Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 28 de maio de 2012 Páx. 20320

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 20 de abril de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se outorga á empresa Gas Natural Distribución SDG, S.A. a autorización administrativa, se aproba o proxecto de execución e se recoñece, en concreto, a utilidade pública da infraestrutura de distribución de gas natural denominada reforzamento da rede de Lugo MOP = 16 desde a posición W.02 de Enagás (expediente IN627A 2011/7-0).

Logo de examinar o expediente instruído por instancia da empresa Gas Natural Distribución SDG, S.A., con CIF A63485890 e con enderezo, para os efectos de notificacións, na rúa Lisboa, s/n, edificio Área Central, local 31 HIJ. 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 11.10.2011 a empresa Gas Natural Distribución SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública do proxecto da infraestrutura de distribución de gas natural denominada reforzamento da rede de Lugo MOP = 16 bar desde a posición W.02 de Enagás, acompañada do preceptivo proxecto de instalacións.

A autorización da infraestrutura gasista que se solicita comportará, de acordo co que establecen os artigos 103 e 105 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, os beneficios da declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación urxente para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos afectados necesarios para o establecemento destas instalacións e da imposición e o exercicio da servidume de paso e doutras limitacións de dominio.

O desenvolvemento desta infraestrutura gasista xustifícase do seguinte xeito:

• Dentro da Gasificación do Noroeste Enagás realizou a construción da rede de Lugo, con deseño no rango de presión MOP (máxima presión de operación) = 16 bar e tubaxe de aceiro de varios diámetros, que se encontra en operación desde 1998 e cuxo propietario actual é Gas Natural Distribución SDG, S.A.

• Actualmente Enagás está a realizar os trámites administrativos para a execución do gasoduto Guitiriz-Lugo, que inclúe a posición W.02 no lugar de Chicán, dentro do municipio de Begonte na provincia de Lugo.

• Co fin de incrementar a capacidade da rede de Lugo, Gas Natural Distribución SDG, S.A. pretende desenvolver o proxecto reforzamento da rede de Lugo MOP = 16 bar desde a posición W.02 de Enagás.

• Unha vez que estean en operación as instalacións obxecto dos citados proxectos procederase ao pechamento da planta de almacenamento de gas natural licuado situada no lugar de Chousa Grande (Lugo), que ten por obxecto apoiar a rede de Lugo con carácter temporal ata a posta en servizo do gasoduto Guitiriz-Lugo.

As características desta infraestrutura gasista son as seguintes:

• A canalización comeza no T de toma en carga de 8” con reforzamento circular completo que se situará sobre a tubaxe existente de 8” da rede de Lugo, a uns 128,70 m augas abaixo do vértice V-85. Continuará 1 m de tubaxe de aceiro de 8” e unha redución de 8”×12” para seguir 47,78 m de tubaxe de aceiro de 12” ata a posición W.02 de Enagás, situada no vértice V-85-3 e na cal se instalará unha válvula de 12” soterrada.

• As lonxitudes, espesores e diámetros da tubaxe que se empreguen son as reflectidas na táboa seguinte:

Condución

Diámetro (“)

Espesor (mm)

Lonxitude (m)

Conexión á posición W.02

12

4,0

47,78

Conexión á rede de Lugo

8

4,0

1,00

Lonxitude total

48,78

As instalacións obxecto do proxecto son as seguintes:

– Conexión á tubaxe existente de 8”, mediante soldadura dun T de toma en carga de 8” con reforzamento circular completo.

– Canalización de gas natural con MOP = 16 bar, en aceiro de 8” e de 1 m de lonxitude, desde o T de toma en carga ata a redución 8”×12”.

– Canalización de gas natural con MOP = 16 bar, en aceiro de 12” e de 47,78 m de lonxitude, desde a redución 8”×12” ata o punto de entrega de Enagás.

– Instalación de tritubo para telecomunicacións.

• O orzamento das instalacións ascende á cantidade de trinta e cinco mil catrocentos dezaseis euros con setenta e oito céntimos (35.416,78 €).

Segundo. O 13.12.2011 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas emitiu informe sobre o devandito proxecto en que conclúe que non procede sometelo ao trámite de avaliación de impacto nin de efectos ambientais.

Terceiro. O 16.1.2012 esta dirección xeral resolveu someter a información pública a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública do proxecto de distribución de gas natural denominado reforzamento da rede de Lugo MOP = 16 bar desde a posición W.02 de Enagás, promovido pola empresa Gas Natural Distribución SDG, S.A.

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 28.2.2012, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 15.2.2012 e nos xornais La Voz de Galicia do 9.2.2012 e El Progreso do 10.2.2012, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Begonte durante un prazo de vinte días.

Así mesmo, esta dirección xeral cursou as preceptivas notificacións individuais a todas as persoas que aparecen como interesadas no procedemento expropiatorio e cuxos predios afectados se relacionaron no anexo da devandita resolución de información pública do 16.1.2012.

Durante o período de información pública legalmente establecido non se presentaron alegacións.

Cuarto. A Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria (en diante, xefatura territorial) emitiu o 2.4.2012 informe favorable sobre o proxecto de referencia.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas, e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; e no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, modificado polo Decreto 8/2011, do 23 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30.11.1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De conformidade cos preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

Outorgar á empresa Gas Natural Distribución SDG, S.A. a autorización administrativa, aprobar o proxecto de execución e recoñecer, en concreto, a utilidade pública do proxecto da infraestrutura de distribución de gas natural denominada reforzamento da rede de Lugo MOP = 16 bar desde a Posición W.02 de Enagás; con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. Gas Natural Distribución SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contando desde o momento do outorgamento da autorización unha fianza polo valor de 708,34 €, importe do 2% do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro. A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Cuarta. As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto subscrito polo enxeñeiro industrial Alfonso Vázquez Varela (colexiado n.º 1.130, colexio de Galicia) e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, na súa delegación de Santiago, con rexistro n.º 241/11 e data 4.10.2011.

Quinta. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa Gas Natural Distribución SDG, S.A. deberá presentar a solicitude de posta en marcha ante a xefatura territorial, quen deberá emitila, logo das comprobacións técnicas que considere oportunas. Previamente ao levantamento da acta de posta en marcha, a xefatura territorial solicitará á empresa distribuidora os ensaios e probas oportunas, así como o certificado de dirección e final de obra, asinado por técnico competente, en que conste que a construción e montaxe das instalacións se efectuaron de acordo co proxecto correspondente, acreditando, así mesmo, expresamente, o cumprimento das condicións técnicas e prescricións regulamentarias de aplicación.

Sexta. A empresa Gas Natural Distribución SDG, S.A. deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Sétima. A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas necesarias para realizar as instalacións aprobadas.

Oitava. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo; por incumprimento das condicións estipuladas; pola facilitación de datos inexactos; ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, conforme o establecido nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2012.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas