Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Mércores, 24 de outubro de 2012 Páx. 40144

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 28 de setembro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública o proxecto sectorial de actividades extractivas, o proxecto de explotación, o plan de restauración e o estudo de impacto ambiental da concesión de explotación Santa Lucía número 4875.1, no concello de Castrelo de Miño, declarado como de incidencia supramunicipal por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 20 de setembro de 2012.

O Consello da Xunta de Galicia acordou, na súa reunión de data 20 de setembro de 2012, declarar o proxecto sectorial de actividades extractivas da concesión de explotación Santa Lucía número 4875.1, no concello de Castrelo de Miño, promovido pola empresa Sancus Granitos y Energías, S.L., como de incidencia supramunicipal, para os efectos previstos na Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia.

O artigo 13.2 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, establece que os plans ou proxectos que o Consello da Xunta de Galicia declare como de incidencia supramunicipal se someterán por un prazo mínimo dun mes aos trámites de información pública, mediante o correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior circulación na Comunidade Autónoma, e de audiencia aos concellos afectados polo plan ou proxecto.

Ademais, o artigo 5.2 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, establece que o órgano substantivo procederá a someter o estudo de impacto ambiental ao trámite de información pública durante trinta días hábiles e que se exporá nas oficinas correspondentes ao órgano substantivo, logo de anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Polo anterior,

RESOLVO:

Someter a información pública o proxecto sectorial de actividades actividades extractivas, o proxecto de explotación, o plan de restauración e o estudo de impacto ambiental da concesión de explotación Santa Lucía número 4875.1, no concello de Castrelo de Miño, durante o prazo de trinta días hábiles contados a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Os interesados contarán co citado prazo de trinta días para examinar o proxecto sectorial, que estará dispoñible na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria, na Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense e no portal da Consellería de Economía e Industria
(http://economiaeindustria.xunta.es/expediente-explotacions-mineiras), e presentar ante esta dirección xeral as alegacións que consideren pertinentes.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas