Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Venres, 17 de agosto de 2012 Páx. 33006

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 8 de agosto de 2012 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Puerto de Vigo e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Visto o expediente de extinción da Fundación Puerto de Vigo presentado ante este protectorado de fundacións de interese galego resultan os seguintes,

Feitos.

Primeiro. Con data 29 de xuño de 2012 recibiuse no rexistro desta consellería solicitude de ratificación da extinción da Fundación Puerto de Vigo adoptada por acordo do padroado.

Segundo. A fundación constituíuse en escritura pública o 16 de abril do 2010, clasificada por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4.6.2010 e declarada de interese galego por Orde da mesma Consellería, do 16.6.2010. A fundación foi clasificada de interese social e cultural e adscrita ao protectorado da dita Consellería de Presidencia Administracións Públicas e Xustiza, figurando inscrita na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego con número 2010/2.

Terceiro. Os fins da fundación de conformidade co disposto no artigo 6 dos estatutos consisten en promover, desenvolver, impulsar e achegar ao cidadán a faceta mais social do Porto de Vigo, co fin de contribuír ao desenvolvemento social. Igualmente, poderá contribuír ao fomento da cultura.

Cuarto. O órgano de goberno da fundación na súa reunión de 27 de xuño de 2012 adoptou o acordo de extinción da fundación. Na memoria xustificativa da extinción sinálase como causa a insuficiencia de medios materiais que determina a imposibilidade de realización do fin fundacional.

No expediente consta a seguinte documentación:

– Certificación do acordo adoptado polo padroado.

– Memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción.

– As contas da fundación na data de adopción do acordo.

– O proxecto de distribución de bens e dereitos resultantes da liquidación.

Consideracións legais.

Primeira. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional. Será necesario, para tal efecto, acordo favorable do padroado ratificado polo protectorado. O mesmo artigo establece que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segunda. O acordo de extinción adoptouse de conformidade cos requisitos formais establecidos na normativa legal e estatutaria, entre outros consta a memoria xustificativa da causa de extinción, así como a improcedencia da modificación dos estatutos fundacionais e da fusión con outra entidade da mesma natureza.

Terceira. Esta consellería resulta competente por razón da materia, de conformidade co Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, en relación co artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Polo exposto, e atendendo ao establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro de fundacións de interese galego, nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de Fundacións de Interese Galego e o Decreto 15/2009, da mesma data polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese galego, e demais normativa de xeral aplicación.

DISPOÑO:

Ratificar o acordo de extinción adoptado polo padroado da Fundación Puerto de Vigo e ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Contra esta orde que pon fín á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2012

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza