Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Venres, 18 de maio de 2012 Páx. 18849

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 4 da Coruña

EDICTO (276/2010).

Encarnación Mercedes Tubío Lariño, secretaria do Xulgado do Social número 4 da Coruña, dou fe e certifico que neste xulgado se seguen autos número 276/2010, por instancia de Mutua Gallega de Accidentes de Trabajo contra a empresa Robredo Tres 2005, S.L., o Instituto Nacional da Seguridade Social e a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, sobre aboamento de prestacións, en que recaeu sentenza con data 25 de abril de 2012 que, copiada nos particulares necesarios, di así:

«Que debo estimar e estimo a demanda interposta por Mutua Gallega de Accidentes de Trabajo, asistida pola letrada Eva María Vidal Rodríguez, contra a entidade Robredo Tres 2005, S.L., en rebeldía procesual, e contra o Instituto Nacional da Seguridade Social e a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, ambas asistidas pola letrada María José Goyanes Viviani, e debo declarar e declaro a responsabilidade directa e principal da entidade Robredo Tres 2005, S.L. no aboamento das prestacións anticipadas pola demandante ao traballador Cristóbal Pérez Cárdenas polo accidente de traballo padecido o día 16 de maio de 2008, coa responsabilidade subsidiaria do INSS e da TXSS para o suposto de insolvencia da citada empresa e, en consecuencia, debo condenar e condeno a empresa Robredo Tres 2005, S.L., de maneira directa e principal, a reintegrar á Mutua Gallega de Accidentes de Trabajo a cantidade de 789,94 euros que a demandante anticipou en concepto de gastos de asistencia sanitaria e prestacións económicas de IT, coa responsabilidade subsidiaria do INSS e da TXSS para o caso de insolvencia da citada empresa.

Notifíqueselles esta resolución ás partes, ás que se lles fará saber que non é firme e que contra ela só cabe recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que se deberá anunciar ante este xulgado no prazo de cinco días contado a partir da notificación desta sentenza, do que coñecerá, de ser o caso, a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, tal e como establece o artigo 188 e seguintes do texto refundido da lei, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/1995, do 7 de abril, pasados os cales quedará firme e se procederá ao seu arquivo.

Así, por esta miña sentenza, definitivamente xulgando en primeira instancia, pronúncioo, mándoo e asínoo».

E para que conste, para efectos da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, co fin de que lle sirva de notificación en forma á empresa Robredo Tres 2005, S.L., expido e asino este edicto na Coruña o 25 de abril de 2012.

A secretaria xudicial
Rubricado