Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Xoves, 4 de outubro de 2012 Páx. 38179

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 1 de outubro de 2012, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se modifica a data de inicio do período hábil para o exercicio da caza, válido con alcance xeral, na tempada hábil de caza 2012/13.

En atención ás condicións biolóxicas producidas pola favorable climatoloxía rexistrada na pasada primavera e verán que propiciou un adianto no inicio da época reprodutora das especies cinexéticas, e no uso das facultades establecidas na disposición derradeira primeira da Orde do 15 de xuño de 2012, esta Dirección Xeral de Conservación da Natureza acorda o seguinte:

Modifícase o período hábil para exercer a caza, válido con alcance xeral, que se adianta ao día 14 de outubro de 2012 mantendo a súa duración ata o 6 de xaneiro de 2013, ambos inclusive, na Comunidade Autónoma de Galicia, coas excepcións que para cada especie se sinalen no título IV desta Orde do 15 de xuño de 2012.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2012

Ricardo García-Borregón Millán
Director xeral de Conservación da Natureza