Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Martes, 10 de xullo de 2012 Páx. 27609

V. Administración de xustiza

Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra

EDICTO (48/2011).

No presente procedemento ordinario seguido por instancia de Joma Sport, S.A. fronte a Francisco Javier Nogueira Souto ditouse sentenza, cuxo teor literal é o seguinte:

«Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra.

Sentenza: 58/2012.

Asunto: xuízo ordinario 48/2011.

Sentenza.

En Pontevedra o 26 de marzo de 2012.

Xuíz que dita: Roberto de la Cruz Álvarez.

Demandante: Joma Sport, S.A. Procuradora: María del Carmen Vidal Rodríguez. Avogado: José Luis Gómez Castaño.

Demandado: Francisco Javier Nogueira Souto (rebelde procesual)

Obxecto do xuízo: reclamación de cantidade (responsabilidade administrador sociedade limitada).

Antecedentes de feito.

Primeiro. O presente procedemento deriva da demanda presentada o día 29 de marzo de 2011 pola representación procesual de Joma Sport, S.A. na cal reclamaba a suma de 14508,86 euros máis xuros en concepto de cantidades inicialmente debidas pola sociedade Weapon Park, S.L. da cal sería administrador o demandado Sr. Nogueira, que debería responder solidariamente delas. Admitida a trámite, e tras as actuacións de pescuda practicadas foi emprazado por medio de edictos o demandado quen, non comparecido en prazo, foi finalmente declarado en situación de rebeldía procesual, o que lle foi en igual forma comunicado.

Segundo. Tras isto foron citadas as partes comparecidas á realización da audiencia previa ao xuízo que tivo lugar o día da data na sede deste xulgado e onde, tras non formularse cuestións procesuais e fixarse os feitos controvertidos, foi proposta e admitida pola parte demandante tan só proba de carácter documental, e a continuación os autos quedaron vistos para ditar sentenza de conformidade co establecido no artigo 429.8 da Lei de axuizamento civil.

Terceiro. Na tramitación do presente procedemento observáronse as prescricións legais esenciais.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Exércese no presente procedemento, de acordo co propio teor do escrito de demanda, acción en reclamación das cantidades que se din debidas polo demandado como consecuencia do crédito derivado de varias resolucións xudiciais firmes (autos despachando execución tras cadanseu xuízo cambiario nos xulgados de Vilagarcía de Arousa) das cales debería responder, en principio, a sociedade Weapon Park, S.L. da cal sería administrador el demandado; todo isto con base no disposto no artigo 105 da Lei de sociedades de responsabilidade limitada de 1995 (hoxe 363 a 367 da Lei de sociedades de capital) e a xurisprudencia que o interpreta; ao ter incumprido aquel o deber de promover a disolución, ou de presentación do concurso de acredores, da sociedade limitada por el administrada a pesar de encontrarse incursa en causa legal para iso. Pois ben, tendo en conta que a rebeldía procesual do demandado non pode supoñer conformidade nin recoñecemento de feitos no seu prexuízo, de acordo co disposto no artigo 496.2 da Lei de axuizamento civil, menos aínda no suposto, como foi, de citación edictal; deberá analizarse se a proba proposta pola parte demandante e admitida en xuízo é suficiente para estimar as súas pretensións, e debe concluírse que si por canto resulta patente o incumprimento do deber de promover a disolución da sociedade ou a declaración de concurso de acredores, de acordo co que se dirá a seguir. Debe partirse, en calquera caso, de que a certificación rexistral acompañada acredita, sen que se formulase tacha ningunha, a condición de administrador, á par que de socio único, da persoa física demandada.

Segundo. Ao respecto da acción exercida resulta sabido que, como razoa a nosa Audiencia Provincial de Pontevedra (SAP 3/5/2011, entre innumerables) o artigo 105.5 da LSRL (actual artigo 367 da Lei de sociedades de capital), –delimitado nos seus contornos por unha numerosísima xurisprudencia e obxecto dun sen número de comentarios doutrinais, desde a implantación desta singular forma de responsabilidade en decembro de 1985, con ocasión da adaptación das directivas comunitarias en materia de sociedades–, establece unha obriga ex legae que xorde polo incumprimento da obriga de disolver a sociedade concorrendo causa legal e dentro do prazo establecido. Trátase dunha responsabilidade que presenta un carácter marcadamente obxectivo –con todas as matizacións que se queira–, baseada nun acto omisivo, por máis que se exixa o requisito xeral da imputabilidade. Como non deixa de repetirse na doutrina xurisprudencial, non resulta preciso para o éxito desta acción, –e a diferenza do que sucede no marco doutras accións de responsabilidade, de natureza indemnizatoria, como as dos artigos 134 e 135 TRLSA, tamén exercidas neste proceso–, a acreditación da relación de causalidade entre non disolución e dano patrimonial. Isto se, os administradores sociais están obrigados a convocar de forma orgánica a xunta xeral no prazo de dous meses desde que teñan noticia da concorrencia de causa de disolución, ben para adoptar o acordo ou para solicitar o concurso. Se a xunta non se reúne ou non adopta o pertinente acordo, están obrigados, xa individualmente, a solicitar o concurso ou a solicitar xudicialmente a disolución, nun segundo prazo de dous meses desde que se realizou ou se debeu realizar a xunta. Concorrendo estes presupostos legais, o dereito impón ao administrador incumpridor dos seus deberes unha obriga de responder, vinculando solidariamente o seu patrimonio co da sociedade incumpridora, a resultas das débedas sociais. A débeda é a mesma, pero ex legae sitúase outro patrimonio responsable de maneira que o demandante pode exercer a súa demanda polo todo contra calquera dos debedores. A sentenza obtida na reclamación da débeda non é un pronunciamento constitutivo. A sentenza non cambia a natureza da débeda nin fai xurdirr unha nova obriga, senón que declara unha responsabilidade existente, polo motivo de incumprimento dunha obriga, nacida de calquera das fontes que a lexislación permite.

Terceiro. No suposto de litis, a falta de impugnación dos documentos públicos e privados achegados xunto co escrito de demanda produce que estes produzan plenos efectos, de conformidade co establecido nos artigos 319 e 326 da Lei de axuizamento civil, e deles resulta, sen lugar a dúbida, tanto a realidade das débedas que se indican, inicialmente derivadas de obrigas de pagamento non atendidas cos seus gastos de devolución documentados e de resolucións xudiciais firmes (autos despachando execución en JCB 543/2007 e 589/2007, posteriormente acumulados); como a lexitimación das partes á vista do tomador e aceptante das obrigas de pagamento, a desaparición de domicilio social, a falta de patrimonio da empresa e a constatación de que non se presentaron, para o seu depósito, as contas anuais desde o exercicio correspondente ao ano 2006. A ausencia de proba en contra, como correspondería ao demandado en virtude do principio de dispoñibilidade probatoria recollido no artigo 217.7 da Lei de axuizamento civil (SAP Salamanca, 22.11.2006), permite entender que en efecto non houbo tal depósito de contas, e precisamente será por conta do demandado acreditar que desde o último exercicio contabilizado non existía paralización da actividade que imposibilitase alcanzar o fin social, o que deriva, así mesmo, do resto de circunstancias concorrentes apuntadas. Toda vez que o número 2 do actual artigo 367 da Lei de sociedade de capital (105.5 in fine da LSRL, na lexislación alegada e vixente naquel momento) establece que as obrigas sociais reclamadas se presumirán de data posterior ao acaecemento da causa legal de disolución da sociedade, salvo que os administradores acrediten que son de data anterior, o que de novo non acontece; e non se tendo formulado, en puridade, ningunha causa de oposición, a condena devén sen máis inevitable respecto do principal (importe das obrigas de pagamento e gastos de devolución) reclamado.

Cuarto. Tan só se fará a prevención, en primeiro lugar, de que en caso de que se obtivese ou se obtiver no futuro algún pagamento por parte de Weapon Park, S.L., cuxa responsabilidade xa foi xudicialmente declarada, deberá a parte demandante atemperarse pola súa vez ás previsións contidas nos artigos 114/1145 do Código civil, ao tratarse dunha débeda solidaria e non separada (vid., ao respecto, SAP Pontevedra, 25.6.2008). En canto aos xuros, resulta patente que, se respecto da sociedade inicial debedora se devindica o previsto no artigo 58 da Lei cambiaria e do cheque (desde as datas de vencemento de cada unha das obrigas de pagamento por igual importe -31.8.2007 e 30.9.2007), respecto da persoa física que asume solidariamente a débeda debe producirse o mesmo efecto. O que comporta prescindir da suma estimada no suplico da demanda tanto en atención a que a suma por rédito deberá ser, un ano despois, outra; como a que non cabe orzar por xuros e custas como se se tratase esta dunha acción executiva, no que se debe entender como un simple erro material e que non obsta o carácter integro da estimación.

Quinto. En materia de custas procesuais, ao ter sido rexeitadas todas as pretensións da parte demandada, por estimada as da demandante, deberán ser aquelas do seu cargo, de conformidade co establecido no artigo 394 da Lei de axuizamento civil.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Decido que estimando integramente a demanda presentada pola representación procesual de Joma Sport, S.L., fronte a Francisco Javier Nogueira Soto, condeno o demandado a aboarlle á demandante a suma de 14.508.86 euros na forma e co xuro sinalados no fundamento xurídico 4 da presente sentenza.

Con expresa imposición das custas do presente procedemento á parte demandada.

A presente resolución non é firme e contra ela cabe recurso de apelación para ante a Audiencia Provincial de Pontevedra que se interpoñerá directamente neste xulgado no prazo de 20 días desde a súa notificación, logo de acreditación do depósito de 50 euros na conta de depósitos e consignacións deste mesmo xulgado, domiciliada na entidade Banesto.

Notifíqueselles ás partes.

Así o acordo, mando e asino.

Publicación. A anterior sentenza foi publicada polo xuíz que a subscribe no mesmo día da súa data, estando celebrando audiencia pública coa miña asistencia o secretario, do que dou fe».

E encontrándose o dito demandado, Francisco Javier Nogueira Souto, en paradoiro descoñecido, expídese o presente edicto co fin de que lle sirva de notificación en forma.

Pontevedra, 27 de marzo de 2012

O secretario xudicial