Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Venres, 14 de decembro de 2012 Páx. 46743

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (705/2010).

María Adelaida Egurbide Margañón, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fai saber que no procedemento ordinario 705/2010 deste xulgado do social, seguido por instancia de Eduardo Andrés Salazar Alén contra a empresa Panificadora Lucense, S.A. e Fondo de Garantía Salarial, sobre ordinario, se ditou a seguinte resolución:

Sentenza 830/2012.

Asunto 705/2010.

A Coruña, 20 de novembro de 2012

Lara Mª Munín Sánchez, xuíza substituta do Xulgado do Social número 2 da Coruña, tras ver estes autos sobre cantidades, por instancia de Eduardo Andrés Salazar Alén, que comparece representado pola letrada Sra. Liste López, contra a empresa Panificadora Lucense, S.A., e o Fondo de Garantía Salarial, que non comparecen, ditou a seguinte sentenza.

Antecedentes de feito.

Primeiro. A parte demandante, Eduardo Andrés Salazar Alén, presentou con data do 30 de xullo de 2010, demanda que por quenda lle correspondeu a este Xulgado do Social número 2 da Coruña, na cal, tras expor os feitos e alegar os fundamentos de dereito que coidou pertinentes, remataba suplicando que se ditase sentenza conforme o solicitado.

Segundo. Admitida a trámite a demanda, sinalouse para o acto de xuízo o día 19 de novembro de 2012, que tivo lugar na data sinalada en todas as súas fases con resultado que consta na acta redactada para o efecto e que quedou debidamente gravado no correspondente soporte CD. Unha vez rematado o acto do xuízo, quedaron os autos vistos para sentenza.

Terceiro. Na tramitación destes autos observáronse as normas legais de procedemento.

Feitos probados.

Primeiro. Eduardo Andrés Salazar Alén veu prestando servizos para a empresa Panificadora Lucense, S.A. desde o 19 de xaneiro de 2009, coa categoría de chofer e cun salario mensual rateado de 1.022,25 euros.

Segundo. A empresa demandada non lle aboou os salarios correspondentes ao mes de decembro, a liquidación de vacacións e o 60 % da indemnización por despedimento obxectivo, que ascende a un total de 2.414,83 euros (dos cales 57,30 euros corresponden a mecanización e 75,35 euros ao complemento de transporte).

Terceiro. Presentada a papeleta de conciliación o 12 de xullo de 2010, tivo lugar o preceptivo acto ante o SMAC o 27 de xullo de 2010, co resultado de «intentado sen efecto e sen avinza».

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Os feitos declarados como probados sono con apoio na proba practicada no acto de xuízo ao cal unicamente acudiu o demandante (malia estar citada a demandada) e, en especial, a proba documental achegada, así como da utilización da facultade contida no artigo 91.2 da Lei de procedemento laboral.

Segundo

1. Acreditada a existencia da relación laboral durante un determinado período de tempo, correspóndelle ao empresario a carga da proba do pagamento do salario e de todos os conceptos que deriven desa relación, ex artigo 1214 do CC (actual artigo 217 da LAC) (Sentenza Tribunal Supremo do 12 de xullo de 1994, artigo 6553). En ausencia desta proba de descarga, débese estimar a demanda (artigos 4.2.f) e 29.3 do Estatuto dos traballadores). Conforme o xa expresado, a súa propia incomparecencia no acto de xuízo supón a falta de proba do feito do pagamento, o que deberá implicar a condena da empresa. E, en consecuencia, estimar que a empresa demandada deixou de aboar á parte demandante a cantidade de 2.414,83 euros.

2. Sobre a responsabilidade do Fogasa, débese lembrar que, por imperativo legal (artigo 33 do Estatuto dos traballadores), o Fondo de Garantía Salarial é responsable legal subsidiario perante os traballadores respecto de determinadas débedas do empresario, pero esta proximidade conceptual non permite equiparalo totalmente con quen asume contractualmente o pagamento dunha obriga, en defecto do debedor principal. O Fogasa non pode ser identificado co fiador definido no artigo 1822 do CC, por máis que a súa posición xurídica, cando asume o pagamento de débedas do empregador, sexa similar á do fiador no mesmo caso. En atención a ese carácter de asegurador público, o Fondo é parte, por prescrición legal, nos procesos incoados nos casos previstos no artigo 23.2 da Lei de procedemento laboral (actual 23.2 da Lei de xurisdición social), onde se ordena citalo como tal co fin de que «poida asumir as súas obrigas legais ou instar o que conveña en dereito». Porén, é evidente que, aínda nos casos do artigo 23.2, o Fondo é só parte formal ou procesual, como sinala a doutrina, xa que a titularidade da única relación xurídico-material discutida no proceso corresponde en exclusiva ao ou aos traballadores demandantes e aos empresarios demandados. A súa presenza no proceso obedece á especial situación en que se encontra como responsable legal subsidiario do empresario e ao seu inequívoco interese directo e relevante no resultado que se produza, que pode chegar a converterse nun feito constitutivo, modificativo ou extintivo da súa propia relación xurídica.

Neste caso, está claro que non existe responsabilidade do Fogasa nesta instancia, porque non se acreditou que se condenase a empresa nin que esta fose declarada insolvente. E isto é así porque a intervención do Fondo no proceso, con base no artigo 23 da Lei de procedemento laboral (actual artigo 23 da Lei da xurisdición social) é, non en calidade de demandado stricto sensu senón como un privilexio procesual, dado o seu carácter público, a súa actividade de seguro como garante das indemnizacións reclamadas polos demandantes e con relación a posibles responsabilidades posteriores.

Terceiro. Contra esta sentenza non cabe recurso de suplicación, ao non superar os 3.000 euros a contía litixiosa (artigo 191.2.g) da Lei de xurisdición social).

Vistos os artigos citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Dispoño que, estimando a demanda interposta por Eduardo Andrés Salazar Alén contra a empresa Panificadora Lucense, S.A., condénoa a que lle aboe a cantidade de dous mil catrocentos catorce euros e oitenta e tres céntimos (2.414,83 euros).

Así mesmo, absolvo o Fondo de Garantía Salarial, sen prexuízo da súa responsabilidade subsidiaria nos casos previstos no artigo 33 do Estatuto dos traballadores.

Notifíquese esta resolución ás partes e fágaselles saber que é firme.

Así, por esta miña sentenza, pronúncioo, mándoo e asínoo.

E para que sirva de notificación en legal forma a Panificadora Lucense, S.A., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírtese o destinatario de que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, agás no suposto da comunicación das resolucións que sexan autos ou sentenzas, ou cando se trate de emprazamentos.

A Coruña, 23 de novembro de 2012

Adelaida Egurbide Margañón
Secretaria xudicial