Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Venres, 14 de decembro de 2012 Páx. 46788

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 7 de decembro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai público o contido normativo do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para o asentamento industrial de Lourizán, promovido polo Grupo empresarial Ence, S.A.

A Sala Terceira do Tribunal Supremo (Sección Quinta) ditou o 26 de abril de 2012 sentenza no recurso de casación número 6216/2008, interposto pola Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra contra o Acordo da Xunta de Galicia do 26 de decembro de 2003 polo que se aprobou definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para o asentamento industrial de Lourizán, sentenza cuxa resolución é do seguinte tenor literal:

«Decidimos:

1. Hai lugar ao recurso de casación número 6216/2008, interposto pola representación da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra contra a sentenza da Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Galicia do 17 de setembro de 2008 (recurso contencioso-administrativo 172/2004) que agora queda anulada e sen efecto.

2. Estimamos en parte o recurso contencioso-administrativo interposto pola Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra contra o Acordo da Xunta de Galicia do 26 de decembro de 2003 polo que se aprobou definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para o asentamento industrial de Lourizán; anulando o mencionado acordo en canto a que o dito proxecto sectorial inclúe unha fábrica de papel tisú á cal se fai extensiva a exención da licenza e outros actos de control preventivo municipal, así como a vinculación do planeamento urbanístico e a obrigatoriedade da súa adaptación ao proxecto sectorial tamén mentres se refire á dita fábrica de papel tisú; e declaramos a ineficacia do mencionado proxecto sectorial mentres non se proceda á publicación do seu contido normativo no Diario Oficial de Galicia.

3. Non facemos imposición das custas causadas na instancia e no presente recurso de casación a ningún dos intervenientes.

Así, por esta a nosa sentenza, pronunciámolo, mandámolo e asinámolo».

Por tanto, en cumprimento da dita resolución xudicial,

RESOLVO:

Publicar no DOG o contido normativo do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para o asentamento industrial de Lourizán, promovido polo Grupo empresarial Ence, S.A., aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 26 de decembro de 2003 (DOG nº 7, do 13 de xaneiro de 2004) e que se inclúe como anexo I a esta resolución.

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

ANEXO I
Normas para a execución do proxecto sectorial

TÍTULO I
Normas de carácter xeral

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Ámbito de aplicación

O ámbito de aplicación das normas e ordenanzas contidas neste proxecto sectorial é o delimitado no plano nº 11.3.

Artigo 2. Natureza

1. Este documento contén a regulación detallada, a través dunhas ordenanzas reguladoras, de acordo co establecido no artigo 10.f) do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

2. O presente proxecto sectorial redactouse de acordo coas disposicións dos textos legais, cuxas abreviaturas serán en diante as seguintes:

LTG: Lei 10/1995, do 23 de novembro, do territorio de Galicia.

DPSIS: Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

LOUPMRG: Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

RD: Decreto 28/1999, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de disciplina urbanística para o desenvolvemento e a aplicación da Lei do solo de Galicia.

Artigo 3. Eficacia

1. As determinacións contidas neste proxecto sectorial terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do Plan xeral de ordenación urbana do Concello de Pontevedra (en adiante PXOU), de conformidade co establecido no artigo 11.1 DPSIS.

2. O Concello de Pontevedra, de acordo co establecido no artigo 11.2 DPSIS, deberá adaptar o seu PXOU ao contido do presente proxecto sectorial.

Capítulo II
Réxime urbanístico do solo

Artigo 4. Clasificación do solo

1. O solo comprendido neste proxecto sectorial atópase clasificado no PXOU como solo urbano.

2. O PXOU establece que a ordenación en detalle do dito ámbito se desenvolva mediante un plan especial, ao cal denomina no artigo 223 da normativa do PXOU Plan especial ámbito Ence-Celulosas e solo inmediato 1 e 2.

3. A disposición transitoria primeira da LOUPMRG establece o réxime de aplicación aos concellos con planeamento non adaptado á LOUPMRG, como é o caso do planeamento do Concello de Pontevedra.

Compatibilizando as determinacións da LOUPMRG coas do PXOU, ao ámbito de Ence deberá aplicarse o seguinte réxime urbanístico:

a) Clasificación e cualificación do solo: urbano non consolidado industrial.

b) Ordenación pormenorizada: establécese neste proxecto sectorial.

CAPíTULO III
Instrumentos complementarios e proxectos de urbanización

Artigo 5. Estudos de detalle

1. Obxectivos.

Con posterioridade á aprobación definitiva deste proxecto sectorial, poderán redactarse estudos de detalle cos seguintes obxectivos:

a) Completar ou reaxustar as aliñacións e as rasantes establecidas neste proxecto sectorial.

b) Ordenar os volumes edificables de acordo coas especificacións que para o solo urbano se establecen neste proxecto sectorial.

c) Concretar as condicións estéticas e de composición da edificación, complementarias das establecidas neste proxecto sectorial.

2. Limitacións dos estudos de detalle.

Os estudos de detalle estarán suxeitos ás limitacións impostas no artigo 73.2 da LOUPMRG.

Artigo 6. Proxectos de urbanización

1. Os proxectos de urbanización son proxectos de obras que teñen por finalidade executar os servizos e dotacións establecidos neste proxecto sectorial.

2. Os proxectos de urbanización conterán a documentación exixida no artigo 110.3 da LOUPMRG e serán tramitados de conformidade co disposto no artigo 110.4 da LOPG.

3. Os proxectos de urbanización tamén conterán as previsións específicas para dar cumprimento á normativa vixente en materia de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e urbanísticas para as persoas con discapacidades.

TÍTULO II
Normas de edificación

CAPÍTULO I
Condicións xerais de ordenacion e aproveitamento

Artigo 7. Determinacións xerais

Estas normas regulan as condicións a que teñen que axustarse as edificacións que se constrúan no ámbito do proxecto sectorial.

Artigo 8. Parcela edificable

Considérase parcela edificable a que, estando cualificada nunha zona que teña autorizada a edificación, cumpra cos requisitos dimensionais establecidos nas ordenanzas particulares.

CAPÍTULO II
Condicións de posición e ocupación

Artigo 9. Ámbito de aplicación

As condicións de posición e ocupación establecidas neste capítulo son as que determinan o emprazamento e a ocupación das edificacións dentro das parcelas edificables.

Artigo 10. Aliñacións

Son as liñas establecidas nos correspondentes planos de ordenación que separan os solos destinados a vías dos destinados a outros usos.

Artigo 11. Rasantes

Son as liñas establecidas nos correspondentes planos de ordenación que determinan a inclinación respecto do plano horizontal dun terreo ou vía.

Artigo 12. Recuamento

1. É a distancia á cal debe situarse como mínimo a liña de edificación respecto á aliñación ou a calquera dos lindeiros da parcela.

2. En función do lindeiro sobre o que deba recuar a edificación, os recuamentos poderán ser frontais, laterais ou posteriores.

3. A medición do recuamento realizarase sobre unha recta perpendicular á correspondente fachada.

Artigo 13. Superficie ocupada

1. É a superficie comprendida dentro dos límites definidos pola proxección vertical sobre un plano horizontal das liñas exteriores da edificación, mesmo as subterráneas.

2. O coeficiente de ocupación expresa a relación, en tanto por cento, entre a superficie que pode ser ocupada pola edificación e a superficie neta da parcela.

Artigo 14. Espazo libre de parcela

É a parte de parcela neta, unha vez excluída a superficie ocupada pola edificación.

CAPÍTULO III
Condicións de volume e forma dos edificios

Artigo 15. Ámbito de aplicación

As condicións establecidas neste capítulo son aquelas que limitan a dimensión e forma dos edificios.

Artigo 16. Edificabilidade

Enténdese por edificabilidade a relación entre a superficie construída (suma das superficies construídas en todas as plantas) e a superficie neta da parcela.

Para os efectos do cálculo da edificabilidade computarán as superficies construídas calquera que sexa o uso a que se destinen, salvo as construídas no subsolo sempre que se destinen a aparcadoiro ou instalacións do edificio.

Artigo 17. Alturas da edificación

1. Enténdese por altura da edificación a dimensión vertical da parte do edificio que sobresae do terreo.

2. Nas edificacións distínguense os seguintes tipos de alturas:

a) Altura de cornixa: é a que se mide na vertical que pasa polo punto medio da fachada, dende a rasante da beirarrúa ou terreo en contacto coa edificación ata a cara inferior do forxado que forma o teito da última planta, ou ata a camba ou tirante da nave.

b) Altura total: é a que se mide na vertical que pasa polo punto medio da fachada, dende a rasante da beirarrúa ou terreo en contacto coa edificación ata a cumieira máis alta do edificio.

3. A medición de alturas realizarase respectando conxuntamente os valores admisibles para a distancia vertical en metros e para o número de plantas.

4. Os semisotos que sobresaian máis de 1 metro da rasante do terreo computarán como unha planta.

Artigo 18. Edificación exenta

É aquela edificación en que todas as súas fachadas recúan respecto aos seus correspondentes lindeiros.

Artigo 19. Edificación acaroada

Considérase que dúas edificacións están pegadas a un dos seus lados cando as súas fachadas cegas orientadas ao lindeiro lateral correspondente están unidas formando parede medianeira.

Artigo 20. Plantas

1. Concepto.

Considérase planta toda superficie acondicionada para desenvolver nela unha actividade.

2. Planta soto.

a) É aquela planta enterrada que ten o seu teito por debaixo das cotas da correspondente rasante, ou que as supere, nalgún punto, en menos de 0,60 metros.

b) A altura libre entre pavimento rematado e teito estará comprendida entre 2,20 metros e 3 metros, ambas as dúas inclusive.

c) Terán ventilación dabondo.

3. Planta semisoto.

a) É aquela planta semienterrada que, tendo o chan a máis de 0,60 metros por debaixo das cotas da correspondente rasante, ten o teito a máis de 0,60 metros por enriba das cotas da devandita rasante.

b) Cumprirá as condicións establecidas para a planta soto.

4. Planta baixa.

a) Terá a consideración de planta baixa aquela planta inferior do edificio cuxo chan se encontra á altura, por enriba ou como máximo a 0,60 metros por debaixo da rasante da beirarrúa ou terreo en contacto coa edificación.

b) A altura libre da planta baixa, entre o pavimento rematado e o teito do forxado, camba ou tirante da nave non será inferior a 4,50 metros.

c) A planta baixa computará edificabilidade en todos os casos.

5. Planta alta.

a) É a planta situada por enriba do forxado do teito da planta baixa.

b) A altura libre das plantas de piso non será inferior a 2,50 metros.

c) Poderá utilizarse para os usos previstos nas normas de uso.

d) A planta alta computará edificabilidade en todos os casos.

TÍTULO III
Normas xerais de uso

Artigo 21. Definición e clasificación

1. Este título ten por obxecto establecer a clasificación dos usos e definir a súa regulación detallada, en función do destino urbanístico asignado polo presente proxecto sectorial aos terreos e edificacións comprendidos no seu ámbito.

2. Para os efectos do presente proxecto sectorial, os usos clasifícanse en:

a) Uso característico.

Considérase uso característico o predominante dentro dunha zona concreta.

b) Usos pormenorizados.

Constitúen un sistema de usos supeditados aos característicos, definidos na súa situación e intensidade nas ordenanzas de cada zona.

Os usos pormenorizados divídense en:

– Usos permitidos.

Son aqueles usos que, ademais de adecuarse a un tipo concreto de chan e aos fins da ordenación, poden coexistir co uso característico dunha zona concreta, por non ser incompatibles con el.

Cando nun terreo ou edificación coinciden varios usos, compatibles entre si, cada un deberá cumprir as condicións que lle correspondan pola aplicación das normas contidas neste título.

– Usos prohibidos.

Son aqueles que, por non se adecuar a un tipo concreto de chan e aos fins da ordenación ou por ser incompatibles co uso característico dunha zona concreta, se exclúen desta.

3. De acordo coa súa natureza e para os efectos deste proxecto sectorial, distínguense os seguintes usos:

– Industrial.

– Equipamentos e servizos.

– Garaxe e aparcadoiro.

– Espazos libres e zonas verdes.

– Infraestruturas de servizos.

Artigo 22. Uso industrial

1. Definición.

Defínese como uso industrial o correspondente aos establecementos dedicados ao conxunto de operacións que se executan para a obtención e transformación de materias primas, así como a súa preparación para posteriores transformacións, mesmo o envasado, transporte e distribución.

Inclúense tamén neste uso de industria os almacéns, considerando como tales os espazos destinados á garda, conservación e distribución de produtos naturais, materias primas ou artigos manufacturados e, en xeral, os almacéns sen servizo directo ao público. Nestes locais poderanse efectuar operacións secundarias que transformen, en parte, os produtos almacenados.

2. Categorías.

Establécense as seguintes categorías:

Categoría 1ª: industrial en edificio exclusivo.

Categoría 2ª: industrial con outros usos, predominando o uso industrial.

Categoría 3ª: almacén en edificio exclusivo.

Categoría 4ª: almacén con outros usos, predominando o uso de almacén.

3. Condicións.

Cumprirán, ademais das que fixe a regulamentación vixente, as seguintes:

a) Os locais en que se prevexan postos de traballo deberán ter,como mínimo, unha superficie por cada un deles de 2 m² e un volume de 10 m³.

b) A iluminación e ventilación poderá ser natural ou artificial. Se for natural, os ocos terán unha superficie non inferior a 1/8 da superficie en planta do local. Se for artificial, exixirase a presentación dun proxecto de iluminación e acondicionamento de aire, que deberá ser aprobado polo Concello.

c) Os aseos axustaranse ao previsto na normativa de seguridade e hixiene no traballo e, como mínimo, contarán con aseos independentes para os dous sexos, a razón dun inodoro, un urinario, un lavabo e unha ducha por cada grupo de 20 obreiros ou fracción.

Os aseos en industrias con máis de 50 traballadores cumprirán tamén as condicións exixidas na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras, así como no regulamento que a desenvolve (Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro).

d) Os edificios destinados a uso industrial cumprirán as condicións establecidas na NBE-CPI/96 ou norma que a substitúa e os materiais empregados na construción disporán ademais das características acústicas que eviten a emisión ao exterior do edificio de ruídos a intensidades superiores ás establecidas.

e) Se as augas residuais non reunisen, a xuízo dos servizos técnicos municipais correspondentes, as debidas condicións para a súa vertedura á rede de sumidoiros pública, terán que ser sometidas á depuración previa por procedementos adecuados, co fin de que se cumpran as condicións que sinala o Regulamento de actividades molestas, nocivas, insalubres e perigosas e demais disposicións vixentes.

f) Nos edificios con máis de 50 traballadores reservaranse prazas de aparcadoiro adaptadas tan preto como sexa posible dos accesos peonís e de forma permanente, que cumprirán coas condicións establecidas na lei e no Regulamento sobre accesibilidade e supresión de barreiras.

Artigo 23. Uso de equipamentos e servizos

1. Definición e clasificación.

Para os efectos deste proxecto sectorial, dentro do uso de equipamentos e servizos englóbanse todas aquelas actividades complementarias ao servizo do uso principal.

Dentro do uso de equipamentos e servizos establécense os seguintes:

– Equipamentos: docente, sanitario, sociocultural e deportivo.

– Servizos: oficinas, comedor, laboratorio, vestiarios, vivenda.

2. Condicións particulares.

a) Os equipamentos e servizos citados anteriormente, agás o deportivo, poderán situarse en edificio exclusivo ou compartindo edificio con outros usos.

b) O uso de vivenda cumprirá as seguintes condicións:

– Permítese coa función exclusiva de residencia de persoal destinado a gardaría e vixilancia das instalacións e poderá situarse á parte ou integrada en edificio con outros usos que non sexan industriais.

– Cumprirán as condicións de habitabilidade establecidas no Decreto 311/1992, do 12 de novembro, da Xunta de Galicia, e as recollidas nas presentes normas.

– As vivendas serán obrigatoriamente exteriores con fronte mínimo de 5 m á rúa ou espazo libre. Admítese unha vivenda cunha superficie máxima de 100 m².

c) Os demais equipamentos e servizos cumprirán coa regulamentación e normativa vixente.

Artigo 24. Uso de garaxe-aparcadoiro

1. Definición.

Denomínase garaxe-aparcadoiro a todo lugar destinado á estancia de vehículos de calquera clase.

2. Clasificación.

Establécense as seguintes categorías:

Categoría 1ª: garaxe-aparcadoiro en espazos anexos á rede viaria.

Categoría 2ª: garaxe-aparcadoiro en espazos libres de parcelas.

Categoría 3ª: garaxe-aparcadoiro en sotos de edificios.

3. Condicións.

Ademais das disposicións que fixa a regulamentación vixente, os garaxes-aparcadoiros cumprirán as seguintes condicións:

a) Considérase praza de aparcadoiro un espazo mínimo de 2,50 m × 5,00 m libre de obstáculos. A superficie de aparcadoiro mínima por praza, incluíndo a parte proporcional de accesos, non será inferior a 20 m².

b) Do total de prazas de aparcadoiro reservarase, en función dos usos, un número de prazas para usuarios discapacitados, que se calculará en función da capacidade total do aparcadoiro, de acordo coa proporción que se establece no código de accesibilidade do Regulamento sobre accesibilidade e supresión de barreiras (Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro). Estas prazas terán unha superficie rectangular mínima de 3,50 m × 5 m.

As prazas adaptadas, itinerarios e espazos anexos, cumprirán as condicións establecidas no artigo 37 e na base 3 do código de accesibilidade contido no Regulamento sobre accesibilidade e supresión de barreiras (Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro).

Artigo 25. Uso de espazos libres e zonas verdes

1. Definición e condicións.

a) Comprende os espazos destinados á mellora das condicións estéticas e ambientais do recinto de Ence.

b) Os espazos libres e zonas verdes regúlanse nas ordenanzas particulares.

Artigo 26. Uso viario

1. Teñen uso viario os espazos destinados ao transporte de persoas e mercadorías, así como os que permiten a permanencia destes estacionados.

2. Sen prexuízo do establecido nas ordenanzas particulares, a rede viaria interna axustarase ás determinacións contidas no Regulamento sobre accesibilidade e supresión de barreiras.

Artigo 27. Uso de infraestruturas de servizos

1. Teñen a consideración de uso de infraestruturas de servizos todos os espazos destinados ás infraestruturas de abastecemento de auga, saneamento e subministración de enerxía eléctrica, así como a depuradora de augas residuais, a planta de transformación de enerxía eléctrica e a planta de filtración de auga industrial.

2. As infraestruturas de servizos cumprirán as condicións establecidas nas normas de urbanización destas ordenanzas reguladoras.

TÍTULO IV
Normas de estética

Artigo 28. Condicións xerais

A composición das edificacións estará acorde coas existentes e, en todo caso, coas exixencias contidas nos números seguintes:

1. Extremarase o coidado estético das fachadas que dean fronte ás estradas que bordean o ámbito do complexo industrial de Ence, así como de todas aquelas fachadas que poidan verse desde espazos públicos.

2. Os paramentos das naves coincidentes cos límites do complexo industrial de Ence ou coas zonas destinadas a equipamento, espazos libres e verdes e aparcadoiro serán tratados como fachadas.

3. En xeral, prohíbese o emprego de materiais de deficiente conservación, así como a utilización nos paramentos exteriores de pinturas doadamente alterables polos axentes atmosféricos ou de combinacións agresivas de cor.

4. As construcións auxiliares e instalacións complementarias da actividade industrial deberán ofrecer un nivel de acabamento digno.

TÍTULO V
Normas de accesibilidade, seguridade e hixiene

CAPÍTULO I
Condicións de accesibilidade

Artigo 29. Condicións xerais

Son as condicións a que teñen que someterse as edificacións para os efectos de garantir a accesibilidade adecuada aos distintos locais e pezas, instalacións ou servizos propios que as compoñen, sendo de obrigado cumprimento as disposicións contidas na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia (en diante LASB), e no Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, polo que aproba o Regulamento de desenvolvemento e execución da Lei de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia (en diante RASB).

De acordo co establecido no artigo 13 da LASB e no artigo 27 do RASB, as disposicións contidas na lei citada serán de aplicación aos edificios de uso público, entendendo por estes os establecidos nos ditos artigos, entre os cales se inclúe o uso industrial cando conte con 50 ou máis traballadores.

CAPÍTULO II
Condicións de seguridade e hixiene

Artigo 30. Condicións xerais

1. As edificacións axustaranse ás disposicións establecidas na lexislación laboral, sanitaria e sectorial vixente, así como ás disposicións contidas nas normas de protección ambiental desta normativa.

2. Os semisotos poderanse dedicar a locais de traballo cando os ocos de ventilación teñan unha superficie non menor a 1/8 da superficie útil do local.

3. Os sotos non se poderán utilizar como locais de traballo.

4. Ademais da normativa sobre emisións á atmosfera, augas residuais, ruídos e vibracións establecida nas normas de protección ambiental destas ordenanzas reguladoras, tamén serán de aplicación:

– A Ordenanza xeral de hixiene e seguridade no traballo, do 9 de marzo de 1971, e demais disposicións complementarias.

– O Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas, do 30 de novembro de 1961.

– A regulamentación contra incendios e, en particular, a NBE-CPI/96 ou norma que a substitúa.

TÍTULO VI
Normas de urbanización

Artigo 31. Rede viaria

1. As calzadas deberán realizarse con firmes flexibles, empregando en xeral firmes asfálticos, a base de mesturas bituminosas en quente.

2. O pavimento das beirarrúas será antiescorregadizo.

3. O deseño e a dimensión de beirarrúas, bordos, accesos a edificios etc. axustarase ademais ás disposicións contidas na LASB e no RASB.

Artigo 32. Rede de abastecemento de auga

Axustarase ás exixencias da actividade, cumprindo o mesmo nivel de especificacións técnicas das instalacións xa existentes no complexo industrial.

Artigo 33. Rede de saneamento

Axustarase ás exixencias da actividade, cumprindo o mesmo nivel de especificacións técnicas das instalacións xa existentes no complexo industrial.

Artigo 34. Redes de enerxía eléctrica

Axustarase ás exixencias da actividade, cumprindo o mesmo nivel de especificacións técnicas das instalacións xa existentes no complexo industrial.

TÍTULO VII
Normas de protección ambiental

Artigo 35. Protección do ambiente

1. Con carácter xeral, para a protección do ambiente teranse en conta as determinacións contidas na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia.

2. De acordo co disposto na disposición transitoria segunda da dita lei e mentres non se aproben as normas reguladoras de desenvolvemento desta, tamén se terá en conta o disposto nos seguintes decretos:

– Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia.

– Decreto 327/1991, do 20 de outubro, de avaliación de efectos ambientais de Galicia.

– Decreto 2414/1961, do 30 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas.

Artigo 36. Protección das augas

1. A protección das augas, así como a regulación das verteduras de actividades que poidan contaminar o dominio público hidráulico, realizarase conforme o disposto na Lei 29/1985, do 2 de agosto, de augas, e no Regulamento de dominio público hidráulico aprobado por Real decreto 849/1986, do 11 de abril.

2. No caso de que unha vertedura industrial de augas residuais se vaia realizar na rede de saneamento xeral, teranse en conta as seguintes limitacións:

a) En relación á protección da rede de sumidoiros.

Ningunha persoa física ou xurídica descargará, depositará ou permitirá que se descargue ou deposite ao sistema de saneamento calquera auga residual que conteña:

a1) Aceites e graxas: concentracións ou cantidades de sebos, ceras, graxas e aceites totais que superen os índices de calidade dos afluentes industriais, xa sexan emulsións ou non, ou que conteñan substancias que poidan solidificar ou volverse viscosas a temperaturas entre 0 e 40 graos centígrados no punto de descarga.

a2) Mesturas explosivas: líquidos, sólidos ou gases que pola súa natureza e cantidade sexan ou poidan seren suficientes, por si sós ou por interacción con outras substancias, para provocar lumes ou explosións ou seren prexudiciais en calquera outra forma ás instalacións de rede de sumidoiros ou ao funcionamento dos sistemas de depuración. En ningún momento dúas medidas sucesivas cun explosímetro, no punto de descarga á rede de sumidoiros, deberán ser superiores ao 5 % do límite inferior de explosividade. Os materiais prohibidos inclúen, en relación non exhaustiva: gasolina, queroseno, nafta, benceno, tolueno, xileno, ésteres, alcohois, cetonas, aldehidos, peróxidos, cloratos, percloratos, bromatos, carburos, hidruros e sulfuros.

a3) Materiais nocivos: sólidos, líquidos ou gases fedorentos ou nocivos, que xa sexa por si sós ou por interacción con outros refugallos, sexan capaces de crear unha molestia pública, ou perigo para a vida, ou que sexa ou que poidan ser suficientes para impedir a entrada nun sumidoiro para o seu mantemento ou reparación.

a4) Refugallos sólidos ou viscosos: refugallos sólidos ou viscosos que provoquen ou poidan provocar obstrucións no fluxo de sumidoiros e interferir en calquera outra forma co axeitado funcionamento do sistema de depuración. Os materiais prohibidos inclúen en relación non exhaustiva: lixo non triturado, tripas ou tecidos de animais, esterco ou sucidades intestinais, ósos, pelos, peles ou carnadas, entrañas, plumas, cinza, escouras, areas, cal, pos de pedra ou mármore, metais, vidro, palla, labras, recortes de céspede, trapos, grans, lúpulo, refugallos de papel, madeiras, plásticos, alcatrán, pinturas, residuos do procesado de combustibles ou aceites lubricantes e substancias similares.

a5) Substancias tóxicas inespecíficas: calquera substancia tóxica en cantidades non permitidas por outras normativas ou leis aplicables, compostos por químicos ou substancias capaces de producir olores indesexables, ou toda substancia que non sexa susceptible de tratamento ou que poida interferir nos procesos biolóxicos ou na eficiencia do sistema de tratamento ou que pase a través do sistema.

a6) Materiais coloreados: materiais con coloracións obxecionais, non eliminables co proceso de tratamento empregado.

a7) Materiais quentes: a temperatura global da vertedura non superará os 40 graos centígrados.

a8) Refugallos corrosivos: calquera refugallo que provoque corrosión ou deterioración da rede de sumidoiros ou no sistema de depuración. Todos os refugallos que se descarguen á rede de sumidoiros deben ter un valor do índice de pH comprendido no intervalo de 5,5 a 10 unidades. Os materiais prohibidos inclúen, en relación non exhaustiva: ácidos, bases, sulfuros, sulfatos, cloruros, e fluoruros concentrados e substancias que reaccionen coa auga para formar produtos ácidos.

a9) Gases ou vapores: o contido en gases ou vapores nocivos ou tóxicos (tales como os citados no anexo nº 2 do Regulamento de actividades molestas, nocivas e perigosas, do 30 de novembro de 1961), deben limitarse na atmosfera de todos os puntos da rede, onde traballe ou poida traballar o persoal de saneamento, aos valores máximos sinalados no citado anexo nº 2.

Para os gases máis frecuentes, as concentracións máximas permisibles na atmosfera de traballo serán:

– Dióxido de xofre: 5 partes por millón.

– Monóxido de carbono: 100 partes por millón.

– Cloro: 1 parte por millón.

– Sulfuro de hidróxeno: 20 partes por millón.

– Cianuro de hidróxeno: 10 partes por millón.

Para tal fin, limitarase nas verteduras o contido en substancias potencialmente produtoras de gases ou vapores a valores tales que impidan que, nos puntos próximos ao de descarga da vertedura, onde poida traballar o persoal, se superen as concentracións máximas admisibles.

a10) Índices de calidade: as verteduras de augas residuais á rede da rede de sumidoiros non deberán superar as seguintes concentracións máximas que se relacionan:

Parámetro

Valores límite

Aluminio (mg/l)

1

Arsénico (mg/l)

0,5

Bario (mg/l)

20

Boro (mg/l)

2

Cadmio (mg/l)

0,1

Cromo III (mg/I)

2

Cromo IV (mg/l)

0,2

Ferro (mg/l)

2

Manganeso (mg/l)

2

Níquel (mg/l)

2

Mercurio (mg/l)

0,05

Chumbo (mg/l)

0,2

Selenio (mg/l)

0,03

Estaño (mg/l)

10

Cobre (mg/l)

0,2

Cinc (mg/l)

3

Tóxicos metálicos (J)

3

Cianuros (mg/l)

0,5

Cloruros (mg/l)

2.000

Sulfuros (mg/l)

1

Sulfitos (mg/l)

1

Sulfatos (mg/l)

2.000

Fluoruros (mg/l)

6

Fósforo total (mg/l)

10

Fósforo total (mg/l)

0,5

Amoníaco (mg/l)

15

Nitróxeno nítrico (mg/l)

10

Aceites e graxas (mg/l)

20

Fenois (mg/l)

0,5

Aldehidos (mg/l)

1

Deterxentes (mg/l)

2

Pesticidas (mg/l)

0,05

A disolución de calquera vertedura de augas residuais practicada coa finalidade de satisfacer estas limitacións será considerada unha infracción a esta ordenanza, salvo en casos declarados de emerxencia ou perigo.

a11) Refugallos radiactivos: refugallos radioactivos ou isótopos de tal vida media ou concentración que non cumpran cos regulamentos ou ordes emitidos pola autoridade pertinente, da cal dependa o control sobre o seu uso, que provoquen ou poidan provocar danos ou perigos para as instalacións ou ás persoas encargadas do seu funcionamento.

a12) Non obstante, as verteduras quedarán condicionadas a que o concello dispoña doutras limitacións debido ás condicións de depuración municipal.

b) En relación á protección da estación depuradora.

– Non se admitirán corpos que poidan producir obstrucións nas conducións e grupos de bombeo.

– Non se admitirán substancias capaces de producir fenómenos de corrosión e/ou abrasión nas instalacións electromecánicas.

– Non se admitirán substancias capaces de producir escumas que interfiran as operacións das sondas de nivel e/ou afecten as instalacións eléctricas, así como os procesos de depuración.

– Non se admitirán substancias que poidan producir fenómenos de flotación e interferir os procesos de depuración.

c) En relación coa composición química e biolóxica do efluente.

Será obrigatorio en calquera caso que as verteduras admitidas na depuración conxunta non supere os límites de concentración seguintes:

– Materiais en suspensión: 1000 ppm.

– Materiais sedimentables: 10 ml/l.

– DBO: 1000 ppm.

– DEO: 1000 ppm.

– Relación DEO/DBO: 2.

– Sulfuros: 5 ppm.

– Cianuros: 2 ppm.

– Formol: 20 ppm.

– Dióxido de xofre: 5 ppm.

– Cromo hexavalente: 0,5 ppm.

– Cromo total: 5 ppm.

– Cobre: 3 ppm.

– Níquel: 5 ppm.

– Cinc: 10 ppm.

3. Os establecementos industriais que produzan augas residuais cuxas composicións cualitativas ou cuantitativas sexan superiores aos límites establecidos anteriormente estarán obrigados a depurar as súas augas previamente á súa vertedura a colectores públicos.

TÍTULO VIII
Normas e ordenanzas particulares

CAPÍTULO I
Normas particulares dos sistemas xerais

Artigo 37. Ámbito de aplicación e clasificación

1. Para os efectos do presente proxecto sectorial, neste capítulo establécese a regulación dos sistemas xerais que puidesen afectar, pola súa condición de lindeiro ou proximidade, o ámbito de Ence.

2. Dentro dos sistemas xerais, diferéncianse os seguintes:

a) Sistema xeral viario.

b) Sistema xeral ferroviario.

c) Sistema xeral de infraestruturas de servizos.

Artigo 38. Sistema xeral viario

1. Para os efectos do presente proxecto sectorial, dentro do sistema xeral viario distínguense as seguintes vías:

– Estrada N-558 (acceso ao porto de Marín).

– Acceso á autoestrada A9 desde a estrada N-558.

– Estrada C-550 (Fisterra a Tui pola costa).

2. O funcionamento, réxime e control das estradas citadas anteriormente regularanse polas determinacións contidas na Lei 25/1988, do 29 de xullo, de estradas estatais (estrada N-558 e acceso á autoestrada A9), e na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia (estrada C-550).

3. Limitacións da propiedade. Liña límite de edificación e de peche.

De conformidade coas determinacións contidas na Lei 25/1988, do 29 de xullo, de estradas estatais e na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, as liñas límite de edificación e de peche serán as seguintes:

a) Estradas estatais:

– Estrada N-558.

* Liña de edificación: a 25 m, medidos horizontalmente desde a aresta exterior da calzada.

– Acceso á autoestrada A9.

* Liña de edificación: a 50 metros, medidos horizontalmente desde a aresta exterior da calzada.

b) Estradas de titularidade da Xunta de Galicia:

– Estrada C-550 (rede primaria básica).

* Liña de edificación: 12 metros, medidos horizontal e perpendicularmente ao eixe da calzada máis próxima, desde a aresta exterior da explanación.

Artigo 39. Sistema xeral ferroviario

1. Para os efectos do presente proxecto sectorial, o sistema xeral ferroviario está integrado pola liña Pontevedra-Marín, cuxo trazado limita polo sur o ámbito territorial de Ence.

2. O sistema ferroviario regúlase polas disposicións contidas na Lei 16/87, do 30 de xullo, de ordenación de transportes terrestres, e no Regulamento para o seu desenvolvemento aprobado polo Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro (BOE nº 241, do 8 de outubro).

De conformidade coas disposicións contidas na dita lei e no regulamento para o seu desenvolvemento, as limitacións ao uso dos terreos lindeiros co ferrocarril establécense mediante as zonas de dominio público, servidume e afección. Estas zonas esténdense a ambos os dous lados da vía e a súa largura, medida sempre desde a aresta exterior da explanación, será a establecida no gráfico adxunto:

Zonas de limitación de uso establecidas polo Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres (28.9.1990)

CHAN URBANO

CHAN NON URBANO

Artigo 40. Sistema xeral de infraestruturas de servizos

1. Condicións xerais.

a) Para os efectos do presente proxecto sectorial, o sistema xeral de infraestruturas de servizos está integrado polas construcións, instalacións e espazos asociados destinados á conexión do ámbito de Ence coas infraestruturas xerais de abastecemento de auga, evacuación e depuración de augas residuais e subministración de enerxía eléctrica.

b) As instalacións de infraestruturas de servizos poderán dar lugar á imposición de servidumes e proteccións de acordo coa lexislación vixente, así como coa regulamentación específica que en cada caso lle sexa de aplicación.

c) En todo caso, deberán terse en conta as bandas de protección e servidume sinaladas nos correspondentes planos.

2. Condicións particulares das liñas eléctricas.

a) As condicións establecidas na presente epígrafe son de aplicación tanto ás instalacións de transporte, que comprenden os tendidos das liñas e as súas estruturas de soporte, como ás de modificación da súa tensión.

b) Os terreos, así como as construcións, instalacións e plantacións de arboredo etc, que puidesen situarse nas proximidades das liñas áreas eléctricas de alta tensión, estarán suxeitos ás servidumes, limitacións e demais condicións establecidas no Regulamento de liñas eléctricas aéreas de alta tensión, aprobado polo Decreto do Ministerio de Industria 3151/1968, do 28 de novembro, na Lei do 18 de marzo de 1966 e no Decreto do 20 outubro de 1966.

c) As distancias que deben gardar as plantacións de árbores e a construcción de edificios e instalacións respecto da proxección vertical das liñas serán, en función da tensión da liña eléctrica V medida en kV, as seguintes:

c1) Bosques, árbores e masas de arboredo:

– 1,5 + V/100 m, cun mínimo de 2 metros.

c2) Edificacións e construcións:

– Distancias a liñas sobre soportes accesibles a persoas: 3,3 + V/100 m, cun mínimo de 5 m.

– Distancias a liñas sobre soportes non accesibles a persoas: 3,3 + V/150 m, cun mínimo de 4 m.

CAPÍTULO II
Normas particulares de cada zona

Artigo 41. Ámbito de aplicación

As determinacións particulares contidas neste capítulo definen os aproveitamentos e os usos do chan e da edificación, en cada unha das zonas en que se dividiu o ámbito do complexo industrial de Ence.

Artigo 42. División en zonas

O ámbito do proxecto sectorial empresarial dividiuse en zonas nas cales serán de aplicación as seguintes ordenanzas:

– Ordenanza 1: Industrial.

– Ordenanza 2: Equipamentos e servizos.

– Ordenanza 3: Zonas verdes e espazos libres.

– Ordenanza 4: Viario.

– Ordenanza 5: Aparcadoiros.

– Ordenanza 6: Infraestruturas de servizos.

Artigo 43. Ordenanza 1: Edificación industrial

1. Ámbito de aplicación.

Esta ordenanza será de aplicación nas zonas do ámbito do proxecto sectorial, sinaladas no plano número 11.3 coa denominación 0-1.

2. Condicións de edificación.

a) Tipoloxía.

A edificación poderá adoptar a tipoloxía á parte e/ou acaroada, de acordo coas necesidades e exixencias da actividade.

b) Aliñacións e rasantes.

As aliñacións corresponderanse coas establecidas no plano número 11.3.

c) Recuamentos mínimos.

– Recuamento a vías: non se exixe.

– Recuamento aos límites do complexo industrial: 5 metros, salvo que no plano número 11.3 se sinale un recuamento superior, caso en que deberá de respectarse este último.

– En todo caso, deberán respectarse as distancias á estrada N-558 e ao ferrocarril.

d) Ocupación máxima.

Establécese unha ocupación máxima por edificación no ámbito do proxecto sectorial do 60 % da superficie total do ámbito e do 85 % nos espazos destinados a uso industrial.

e) Edificabilidade máxima.

Establécese unha edificabilidade bruta máxima no ámbito do proxecto sectorial de 0,60 m²/m², e unha edificabilidade de 0,85 m²/m² nos espazos destinados a uso industrial.

f) Altura máxima e número de plantas.

Establécense pormenorizadamente para cada un dos edificios ou instalacións seguintes:

0. Dixestores.

Os dixestores contidos no edificio son recipentes verticais dunha altura duns 12 m; a esta altura está situada a primeira planta, na cal están as bocas de enchedura de estela e na cal que o persoal traballa e controla o proceso.

Por enriba deste nivel está situada a moega de carga de estelas, que ten unha altura duns 3 m e por enriba dela, a uns 2 m, está unha cinta transportadora que se posiciona segundo o dixestor que se queira cargar e, pola súa vez, sobre esta, e a 3 m por enriba, está a cinta transportadora que trae as estelas do silo. Sobre esta necesítanse 5 m libres para a operación dos polipastos de elevación de mantemento dos equipamentos.

13. Turbina.

A turbina sitúase sobre a primeira planta, que está a 5 m de altura, a cal é necesaria para permitir a disposición axeitada das canalizacións de extracción de vapor e o acceso a todos os mecanismos situados na parte inferior do turbo alternador, así como os depósitos de aceite hidráulico.

Por riba deste nivel, o corpo da turbina e o alternador ten unha altura duns 3 m de altura. A nave necesita unha ponte-guindastre para operación de mantemento situado a 7 m da base da turbina. As cambas da cuberta completan os 15 m indicados.

14. Sala de distribución eléctrica en MT.

É un edificio de baixo e planta duns 10 m de altura. Na planta baixa sitúanse as cabinas cos disxuntores de media tensión que requiren unha altura de 4 m baixo o forxado da primeira planta. Na primeira planta sitúanse as instalacións de ventilación, aire acondicionado e demais instalacións auxiliares, así como o cuarto de mantemento. A altura libre necesaria nesta primeira planta é duns 3 m. A altura das cambas eleva o total a 10 m de altura.

15. Caldeira de recuperación.

A caldeira actual require unha altura total de 55 m.

16. Planta de tratamento de auga.

A primeira planta soporta os depósitos de resinas cambiadoras que teñen uns 3,5 m de altura, incluídas as patas. A altura libre debaixo do forxado deberá ser, como mínimo, de 4 m para permitir o paso destes depósitos e sobre eles, na primeira planta, necesítase unha ponte-guindastre para manipulación destes e operacións de mantemento, que deberá estar situada a uns 4 m por enriba da parte máis alta dos depósitos. Isto fai un total duns 12 m.

18. Edificio dos filtros de lavado.

Na cota cero do edificio sitúanse as tinas de pasta, as de rexeitamentos de depuración, as de nós así como varios depósitos auxiliares. Igualmente nesta cota sitúanse as bombas de licor débil e de auga quente e morna etc. Dado o volume e peso dos equipamentos citados, é necesario dispoñer de polipastos de elevación para mantemento, o que obriga a dispoñer dunha altura libre duns 6 m. Sobre o forxado da primeira planta sitúanse os depósitos de licor negro de lavado e as bombas de pasta de cada unha das etapas. Para albergar estes equipos requírese unha altura libre de 5 m.

Sobre o forxado da segunda planta sitúanse os filtros de lavado que teñen unha altura duns 5 m. Para posibilitar o traballo da ponte-guindastre situada sobre eles, este debe estar a unha altura sobre o forxado da segunda planta que sexa superior ao dobre da altura dos filtros.

As cambas da cuberta fan que a altura total sexa de 25 m.

22. Edificio de branqueo.

A configuración deste edificio é a mesma que a do de lavado, debido a que se dá unha repetición dos equipamentos necesarios na mesma disposición.

26. Sala de compresores.

Os compresores teñen unha altura duns 2 m. Ademais, están situados os depósitos acumuladores de aire comprimido de planta e de instrumentación que teñen unha altura duns 4 m. Dado que hai unha ponte-guindastre para mantemento, necesítase un total de 7 m.

27. Taller eléctrico.

É unha nave con ponte-guindastre que require 7 m de altura para o movemento interno con seguridade para as persoas.

28. Taller mecánico.

É unha nave con ponte-guindastre que require 7 m de altura para o movemento interno con seguridade para as persoas.

29. Taller de soldadura.

É unha nave con ponte-guindastre que require 7 m de altura para o movemento interno con seguridade para as persoas.

30. Almacén de corpos pesados e vestiario.

É unha nave con ponte-guindastre que require 10 m de altura para o movemento interno de pezas pesadas de gran tamaño con seguridade para as persoas.

31. Nave de descarga de camións de cortiza.

É unha nave na cal descargan os camións con caixa abatible de gran tamaño que transportan a cortiza para alimentar a caldeira de biomasa. Terá uns 15 m de altura porque a caixa abatible pode chegar a ter uns 10 m e colócase case verticalmente.

32. Caldeira de fuel.

Terá uns 40 m porque esta é a altura da caldeira.

34. Secapastas F-III.

É unha nave industrial de baixo e planta duns 15 m de altura que alberga as máquinas de secado e embalado da pasta de celulosa.

Na cota cero sitúanse as bombas de baleiro, tinas de pasta, tinas de augas brancas, depuración de pasta etc. Necesítase para iso unha altura libre de 4 m. Sobre o forxado da primeira planta colócase a máquina de secado e a sección de prensas. Esta última ten unha altura duns 5 m.

O secadoiro da pasta, que se apoia na cota cero e que non ten forxado da primeira planta na súa área, chega ata a mesma altura que a sección de prensas. Por enriba desta debe pasar unha ponte-guindastre para o movemento de pezas de 1 m de diámetro e moi pesadas. A ponte-guindastre debe estar a unha altura duns 12 m. Os 3 m das cambas ocupan o resto.

3. Condicións de uso.

a) Uso característico:

– Industrial.

b) Usos permitidos:

– Industrial en todas as categorías.

– Os complementarios de uso industrial como: oficinas, comedores, vestiarios, laboratorios, vivenda (esta última coas condicións establecidas no artigo 23 destas normas), así como espazos libres e zonas verdes e garaxe aparcadoiro.

4. Condicións de estética e de accesibilidade, seguridade e hixiene.

Serán de aplicación as establecidas nos títulos IV e V destas ordenanzas reguladoras.

Artigo 44. Ordenanza 2: Equipamentos e servizos

1. Ámbito de aplicación.

Esta ordenanza será de aplicación nas zonas do ámbito do proxecto sectorial sinaladas no plano número 11.3, coa denominación (0-2).

2. Condicións de edificación.

a) Tipoloxía.

Edificación exenta.

b) Aliñacións.

As aliñacións correspóndense coas establecidas no plano número 11.3.

c) Recuamentos mínimos.

– Recuamento a vías: non se exixen.

– Recuamento aos límites do complexo industrial: 5 metros, salvo que no plano número 11.3 se sinale un recuamento superior, caso en que se deberá respectarse este último.

En todo caso, deberán respectarse as distancias á estrada N-558 e ao ferrocarril.

d) Edificabilidade máxima: 0,9 m²/m².

e) Altura máxima e número de plantas.

– A altura máxima da edificación contada a partir da rasante do terreo no centro da fachada, ata a cara inferior do último forxado construído de 7 metros.

– Número de máximo de plantas permitidas: baixo e planta.

3. Condicións de uso.

Nos espazos destinados a equipamento permítense os usos complementarios ou ao servizo da actividade industrial, como equipamento docente, sanitario, sociocultural, deportivo, os servizos de oficinas, comedor, vestiarios, laboratorio e análogos.

4. Condicións de estética e de accesibilidade, seguridade e hixiene.

Serán de aplicación as establecidas nos títulos IV e V destas ordenanzas reguladoras.

Artigo 45. Ordenanza 3: Zonas verdes

1. Ámbito de aplicación.

Esta ordenanza será de aplicación no ámbito do proxecto sectorial sinalado no plano número ll.3, coa denominación (0-3).

2. Condicións de uso.

Estas zonas deberán urbanizarse coas súas correspondientes sendas, encintados e acondicionamento vexetal.

Artigo 46. Ordenanza 4: Vías

1. Ámbito de aplicación.

Esta ordenanza será de aplicación á rede viaria interna do ámbito do proxecto sectorial, sinaladas no plano 11.3, coa súa cor correspondente.

2. Condicións de uso.

a) Calzadas: destinaranse ao uso libre do tránsito.

b) Beirarrúas: destinaranse ao uso exclusivo do tránsito peatonal.

c) Aparcadoiros: destinaranse á permanencia de vehículos estacionados.

Artigo 47. Ordenanza 5: Aparcodoiros

1. Ámbito de aplicación

Esta ordenanza será de aplicación á rede viaria interna do ámbito do proxecto sectorial, sinalada no plano ll.3, coa súa cor correspondente.

2. Condicións de uso.

Cumprirán as condicións establecidas no artigo 24 destas ordenanzas.

Artigo 48. Ordenanzas 6: Infraestruturas de servizos

1. Ámbito de aplicación.

Esta ordenanza será de aplicación ás zonas do ámbito do proxecto sectorial sinaladas no plano 11.3, coa súa cor correspondente.

2. Condicións de uso.

Estes espazos destinaranse a implantar as infraestruturas de servizos necesarias para o funcionamento da actividade e para o saneamento e depuración das verteduras xeradas, como a estación depuradora de augas residuais, a planta de transformación de enerxía eléctrica, a planta de filtrado de auga industrial etc.

missing image file
missing image file