Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Mércores, 12 de decembro de 2012 Páx. 46435

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2012, da Secretaría Xeral de Política Social, pola que se acorda que a tramitación de expedientes de adopción internacional para Costa de Marfil se realice a través dunha entidade colaboradora de adopción internacional.

De conformidade co previsto no artigo 14 do Decreto 109/2012, do 22 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, corresponde á Secretaría Xeral de Política Social exercer as políticas autonómicas en materia de acción social de apoio á familia e á infancia, segundo o disposto na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, entre elas a recepción, o rexistro e a tramitación dos expedientes de adopción internacional, ben sexa directamente ou ben a través de entidades debidamente habilitadas que realicen a súa función de mediación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Secretaría Xeral de Política Social é a autoridade central designada pola Comunidade Autónoma de Galicia para dar cumprimento ás obrigas que impón o Convenio da Haia, do 29 de maio de 1993, de protección do neno e cooperación en materia de adopción internacional.

De conformidade co disposto no artigo 89.2 do Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de familia, infancia e adolescencia, as solicitudes de adopción internacional serán tramitadas pola Secretaría Xeral de Política Social ou polas entidades colaboradoras de adopción internacional debidamente acreditadas.

Segundo establece o artigo 4.2 da Lei 54/2007, do 28 de decembro, de adopción internacional, as entidades públicas de protección de menores españolas poderán establecer que, con respecto a un determinado Estado, unicamente se tramiten solicitudes de adopción internacional a través de entidades colaboradoras acreditadas ou autorizadas polas autoridades de ambos os Estados cando se constate que outra vía de tramitación presenta riscos evidentes pola falta de garantías adecuadas.

A mesma lei, no seu artigo 4.4 dispón que, para os efectos da decisión que deba adoptar a entidade pública competente en cada comunidade autónoma nos supostos previstos nos números 1 e 2 deste artigo, se procurará a correspondente coordinación autonómica e que poden someter a dita decisión á consideración previa do correspondente órgano de coordinación institucional das administracións públicas sobre adopción internacional, así como do Consello Consultivo de Adopción Internacional.

A Comisión Interautonómica de Directores Xerais de Infancia do 16 de outubro de 2012 acordou, co obxecto de incrementar as garantías nos procesos de adopción, que os expedientes de adopción internacional para Costa do Marfil se tramitasen unicamente a través de Entidades Colaboradoras de Adopción Internacional (ECAI). Aqueles expedientes que nesa data tivesen realizado a valoración de idoneidade, poderían continuar tramitándose por protocolo público.

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

Tramitar os expedientes de adopción internacional para Costa do Marfil exclusivamente a través dunha entidade colaboradora de adopción internacional. Esta tramitación poderá realizarse a través das ECAI que, se é o caso, habilite esta comunidade autónoma ou, na súa falta, a través de ECAI acreditadas noutras comunidades autónomas, logo de autorización destas.

Esta resolución non se aplicará ás solicitudes que xa teñan realizada a valoración de idoneidade en 16 de outubro, que poderán seguir tramitándose por protocolo público ou ben por ECAI, á escolla do solicitante.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Traballo e Benestar, no prazo dun mes desde a súa notificación, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2012

María del Coro Piñeiro Vázquez
Secretaria xeral de Política Social