Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Venres, 18 de maio de 2012 Páx. 18919

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de aprobación definitiva do Plan parcial do solo urbanizable delimitado número 14 (SUD-14), Monte do Seixo.

O Pleno da Corporación, na sesión que tivo lugar o día 23 de febreiro de 2012, adoptou o seguiente acordo:

a) Resolver as alegacións formuladas no período de información pública a que se someteu o acordo de aprobación inicial do Plan parcial do solo urbanizable delimitado número 14, Monte do Seixo, de conformidade co informe emitido polo equipo redactor e presentado o do 1 de xuño de 2011 (tomo V, epígrafe 2, denominado «resposta ás alegacións presentadas»).

b) Aprobar definitivamente o Plan parcial do solo urbanizable delimitado número 14 (SUD-14) Monte do Seixo, coas seguintes modificacións, respecto do inicialmente aprobado:

– Actualízase a relación de propietarios afectados, de acordo coa actual información catastral.

– Inclúense en distintos puntos da normativa os condicionantes resultantes dos informes sectoriais emitidos, e refórmanse os planos correspondentes segundo as indicacións realizadas, todo isto segundo se explica na páxina 10 e seguintes do tomo IV do Plan.

– Inclúese no tomo III do Plan a documentación acreditativa da titularidade dos terreos pertencentes aos propietarios integrantes da Comisión Xestora, que representan máis do 50% da superficie obxecto de ordenación.

– Refórmase o Plan de etapas co obxecto de ampliar os prazos de execución das distintas actuacións, de conformidade coa alegación presentada pola Comisión Xestora de Propietarios, representada por Donatila Roca García.

– Nas parcelas con edificación preexistente que se mantén, establécese expresamente a aplicación do réxime de fóra de ordenación consonte o disposto polos artigos 219 e seguintes do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Por outra parte, axústase a edificabilidade real que pode materializarse nas ditas parcelas co obxecto de reducir a diferenza entre o aproveitamento de feito e o que de dereito corresponde aos respectivos propietarios afectados, diminuíndo así a carga que para estes vai supoñer a aprobación do futuro proxecto de equidistribución.

– Ao abeiro do que establecen os artigos 74.a) e 110.6 da LOUG, inclúese na normativa do Plan unha nova epígrafe (4.6) sobre o deber de conservación da urbanización, coa seguinte redacción:

«Os propietarios das parcelas resultantes con aproveitamento lucrativo deberán constituírse en entidade urbanística de conservación, asumindo a obriga de conservar a urbanización resultante, nos termos que para tal efecto se precisarán no correspondente proxecto de urbanización. O deber de conservación, por un prazo de trinta anos, incluirá como mínimo os espazos libres EL-04, EL-06, EL-07, EL-08 e EL-09.

c) Requirir da agrupación promotora a presentación da documentación que incorpore á normativa a epígrafe 4.6 relativa á conservación da urbanización, coa redacción indicada no anterior alínea b).

O presente acordo notificaráselles aos interesados e publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia, en que se inserirá a normativa urbanística aprobada.

Así mesmo, remitirase á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comunicación deste acordo de aprobación definitiva, xunto con dous exemplares dilixenciados do proxecto definitivamente aprobado».

Con data do 23 de marzo de 2012, a agrupación promotora do SUD-14 presentou a correspondente documentación para incorporar á normativa do documento aprobado definitivamente, consistente na inclusión da epígrafe 4.6, relativa á conservación da urbanización.

O acto de aprobación definitiva do citado plan parcial foi comunicado á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o 26 de marzo de 2012, en cumprimento do disposto polo artigo 92.3 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).

O anuncio da aprobación definitiva, xunto coa normativa publicouse no Boletín Oficial da provincia da Coruña n.º 72, o día 17 de abril de 2012.

Contra o acordo de aprobación definitiva do citado plan parcial, poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2012.

Ángel Currás Fernández
Alcalde