Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Mércores, 24 de outubro de 2012 Páx. 40146

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 1 de outubro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se designa como organismo autorizado de verificación metrolóxica a Supervisión y Control, S.A.

Feitos.

O Real decreto 224/2008, do 15 de febreiro, establece as normas xerais de instalación e funcionamento das estacións de inspección técnica de vehículos.

No anexo I, requisitos, indica que a Administración poderá exixir que nas estacións se efectúe calquera das inspeccións que se indican no artigo 6, entre elas as verificacións periódicas e despois de reparación ou modificación de taxímetros cando a estación ITV actúe como organismo autorizado de verificación metrolóxica.

A Orde ITC/3709/2006, do 22 de novembro, regula o control metrolóxico do Estado sobre os aparellos taxímetros, o control metrolóxico comprende a verificación despois da reparación ou modificación e da verificación periódica.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Lei 3/1985, do 18 de marzo, de metroloxía, indica no seu artigo 7 punto 4 que as fases de execución do control metrolóxico poderán ser realizadas polas comunidades autónomas de conformidade co previsto nos seus respectivos estatutos de autonomía.

Segundo. O Real decreto 889/2006, do 21 de xullo, polo que se regula o control metrolóxico do Estado sobre os aparellos de medida, establece no seu artigo 13 punto 1 que as comunidades autónomas serán as responsables da execución do control metrolóxico e, así mesmo, no seu punto 3 indica que as administracións públicas competentes poderán designar, no réxime que consideren conveniente e de acordo coas súas competencias, organismos autorizados de verificación metrolóxica que serán os responsables da execución das actividades relacionadas cos procedementos de verificación.

Terceiro. O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, sinala no seu artigo 27 que lle corresponden á Comunidade Autónoma galega as competencias exclusivas en materia de industria, sen outras limitacións que as expresamente sinaladas nel.

Cuarto. O Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas, determina, dentro das competencias en materia de industria, as relativas a pesos e medidas.

Quinto. O Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, dispón no seu artigo 1 que lle corresponde á dita consellería o exercicio das competencias en materia de metroloxía, correspondéndolle, segundo o artigo 28, a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de metroloxía á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

Sexto. Do mesmo xeito, o Decreto 78/2011, do 14 de abril, polo que se establece a ordenación das funcións do control metrolóxico do Estado que lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia e se aproba o Regulamento de vixilancia e inspección de instrumentos sometidos a control metrolóxico, establece que a dirección xeral con competencias en industria será a que designe, se for o caso, os organismos notificados, os organismos de control metrolóxico e os organismos autorizados de verificación metrolóxica.

Sétimo. O anexo II, o artigo 19 do Real decreto 889/2006 e a Resolución do 29 de novembro de 2007, da Secretaría Xeral de Industria, pola que se publica a Directriz 1/2007, do 26 de novembro, para a designación de organismos autorizados de verificación metrolóxica, regula os requisitos que deberán cumprir os organismos autorizados de verificación metrolóxica e o seu persoal que designen as administracións públicas competentes para levar a cabo as actuacións sobre os instrumentos ou os sistemas de medida en servizo, en aplicación do establecido no capítulo III do Real decreto 889/2006, do 21 de xullo, nas súas fases de verificación despois da reparación ou modificación ou da verificación periódica.

Vistos os preceptos e as consideracións legais e técnicas mencionados e cumpridos os requisitos indicados,

RESOLVO:

Designar a Supervisión y Control, S.A. como organismo autorizado de verificación metrolóxica para levar a cabo as actuacións sobre aparellos de medida na fase de aparellos en servizo, consistente nas verificacións periódicas e as verificacións tras a reparación ou modificación, co seguinte alcance:

– Aparellos taxímetros.

A designación terá validez durante a vixencia do contrato de concesión polo Servizo de Inspección Técnica de Vehículos, porén, esta dirección xeral velará cada cinco anos, como mínimo, polo cumprimento por parte da entidade designada dos requisitos que deron orixe á súa designación.

A validez da designación como organismo autorizado de verificación metrolóxica estará supeditada ao mantemento dos requisitos que deron orixe á designación.

Procédese a inscribir a Supervisión y Control, S.A. no Rexistro de Control Metrolóxico co número de rexistro 03-OV-1001.

Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o conselleiro de Economía e Industria, de conformidade co artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ao non pór fin este acto á vía administrativa.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas