Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Mércores, 11 de xullo de 2012 Páx. 27729

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 4 de xullo de 2012 pola que se modifican as bases reguladoras da Orde do 22 de decembro de 2010 pola que se establecen as axudas en concorrencia competitiva para a implantación de servizos de asesoramento, xestión e substitución nas explotacións agrarias, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural.

A Consellería do Medio Rural publicou o 29 de decembro de 2010 a Orde do 22 de decembro de 2010 pola que se establecen as axudas en concorrencia competitiva para a implantación de servizos de asesoramento, xestión e substitución nas explotacións agrarias, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural. Estas axudas convocáronse amparadas polo disposto no Regulamento 1698/2005, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e no Regulamento 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do anterior.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño) establece no seu artigo 31 que poderán realizarse pagamentos á conta, os cales responderán ao ritmo de execución das acción subvencionadas, e aboaranse por contía equivalente á xustificación presentada.

Así mesmo, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro de 2009), establece no seu artigo 62 que o importe conxunto dos pagamentos á conta que se concedesen non poderá ser superior ao 80% da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá á anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. Ademais, establece no seu artigo 65 que quedarán exonerados da constitución de garantía sobre o dito pagamento á conta os beneficiarios das subvencións concedidas cuxos pagamentos non superen os 18.000 euros.

Por todo o anterior modifícanse as bases reguladoras da Orde do 22 de decembro de 2010 pola que se establecen as axudas en concorrencia competitiva para a implantación de servizos de asesoramento, xestión e substitución nas explotacións agrarias, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural, establecendo o procedemento de pagamento á conta referido na Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009, respectivamente, o cal será de aplicación a todas aquelas convocatorias de axudas que se establezan respecto desas bases reguladoras.

De conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo único

Modificación das bases reguladoras que figuran na Orde do 22 de decembro de 2010 pola que se establecen as axudas en concorrencia competitiva para a implantación de servizos de asesoramento, xestión e substitución nas explotacións agrarias, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural, e se convocan para o ano 2011 (DOG núm. 249, do 29 de decembro de 2010).

A Orde do 22 de decembro de 2010 pola que se establecen as axudas en concorrencia competitiva para a implantación de servizos de asesoramento, xestión e substitución nas explotacións agrarias, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural, modifícase nos seguintes termos:

Un. Engádeselle o número 6 ao artigo 21, que queda redactado como segue:

«a) Poderán realizarse pagamentos á conta, os cales poderán supoñer a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas, e aboaranse por contía equivalente á xustificación presentada.

b) O importe conxunto dos ditos pagamentos á conta non poderá ser superior ao 80% da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

c) De acordo co suposto previsto no artigo 65 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios destas axudas cun importe subvencionado superior aos 18.000 euros deberán constituír unha garantía bancaria ou unha garantía equivalente que corresponda ao 110% do importe do pagamento á conta, de acordo co referido no artigo 67.3. A dita garantía liberarase cando a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria comprobe que o beneficiario cumpre todos os requisitos exixidos na convocatoria para o pagamento da axuda e o importe dos gastos considerados finalmente como elixibles supera o importe do pagamento á conta».

Disposición adicional única

Facúltase o director xeral de Produción Agropecuaria para ditar cantas disposicións complementarias considere oportunas para a aplicación e execución desta orde.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2012

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar