Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Mércores, 12 de decembro de 2012 Páx. 46432

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2012, da Secretaría Xeral de Política Social, pola que se acorda a apertura da tramitación de expedientes de adopción internacional para Kazakhstán.

De conformidade co previsto no artigo 14 do Decreto 109/2012, do 22 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, corresponde á Secretaría Xeral de Política Social exercer as políticas autonómicas en materia de acción social de apoio á familia e á infancia, segundo o disposto na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, entre elas a recepción, o rexistro e a tramitación dos expedientes de adopción internacional, ben sexa directamente ou ben a través de entidades debidamente habilitadas que realicen a súa función de mediación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Secretaría Xeral de Política Social é a autoridade central designada pola Comunidade Autónoma de Galicia para a aplicación do Convenio da Haia, do 29 de maio de 1993, de protección do neno e cooperación en materia de adopción internacional.

Segundo establece o artigo 3 da Lei 54/2007, do 28 de decembro, de adopción internacional, a adopción internacional de menores respectará os principios inspiradores da Convención de dereitos do neno do 20 de novembro de 1989 e do Convenio da Haia, do 29 de maio de 1993, relativo á protección de dereitos do neno e á cooperación en materia de adopción internacional.

Así mesmo, no seu artigo 4.1 a citada lei establece as condicións que impiden a tramitación de solicitudes de adopción de menores nacionais doutro país ou con residencia habitual noutro Estado, entre elas, o caso de que no país non se dean as garantías adecuadas para a adopción e as prácticas e trámites da adopción nel non respecten o interese do menor ou non cumpran os principios éticos e xurídicos internacionais referidos no artigo 3.

No seu artigo 4.2 a dita lei dispón que as entidades públicas de protección de menores españolas poderán establecer que, con respecto a un determinado Estado, unicamente se tramiten solicitudes de adopción internacional a través de entidades colaboradoras acreditadas ou autorizadas polas autoridades de ambos os Estados cando se constate que outra vía de tramitación presenta riscos evidentes pola falta de garantías adecuadas.

A mesma lei, no seu artigo 4.4 dispón que, para os efectos da decisión que deba adoptar a entidade pública competente en cada comunidade autónoma nos supostos previstos nos números 1 e 2 deste artigo, se procurará a correspondente coordinación autonómica, e que poden someter á dita escolla á consideración previa do correspondente órgano de coordinación institucional das administracións públicas sobre adopción internacional, así como do Consello Consultivo de Adopción Internacional.

Por acordo da Comisión Interautonómica de Directores Xerais de Infancia do 8 de xullo de 2008, suspendeuse a tramitación de novos expedientes de adopción por falta de garantías na tramitación de adopcións. Este acordo mantívose ata a data.

O Estado de Kazakhstán ratificou o Convenio da Haia de Adopción Internacional con data do 9 de xullo de 2010, e entrou en vigor o 1 de novembro do mesmo ano. Con posterioridade, aprobáronse distintas normas sobre adopción internacional, entre elas o Código da República de Kazakhstán sobre o matrimonio e a familia, do 23 de febreiro de 2012, o Decreto gobernamental nº 380, do 30 de marzo de 2012, «Regras sobre o tránsito de menores cidadáns da República de Kazakhstán para adopción», o Decreto gobernamental nº 385, do 30 de marzo de 2012, «Regras sobre a acreditación de axencias de adopción» e o Decreto gobernamental nº 404, do 30 de marzo de 2012, «Lista de enfermidades que denegan a unha persoa o dereito a adoptar un menor e a asumir a súa custodia, representación ou patria potestade». Entre outros aspectos esta normativa establece que a adopción internacional é subsidiaria respecto da nacional e unicamente poderá tramitarse a través de axencias de adopción.

A Comisión Interautonómica de Directores Xerais de Infancia do 16 de outubro de 2012, á vista do grao de seguridade xurídica que ofrece a nova normativa aprobada logo da ratificación do Convenio da Haia de Adopción Internacional, acordou levantar a suspensión da tramitación de expedientes para Kazakhstán, que poderá realizarse unicamente a través de Entidades Colaboradoras de Cooperación Internacional (ECAI).

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

Levantar a suspensión na tramitación de expedientes de adopción internacional para Kazakhstán. A tramitación de solicitudes poderá realizarse a través das ECAI que, se é o caso, habilite esta Comunidade Autónoma ou, na súa falta, a través de ECAI acreditadas noutras comunidades autónomas, logo de autorización destas.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2012

María del Coro Piñeiro Vázquez
Secretaria xeral de Política Social