Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Venres, 4 de xaneiro de 2013 Páx. 389

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 15 de outubro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente a modificación dunha planta de coxeración situada no concello de Cambre (A Coruña) titularidade de Cerámica Rioboo, S.L.

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 1 de xuño de 1993 a Dirección Xeral de Industria autorizou a Cerámica Rioboo, S.L. a instalación dunha planta de coxeración, cun grupo motor-xerador de 675 kW de combustible propano, convertible a gas natural, situado na Gándara, no concello de Cambre (A Coruña).

Segundo. O 12 de xaneiro de 1996 a Dirección Xeral de Industria procedeu á inscrición no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia da central de coxeración citada, co número RE-96-02, na cal figura como combustible utilizado o propano.

Terceiro. O 1 de abril de 2009 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas modificou a inscrición no rexistro mencionado no antecedente anterior da planta de coxeración de 675 kW titularidade de Cerámica Rioboo, S.L. para facer constar que o novo combustible empregado é gas natural.

Cuarto. O 2 de marzo de 2012 Cerámica Rioboo, S.L. solicitou a autorización administrativa para unha modificación da mencionada central.

Quinto. O 20 de xuño de 2012, por resolución da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a petición de autorización administrativa da citada instalación, e publicouse no DOG nº 124, do 29 de xuño e no BOP nº 127, do 5 de xullo, coas seguintes características técnicas básicas:

«Substitución do motor de potencia eléctrica 675 kW existente por un motor de potencia eléctrica 500 kW cun xerador síncrono de tensión 0,4 kV alimentado por gas natural, e modificación das súas correspondentes instalacións auxiliares. Modificación do sistema eléctrico, sistema de gases de escape e sistema de refrixeración».

Esta dirección xeral non ten constancia de que se presentase ningunha alegación.

Sexto. O 24 de agosto de 2012 a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña emitiu informe sobre a solicitude presentada.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 28 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, establece que a construción, explotación, modificación substancial, a transmisión e o peche de instalacións de produción de enerxía eléctrica en réxime especial estará sometida ao réxime de autorización administrativa previa, que terá carácter regrado, e cuxo outorgamento corresponde á Administración autonómica.

Segundo. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e no artigo 28 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG do 17 de xuño), que atribúe á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de enerxía, modificado polo Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG do 5 de xaneiro).

Terceiro. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, no Real decreto 661/2007, do 25 de maio, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede

RESOLVO:

Autorizar administrativamente a modificación da instalación de coxeración titularidade de Cerámica Rioboo, S.L., situada no concello de Cambre (A Coruña), consonte o «Proxecto de modificación substancial da planta de coxeración RE-96D-64 de Cerámica Rioboo, S.L., situada en Cambre (A Coruña)», asinado polo enxeñeiro industrial Antonio Bethencourt Alonso, e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid o 9.5.2012 co número 201202224.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. Cerámica Rioboo, S.L. presentará ante a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña, no prazo de seis meses contado a partir da data de publicación no DOG da presente resolución, o proxecto completo de execución da modificación da devandita planta de coxeración autorizada.

Segunda. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias ou por incumprimento das condicións impostas.

Terceira. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Cuarta. Como requisito necesario para a aplicación do réxime especial á devandita modificación, o titular e/ou explotador deberá solicitar a modificación da inscrición previa y definitiva no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (DOG do 14 de xullo), para o cal acreditará o cumprimento das condicións previstas nos artigos 11 e 12 do Real decreto 661/2007, do 25 de maio, e presentará a documentación que figure nas instrucións que dite esta dirección xeral en desenvolvemento da citada orde.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que achen pertinente.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas