Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Mércores, 28 de novembro de 2012 Páx. 44850

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 22 de outubro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da central de coxeración promovida por Rodonita Energía, S.L. en Vilalonga, no concello de Sanxenxo (Pontevedra).

Primeiro. O 15 de decembro de 2011 Rodonita Energía, S.L. solicitou a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución da central de coxeración que promove en Vilalonga, concello de Sanxenxo (Pontevedra).

Segundo. O 6 de febreiro de 2012 por acordo da Xefatura Territorial de Pontevedra someteuse a información pública a petición de autorización administrativa e aprobación de proxecto de execución da citada instalación, e publicouse no BOP nº 34, do 17 de febreiro e no DOG nº 36, do 21 de febreiro, coas seguintes características técnicas básicas:

Potencia eléctrica: 8.600 kWe.

– 2 grupos motoxeradores modelo MWM TCG2032 V16, 50 Hz, 6.600 V cunha potencia eléctrica de 4.300 kW por grupo, que utiliza gas natural como combustible

– Sistemas de refrixeración de alta temperatura (HT), composto por un aerorrefrixerador de emerxencia de HT, bombas de recirculación, intercambiador de placas e válvulas de tres vías e sensores de protección.

-Sistema de refrixeración de baixa temperatura (LT), cos seguintes compoñentes: intercambiador de emerxencia, aerorrefrixerador, bomba de recirculación, válvulas de tres vías e sensores de protección.

– Sistemas de recuperación dos gases de escape con silenciadores dos gases de escape, chemineas, misturador de gases.

– Sistema de control, protección e sincronismo do grupo motoxerador.

-Instalacións auxiliares.

-Centro de transformación con dous transformadores de 6.000 kVA con relación de transformación 6,6 V/20 kV e instalación das celas de protección e demais equipamentos eléctricos de medida.

– Centro de transformación de 630 kVA con relación de transformación 20.000/400-230 V.

Esta dirección xeral non ten constancia de que se achegase ningunha alegación.

Terceiro. O 22 de xuño de 2012 a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra emitiu informe favorable á solicitude achegada.

Cuarto. O 10 de xullo de 2012 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emitiu unha resolución sobre a avaliación ambiental do proxecto da planta de coxeración de 8,6 MW de referencia.

Quinto. O 24 de agosto de 2012 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu modificar a Resolución do 27 de maio de 2008 pola que se lle outorgou a autorización ambiental integrada a unha fábrica de produtos cerámicos, situada no concello de Sanxenxo (Pontevedra).

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 28 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, establece que a construción, explotación, modificación substancial, a transmisión e o peche de instalacións de produción de enerxía eléctrica en réxime especial estará sometida ao réxime de autorización administrativa previa, que terá carácter regrado, e cuxo outorgamento corresponde á Administración autonómica.

Segundo. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no artigo 28 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG do 17 de xuño), que atribúe á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de enerxía, modificado polo Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG do 5 de xaneiro).

Terceiro. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede

RESOLVO:

Primeiro. Autorizar administrativamente a central de coxeración promovida por Rodonita Energía, S.L., situada en Arnosa-Vilalonga, no concello de Sanxenxo (Pontevedra).

Segundo. Aprobar o proxecto de execución da devandita central, consonte o proxecto Planta de coxeración 8,6 MW. Rodonita Energía, S.L., asinado pola enxeñeira industrial Fátima Pombo Romero, colexiada nº 2.066 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse consonte as especificacións e os planos que figuran no proxecto que por esta resolución se aproba, e referido no punto segundo da súa parte dispositiva.

Segunda. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e debe comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

Terceira. O prazo para a posta en servizo das instalacións que se autorizan será de dezaoito meses contados a partir da data de notificación desta resolución.

Cuarta. A Administración reserva para si, o dereito de deixar sen efecto a presente autorización e aprobación de proxecto por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, ou por incumprimento das condicións impostas.

Quinta. Esta autorización e aprobación de proxecto de execución outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Sexta. Como requisito necesario para a aplicación do réxime especial á devandita instalación, o titular e/ou explotador deberá solicitar a inscrición definitiva no Rexistro de instalacións de produción de enerxía eléctrica en réxime especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio de 5 de xullo de 1995 (DOG do 14 de xullo), para o cal acreditará o cumprimento das condicións previstas nos artigos 11 e 12 do Real decreto 661/2007, do 25 de maio, e presentará a documentación que figure nas instrucións que dite esta dirección xeral en desenvolvemento da citada orde.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas