Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 29 de maio de 2012 Páx. 20555

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 10 de maio de 2012, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 22 de setembro de 2011 polo que se aproba o proxecto sectorial de ampliación do vertedoiro de Areosa, no concello de Cerceda, promovido por Sogama.

En cumprimento do disposto no artigo 13, apartado 5, do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta secretaría xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia do día 22 de setembro de 2011, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«Aprobar definitivamente o proxecto sectorial da ampliación do vertedoiro de Areosa, no concello de Cerceda, promovido pola Sociedade Galega do Medio Ambiente».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995 (modificada pola disposición adicional segunda da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia), publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial da ampliación do vertedoiro de Areosa.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2012.

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO

1. Adecuación ao planeamento local vixente.

O municipio de Cerceda presenta como figura de ordenación do territorio vixente as Normas Subsidiarias de Planeamento Municipais (NSPM), aprobadas o 26 de xuño de 1996.

As Normas Subsidiarias de Planeamento do municipio de Cerceda clasifican a zona afectada pola ampliación do vertedoiro de Areosa coa seguinte denominación:

– Solo non urbanizable normal.

– Solo non urbanizable de protección de ribeiras e encoros.

– Vertedoiro municipal controlado.

2. Proposta de modificación do plan urbanístico vixente.

2.1. Adecuación ao plan.

A área delimitada polo presente proxecto sectorial cualificarase como solo rústico de protección de infraestruturas.

Por tanto, deberá engadirse á dita normativa a citada normativa específica de solo rústico de protección de infraestruturas, que se describe a seguir:

• Solo rústico de protección de infraestruturas.

a) Ámbito e licenzas:

As ordenanzas que a seguir se expoñen teñen por obxecto sinalar as condicións de ordenación que deben terse en conta na implantación, construción e mantemento das distintas actividades que se instalen na ampliación do vertedoiro de Areosa, no termo municipal de Cerceda.

A categoría de solo rústico de protección de infraestruturas comprende a zona ocupada actualmente polo vertedoiro e a destinada á súa ampliación, delimitada no plano n.º 13.-Ordenación urbanística proposta.

Esta zona queda toda ela contida no termo municipal de Cerceda, na provincia da Coruña, e ocupa unha superficie de 44,7 hectáreas.

b) Definicións:

Para os efectos do presente documento, cando se nomeen os seguintes termos entenderanse co significado que segue:

– Parcelación: é a distribución de parcelas resultantes da ordenación.

– Rede viaria: comprende a rede de vías para circulación rodada e de viandantes.

– Aliñación exterior: é o límite entre a parcela e a vía perimetral.

– Liña de fachada: é a aliñación exterior de cada parcela na súa fronte de acceso coa vía correspondente ao mencionado acceso.

– Lindeiros: son os lindes que separan a propiedade de cada parcela das propiedades dos laterais e do fondo.

– Recuamentos: distancias que deberán deixar os distintos elementos de edificación respecto aos lindeiros e á liña de fachada.

– Liña de edificación: é a aliñación da edificación despois de efectuar o recuamento correspondente.

– Rasante: no que respecta ao presente proxecto, é o nivel do terreo nos puntos correspondentes á liña de fachada.

– Coeficiente de edificabilidade: é o coeficiente que indica o aproveitamento edificatorio, sobre rasante, medido en metros cadrados de edificación, para cada metro cadrado de parcela.

– Edificabilidade total, superficie edificable total: é a superficie construída que pode edificarse na suma de todas as plantas sobre rasante. Mídese en metros cadrados e nela non computan nin voos abertos a dúas ou máis caras nin soportais abertos a dúas ou máis caras.

– Ocupación: é a porcentaxe de terreo que pode ocupar a edificación, referida a unha área determinada. Exprésase en tanto por cento. Comprende a proxección de todas e cada unha das plantas do edificio sobre o terreo, excluíndo corpos voados abertos a dúas ou tres caras e soportais coa mesma condición, así como beirís, marquesiñas e elementos singulares que non se poden considerar edificio.

– Altura máxima: é a altura máxima que debe ter a edificación en calquera dos seus puntos. Mídese desde o centro da rasante da liña da fachada ata o arranque inferior da vertente de cuberta.

– Altura libre de planta: a altura comprendida entre caras superiores de piso e inferior dos elementos que compoñen o teito.

c) Condicións de uso:

Nesta categoría de solos quedan permitidos os usos para localización de infraestruturas e as súas zonas de afección destinadas á xestión de residuos sólidos.

d) Condicións de edificación:

As normas urbanísticas de Cerceda non establecen condicións específicas de edificación en solo non urbanizable normal (NU) para usos excepcionais nin tampouco para o sistema xeral de infraestruturas de vertedoiro.

O proxecto sectorial cumpre con todos os parámetros urbanísticos da LOUGA e do plan, a excepción das alturas de edificación. En efecto, a LOUGA establece unha altura máxima de 7 m e a altura máxima das instalacións previstas no proxecto sectorial alcanza 13,5 m. A este respecto o artigo 42.1.c), parágrafo 4, da LOUGA, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, establece que a altura de 7 m poderá ser superada por razóns debidamente xustificadas polas características específicas da actividade.

Neste caso particular, e como consecuencia do proceso produtivo necesario para o correcto tratamento dos residuos sólidos urbanos que chegan ao vertedoiro de Areosa, é necesario superar esta altura, pois necesítanse 13,5 m na nave de pretratamento de residuos para facilitar a descarga dos transportes que chegan a el.

Polo tanto, xustifícase a necesidade de superar a altura establecida pola lei e o planeamento, ben que, en calquera caso, as edificacións se proxectarán de forma que a altura sexa sempre a mínima necesaria para o correcto desenvolvemento da actividade produtiva.

Se for necesaria a construción de novas instalacións no recinto obxecto do proxecto sectorial, poderase superar a altura máxima permitida (7 metros) sempre que existan causas técnicas que así o xustifiquen.

e) Condicións estéticas:

Respecto á estética das edificacións, o artigo 42 da LOUGA establece o seguinte:

«– As características tipolóxicas da edificación deberán ser congruentes coas tipoloxías rurais tradicionais da contorna, en particular, as condicións de volumetría, tratamento de fachadas, morfoloxía e tamaño dos ocos, e solucións de cuberta, que, en todo caso, estarán formadas por planos continuos, sen quebras nas súas vertentes.

– As características estéticas e construtivas e os materiais, cores e acabamentos serán acordes coa paisaxe rural e as construcións tradicionais da contorna. En tal sentido, para o acabamento das edificacións empregarase a pedra ou outros materiais tradicionais e propios da zona. En casos xustificados pola calidade arquitectónica da edificación poderán empregarse outros materiais acordes cos valores naturais, a paisaxe rural e as edificacións tradicionais da contorna.

– Os peches e valados serán preferentemente vexetais, sen que os realizados con material opaco de fábrica superen a altura de 1 metro, salvo en parcelas edificadas, onde poderán alcanzar 1,50 metros. En todo caso, deben realizarse cos materiais tradicionais do medio rural en que se encontren, non permitíndose o emprego de bloques de formigón ou outros materiais de fábrica, salvo que sexan debidamente revestidos e pintados na forma que regulamentariamente se determine.

– Os edificios situaranse dentro da parcela adaptándose no posible ao terreo e ao lugar máis apropiado para conseguir a maior redución do impacto visual e a menor alteración da topografía do terreo.

– As condicións de socalcamento obrigatorio e de acabamento dos socalcos resultantes deberán definirse e xustificarse no proxecto, de modo que quede garantido o mínimo impacto visual sobre a paisaxe e a mínima alteración da topografía natural dos terreos».

Con respecto ás condicións estéticas, as edificacións que se pretenden construír no ámbito territorial afectado correspóndense coa tipoloxía de naves industriais.

Como consecuencia desta tipoloxía, é inviable realizar cubertas de tella ou de lousa neste tipo de edificacións, posto que as cargas que deben soportar os perfís metálicos solicitarían cantos de viga excesivos, mesmo con luces pequenas, por tanto, requírese alixeirar a cuberta de todas as naves proxectadas neste proxecto utilizando panel sándwich de chapa metálica en cor verde, que, ademais, facilita a súa integración no terreo.

Adicionalmente, pode observarse que nas inmediacións do ámbito territorial afectado todas as edificacións correspondentes con esta tipoloxía teñen a cuberta de panel sándwich de chapa metálica, o que garante a integración co ambiente.

Os cerramentos das naves metálicas serán en bloque de formigón revestido ata unha altura de 3 m, o que facilita a súa integración coa paisaxe neste tipo de solo, e en chapa grecada ou panel sándwich de chapa metálica de cor verde a partir desta altura, correspondéndose co resto de edificacións da contorna desta tipoloxía.

f) Condicións dos servizos:

De acordo co previsto no artigo 42.1 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, o promotor da infraestrutura deberá resolver á súa custa os servizos de:

– Acceso rodado.

– Abastecemento de auga.

– Saneamento.

– Enerxía eléctrica.

– Así como a dotación de aparcadoiros, logo de xustificación da superficie que se propoña.

O recinto do vertedoiro conta con todos os servizos necesarios para o correcto funcionamento das instalacións.

2.2. Ordenanzas do ámbito territorial de actuación: vertedoiro de Areosa.

2.2.1. Parcela mínima.

A parcela mínima exixible é de 3.000 m2.

2.2.2. Largo de fachada.

O largo de fachada da edificación non será inferior a 12,00 m.

2.2.3. Edificabilidade.

A edificabilidade total non poderá superar en ningún caso o coeficiente de 0,2 m2/m2 (referido á superficie bruta da parcela).

Non computarán para os efectos de edificabilidade os sotos e semisotos que non sobresaian máis de 1 m da rasante do terreo.

Tampouco computan os aparellos, maquinarias, conducións e elementos auxiliares que, sen seren zonas de paso de traballo, produción ou almacenaxe, ocupen volume exterior como anexos ao edificio principal e non estean pechados en obra de fábrica, nin cuberta.

2.2.4. Ocupación.

A ocupación máxima total das edificacións sobre a superficie da parcela será a que resulte a partir da determinación dos recuamentos a vías e lindes de parcelas sen superar o 20% da superficie total desta. Non se inclúen como ocupación nin beirís, nin marquesiñas, instalacións auxiliares nin elementos singulares (tales como depuradoras, vasos de vertedura) que non poidan considerarse edificación.

2.2.5. Altura máxima e número de plantas.

Unicamente con respecto ás alturas máximas permitidas, o proxecto sectorial apártase dos máximos previstos no planeamento urbanístico vixente. Non obstante, ao abeiro da excepción prevista na propia LOUGA e no citado planeamento, as diferenzas con respecto a alturas xustifícanse debidamente no presente proxecto, por seren imprescindibles pola propia natureza, operatividade e funcionamento da actividade.

A altura máxima será de 13,5 m, medida ata o punto máis alto da estrutura da cuberta. Esta altura podería aumentar en función das necesidades da actividade industrial que se vai desenvolver, sempre que esta se xustifique debidamente. A altura das edificacións non poderá superar as 2 plantas.

2.2.6. Altura libre de plantas.

A altura libre de calquera planta sobre rasante será de 3 metros mínimo, que pode reducirse por motivos debidamente xustificados.

2.2.7. Recuamentos e condicións de acaroamento.

Os recuamentos das construcións aos lindes das parcelas non serán inferiores a:

– A aliñación de fachada (recuamento frontal): 5 metros.

– As aliñacións laterais: 5 metros.

– A aliñación de fondo (recuamento posterior): 5 metros.

– Os recuamentos das fachadas das edificacións a vías non poderán ser inferiores a 4 m.

2.2.8. Condicións de uso.

As condicións de uso serán as seguintes:

– Usos prioritarios: os de recolla, eliminación, tratamento, valorización, reciclaxe e, en definitiva, os asociados ou vinculados á xestión de residuos.

– Usos compatibles: todos aqueles que poidan completar a actividade principal.

– Usos prohibidos: os incompatibles coa lexislación vixente.

– Garaxe aparcadoiro: as prazas de aparcadoiro para uso privado serán, como mínimo, 5 por nave ou edificación.

Todas as actividades permitidas deberán ser compatibles coas exixencias do Decreto 133/2008, do 12 de xuño, polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental en Galicia.

2.2.9. Espazo de seguridade antiincendios.

Deberá quedar sempre un paso entre cada edificio de, polo menos, catro metros, doadamente accesible a vehículos de incendios e deberá garantirse a súa accesibilidade. O devandito acceso será compatible coa circulación interior de vehículos normais.

2.2.10. Ocupación de zonas de recuamento.

Os espazos mínimos de recuamento non poderán ser invadidos por ningunha construción nin elemento construtivo da edificación principal, a excepción de voos e beirís.

2.2.11. Condicións estéticas.

A composición dos edificios, incluíndo as das súas fachadas, é libre, e garantirá unha calidade e deseño.

As características estéticas e construtivas dos materiais, cores e acabamentos serán acordes coas construcións da contorna para este solo rústico. Os materiais que se utilicen para as cubertas serán de chapa metálica ou panel sándwich e nas fachadas, ademais dos anteriores, poderanse utilizar paneis de formigón e bloques de formigón debidamente revestidos.

Manterase o estado natural dos terreos nas zonas non ocupadas polas edificacións ou o resto das infraestruturas.

Os cerramentos e valados serán preferentemente vexetais. Tamén se poderán, pechar ou valar as parcelas con material opaco de fábrica e malla metálica sempre que non supere a altura de 1 m, con excepción das parcelas edificadas, onde pode alcanzar 1,5 m de altura.

2.2.12. Consideracións de volume de edificación.

O volume máximo da edificación será similar ao das infraestruturas existentes nas inmediacións. No caso de que resulte imprescindible superalo por exixencias do uso ou da actividade autorizable, procurarase descompoñelo en dous ou máis volumes conectados entre si co fin de adaptar as volumetrías ás tipoloxías propias da contorna.

As tipoloxías da edificación deberán de ser congruentes coas tipoloxías tradicionais da contorna, propias para este tipo de solo, en particular as condicións de volumetría, tratamento de fachadas, morfoloxía e tamaño dos ocos e solucións de cuberta que, en todo caso, estarán formadas por planos continuos sen quebras nas súas vertentes.

2.2.13. Condicións de posición e implantación.

As edificacións situaranse dentro da parcela adaptándose no posible ao terreo e ao lugar máis apropiado para conseguir unha maior redución do impacto visual e a menor alteración da topografía natural dos terreos.

2.2.14. Infraestruturas de protección contra o lume.

Será de aplicación en cada instalación o Real decreto 2267/2004, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de seguranza contra incendios nos establecementos industriais.

3. Prazo.

Canto ao prazo de adecuación do planeamento urbanístico municipal ao proxecto sectorial, deberá realizarse coa redacción e tramitación de:

1. A primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o concello, que, obviamente, pode ser expresamente para a presente adaptación.

2. A revisión do planeamento urbanístico municipal vixente.

3. A adaptación do planeamento á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

4. Eficacia.

Segundo se establece no artigo 24 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, «...as determinacións contidas nos plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal vincularán o planeamento do ente ou entes locais en que se asenten os devanditos plans ou proxectos, que se deberán adaptar a elas dentro dos prazos que para tal efecto determinen».

No Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, creada ao abeiro da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, especifícase no seu artigo 11.1, que as determinacións contidas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente. Tamén, no seu artigo 11.2, se especifica que «os municipios onde se asenten as infraestruturas, dotacións ou instalacións obxecto dun proxecto sectorial deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido do proxecto sectorial, no cal se establecerán as determinacións do devandito planeamento local que deban ser modificadas como consecuencia da aprobación do proxecto sectorial e no prazo que determine este último e, en todo caso, na primeira modificación ou revisión do planeamento urbanístico».

Así mesmo, segundo o artigo 34.4 da Lei 9/2002, non se precisará da autorización autonómica previa para a infraestrutura, por estar prevista nun proxecto sectorial ao abeiro da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

5. Cualificación das obras e instalacións de marcado carácter territorial e como sistema xeral.

No artigo 11.3 do Decreto 80/2000 disponse: «as obras públicas definidas detalladamente no proxecto sectorial serán cualificadas expresamente de marcado carácter territorial e non estarán suxeitas a licenza urbanística nin a ningún dos actos de control preventivo municipal, de acordo coa disposición adicional primeira da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia. Neste suposto, con carácter previo ao inicio das obras, remitiráselle ao concello un exemplar do proxecto técnico delas».

Segundo o exposto anteriormente, e de conformidade co establecido na disposición derradeira primeira da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, que modifica o texto da disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, o presente proxecto sectorial cualifica expresamente de marcado carácter territorial as obras, instalacións e edificacións descritas do vertedoiro de Areosa. En consecuencia, tal e como se especifica na disposición derradeira primeira da Lei 9/2002, punto 2.º, as obras e as instalacións incluídas neste proxecto sectorial non estarán suxeitas a licenza urbanística municipal.

Por outra parte, como se especifica no artigo 5.4 do Decreto 80/2000, «as infraestruturas e dotacións de interese supramunicipal obxecto dun plan ou proxecto sectorial serán considerados como sistemas xerais». Por tanto, pódense cualificar como sistema xeral de infraestruturas as obras e instalacións proxectadas da ampliación do vertedoiro de Areosa.