Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Xoves, 26 de xullo de 2012 Páx. 29929

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 17 de xullo de 2012 pola que se desenvolve o Decreto 153/2012, do 5 de xullo, polo que se transforma o centro público integrado Celso Emilio Ferreiro de Vigo en centro público de educación primaria, se fusionan os institutos da localidade de Ribadeo e se trasladan ensinanzas.

Por medio do Decreto 153/2012, do 5 de xullo, transfórmase o Centro Público Integrado Celso Emilio Ferreiro de Vigo nun centro público de educación primaria, fusiónanse os institutos de educación secundaria da localidade de Ribadeo e trasládanse ensinanzas.

Resulta necesario regular o proceso de adscrición do persoal docente dos corpos de profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional e mestres afectados polo decreto.

A disposición derradeira primeira do decreto habilita a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para ditar as disposicións que procedan no desenvolvemento e execución deste decreto no seu ámbito competencial.

Na súa virtude, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Persoal docente do Centro Público Integrado Celso Emilio Ferreiro de Vigo

1. O persoal docente dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario, e do corpo de mestres en prazas do primeiro e segundo ciclo de educación secundaria obrigatoria, con destino definitivo no Centro Público Integrado Celso Emilio Ferreiro de Vigo, poderá adscribirse con carácter definitivo no Instituto de Educación Secundaria Álvaro Cunqueiro de Vigo, nun número por especialidade igual ao que se publica como anexo desta orde.

2. O persoal docente que non poida quedar adscrito definitivamente deberá optar por quedar suprimido ou con destino definitivo no Instituto de Educación Secundaria Álvaro Cunqueiro de Vigo. Neste último suposto, este persoal funcionario docente quedará desprazado por falta de horario e deberá participar obrigatoriamente na adxudicación provisional de destino e nos concursos de traslados ata a obtención dun novo destino definitivo.

Segundo. Persoal docente do Instituto de Educación Secundaria O Mosteirón de Sada

1. O persoal docente do corpo de profesores de ensino secundario con destino definitivo no Instituto de Educación Secundaria O Mosteirón de Sada, das especialidades de filosofía, latín e economía, deberá optar por quedar suprimido ou con destino definitivo no Instituto de Educación Secundaria Isaac Díaz Pardo de Sada. Neste último suposto, este persoal funcionario docente quedará desprazado por falta de horario e deberá participar obrigatoriamente na adxudicación provisional de destino e nos concursos de traslados ata a obtención dun novo destino definitivo.

2. O persoal docente do corpo de profesores de ensino secundario con destino definitivo no Instituto de Educación Secundaria O Mosteirón de Sada, das especialidades de lingua castelá e literatura, bioloxía e xeoloxía, lingua galega e literatura e orientación educativa deberá efectuar o proceso de adscrición a unha única praza de cada especialidade no dito centro.

3. O persoal docente referido no parágrafo anterior que non quede adscrito definitivamente ao Instituto de Educación Secundaria O Mosteirón deberá optar por quedar suprimido ou con destino definitivo no Instituto de Educación Secundaria O Mosteirón ou no Instituto de Educación Secundaria Isaac Díaz Pardo, ambos de Sada. Neste último suposto, este persoal funcionario docente quedará desprazado por falta de horario e deberá participar obrigatoriamente na adxudicación provisional de destinos e nos concursos de traslados ata a obtención dun novo destino definitivo.

Terceiro. Criterios de prioridade de adscrición

1. A prioridade do persoal docente para adscribirse con carácter definitivo no centro receptor de ensinanzas ou para quedar suprimido ou desprazado por falta de horario virá determinada pola especialidade da praza da que é titular e, en segundo lugar, pola aplicación dos criterios establecidos no Decreto 140/2006, do 31 de agosto, polo que se determinan os criterios de perda do destino definitivo polo persoal funcionario docente que presta servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias e o cómputo da antigüidade no centro en función das causas de acceso a el. Para estes efectos terase en conta que un catedrático soamente terá prioridade cando no centro receptor de ensinanzas non haxa catedrático ou catedrática da especialidade.

2. O persoal funcionario docente non poderá optar por quedar como suprimido ou desprazado por falta de horario se quedan prazas da súa especialidade sen cubrir no centro receptor de ensinanzas.

Cuarto. Procedemento de adscrición

O persoal docente formulará a súa solicitude de integrarse con destino definitivo no centro receptor de ensinanzas ou de pasar á situación de suprimido ou desprazado por falta de horario nunha reunión convocada pola dirección do centro que se transforma ou do que se trasladan ensinanzas. A dirección do centro levantará acta da reunión, facendo constar a opción de cada unha das funcionarias e funcionarios docentes e remitiraa á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e unha copia á xefatura territorial correspondente.

Quinto. Profesorado titular das especialidades que imparten ensinanzas de formación profesional específica

O profesorado adscrito definitivamente a prazas das especialidades de formación profesional específica afectado polo cambio de ensinanzas previsto no artigo 3 do Decreto 153/2012, do 5 de xullo, quedará adscrito con carácter definitivo ao centro receptor das ensinanzas.

Sexto. Efectividade da adscrición do profesorado

O profesorado que teña destino definitivo no curso académico 2011-2012 e obteña un novo destino como consecuencia da transformación de centros ou traslado de ensinanzas previstas no Decreto 153/2012, do 5 de xullo, quedará adscrito con carácter definitivo ao centro receptor de ensinanzas, con efectividade do 1 de setembro de 2012. Sen prexuízo do anterior, permanecerán no centro de procedencia ata que conclúan as actividades imprescindibles previstas para a finalización do curso académico 2011-2012.

Sétimo. Cómputo da antigüidade

1. O persoal funcionario docente que como consecuencia do Decreto 153/2012, do 5 de xullo, polo que se transforma o Centro Público Integrado Celso Emilio Ferreiro de Vigo nun centro público de educación primaria, se fusionan os institutos da localidade de Ribadeo e se trasladan ensinanzas e do establecido nesta orde, se adscriba con carácter definitivo no centro receptor de ensinanzas, manterá, para todos os efectos de antigüidade no novo centro, a xerada no seu centro de orixe.

2. O persoal que quede suprimido ou desprazado por falta de horario, cando obteña un novo destino definitivo, tamén manterá, para todos os efectos de antigüidade no novo centro, a xerada no seu centro de orixe, á cal se engadirá o tempo transcorrido como suprimido ou desprazado.

Oitavo. Publicación dos destinos no DOG

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará no Diario Oficial de Galicia os destinos do persoal docente que o obteña con carácter definitivo.

Noveno. Cesamento da dirección

A dirección dos institutos de educación secundaria Dionisio Gamallo Fierro e Porta da Auga cesan con efectividade do 31 de agosto de 2012.

Décimo. Traslado de material

As xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria adoptarán as medidas oportunas en relación cos traslados de material que sexa necesario efectuar.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2012

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Código

Denominación da especialidade

Núm. de prazas

590004

Lingua castelá e literatura

2

590005

Xeografía e historia

1

590006

Matemáticas

2

590007

Física e química

1

590008

Bioloxía e xeoloxía

1

590011

Inglés

1

590053

Lingua galega e literatura

1

597060

Pedagoxía terapéutica

1