Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Venres, 17 de agosto de 2012 Páx. 33003

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 8 de agosto de 2012 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Ágora de Galicia e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Visto o expediente de extinción da Fundación Ágora de Galicia presentado ante este protectorado de fundacións de interese galego, resultan os seguintes,

Feitos:

Primeiro. Con data 27 de xullo de 2012 recibiuse no rexistro desta consellería solicitude de ratificación da extinción da Fundación Ágora de Galicia adoptada por acordo do padroado.

Segundo. A fundación constituíuse en escritura pública o 16 de outubro de 2007, clasificada por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7.2.2008, e declarada de interese galego por Orde da mesma consellería de data 29.2.2008. A fundación foi adscrita ao protectorado da dita Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, figurando inscrita na sección correspondente do Rexistro de Fundacións con número 2008/2.

Terceiro. Os fins da fundación de conformidade co disposto no artigo 6 dos estatutos consisten en promover o desenvolvemento, protección e fomento de toda clase de estudos e investigacións sobre temas sociais, en especial os relacionados coa formación nos valores democráticos recollidos na Constitución española de 1978, no liberalismo, no humanismo, e de xeito moi singular todo o que en tales materias teña relación con Galicia, co seu desenvolvemento, co seu autogoberno e coa súa proxección exterior, tanto nacional como internacional.

Cuarto. O órgano de goberno da fundación, na súa reunión do 25 de xullo de 2012, adoptou o acordo de extinción da fundación. Na memoria xustificativa da extinción sinálase como causa a insuficiencia de medios materiais que determina a imposibilidade de realización do fin fundacional.

No expediente consta a seguinte documentación:

– Certificación do acordo adoptado polo padroado.

– Memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción.

– As contas da fundación na data de adopción do acordo.

– O proxecto de distribución de bens e dereitos resultantes da liquidación.

Consideracións legais:

Primeira. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional. Será necesario, para tal efecto, acordo favorable do padroado ratificado polo protectorado. O mesmo artigo establece que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segunda. O acordo de extinción adoptouse de conformidade cos requisitos formais establecidos na normativa legal e estatutaria, entre outros consta a memoria xustificativa da causa de extinción, así como a improcedencia da modificación dos estatutos fundacionais e da fusión con outra entidade da mesma natureza.

Terceira. Esta consellería resulta competente por razón da materia, de conformidade co Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, en relación co artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Polo exposto, e atendendo ao establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de Fundacións de Interese Galego e o Decreto 15/2009, da mesma data polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese galego, e demais normativa de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Ratificar o acordo de extinción adoptado polo padroado da Fundación Ágora de Galicia e ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Contra esta orde que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2012

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza