Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Mércores, 12 de decembro de 2012 Páx. 46430

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2012, da Secretaría Xeral de Política Social, pola que se acorda a suspensión na tramitación de expedientes de adopción internacional para Etiopía.

De conformidade co previsto no artigo 14 do Decreto 109/2012, do 22 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, corresponde á Secretaría Xeral de Política Social exercer as políticas autonómicas en materia de acción social de apoio á familia e infancia, segundo o disposto na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, entre elas a recepción, o rexistro e a tramitación dos expedientes de adopción internacional, ben sexa directamente ou ben a través de entidades debidamente habilitadas que realicen a súa función de mediación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Secretaría Xeral de Política Social é a autoridade central designada pola Comunidade Autónoma de Galicia para dar cumprimento ás obrigas que impón o Convenio da Haia, do 29 de maio de 1993, de protección do neno e cooperación en materia de adopción internacional.

Segundo establece o artigo 3 da Lei 54/2007, do 28 de decembro, de adopción internacional, a adopción internacional de menores respectará os principios inspiradores da Convención de Dereitos do Neno do 20 de novembro de 1989 e do Convenio da Haia, do 29 de maio de 1993, relativo á protección de dereitos do neno e á cooperación en materia de adopción internacional.

Así mesmo, no seu artigo 4.1º a citada lei establece que non se tramitarán solicitudes de adopción de menores nacionais doutro país ou con residencia habitual noutro Estado cando no país non se dean as garantías adecuadas para a adopción e as prácticas e trámites da adopción nel non respecten o interese do menor ou non cumpran os principios éticos e xurídicos internacionais referidos no artigo 3.

A mesma lei, no seu artigo 4.3º dispón que, para os efectos da decisión que deba adoptar a entidade pública competente en cada comunidade autónoma nos supostos previstos nos números 1 e 2 deste artigo, procurarase a correspondente coordinación autonómica, e que poden someter a dita decisión á consideración previa do correspondente órgano de coordinación institucional das administracións públicas sobre adopción internacional, así como do Consello Consultivo de Adopción Internacional.

A Comisión Interautonómica de Directores Xerais de Infancia do 16 de outubro de 2012 acordou suspender a tramitación de expedientes para Etiopía, dada a situación actual da adopción no país e o elevado número de expedientes no país á espera de asignación.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

Suspender a tramitación de expedientes de adopción internacional para Etiopía e, en consecuencia, non tramitar as solicitudes de adopción internacional para Etiopía que se presenten a partir da data da presente resolución.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2012

María del Coro Piñeiro Vázquez
Secretaria xeral de Política Social