Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Xoves, 28 de xuño de 2012 Páx. 25825

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2012 pola que se somete ao trámite de información pública o estudo de impacto ambiental do proxecto de actuacións de reposición de servizos na ribeira do río Sar en Estramundi, concello de Padrón (A Coruña) para os efectos de avaliación ambiental (clave do expediente 2010/0225).

En maio de 2010 Augas de Galicia elaborou o proxecto de actuacións de reposición de servizos na ribeira do río Sar en Estramundi, concello de Padrón (OH.915.994) e presentou o 30 de novembro de 2010 á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a solicitude de cualificación ambiental.

O proxecto ten como obxectivo actuacións de reposición das estruturas viarias e de saneamento na marxe esquerda do río Sar na zona de Estramundi, para frear a erosión do río e dar servizo ás parcelas adxacentes, garantindo o acceso a estas e á ponte de Estramundi. Parte dos terreos afectados polas obras pertencen á zona de especial protección dos valores naturais ZEPVN-LIC ES 1140001, Sistema fluvial Ulla-Deza, e os que non pertencen á dita zona están anexos a ela.

Tendo en conta o anterior, o órgano ambiental determinou que o documento técnico debe someterse ao procedemento de impacto ambiental ao estar incluído no grupo 9, alínea c, epígrafe 7 do anexo I do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de impacto ambiental de proxectos, comunicándoo o 22 de decembro de 2010.

Na mesma data e co obxecto de determinar a amplitude e nivel de detalle do estudo de impacto ambiental a elaborar, o órgano ambiental inicia o período de consultas previas establecido no mencionado Real decreto lexislativo 1/2008.

Finalizado o prazo legalmente establecido para o período de consultas previas, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emite, con data do 4 de marzo de 2011, informe en que se define o alcance do estudo de impacto ambiental e se dá traslado a Augas de Galicia das contestacións recibidas no período de consultas previas.

Tendo en consideración o alcance para a redacción do estudo de impacto ambiental definido pola dita Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Augas de Galicia en marzo de 2012 elabora o estudo de impacto ambiental.

Augas de Galicia, como órgano substantivo, debe someter a información pública o mencionado estudo de impacto ambiental de referencia, de conformidade co disposto no dito Real decreto lexislativo 1/2008, na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e no Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia.

O órgano ambiental competente para resolver o procedemento de avaliación de impacto ambiental é a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; así mesmo, o órgano competente para resolver a aprobación do proxecto de actuacións de reposición de servizos na ribeira do río Sar en Estramundi é Augas de Galicia.

As decisións serán adoptadas pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia respecto da formulación da declaración de impacto ambiental preceptiva.

Considerando o exposto anteriormente, a Dirección de Augas de Galicia, ao abeiro das facultades que lle confire a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e o Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia,

RESOLVE:

Primeiro. Someter ao trámite de información pública o estudo de impacto ambiental do proxecto de actuacións de reposición de servizos na ribeira do río Sar en Estramundi, concello de Padrón (A Coruña), clave do expediente 2010/0225.

Segundo. Que o período de información pública será de 30 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, prazo en que as persoas e/ou entidades que o consideren oportuno poderán presentar cantas alegacións ou observacións consideren oportunas, por escrito dirixido á Dirección de Augas de Galicia no rexistro da entidade na rúa Doutor Maceira 18, baixo, 15706, en Santiago de Compostela.

Terceiro. Que o estudo de impacto ambiental estará á disposición do público interesado e en días hábiles na Área Técnica (rúa Doutor Maceira 18, baixo, 15706 Santiago de Compostela) e na zona hidrográfica Galicia-Centro de Augas de Galicia (rúa Tomiño, 16, 15781 Santiago de Compostela); na Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela); no Servizo de Calidade e Avaliación Ambiental da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (praza Luís Seoane, s/n, 15008 A Coruña) e no Concello de Padrón (rúa Longa, 27, 15900 Padrón). Ademais, poderá consultarse no enderezo http://augasdegalicia.xunta.es/

Así mesmo, considérase oportuno someter a información pública na forma e prazo sinalados o proxecto técnico, documento que estará á disposición dos interesados na Área Técnica de Augas de Galicia.

O que se fai público para todos os efectos legais e regulamentarios de aplicación na materia e para o seu coñecemento xeral.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2012

Francisco Menéndez Iglesias
Director de Augas de Galicia