Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Venres, 17 de agosto de 2012 Páx. 33009

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 171/2012, do 1 de agosto, polo que se aproba o Catálogo da paisaxe da comarca paisaxística de Deza.

A Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, ten por obxecto o recoñecemento xurídico, a protección, a xestión e a ordenación da paisaxe de Galicia, entendendo que a paisaxe ten unha dimensión global de interese xeral para a comunidade galega, conforme o Convenio europeo da paisaxe, aprobado en Florencia o 20 de outubro de 2000 por proposta do Consello de Europa, que entrou en vigor o 1 de marzo de 2004, e foi ratificado polo Estado español mediante Instrumento do 28 de xaneiro de 2008.

O artigo 5 desta lei establece que os poderes públicos de Galicia velarán para que, no ámbito das súas competencias, se adopten as medidas específicas necesarias para a protección, xestión e ordenación da paisaxe e, no seu capítulo III, establece os instrumentos para conseguilo. Entre eles, os catálogos da paisaxe, definidos no seu artigo 9 como os documentos de referencia que, apoiándose nas distintas áreas xeográficas, morfolóxicas, urbanas e litorais existentes no territorio galego, deberán delimitar, con base nos diferentes estudos e traballos existentes na materia, as grandes áreas paisaxísticas de Galicia, identificando os diversos tipos de paisaxe existentes en cada unha delas e as súas características diferenciais. Os contidos dos catálogos da paisaxe aparecen recollidos neste mesmo artigo.

A Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, na súa disposición transitoria segunda, establece que o órgano competente para a elaboración dos catálogos da paisaxe, regulados no capítulo III da citada lei como instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe, é a consellería competente en materia de ambiente en canto non se constitúa o Observatorio Galego da Paisaxe.

O Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, sendo segundo o seu artigo 4 o/a conselleiro/a a autoridade superior da consellería, e con tal carácter está investido/a das atribucións enumeradas no artigo 34 da Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

Mediante o Decreto 244/2011, do 29 de decembro, aprobáronse os estatutos Instituto de Estudos do Territorio, organismo autónomo adscrito á consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, que entrou en funcionamento o 7 de abril de 2012, cuxa posta en funcionamento implicou, desde o punto de vista organizativo, a supresión da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe. O Instituto de Estudos do Territorio ten entre as súas funcións, segundo o artigo 10.5 dos seus estatutos, a posta en marcha de instrumentos para a protección, xestión e ordenación das paisaxes de Galicia, tales como os catálogos e as directrices de paisaxe, os estudos de impacto e a integración paisaxística, os plans de acción da paisaxe en áreas protexidas, incluída a elaboración dos informes deles derivados, así como calquera outro que se entendese como necesario para o cumprimento dos puntos anteriores, mentres non se constitúa o Observatorio Galego da Paisaxe.

O artigo 9.5 da citada Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, establece que no procedemento de elaboración dos catálogos da paisaxe abrirase un trámite de información pública non inferior a dous meses, para que todos os posibles interesados poidan formular as alegacións que consideren pertinentes. Con data do 22 de febreiro de 2012 publícase a Resolución do 1 de febreiro de 2012, da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, pola que se somete a información pública o Catálogo paisaxístico da comarca de Deza por un prazo de dous meses e se lles dá audiencia polo mesmo prazo aos concellos da contorna:

Na provincia de Lugo: Antas de Ulla, Carballedo, Chantada e Taboada.

Na provincia de Ourense: San Cristovo de Cea, O Irixo e Piñor.

Na provincia de Pontevedra: Dozón, Forcarei, Agolada, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.

Así mesmo, solicitouse informe da Secretaría Xeral para o Turismo, Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Dirección Xeral de Conservación da Natureza e das deputacións provinciais de Lugo, Ourense e Pontevedra.

Segundo o artigo 9.6 da citada Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, os catálogos da paisaxe serán aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de ambiente, logo de consulta aos departamentos competentes en materia de ordenación do territorio e patrimonio cultural. Con data do 11 de xuño de 2012 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite o seu informe e o informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emítese con data do 3 de xullo de 2012.

Visto canto antecede, de acordo co disposto no artigo 9.6 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, e no artigo 37 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da persoa titular da consellería competente en materia de ambiente, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día un de agosto de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación definitiva do Catálogo de paisaxe da comarca paisaxística de Deza

Apróbase definitivamente o Catálogo da paisaxe da comarca paisaxística de Deza, de conformidade coa Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de agosto de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas