Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Mércores, 31 de outubro de 2012 Páx. 41016

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (205/2010).

María Adelaida Egurbide Margañón, secretaria do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fai saber que por dilixencia ditada no día da data, no proceso seguido por instancia de Fundación Laboral de la Construcción contra Construcciones Doyfra, S.L., Aplicaciones Especiales de Resinas Soleras y Aislamientos, S.L., AERSA, Construcciones Otero Laxe, S.L., Interiores Cabeza, S.L., J.M. López Regueiro; V.L. López Regueiro, S.L., Fogasa, en reclamación por ordinario, rexistrado co nº 205/2010, se acordou notificar a Construcciones Doyfra, S.L., en ignorado paradoiro, a sentenza ditada neste procedemento e que é do teor literal seguinte:

«Xulgado do Social número 2 da Coruña.

Sentenza: 575/2012.

Asunto 205/2010.

Na cidade da Coruña o 16 de xullo de 2012.

Lara Mª Munín Sánchez, xuíza substituta do Xulgado do Social número 2 da Coruña, tras ter visto os presentes autos sobre cantidades, por instancia da Fundación Laboral de la Construcción, que comparece representada polo letrado Sr. Vilanova da Costa, contra as empresas J. M. López Regueiro, V.L. López Regueiro, S.L., Construcciones Doyfra,S.L., Aplicaciones Especiales de Resinas, Soleras y Aislamientos, S.L., Construcciones Otero Laxe, S.L., Interiores Cabeza, S.L., e o Fondo de Garantía Salarial, que non comparecen, ditou a seguinte

Sentenza.

Antecedentes de feito.

Primeiro. A parte demandante Fundación Laboral de la Construcción presentou o 25.2.2010 demanda, que por quenda correspondeu ao Xulgado do Social número 2 da Coruña, na cal, tras expoñer os feitos e alegar os fundamentos de dereito que considerou pertinentes, terminaba suplicando que se ditase sentenza conforme o pedido.

Segundo. Admitida a trámite a dita demanda, sinalouse para a celebración do acto de xuízo o día 16.7.2012 e este celebrouse na data sinalada en todas as súas fases co resultado que consta na acta redactada para o efecto e quedou debidamente gravado no correspondente soporte CD. Unha vez concluído o acto do xuízo, quedaron os autos vistos para ditar sentenza.

Terceiro. Na tramitación dos presentes autos observáronse as normas legais de procedemento.

Feitos probados.

Primeiro. A demandante Fundación Laboral de la Construcción constituíuse o 4.5.2002 segundo a previsión contida na disposición adicional do convenio colectivo xeral do sector da construción, disposición na cal se prevía que o seu ámbito de actuación sería todo o territorio nacional e que o seu financiamento se nutriría fundamentalmente de achegas das administracións públicas, máis unha achega complementaria a cargo das empresas, que non podería superar o 0,1 % da masa salarial, establecida esta sobre a mesma base de cálculo das cotas da Seguridade Social. A dita achega fixouse desde o ano 2000 no 0,08 % e a partir do ano 2008 no 0,175 %.

Segundo. En acta de reunión da comisión paritaria do dito convenio do 29.12.1999 (BOE do 16 de febreiro de 2000) acordouse que A cota empresarial prevista como achega complementaria queda fixada, con efectos de primeiro de xaneiro de 2000, no 0,08 % da base de cálculo das cotas da Seguridade Social de cada traballador, cota que se mantivo ata o ano 2007 segundo acordo da dita comisión (BOE do 16 de xaneiro de 2007) e increméntase a 0,175 % en 2008 (BOE do 17 de agosto de 2007), nos cales se mantén a recarga por mora fixada no convenio subscrito coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social o día 12.7.1993 (BOE do 22 de setembro) para a recadación das cotas empresariais: 20 %.

Terceiro. As demandadas non aboaron as ditas cotas nos períodos que se indican e a demandante reclámalles as seguintes cantidades (incluída a súa recarga):

J. M. López Regueiro, V. L. López Regueiro, S.L.

1.1.2002 a 31.12.2005

697,04 €

Construcciones Doyfra, S.L.

1.1.2002 a 31.12.2005

443,38 €

Aplicaciones Especiales de Resinas Soleras y Ais, S.L.

1.1.2003 a 31.12.2005

289,61 €

Construcciones Otero Laxe, S.L.

1.1.2004 a 31.12.2005

238,91 €

Interiores Cabeza, S.L.

1.1.2004 a 31.12.2005

248,26 €

Cuarto. As empresas demandadas declararon ante a Tesouraría Xeral da Seguridade Social as bases de cotización á Seguridade Social por accidentes de traballo e enfermidades profesionais expresadas nos documentos 1 a 5 da proba da demandante, cuxo contido se dá por reproducido.

Quinto. O día 9.5.2006 a Fundación notificou cartas ás demandadas reclamándolles o pagamento das referidas cotas. Así mesmo, presentadas as papeletas de conciliación o 3.10.2006, celebrouse o preceptivo acto ante o SMAC o 20.10.2006, co resultado de intentado sen efecto e sen avinza no caso de Construcciones Otero Laxe, S.L.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Os feitos declarados como probados sono con apoio na proba practicada no acto do xuízo ao que unicamente acudiu o demandante (a pesar de estar citada a demandada); e en especial, da documental presentada, así como da utilización da facultade contida no artigo 91.2 da LPL.

Segundo.

1. A demanda debe estimarse nos termos expostos, porque na resolución desta reclamación de cantidades se deberá seguir o criterio expresado polo Tribunal Superior de Xustiza (entre outras, Sentenza 25.1.2011 R. 1574/2007), que fixa o dereito da Fundación a eses débitos contraídos por empresas da construción, determinando a exclusión da aplicación do artigo 59 do ET para os efectos dunha posible prescrición e lexitima a recarga do 20 % previsto. En palabras da sentenza citada, «debe significarse que a Fundación demandante ten como fins, segundo o artigo 3 dos seus estatutos (BOE do 13 de xaneiro de 1993) o fomento da formación profesional, o fomento da investigación, desenvolvemento e promoción de actuacións tendentes á mellora da saúde laboral e seguridade no traballo, e as prestacións por permanencia no sector, e a súa dotación económica confórmase, entre outros medios, con achegas obrigatorias das empresas comprendidas no ámbito de aplicación do convenio. Destas premisas infírese que o débito que asumen as ditas empresas non é consecuencia dun compromiso en materia de mellora de prestacións da Seguridade Social, nin desde logo constitúe unha débeda salarial, e sendo isto así nin lles pode ser aplicado o prazo de prescrición establecido no artigo 21 da Lei xeral da seguridade social, nin tampouco o fixado no artigo 59.1 do Estatuto dos traballadores. A obriga de tales empresas deriva dun compromiso acordado no convenio colectivo, que se traduce nunha achega obrigatoria a cuxo pagamento só lle pode ser aplicado, a falta doutro específico, o establecido no artigo 1.966.3 do Código civil, con carácter xeral, para as obrigas consistentes en pagamentos que se deban facer por anos ou en prazos máis breves, é dicir, o de cinco anos (…) e polo que se refire ao xuro por mora, este debe ser o aplicado do 20 % tendo en conta que este xuro é o pactado no convenio de colaboración asinado entre a Fundación Laboral de la Construcción e a Tesouraría Xeral da Seguridade Social por remisión aos mesmos tipos de recarga previstos no procedemento de recadación de recursos do sistema de seguridade social, ao establecer para a recadación das ditas cotas empresariais un modelo de boletín de cotización para cubrir pola propia fundación laboral demandante. O dito pacto entre a Fundación Laboral de la Construcción e a TXSS incorporouse ao texto do convenio por pedimento da comisión paritaria na súa reunión 18, por Resolución da Dirección Xeral de Traballo do 18.8.1993, BOE do 22 de setembro de 1993 de forma que é parte integrante deste». Polo tanto, estímase integramente a demanda e debe condenarse a cada unha das empresas ao aboamento das cantidades expresadas no ordinal terceiro.

2. Sobre a responsabilidade do Fogasa, debe recordarse que, por imperativo legal (artigo 33 do ET), o Fondo é responsable legal subsidiario ante os traballadores respecto de determinadas débedas do empresario, pero esta proximidade conceptual non permite equiparalo totalmente con quen asume contractualmente o pagamento dunha obriga, en defecto do debedor principal. O Fogasa non pode ser identificado co fiador definido no artigo 1.822 do CC, por máis que a súa posición xurídica, cando asume o pagamento de débedas do empregador, sexa similar á do fiador no mesmo caso. En atención a ese carácter de asegurador público, o Fondo é parte, por prescrición legal, nos procesos incoados nos casos previstos no artigo 23.2 da LPL, onde se ordena citalo como tal, a fin de que «poida asumir as súas obrigas legais ou instar o que conveña en dereito». Non obstante, é evidente que, aínda nos casos do artigo 23.2, o Fondo é só parte formal ou procesual, como sinala a doutrina, posto que a titularidade da única relación xurídico-material discutida no proceso corresponde en exclusiva ao ou aos traballadores demandantes e aos empresarios demandados. A súa presenza no proceso obedece á especial situación en que se encontra como responsable legal subsidiario do empresario e ao seu inequívoco interese directo e relevante no resultado que se produza, que pode chegar a se converter nun feito constitutivo, modificativo ou extintivo da súa propia relación xurídica.

No presente caso, é claro que non existe responsabilidade do Fogasa nesta instancia, porque non se acreditou que se condenase a empresa nin que fose declarada insolvente. E isto é así, porque a intervención do Fondo no proceso, de acordo co artigo 23 da LPL, o é, non en calidade de demandado stritu sensu, senón como un privilexio procesual, dado o seu carácter público, a súa actividade de seguro como garante das indemnizacións reclamadas polos demandantes e para posibles responsabilidades posteriores.

Terceiro. Contra a presente sentenza non cabe recurso de suplicación, ao non superar os 3.000 € a contía litixiosa (artigo 191.2.g) da LXS).

Vistos os artigos citados e demais de xeral e pertinente aplicación.

Decido que estimando a demanda interposta pola Fundación Laboral de la Construcción contra as empresas J. M. López Regueiro, V. L. López Regueiro, S.L., Construcciones Doyfra, S.L., Aplicaciones Especiales de Resinas Soleras y Ais, S.L., Construcciones Otero Laxe, S.L., Interiores Cabeza, S.L., condénoas a que lle aboen as cantidades seguintes:

J. M. López Regueiro, V. L. López Regueiro, S.L.

697,04 €

Construcciones Doyfra, S.L.

443,38 €

Aplicaciones Especiales de Resinas Soleras y Ais, S.L.

289,61 €

Construcciones Otero Laxe, S.L.

238,91 €

Interiores Cabeza, S.L.

248,26 €

Así mesmo, absolvo o Fondo de Garantía Salarial, sen prexuízo da súa responsabilidade subsidiaria nos casos previstos no artigo 33 do Estatuto dos traballadores.

Notifíqueselles esta resolución ás partes e fágaselles saber que é firme.

Así por esta miña sentenza, pronúncioo, mándoo e asínoo».

Advírteselle ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán nos estrados deste xulgado, salvo as que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou se trate de emprazamento.

E para que sirva de citación a Construcciones Doyfra, S.L., expídese a presente cédula para a súa publicación no Boletín Oficial da provincia e para colocar no taboleiro de anuncios.

A Coruña, 10 de outubro de 2012

Adelaida Egurbide Margañón
Secretaria xudicial