Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Xoves, 24 de maio de 2012 Páx. 19809

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 29 de febreiro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente a ampliación da subestación de Mazaricos 220 kV-nova posición de liña Lousame 220 kV-nova posición de acoplamento, no termo municipal de Mazaricos (A Coruña). (Expediente IN407A 2009/472).

Examinado o expediente instruído a pedimento da empresa Red Eléctrica de España, S.A.U., con enderezo para efectos de notificación en Paseo Conde de los Gaitanes, 177, 28109 Alcobendas (Madrid), resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 23 de outubro de 2009, a citada empresa solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública,en concreto, da citada instalación, presentando a preceptiva documentación a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Segundo. As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

Ampliación da subestación de Mazaricos 220 kV, consistente na instalación dunha dobre barra, coas seguintes novas posicións pertencentes á rede de transporte:

– Unha posición de liña de entrada da nova liña Lousame 220 kV.

– Unha posición de acoplamento e medida.

– Unha posición de reserva para futuras ampliacións.

Concello: Mazaricos (A Coruña).

Terceiro. Con data do 30 de novembro de 2009, e de acordo co recollido no artigo 114 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, a Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio emite informe favorable sobre a autorización do devandito proxecto.

Cuarto. Con data do 1 de marzo de 2010, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emite informe relativo á tramitación ambiental que se debe seguir en proxectos de ampliación de subestacións eléctricas existentes a 220 kV, consistentes na instalación de novas posicións dentro do recinto existente da propia subestación, como é o caso do proxecto obxecto da presente resolución, informando que este tipo de proxectos non se atopa incluído entre os recollidos na lexislación sobre avaliación de impacto ambiental.

Quinto. Con data do 13 de outubro de 2011, Red Eléctrica de España, S.A.U. presenta escrito ante esta consellería en que solicita a desistencia da súa solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, da citada instalación, neste expediente, proseguíndose os trámites para efectos de que sexa outorgada a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución.

Sexto. Por Resolución do 9 de novembro de 2011, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa das instalacións eléctricas de referencia, que se publicou no DOG do 2 de decembro de 2011 e no BOP da Coruña do 28 de novembro de 2011.

Sétimo. Durante o período en que se someteu a trámite de información pública non consta a presentación de alegacións.

Oitavo. Separadamente, presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan bens, instalacións, obras ou servizos, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos ou corporacións, co fin de que, de ser o caso, establecesen o condicionado procedente.

Noveno. Con data do 7 de febreiro de 2012, os servizos técnicos da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña emiten informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, en relación coa concesión da autorización administrativa; queda pendente o informe sobre a aprobación do proxecto de execución, á espera da súa emenda por parte da empresa promotora, en resposta aos requirimentos efectuados pola devandita xefatura territorial.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; Decreto 79/2009, do 19 de abril e Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polos que se fixa a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e das consellerías desta (DOG do 20 de abril de 2009 e 5 de xaneiro de 2012, respectivamente), Decreto 324/2009, do 11 de xuño (DOG do 17 de xuño) polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, modificada pola Lei 17/2007, do 4 de xullo, e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O proxecto cumpre o disposto no Regulamento sobre centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación, aprobado polo Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a ampliación da subestación de Mazaricos 220 kV- nova posición de liña Lousame 220 kV-nova posición de acoplamento, no termo municipal de Mazaricos (A Coruña).

2. Aceptar a desistencia de Red Eléctrica de España, S.A.U. en canto á súa solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica que se cita.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. Dentro do prazo de seis meses contados a partir da data de notificación da presente resolución, a empresa promotora deberá presentar ante a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña o proxecto de execución corrixido, de acordo cos requirimentos de correción realizados por esa xefatura territorial, e solicitar a súa aprobación. Producirase a caducidade da presente autorización administrativa se, transcorrido o devandito prazo, o proxecto corrixido non fora presentado. O peticionario, por razóns xustificadas poderá solicitar, prórroga do prazo establecido, logo da correspondente solicitude acompañada da xustificación técnica ou a exposición da causa de forza maior causante da demora.

Segunda. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Terceira. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2012.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas