Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Luns, 17 de setembro de 2012 Páx. 36315

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 23 de xullo de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas, se aproba o proxecto de execución e se recoñece a condición de acollida ao réxime especial de produción eléctrica das instalacións do proxecto do Parque Eólico Muxía II, situado no concello de Muxía (A Coruña) e promovido por Desarrollos Eólicos, S.A.

Examinado o expediente instruído a pedimento de Desarrollos Eólicos, S.A. para a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento de instalación acollida ao réxime especial de produción eléctrica do proxecto do Parque Eólico Muxía II, constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Por Resolución do 29 de xaneiro de 2007, da Consellería de Innovación e Industria (DOG nº 6, do 26 de febreiro), fíxose pública a relación de solicitudes de autorización para a instalación de parques eólicos admitidos a trámite ao abeiro da Orde do 22 de maio de 2006 (DOG nº 102, do 30 de maio), entre as que se incluíu a do proxecto do Parque Eólico Muxía II, cunha potencia de 23 MW.

Segundo. Por Resolución do 17 de decembro de 2009, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, autorizouse a relocalización de potencia entre os parques eólicos Muxía I (1ª e 2ª fase), Muxía II e Fontesilva, dentro do Plan eólico estratéxico da sociedade Desarrollos Eólicos, S.A., quedando o Parque Eólico Muxía II cunha potencia de 21,50 MW.

Terceiro. Con data do 24 de febreiro de 2010, Desarrollos Eólicos, S.A. presentou o proxecto de execución modificado do Parque Eólico Muxía II, solicitando a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, o recoñecemento da condición de instalación acollida ao réxime especial de produción eléctrica e a aprobación do proxecto sectorial.

Cuarto Con data do 16 de marzo de 2010, Desarrollos Eólicos, S.A. presentou documentación complementaria co obxecto de recoller as modificacións introducidas no estudo de impacto ambiental, no proxecto de execución e nas separatas para o Concello de Muxía e para a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como consecuencia da realización do estudo de impacto cultural do proxecto do Parque Eólico Muxía II.

Quinto. Na Resolución do 30 de abril de 2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se publicou a relación de solicitudes de outorgamento de autorización administrativa da instalación de parques eólicos para promotores titulares de planes eólicos empresariais, incluíuse a ampliación de potencia do Parque Eólico Muxía II en 0,5 MW, quedando este proxecto cunha potencia total de 22 MW.

Sexto. Mediante Acordo do 7 de maio de 2010, do Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, estudo de impacto ambiental e declaración de utilidade publica, en concreto, das instalacións electromecánicas do proxecto do Parque Eólico Muxía II; o devandito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 21 de maio, no Boletín Oficial da provincia da Coruña da mesma data e no xornal La Voz de Galicia do 26 de maio, permanecendo exposto ademais, no taboleiro de anuncios do Concello de Muxía.

No dito acordo recolléronse as características básicas das instalacións que son as seguintes:

Solicitante: Desarrollos Eólicos, S.A.

Domicilio social: Centro de Negocios Costa Vella-rúa Amio, 114, 15702 Santiago de Compostela (A Coruña).

Denominación: modificado Parque Eólico Muxía II.

Concellos afectados: Muxía (A Coruña).

Potencia para instalar: 21,50 MW.

Localización da área de afección:

UTM-X

UTM-Y

479.000

4.775.000

481.500

4.771.500

481.500

4.769.000

483.000

4.769.000

483.000

4.762.500

475.500

4.762.500

475.500

4.767.500

479.000

4.767.500

479.000

4.769.000

Localización dos aeroxeradores:

Aeroxerador

UTM-X

UTM-Y

Altura

de buxa

MXII-01

481.815

4.768.657

67

MXII-02

482.014

4.768.604

67

MXII-03

482.213

4.768.550

67

MXII-04

482.414

4.768.506

78

MXII-05

481.355

4.768.056

67

MXII-06

481.529

4.767.944

67

MXII-07

481.929

4.767.676

67

MXII-08

482.097

4.767.565

67

MXII-09

482.216

4.767.400

67

MXII-10

482.436

4.767.334

78

MXII-11

482.900

4.767.246

78

Características técnicas:

– 11 aeroxeradores de 2.000 kW de potencia nominal unitaria montador sobre fuste tubular metálico de 67/78 m de altura e rotores de 80 m de diámetro.

– 11 transformadores, situados no interior dos fustes de 2.000 kVA e tensións 0,69/30 kV.

– Rede eléctrica subterránea de media tensión a 30 kV realizada en condutor DHZ1 18/30 kV de 1×400 mm2 Al, 1×300 mm2 Al e 1×95 mm2 Al para interconexión dos aeroxeradores e estes coa subestación transformadora.

– Subestación transformadora intemperie conxunta co Parque Eólico Muxía I, equipada con transformador de 30 (ONAF) MVA e relación de transformación 30/66 kV, celas de media tensión 30 kV, transformador de servizos auxiliares de 50 kVA e relación 30/0,42 kV, aparellos de medida, protección, telemando e telecontrol.

Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

• Con data do 9 de xuño de 2010, Pilar Carmen García García presenta alegación na que manifesta o seguinte:

– As superficies de afectación non se corresponden coas que derivan do proxecto sectorial, posto que se inclúen como imposición de servidume o voo das palas, viais e gabias, cando, segundo o proxecto sectorial inclúen superficies en pleno dominio ao estar vinculadas ao parque eólico, concluíndo que se as superficies de afectación non se adecúan ás do proxecto sectorial, farán incorrer en nulidade a declaración de utilidade pública e a totalidade do proceso expropiatorio.

Por outra banda, manifesta que non se intentaron acordos cos propietarios afectados, sen que a empresa beneficiaria motivase a necesidade de solicitar a declaración de utilidade pública.

– A declaración de utilidade pública deberá ser necesariamente posterior á autorización administrativa.

– Na notificación recibida non se indica, para ningunha parcela, superficie afectada por ocupación temporal.

– A superficie que se determina como afectada vén sacada da planimetría catastral, a cal difire sobre a real, polo que será durante o levantamento das correspondentes actas previas á ocupación, sobre o terreo e co previo permiso do propietario e acompañado deste, cando se concrete a superficie realmente afectada así como os restantes bens e dereitos que deberán ser obxecto de indemnización.

– Co obxecto de determinar os límites de servidume, deberá realizarse unha colocación de estacas sobre o terreo, sendo conveniente que sexa con anterioridade á convocatoria para o levantamento de actas previas, co fin de evitar a indefensión da interesada.

– Finalmente solicita que se rexeite a declaración de utilidade pública por non acomodar as superficies de afectación ás que se derivan do proxecto sectorial e non encontrarse xustificada a necesidade de acudir a expropiación.

• Hermenegildo Leira Pérez presenta, con data do 10 de xuño de 2010, cinco alegacións, unha por cada predio da súa propiedade afectada, con similar contido, o cal se resume a continuación:

– En primeiro lugar oponse total e expresamente á declaración de utilidade pública solicitada debido á existencia, no linde dos seus predios, de mananciais para os cales se ten solicitado a súa correspondente declaración ante os organismos competentes, a presenza do Camiño Xacobeo de Santiago e a existencia, nas proximidades das súas propiedades, dunha alvariza de abellas (explotación de mel Virxe da Barca) que conta con todos os permisos regulamentarios e que se vén dedicando á explotación de mel desde hai varios anos. Afirma que a declaración de utilidade pública solicitada causaría evidentes danos e perdas a estes elementos do contorno.

– Manifesta ademais que existen outros propietarios de terreos que non se opoñen á ocupación parcial dos seus predios, podéndose modificar o trazado da liña para fixala a través das parcelas destes propietarios, reducindo considerablemente os posibles prexuízos que se puideran ocasionar.

– Por último, reitera a súa total desconformidade e desacordo coa declaración de utilidade pública solicitada, en canto afecta a súa propiedade, e solicita que se acorde denegar a dita solicitude.

• Manuel Perfecto e María del Pilar Martínez Senra, con data do 16 de xuño de 2010, alegan que non está xustificada a urxente ocupación e que non resultan de aplicación os trámites que a norma recolle para os supostos en que si se trate dunha ocupación urxente por razóns de interese social e comunitario. Solicitan, polo tanto, que se decrete a anulación do expediente e se resolva que o canle expropiatorio que corresponde ao presente suposto é o de expropiación ordinaria.

Sétimo. Con data do 15 de febreiro de 2011, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña emite informe en relación co expediente do Parque Eólico Muxía II, indicando que as instalacións proxectadas e recollidas no proxecto de execución se adecúan aos regulamentos de aplicación e procede continuar coa tramitación da autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, declaración de impacto ambiental e aprobación do proxecto sectorial.

Oitavo. Con data do 31 de marzo de 2011, Desarrollos Eólicos, S.A. solicita, para os efectos da autorización administrativa e aprobación do proxecto, que a subestación eléctrica recollida no proxecto do Parque Eólico Muxía II, a cal é compartida co Parque Eólico Muxía I, figure unicamente no expediente deste último, por ser este o de maior potencia e o que recolle as infraestruturas comúns de acceso.

Noveno. Con data do 5 de abril de 2011, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao proxecto modificado do Parque Eólico Muxía II, publicándose a dita declaración no DOG do 15 de xullo por Resolución da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas do 28 de xuño.

Décimo. Con data do 30 de xuño de 2011, Desarrollos Eólicos, S.A. presenta o documento «Estudos complementarios ao estudo de impacto ambiental referido ao proxecto de execución modificado Parque Eólico Muxía II» xunto co anexo modificativo ao proyecto de execución modificado do Parque Eólico Muxía II (22 MW). Xuño 2011, co obxecto de dar cumprimento dos puntos 6.2.2 e 6.2.3 da declaración de impacto ambiental referida no parágrafo anterior.

Décimo primeiro. Con data do 13 de outubro de 2011 a Dirección Xeral de Conservación da Natureza informa que considera adecuadas e oportunas as modificacións formuladas por Desarrollos Eólicos, S.A. no antedito estudo complemetario.

Décimo segundo. Con data do 5 de xaneiro de 2012, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña remite á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a documentación correspondente á tramitación do anexo modificativo ao proxecto de execución modificado do Parque Eólico Muxía II (22 MW). Xuño 2011, mencionado no antecedente de feito décimo, xuntando informe técnico no que se indica que no dito documento se formulan as seguintes modificacións:

– Modificación da vía e as gabias de cableado do aeroxerador MII-11, desafectando un hábitat prioritario.

– Modificación do trazado da gabia de cableado do aeroxerador MII-14 cambiando de lado na vía de acceso, desafectando un bosquete de carballo.

– Eliminación do proxecto da subestación eléctrica 66/20 kV, xa que se comparte a recollida no proxecto do Parque Eólico Muxía I (fase 1ª + fase 2ª), sendo esta a que se legalizará.

Como conclusión infórmase favorablemente o anexo modificativo estimando que procede continuar coa tramitación do expediente.

Décimo terceiro. Con data do 25 de maio de 2012, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo informa, en relación ao Proxecto sectorial do Parque Eólico Muxía II, que se seguiron os trámites preceptivos previos á aprobación definitiva polo Consello da Xunta, establecidos no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Décimo cuarto. Con data do 10 de xullo de 2012, Desarrollos Eólicos, S.A. presenta unha addenda ao proxecto do Parque Eólico Muxía II na que se recolle unha modificación da súa área de afección, co obxecto de axustala ás infraestruturas do parque eólico e de non afectar á demarcación da Rede Natura actual nin á súa previsible ampliación. Desta forma, a nova área de afección queda definida pola seguinte poligonal:

Vértice

UTM-X

UTM-Y

1

483.500

4.769.000

2

483.500

4.764.000

3

479.672

4.764.000

4

479.768

4.766.984

5

481.500

4.769.000

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 28 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, no artigo 18.5 do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia e co artigo 4 do Real decreto 661/2007, do 25 de maio, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites procedimentais establecidos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, no Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co establecido pola disposición transitoria cuarta da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. O proxecto de execución das instalacións do Parque Eólico Muxía II cumpre cos regulamentos de aplicación tal como se recolle no informe mencionado no antecedente de feito sétimo.

Cuarto. Polo que respecta ás alegacións presentadas, examinado o contido destas e as contestación efectuadas pola empresa promotora, compre manifestar o seguinte:

– No que respecta á alegación de Hermenegildo Perfecto Leira Pérez, en relación coa existencia de mananciais e a presenza do Camiño Xacobeo na zona de afección das instalacións do parque eólico, cómpre manifestar que o proxecto conta co informe favorable da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, e co informe da Secretaría Xeral para o Turismo no que se establece que o impacto do dito proxecto na zona é asumible. Ademais, con data do 5 de abril de 2011 (DOG do 15 de xullo), a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emitiu a declaración de impacto ambiental para o Parque Eólico Muxía II, establecendo as condicións necesarias, as cales son de obrigado cumprimento, para asegurar a viabilidade ambiental do proxecto, e en concreto, no seu punto 3, as medidas que se van adoptar para a protección das augas e leitos fluviais.

– En relación coas alegacións correspondentes ao procedemento de declaración de utilidade pública, presentadas polos diversos alegantes, como son ás relativas á xustificación da necesidade de expropiación, ao carácter do procedemento expropiatorio, á determinación exacta das afeccións, ao levantamento de actas previas ou ás modificacións dos predios afectados, cómpre indicar que estas serán tidas en conta no momento no que se adopte resolución sobre a solicitude de utilidade pública.

Por todo o exposto, e en exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Autorizar as instalacións electromecánicas do Parque Eólico Muxía II, cunha potencia de 22 MW, situado no concello de Muxía (A Coruña) e promovido por Desarrollos Eólicos, S.A.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución das citadas instalacións, composto polos seguintes documentos:

– Proxecto de execución modificado do Parque Eólico Muxía II (21,50 MW). Outubro 2009, asinado polo enxeñeiro industrial Jaime Gómez Acebo-Ara e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia o 30 de decembro de 2009 co número CO093840.

– Anexo modificativo ao proxecto de execución modificado do Parque Eólico Muxía II (21,5 MW). Febreiro 2010, asinado polo enxeñeiro industrial Jaime Gómez Acebo-Ara e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia o 2 de marzo de 2010 co número CO100511.

– Addenda ao proxecto de execución modificado do Parque Eólico Muxía II. Setembro 2010, asinado pola enxeñeira industrial Ana Belén Quirós Álvarez e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia o 9 de setembro de 2010 co número CO102826.

– Anexo modificativo ao proxecto de execución modificado do Parque Eólico Muxía II (22 MW). Xuño 2011, asinado polo enxeñeiro industrial Manuel Álvarez Cienfuegos, e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia o 27 de xuño de 2011 co número CO111565.

As principais características do Parque Eólico de Muxía II definidas nos ditos documentos, son as seguintes:

Solicitante: Desarrollos Eólicos, S.A.

Domicilio social: Centro de Negocios Costa Vella, rúa Amio, 114, 15702 Santiago de Compostela (A Coruña).

Denominación: Parque Eólico Muxía II.

Concellos afectados: Muxía (A Coruña).

Potencia total instalada: 22 MW.

Orzamento: 23.163.534,72 euros.

Produción neta anual: 65.610 MWh.

Localización da área de afección (coordenadas poligonais en unidades UTM):

Vértice

UTM-X

UTM-Y

1

483.500

4.769.000

2

483.500

4.764.000

3

479.672

4.764.000

4

479.768

4.766.984

5

481.500

4.769.000

Localización dos aeroxeradores (coordenadas poligonais en unidades UTM):

Aeroxerador

UTM-X

UTM-Y

Altura

de buxa

MXII-01

481.815

4.768.657

67

MXII-02

482.014

4.768.604

67

MXII-03

482.213

4.768.550

67

MXII-04

482.414

4.768.506

78

MXII-05

481.355

4.768.056

67

MXII-06

481.529

4.767.944

67

MXII-07

481.929

4.767.676

67

MXII-08

482.097

4.767.565

67

MXII-09

482.216

4.767.400

67

MXII-10

482.436

4.767.334

78

MXII-11

482.900

4.767.246

78

• Características técnicas básicas da infraestrutura de xeración, transformación e interconexión:

– 11 aeroxeradores Gamesa G-80 de 2.000 kW de potencia nominal unitaria montador sobre fuste tubular metálico de 67/78 m de altura e rotores de 80 m de diámetro.

– 11 transformadores, situados no interior dos fustes de 2.100 kVA e tensións 0,69/30 kV.

– Rede eléctrica subterránea de media tensión a 30 kV realizada en condutor DHZ1 18/30 kV de 1×400 mm2 Al, 1×240 mm2 Al e 1×95 mm2 Al para interconexión dos aeroxeradores e estes coa subestación transformadora do Parque Eólico Muxía I.

Terceiro. Recoñecerlle ao Parque Eólico Muxía II a condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica regulamentado polo Real decreto 661/2007, do 25 de maio, e incluíla no grupo b.2., subgrupo b.2.1., do artigo 2 do citado real decreto.

Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Conforme o disposto no artigo 19 do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, para os efectos de garantir o cumprimento das súas obrigas, Desarrollos Eólicos, S.A. deberá constituír, no prazo de 30 días contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, unha fianza de 463.270,69 euros, importe correspondente ao 2 % do orzamento do proxecto de execución do parque eólico que por esta resolución se aproba.

A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e devolverase unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

2. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, fíxase, por proposta do órgano ambiental, a contía do aval correspondente aos labores de restauración asociados á fase de obras en 181.944 euros. Desarrollos Eólicos, S.A. deberá depositar, no prazo de 30 días contados desde o día seguinte ao da notificación da presente resolución, o aval ambiental correspondente á fase de obras.

A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e devolverase cando desaparezan as causas que motivaron a súa exixencia, unha vez depositado o importe correspondente ao aval de restauración en fase de desmantelamento, conforme o artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro.

3. Como requisito necesario para a aplicación á citada instalación do réxime especial de produción de enerxía eléctrica, o promotor deberá inscribila definitivamente no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG do 14 de xullo), logo da acreditación do cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 11 e 12 do Real decreto 661/2007, do 25 de maio.

4. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

5. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución aprobado pola presente resolución, cun orzamento de 23.163.534,72 euros.

6. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas e con carácter previo á súa posta en marcha, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento dos condicionados establecidos nesta resolución e outros que sexan de aplicación.

7. O parque eólico que se autoriza deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, que lle resulten de aplicación.

8. A Administración resérvase o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

9. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, conforme o establecido nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas