Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 16 de novembro de 2012 Páx. 43305

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 5 de novembro de 2012 pola que se acorda o inicio, polo procedemento de taxación conxunta, e se somete a información pública o expediente expropiatorio dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a execución do S.UR-D.-R.6, no concello de Maside, destinado á construción de vivendas de promoción pública para a erradicación do chabolismo.

O 25 de abril de 2008 asinouse un convenio de colaboración entre a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, o Instituto Galego da Vivenda e Solo da Xunta de Galicia e o Concello de Maside para a erradicación do chabolismo neste concello.

O ámbito destinado a levar a cabo a actuación sitúase próximo ao actual poboado chabolista, próximo aos núcleos urbanos de Fonteboa-Dacón e da Fontela, no concello de Maside.

O ámbito que se vai ordenar foi cualificado pola modificación puntual das NN.SS.MM do concello de Maside como solo urbanizable delimitado residencial S.UR-R6.

Foi redactado un plan parcial polos servizos técnicos do IGVS en Ourense que foi aprobado definitivamente o 10 de novembro de 2011.

A maior parte dos terreos foi adquirida polo IGVS e na actualidade faltan un total de seis parcelas por adquirir, por non se ter localizado aos seus propietarios.

O plan parcial desenvolve a área en que a modificación puntual das NN.SS.MM aprobada definitivamente o 21 de outubro de 2008 clasificaba como solo urbanizable delimitado o sector en que se desenvolve a actuación, e como solo rústico de protección de infraestruturas os terreos lindantes co ramal de enlace AP-53 coa estrada autonómica A-53 Santiago-Ourense.

Segundo dispón o artigo 98.1 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUGA), a aprobación dos instrumentos de ordenación urbanística comportará a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación dos bens e dereitos afectados aos fins de expropiación ou imposición de servidumes.

Trátase dunha expropiación urbanística e, como tal, regulada na LOUGA, no Real decreto lexislativo 2/2008, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo (TRLS) e no Real decreto 3288/1978, do 25 de agosto, que aproba o Regulamento de xestión urbanística (RXU).

Para os efectos da fixación do prezo xusto, para o seu pagamento aos propietarios afectados e ocupación dos predios afectados o IGVS formulou o proxecto de expropiación que se vai tramitar polo procedemento de taxación conxunta, de acordo co disposto nos artigos 142 e 143 da LOUGA, 29 e seguintes do TRLS e 201 e 202 do RXU.

De conformidade co previsto nos artigos 142 e 143 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, acórdase:

– Iniciar o expediente de expropiación por taxación conxunta para a execución do S.UR-R6 na Fontela, concello de Maside, destinado á construción de vivendas de promoción pública para a erradicación do chabolismo.

– Someter a información pública polo prazo de un mes, mediante inserción de anuncios no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior circulación na provincia, o expediente expropiatorio dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a execución do S.UR-R6 na Fontela, concello de Maside, destinado á construción de vivendas de promoción pública para a erradicación do chabolismo, para que quen poida resultar interesado formule as observacións e reclamacións que xulgue convenientes, en particular no que concerne á titularidade ou valoración dos seus respectivos bens ou dereitos.

Para os efectos do recoñecemento da titularidade dos bens e dereitos afectados e ao pagamento, no seu momento, do prezo xusto aprobado, os propietarios e titulares de dereitos deberán achegar os documentos ou títulos xustificativos completados con certificación rexistral destes ou, se é o caso, certificación negativa referida ao mesmo predio descrito nos títulos.

Darase audiencia ao Concello de Maside e notificarase ao Ministerio Fiscal e á Delegación Provincial do Ministerio de Economía e Facenda e publicaranse os edictos para os efectos do previsto no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

– Expoñer o expediente á disposición dos interesados no concello de Maside, na Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo, sita na rúa Sáenz Díez nº 1 de Ourense CP 32071 e nas oficinas do IGVS, sitas en Área Central s/n, polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela. Durante o dito prazo todas aquelas persoas ou entidades que se consideren afectadas poderán presentar as alegacións que consideren oportunas na Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo, sita na rúa Sáenz Díez nº 1 de Ourense CP 32071, ou en calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Incorpórase como anexo á presente a relación inicial de bens, dereitos e titulares.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2012

Antonio José Boné Pina
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo

ANEXO
Relación inicial de bens, dereitos e titulares

Nº predio

Polígono

Titular

Superficie que se vai expropiar (m2)

957

31

Descoñecido

1.575,00

965

31

Descoñecido

496,00

966

31

Descoñecido

493,00

968

31

Descoñecido

676,00

969

31

Descoñecido

952,00

971

31

Descoñecido

379,00