Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 30 de xullo de 2012 Páx. 30290

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 3 de xullo de 2012, da Xefatura Territorial de Lugo, polo que se anuncia a toma de posesión provisoria de predios de substitución na zona de concentración parcelaria de Fanoi (Abadín).

Rematada a publicación do acordo de concentración parcelaria da zona de Fanoi (Abadín-Lugo) e unha vez resoltos os recursos presentados, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural resolveu dar posesión provisoria dos novos predios, establecendo como data límite para esta o día 30 de setembro de 2012, para todo tipo de cultivos, agás para as árbores que será o 31 de decembro de 2012. A dita toma de posesión é obrigatoria para todas as persoas interesadas e enténdese sen prexuízo das rectificacións que procedan como consecuencia dos recursos que prosperen (artigo 44 da Lei de concentración parcelaria para Galicia). No caso de que algún/algunha propietario/a non permita a toma de posesión dos predios de substitución, no prazo indicado, será obxecto, logo de apercibimento, de compulsión directa, tal e como establece o artigo 45 da Lei de concentración para Galicia.

Segundo establece o artigo 46 da Lei de concentración parcelaria para Galicia do 14 de agosto de 1985, as persoas interesadas poderán reclamar, ante esta xefatura territorial, sita na rolda da Muralla, 70-1º, baixo, de Lugo, xuntando ditame pericial, sobre diferenzas superiores ao dous por cento entre a cabida real dos novos predios e o que conste no expediente de concentración, no prazo de sesenta días naturais, contados desde o 1 de outubro de 2012.

Así mesmo, comunícase que a posesión dos predios de substitución outorga ás persoas que no acordo de concentración figuren como adxudicatarias os medios de defensa establecidos nas leis.

En relación coas árbores existentes nos predios recoméndase, na medida do posible, chegar a un acordo entre a persoa achegante e a adxudicataria. No caso contrario, poderán ser retiradas polos/as propietarios/as das parcelas de contribución tendo como data límite o 31 de decembro de 2012, logo da petición ao Servizo de Montes do preceptivo permiso e informe favorable do Servizo de Conservación da Natureza, no caso de seren especies autóctonas protexidas e demais permisos e autorización que, segundo o caso, estableza a normativa vixente. Trascorrido o referido prazo, enténdese que pertencen ao/á propietario/a do novo predio.

Lugo, 3 de xullo de 2012

José Ramón Losada Fernández
Xefe territorial de Lugo