Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Luns, 10 de decembro de 2012 Páx. 46144

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 30 de novembro de 2012 sobre a aprobación definitiva da modificación puntual do PXOM do Concello do Porriño (Pontevedra) para a harmonización das alturas máximas nas áreas e polígonos industriais.

O Concello do Porriño remite o proxecto da modificación puntual referido, en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

I.1. O Concello do Porriño dispón vixente de Plan xeral de ordenación municipal aprobado o 26 de xuño de 2003, ao abeiro da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

I.2. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible emitiu a Decisión do 6 de marzo de 2012 pola que se resolve que non é necesario proceder á avaliación ambiental estratéxica.

I.3. A CPTOPT non emitiu informe previo á aprobación inicial xa que, ao abeiro do artigo 93.4 da LOUG, resulta innecesario.

I.4. A MP foi aprobada inicialmente polo Concello Pleno do 27 de febreiro de 2012 e sometida a información pública (xornais Atlántico e Faro de Vigo do 28 de marzo e do 30 de marzo, respectivamente, e DOG do 18 de abril); así como no taboleiro de edictos da casa do concello.

1.5. Simultaneamente, déuselles audiencia aos concellos limítrofes de Gondomar, Ponteareas, Mos, Salceda de Caselas, Tui e Vigo.

1.6. No informe da Secretaría Xeral do concello do 19 de xuño de 2012 analízase o contido das dúas alegacións formuladas.

I.7. No expediente constan informes municipais previos á aprobación provisional da arquitecta municipal e da Secretaría Xeral do 19 de xuño de 2012.

I.8. A modificación puntual foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno en sesión do 27 de agosto de 2012.

II. Consideracións e fundamentación.

Analizado o proxecto de modificación puntual de referencia, e á vista da proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, observouse:

1. A finalidade da modificación puntual é a harmonización das alturas máximas autorizables nas áreas, polígonos e sectores de uso industrial do termo municipal do Porriño, axustando estas a parámetros de altura concordantes coas necesidades resultantes dos requirimentos técnicos actuais.

2. A modificación opera sobre a totalidade dos solos urbanos e urbanizables industriais do PXOM vixente.

3. O Concello do Porriño considera de manifesto interese xeral a adecuación das alturas permitidas nas instalacións industriais ás necesidades de fabricación, co fin de asegurar a continuidade da actividade económica e o mantemento dos postos de traballo.

Eses fins económicos e sociais xustifican o cumprimento do artigo 94.1 como outros fins públicos que basean o interese xeral exixido para as modificacións de planeamento.

De conformidade cos artigos 89 e 93.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións puntuais dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio, e Infraestruturas.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar definitivamente a modificación puntual do PXOM do Concello do Porriño para a harmonización das alturas máximas nas áreas e polígonos industriais, de acordo co punto 7.a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Segundo. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. De conformidade co disposto polo artigo 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e as ordenanzas da modificación aprobada definitivamente.

Cuarto. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2012

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas