Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 30 de xullo de 2012 Páx. 30282

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 10 de xullo de 2012, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, polo que se dá publicidade á resolución do expediente número 414 que afecta os montes de Agualada, solicitados como veciñais en man común polos veciños da parroquia de Agualada, do concello de Coristanco.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a aplicación da Lei galega 13/1989, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 29 de xuño de 2012, adoptou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente: xefe territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar na Coruña, Antonio Manuel Aguión Fernández.

Vogais:

– Letrada da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, Susana Loreta Benedeti Corzo.

– Representante do Colexio Provincial de Avogados da Coruña, Augusto José Pérez-Cepeda Vila.

– Xefa do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar da Coruña, Mª Josefa Fernández Fernández.

Vogais representantes da parroquia de Agualada do concello de Coristanco:

– Manuel Feliciano Torres e Delmira Cameán Vázquez, na súa condición de presidente da xunta promotora e comuneira, respectivamente.

Secretaria:

– Xefa de Sección do Servizo Xurídico-Administrativo da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar na Coruña, Mª de los Dolores Añón Rodríguez.

Na cidade da Coruña, no día 29 de xuño de 2012, reúnese o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña coa asistencia das persoas indicadas anteriormente, co obxecto estudar e resolver, entre outros, o expediente de clasificación como veciñal en man común dos montes de Agualada, promovido polos veciños da parroquia de Agualada, do concello de Coristanco.

Antecedentes de feito:

1. Manuel Feliciano Torres e outros veciños da parroquia de Agualada, no seu nome e, segundo manifestan, en representación dos veciños da citada parroquia, presentan unha solicitude para a clasificación como monte veciñal dos montes de Agualada a favor dos veciños da devandita parroquia do concello de Coristanco.

Despois de realizar varios requirimentos aos promotores para que presenten a planimetría correcta dos montes para os cales se solicita a clasificación, así como de documentación acreditativa do seu carácter veciñal, achegan unha planimetría que se corresponde con once parcelas de monte, varias declaracións de veciños de idade da parroquia e, por último, unha acta notarial do 28.6.2011. Nesta, varios veciños residentes no lugar de Bormoio manifestan que «en relación co Monte Veciñal en Man Común de Bormoio (integrado entre outros polos montes Cerqueira e Batán) sito na parroquia de Agualada, concello de Coristanco, sempre pertenceu en réxime de comunidade veciñal aos veciños das casas con lume e fume do mencionado lugar; que este monte foi explotado desde tempo inmemorial polos veciños en réxime de man común; que ningún particular, que saiban, ten propiedade ningunha nin reclama dereito ningún no monte».

2. Á vista de tal solicitude e da documentación presentada, o xurado, na súa reunión do 16.12.2010, acordou iniciar a tramitación e nomear instrutora do expediente de clasificación. As características dos montes de que se solicita a clasificación son as seguintes:

Monte: Agualada.

Comunidade veciñal solicitante: veciños da parroquia de Agualada.

Parroquia: Agualada.

Concello: Coristanco.

Superficie total: 15,4087 ha.

Segundo o informe do xefe de Área Técnica de Montes Veciñais do 19.5.2011, canto aos límites das once parcelas que constitúen os montes de Agualada, veñen reflectidos na información xeoreferenciada presentada polos promotores do expediente e que, en resumo, son:

Parcela 1: As Barrosas.

Superficie: 10.223 m2. Ref. catastral: polígono 28-parcela 160.

Parcela 2: As Barrosas.

Superficie: 3.903 m2.. Ref. catastral: polígono 28-parcela 79.

Parcela 3: As Barrosas.

Superficie: 9.369 m2. Ref. catastral: polígono 28-parcela 165.

Parcela 4: Braña da Chousa da Melga.

Superficie: 14.973 m2. Ref. catastral: polígono 27-parcela 363.

Parcela 5: Teixoeira.

Superficie: 415 m2. Ref. catastral: polígono 27-parcela 790.

Parcela 6: Teixoeira.

Superficie: 7.076 m2. Ref. catastral: polígono 27-parcela 791.

Parcela 7: Texoeira.

Superficie: 2.905 m2. Ref. catastral: polígono 27-parcela 683 (parte).

Parcela 8: Arriba do Batán.

Superficie: 7.728 m2. Ref. catastral: polígono 30-parcela 578.

Parcela 9: Arriba do Batán.

Superficie: 96.446 m2. Ref. catastral: polígono 30-parcelas 612 e 936.

Encravado: 8.906 m2.

Parcela 10: O Lavadoiro do Herbal dos Carballos.

Superficie: 310 m2. Ref. catastral: polígono 29-parcela 277.

Parcela 11: O Paián.

Superficie: 739 m2. Ref. catastral: polígono 30 parcela 745.

3. En cumprimento do disposto no artigo 20 do Regulamento do montes veciñais en man común, solicitouse ao Servizo de Montes informe sobre o monte de referencia. O xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común emite un informe o 19.5.2011 en que manifesta, en síntese, que non se ten referencia algunha do monte neste servizo, polo que se descoñece a súa titularidade e mais o seu deslindamento administrativo. Non figura no elenco de montes conveniados ou consorciados coa Xunta de Galicia. No Catálogo de utilidade pública de 1901 aparece co nº 64 o monte Teipeiro, de 100 ha pertencente á parroquia de Agualada, mais non foi deslindado, polo que as súas estremas son moi xenéricas; podería incluír o de agora solicitado. Canto ao aproveitamento, remítese ao informe do Distrito Forestal II sinalando «que non existen indicios de algún tipo de aproveitamento actual, forestal ou non. Aínda que o presidente da xunta promotora manifesta no terreo que houbo aproveitamentos que remataron hai 20 anos». Tamén informa que a maior parte das leiras están afectadas pola vía de alta capacidade Carballo-Berdoias.

Conforme o disposto no artigo 21 do Regulamento de montes veciñais, solicitouse a correspondente certificación de asentos ao Rexistro da Propiedade de Carballo, que certifica o 26.6.2011 que «as leiras indicadas na citada solicitude, tal e como se describen nela, non figuran inscritas neste rexistro da propiedade, ao menos de forma en que puedan ser identificadas e segundo os datos subministrados».

4. Para dar cumprimento ao disposto no artigo 23 do Regulamento do 4 de setembro de 1992, o 14.7.2011 procedeuse á correspondente tramitación e librouse por orde da instrutora do expediente comunicación do acordo de inicio do expediente de clasificación para o Servizo de Montes para os efectos de aproveitamentos e de acordo co disposto no artigo 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro; ao alcalde do Concello de Coristanco, ao cal se lle remitiu edicto do acordo de inicio a fin de que, segundo o disposto no artigo 10 da lei e 23 do Regulamento de montes veciñais en man común, sexa exposto polo período dun mes para os efectos de alegacións dos posibles interesados; ao representante da comunidade veciñal da parroquia de Agualada; e ao Diario Oficial de Galicia para a súa publicación (DOG nº 149, do 4.8.2011). No taboleiro de anuncios do concello estivo exposto –segundo certificación achegada pola secretaria do concello– desde o 26.7.2011 ata o 5.9.2011.

5. Durante o período de alegacións presentáronse varios escritos de veciños da parroquia de Agualada opoñéndose á clasificación dos montes de Agualada como veciñais a favor da parroquia como grupo social, xa que manifestan que os veciños dos diferentes lugares da parroquia tiñan os seus propios montes. Así:

• Rubén Deus Trigo e outros 8 veciños do lugar de Agrilloi, da parroquia de Agualada, manifestan por escrito do 17.8.2011 que case todos os lugares que conforman a parroquia de Agualada posuían monte aberto veciñal, de forma claramente separada dos demais lugares conformantes da parroquia; que se rexían polos seus costumes e dos cales se aproveitaban os veciños con casa aberta no lugar. Que na relación de montes para clasificar neste expediente está o monte chamado As Barrosas (ref. catastral parcelas 160, 79 e 165 do polígono 28) o cal se considera monte aberto pertencente aos veciños do lugar de Agrilloi, dentro da parroquia de Agualada. Conclúen solicitando que se exclúan as devanditas parcelas do monte das Barrosas deste expediente de clasificación e que presentaron unha solicitude de clasificación como veciñal deste monte por considerar que lles corresponde de forma diferenciada.

• José Alfredo Torres Negreira e outros 19 veciños do lugar de Bormoio da parroquia de Agualada, opoñénse á clasificación por escritos do 3.9.2011 alegando que «os veciños con casa aberta nos lugares de O Outeiro, Agrilloi, Brañeira-Anido, Figueiroa e Bormoio veñen posuíndo de maneira diferenciada os diferentes montes». Así, respecto do lugar de Bormoio ocorre coas parcelas catastrais nº 612, 936, 578 e 745 do polígono 30, que están afectadas por este expediente. Conclúen solicitando a exclusión das devanditas parcelas e que se admita que estas se corresponden unicamente con monte veciñal dos veciños de Bormoio.

• Manuel Abelenda García e Ramiro Cuns Vidal presentan un escrito o 7.9.2011 no seu nome e, segundo manifestan, en beneficio dos veciños do lugar do Outeiro, da parroquia de Agualada, manifestando que os veciños do Outeiro, de modo diferenciado, atópanse en posesión das parcelas catastrais nº 791 e 790 do polígono 27, en parte afectadas polas obras de expropiación da autovía; que o seu monte foi aforado no ano 1627 e que en 1928 foi redimida a pensión foral, quedando consolidado o pleno dominio nos foratarios; que, en coherencia, os veciños do lugar do Outeiro, logo de convenio, viñeron posuíndo de modo individualizado, por parcelas, a maior superficie do perímetro inicial do monte identificado; á posesión en concepto de dono con efectos prescritivos, únese o tracto documental que posúen e poden presentar. Conclúe o escrito solicitando que se exclúa do expediente de clasificación sobre monte veciñal o perímetro pertencente ao lugar do Outeiro.

6. Notificado o trámite de audiencia o 16.11.2011 previo á proposta de resolución a todos os interesados, ratifícanse cada un nas súas manifestacións. En particular, o representante da xunta provisional representante da parroquia de Agualada, por escrito do 21.11.2011, reitera que a petición de clasificación se fai en beneficio de todos os veciños da parroquia, e non está de acordo coas pretensións feitas polos veciños dos diferentes lugares.

7. Na xuntanza do xurado do 16.12.2011, os representantes da parroquia de Agualada promotores do expediente solicitan que se lles outorgue un prazo para convocar unha asemblea extraordinaria de todos os veciños da parroquia para poder aclarar os termos da solicitude de clasificación feita, ao entenderen que poden existir dúbidas ao respecto entre os veciños dos diferentes lugares poboacionais da parroquia, o que se lle concede a fin de poder aclarar as cuestións suscitadas.

8. O representante da xunta promotora do expediente de clasificación presenta un escrito o 10.4.2012 en que manifesta, en síntese, que na asemblea de veciños da parroquia de Agualada do día 1.4.2012 convocada co obxecto de aclarar os termos da solicitude de clasificación dos montes de Agualada, se acordou solicitar como veciñal a favor soamente dos veciños do lugar de Bormoio da parroquia de Agualada as seguintes leiras: Braña da Chousa da Melga (parcela 363 do polígono 27); Teixoeira (parcela 683 do polígono 27); Arriba do Batán (parcelas 578,612 e 936 do polígono 30) e O Paián (parcela 745 do polígono 30).

9. Na xuntanza do xurado do 29.6.2012 os representantes da xunta promotora do expediente manifestan que non puideron lograr un acordo de todos os veciños da parroquia e decidiron cambiar o obxecto da solicitude inicial en canto a que soamente pedían algunhas parcelas de monte e a favor dos veciños do lugar de Bormoio.

10. Na tramitación destas actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, exixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, da Comunidade Autónoma de Galicia; Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais disposicións aplicables ao caso.

Fundamentos de dereito:

1. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten competencia para coñecer deste expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2. De conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e o artigo 19 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños da parroquia de Agualada, do concello de Coristanco, son parte lexítima para solicitaren o inicio do presente expediente de clasificación.

3. Para a súa clasificación como veciñal en man común, o monte debe reunir as seguintes características: a) pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; b) que se veña aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; c) que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a cal se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, e artigos 1, 2 e 3 do seu regulamento).

É, pois, un elemento determinante para a clasificación dun monte como veciñal en man común por parte do xurado que este teña elementos probatorios suficientes no expediente para determinar se o monte que se pretende clasificar é aproveitado en réxime de comunidade, sen cotas, polos veciños que a solicitan, neste caso a parroquia de Agualada, e que estes o realicen pola súa condición de veciños comuneiros integrantes do grupo social, non como entidades administrativas, e isto á marxe das cuestións relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais que se puideren suscitar no procedemento, que deberán de dirimirse ante a xurisdición ordinaria segundo o disposto no artigo 10.2 da Lei estatal 55/1980, do 11 de novembro, de montes veciñais en man común.

Os escritos presentados polos diferentes grupos poboacionais integrantes da parroquia de Agualada (veciños dos lugares de Agrilloi, Bormoio e O Outeiro) coinciden, en síntese, en que afirman que cada lugar da parroquia tiña o seu propio monte veciñal diferenciado dos montes doutros lugares, e cada un ía realizar aproveitamentos ao seu monte, e que non estaban de acordo cos termos da solicitude inicial nin se senten representados pola xunta promotora do expediente, e solicitan a exclusión das parcelas de monte que consideran aproveitadas polo seu grupo social. Por outra banda, o escrito presentado o 10.4.2012 pola xunta promotora do expediente exclúe algunhas parcelas do monte solicitadas inicialmente, e reclama a declaración como veciñal soamente de determinadas parcelas e a favor exclusivamente dos veciños do lugar de Bormoio, modificando, pois, substancialmente a petición inicial.

En consecuencia, da análise da documentación que consta no expediente non queda acreditado que a parroquia de Agualada como grupo social aproveitase os montes de Agualada mencionados no antecedente segundo desta resolución, sendo un elemento esencial que exista un claro vencellamento entre o grupo social que aproveita o monte (con independencia da súa dimensión ou de que este sexa ou non unidade administrativa) e o monte aproveitado e, ademais, que a devandita relación sexa de tipo xermánico coa condición de donos e sen atribución de cotas.

Por todo o exposto, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito indicados, e de acordo coa Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, e logo da proposta da instrutora, e por unanimidade dos asistentes con dereito a voto, este xurado

ACORDA:

Non clasificar como montes veciñais en man común os montes de Agualada descritos no antecedente segundo en favor dos veciños da parroquia de Agualada, do concello de Coristanco, ao non resultar acreditado que os devanditos montes estean aproveitados polos veciños da devandita parroquia como grupo social e en réxime de comunidade.

Notifíquese a presente resolución aos interesados.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A Coruña, 10 de xullo de 2012

Antonio Manuel Aguión Fernández
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común da Coruña