibilidade da explotación ou de falta de eficacia dos factores produtivos [a razonabilidad]. No suposto de peche da explotación a conexión entre a supresión total do equipamento da empresa e a situación negativa da empresa consiste en que aquela amortece ou acouta o alcance desta.

Á parte de que, respecto das empresas de servizos, a perda ou diminución de encargos de actividade debe ser considerada pola súa orixe unha causa produtiva, en canto que significa unha redución do volume de produción contratada, e polo ámbito en que se manifesta unha causa organizativa, en canto que afecta os métodos de traballo e a distribución da carga de traballo entre os traballadores (SSTS 7.6.2007 –rcud 191/06–; 31.1.2008 –rcud 1719/07–; 12.12.2008 –rcud 4555/07–; e 16.9.2009 –rcud 2027/08–).

4. Pois ben, examinado á luz desa doutrina o suposto aquí axuizado, a conclusión é que este despedimento obxectivo é procedente, concorren datos suficientes para entender razoable a amortización do posto de traballo da demandante, posto que a contrata se reduciu nunha terceira parte -e había tres traballadores prestando servizos de auxiliares de sala na Fundación Caixa Galicia por conta de Manpower Group Solutions, S.L.U. (anteriormente denominada Manpower Business Solutions, S.L.U.), polo que a necesidade de man de obra da empresa contratista se viu tamén reducida nunha terceira parte, sendo razoable prescindir dun dos seus traballadores; debe considerarse concorrente -ao tratarse dunha empresa de servizos- unha causa produtiva en orixe que devín organizativa ao incidir sobre a organización da empresa -tal e como sinala a xurisprudencia que se citou no número anterior-. Sen que poida esquecerse que a selección dos traballadores afectados pola extinción baseada no artigo 52.c) ET corresponde -en principio- ao empresario, sendo a súa decisión revisable unicamente cando medie fraude de lei, abuso de dereito ou móbil discriminatorio (SSTS 19.1.1998 Ar. 996; e 15.10.2003 Ar. 4093), o que aquí non concorreu, pois simplemente se elixiu -de entre os tres auxiliares- unha para amortizar o seu posto.

Terceiro. Desestimada a pretensión en canto ao fondo, habería de comprobarse se se cumpriron as formalidades impostas polo artigo 53 ET (aviso previo, posta á disposición da indemnización e que a cantidade, de ser o caso, cubra as exixencias legais). Todas as cales se cumpriron: primeiro, o despedimento notifícase o 7.12.2011, pero os seus efectos pospóñense ata o 8.1.2012; segundo, no mesmo acto da entrega da carta de despedimento ponse á súa disposición un cheque -cuxa numeración se recolle na propia carta-, que a traballadora se nega a recibir e, despois, a empresa ingresa a cantidade correspondente na mesma conta corrente onde realizaba o pagamento das súas nóminas; e finalmente, tendo en conta que a súa antigüidade é de 1.3.2006, a data do despedimento o 8.1.2012 e o salario diario de 22,50 €, a cantidade entregada (2.674,54 €) cobre a indemnización correspondente, que serían –salvo erro ou omisión– 2.667,83 €. Polo tanto, cumpríronse os ditos requisitos e desestímase a demanda.

Cuarto. Sobre a responsabilidade do Fogasa, debe recordarse que, por imperativo legal (artigo 33 do ET) o Fondo é responsable legal subsidiario ante os traballadores respecto de determinadas débedas do empresario, pero esta proximidade conceptual non permite equiparalo totalmente con quen asume contractualmente o pagamento dunha obriga, en defecto do debedor principal. O Fogasa non pode ser identificado co fiador definido no artigo 1822 CC, por máis que a súa posición xurídica, cando asume o pagamento de débedas do empregador, sexa similar á do fiador no mesmo caso. En atención a ese carácter de asegurador público, o Fondo é parte, por prescrición legal, nos procesos incoados nos casos previstos no artigo 23.2 LXS, onde se ordena citalo como tal, co fin de que «poida asumir as súas obrigas legais ou instar o que conveña en dereito». Non obstante, é evidente que, aínda nos casos do artigo 23.2, o Fondo é só parte formal ou procesual, como sinala a doutrina, posto que a titularidade da única relación xurídico-material discutida no proceso corresponde en exclusiva ao ou aos traballador ou traballadores demandantes e aos empresarios demandados. A súa presenza no proceso obedece á especial situación en que se encontra como responsable legal subsidiario do empresario e ao seu inequívoco interese directo e relevante no resultado que se produza, que pode chegar a converterse nun feito constitutivo, modificativo ou extintivo da súa propia relación xurídica.

No presente caso, é claro que non existe responsabilidade do Fogasa nesta instancia, porque non se acreditou que se condenase a empresa nin foi declarada insolvente. E iso é así porque a intervención do Fondo no proceso, sobre a base do artigo 23 LXS, o é non en calidade de demandado stritu sensu, senón como un privilexio procesual, dado o seu carácter público, a súa actividade de seguro como garante das indemnizacións reclamadas polos demandantes e para posibles responsabilidades posteriores.

Vistos os artigos citados e demais de xeral e pertinente aplicación.

Decido que desestimando a demanda interposta por Jessica María Aller Suárez contra a empresa Manpower Group Solutions, S.L.U. (anteriormente denominada Manpower Business Solutions, S.L.U.) e a Fundación Caixa Galicia, debo absolver e absolvo a parte demandada de todos os pedimentos desta.

Así mesmo, absolvo o Fondo de Garantía Salarial, sen prexuízo da súa responsabilidade subsidiaria nos casos previstos no artigo 33 do Estatuto dos traballadores.

Notifíqueselles esta resolución ás partes facéndolles saber que esta non é firme, e fronte a ela cabe formular recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o cal deberá anunciarse neste xulgado no prazo dos cinco días seguintes á notificación desta resolución. De ser recorrente a empresa demandada, deberá acreditar mediante a exhibición ante este xulgado o xustificante acreditativo de ter depositado a cantidade obxecto de condena na conta deste xulgado, aberta en Banesto; poderá substituírse a consignación en metálico polo aseguramento mediante aval bancario, na cal se fará constar a responsabilidade solidaria do avalista, debendo acreditar tamén na indicada conta a consignación da suma de trescentos euros preceptivos para recorrer, sen cuxo cumprimento non se terá por anunciado o recurso.

Así, por esta a miña sentenza, o pronuncio, mando e asino».

E para que lle sirva de notificación en legal forma a Manpower Business Solutions, S.L.U., en ignorado paradoiro, expido a presente para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Advírteselle ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 13 de decembro de 2012

Óscar Méndez Fernández
Secretario xudicial