Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Mércores, 18 de xullo de 2012 Páx. 28683

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (226/2011).

Demandante: Mutua Gallega de Accidentes de Trabajo.

Avogada: Julia Garea Cao.

Demandados: Artiscont de Galicia, S.L., Instituto Nacional da Seguridade Social, Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

María Adelaida Egurbide Margañón, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fago saber que no procedemento de seguridade social 226/2011 deste xulgado do social, seguido por instancia de Mutua Gallega de Accidentes de Trabajo contra a empresa Artiscont de Galicia, S.L., Instituto Nacional da Seguridade Social, Tesouraría Xeral da Seguridade Social, sobre seguridade social, se ditou a seguinte resolución:

Sentenza 421/2012. Autos 226/2011.

Na cidade da Coruña, 5 de xuño de 2012.

Lara M. Munín Sánchez, xuíza substituta do Xulgado do Social número 2 da Coruña, tras ver os presentes autos sobre seguridade social (reintegro de prestacións), por instancia da Mutua Gallega de Accidentes de Trabajo, que comparece representada pola letrada Sra. Vidal Rodríguez, contra a empresa Artiscont de Galicia, S.L., que non comparece, e o Instituto Nacional da Seguridade Social e a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, que comparecen representados pola letrada Sra. Regueira Rodríguez, ditou a seguinte

Sentenza:

«Antecedentes de feito.

Primeiro. A parte demandante Mutua Gallega de Accidentes de Trabajo presentou en data 2.3.2011 demanda, que por quenda correspondeu a este Xulgado do Social número 2 da Coruña, na cal, tras expor os feitos e alegar os fundamentos de dereito que considerou pertinentes, remataba suplicando que se ditase sentenza conforme o pedido.

Segundo. Admitida a trámite a dita demanda, sinalouse para a realización do acto de xuízo o día 4.5.2012 e este tivo lugar na data sinalada en todas as súas fases co resultado que consta na acta redactada para o efecto e que quedou debidamente gravado no correspondente soporte CD. Unha vez concluso o acto do xuízo, quedaron os autos vistos para ditar sentenza.

Terceiro. Na tramitación dos presentes autos observáronse as normas legais de procedemento.

Feitos probados.

Primeiro. Ramón García Abuín, traballador da empresa Artiscont de Galicia, S.L., sufriu un accidente de traballo o 4.5.2010, e foi asistido polo Servizo de Urxencias do 061 ás 8.38 (doc. números 1 e 9 do ramo de proba da demandante).

Segundo. A consecuencia do dito sinistro, a demandante aboou en concepto de anticipo a totalidade das prestacións xeradas, o que fai un total de 4.813,78 euros (doc. números 6 a 13 do ramo de proba da demandante).

Terceiro. A empresa Artiscont de Galicia, S.L. ten concertadas as continxencias profesionais coa Mutua Gallega de Accidentes de Trabajo (doc. números 1 e 2 do ramo de proba da demandante).

Cuarto. A alta na Seguridade Social do traballador sinistrado produciuse o 4.5.2010 ás 10.24 horas (doc. número 4 do ramo de proba da demandante).

Sexto. Esgotouse a vía administrativa previa e presentouse papeleta de conciliación fronte á empresa o 12.1.2011, e tivo lugar o acto ante o SMAC o 28.1.2011 co resultado de intentado sen efecto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Os feitos declarados como probados sono con apoio na proba practicada no acto do xuízo ao cal non acudiu a empresa demandada; e, en especial, da documental achegada, así como da utilización da facultade contida no artigo 91.2 da LXS e a valoración das probas practicadas conforme o disposto no artigo 97.2 da LXS. E o non cuestionado pola outra parte pode cualificarse de conforme.

Segundo. Os artigos 27.2 e 32.3.1 do R.D. 84/1996 dispoñen que a alta dos traballadores por parte das empresas se debe producir antes do inicio da prestación dos servizos («2. As solicitudes de afiliación deberán ser formuladas polos suxeitos obrigados con anterioridade á iniciación da prestación de servizos do traballador por conta allea ou da actividade do traballador por conta propia nos mesmos termos, medios e supostos que para as altas iniciais se prevén nos artigos 32, 38 e 43 deste regulamento» e «3. As solicitudes de alta, baixa e variacións de datos dos traballadores deberán formularse nos prazos seguintes: 1. As solicitudes de alta deberán ser presentadas polos suxeitos obrigados con carácter previo ao comezo da prestación de servizos polo traballador, sen que en ningún caso poidan selo antes dos sesenta días naturais anteriores ao previsto para a súa iniciación»). Non obstante, no presente asunto a alta prodúcese con posterioridade ao comezo da actividade polo traballador para a empresa demandada (o mesmo día, pero dúas horas máis tarde da do accidente).

Isto ocasionou que a Mutua, que cubría as continxencias da empresa, asumise o pagamento das prestacións xeradas polo accidente e agora reclame da empresa incumpridora –ao non estar de alta o traballador ao tempo do accidente– o seu resarcimento. Porque no suposto de alta posterior ao feito causante a responsabilidade directa é a da empresa, por falta de afiliación, sen prexuízo da responsabilidade subsidiaria e do deber de adiantar as prestacións pola Mutua ou, de ser o caso, pola EG (se o empresario é declarado insolvente, como sucesor do Fondo de Garantía de Accidentes de Traballo) (para supostos de IT, SSTS 30.6.2006 –rcud 1092/05–; 11.10.2006 –rcud 2219/05–; e 10.7.2007 –rcud 4168/06–).

Vistos os artigos citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Decido que estimando a demanda interposta pola Mutua Gallega de Accidentes de Trabajo contra a empresa Artiscont de Galicia, S.L., o Instituto Nacional da Seguridade Social e a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, declaro responsable directa das prestacións derivadas do accidente de traballo sufrido por Ramón García Abuín o día 4.5.2010 a empresa Artiscont de Galicia, S.L. e, en consecuencia, condénoa a que lle aboe a cantidade de catro mil oitocentos trece euros e setenta e oito céntimos (4.813,78 euros) á Mutua demandante; sen prexuízo da responsabilidade subsidiaria do Instituto Nacional da Seguridade Social e a Tesouraría Xeral da Seguridade Social (como fondo de garantía e servizo de reaseguro, respectivamente) para o caso de insolvencia da empresa.

Notifíqueselles esta resolución ás partes facéndolles saber que esta non é firme, e fronte a ela cabe formular recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o cal se deberá anunciar neste xulgado no prazo dos cinco días seguintes á notificación desta resolución.

Así, por esta a miña sentenza, o pronuncio, mando e asino».

Advírteselle ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

E para que sirva de notificación de sentenza a Artiscont de Galicia, S.L., expídese o presente edicto.

A Coruña, 28 de xuño de 2012

Adelaida Egurbide Margañón
Secretaria xudicial