Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Luns, 14 de maio de 2012 Páx. 18179

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 28 de marzo de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se outorga á empresa Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa, se aproba o proxecto de execución e se recoñece, en concreto, a utilidade pública do gasoduto de distribución de gas natural denominado ramal de subministración en 10 bar a Carral (expediente IN627A 2011/5-0).

Logo de examinar o expediente instruído por instancia da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con CIF A15383284 e con enderezo, para os efectos de notificacións, na rúa Lisboa, s/n, edificio Área Central, local 31 HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 20 de xullo de 2011 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública do gasoduto de distribución de gas natural denominado ramal de subministración en 10 bar a Carral, acompañada do preceptivo proxecto de instalacións.

A autorización da infraestrutura gasista que se solicita comportará, de acordo co que establecen os artigos 103 e 105 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, os beneficios da declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación urxente para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos afectados, necesarios para o establecemento destas instalacións, e da imposición e o exercicio da servidume de paso e doutras limitacións de dominio.

As características desta infraestrutura gasista son as seguintes:

– O dito ramal ten o seu inicio na punta de tubaxe deixada por Gas Natural Distribución SDG, S.A., como punto final do proxecto punto de entrega a Gas Galicia en 10 bar en Culleredo, situado no lugar denominado Aián, ao leste do camiño Reixas, no termo municipal de Culleredo.

– Discorrerá polos termos municipais de Culleredo, Cambre e Carral, e rematará nun armario de regulación (10/5 bar), situado ao norte do núcleo urbano de Carral. Terá unha lonxitude de 6.221 m, coa seguinte distribución por concellos: 3.442 m en Culleredo, 689 m en Cambre e 2.090 m en Carral.

– Esta condución realizarase en polietileno PE-100 SDR-11 e deseñarase para unha presión máxima de servizo de 10 bar. As súas instalacións auxiliares son as seguintes:

- Armario de regulación 10/5 bar (tipo AR-01).

- Válvulas de seccionamento á entrada e saída deste armario de regulación.

– O seu orzamento ascende á cantidade de seiscentos dez mil cento oitenta e oito euros (610.188 €).

Segundo. O 2 de agosto de 2011 esta dirección xeral resolveu iniciar o trámite de competencia para o outorgamento da autorización administrativa do devandito gasoduto, para os efectos previstos no artigo 5 do Decreto 62/2010, do 15 de abril.

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 12 de agosto de 2011 e, durante o prazo establecido (30 días), non se presentaron outras solicitudes en concorrencia; en consecuencia, continuouse co procedemento de outorgamento de autorización administrativa solicitada pola empresa Gas Galicia SDG, S.A.

Terceiro. O 20 de setembro de 2011 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, emitiu informe sobre o devandito proxecto no que conclúe que non procede sometelo ao trámite de avaliación de impacto ou efectos ambientais.

Cuarto. O 4 de outubro de 2011 esta dirección xeral resolveu someter a información pública a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública do gasoduto de distribución de gas natural denominado ramal de subministración en 10 bar a Carral, promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A.

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 28 de outubro de 2011 e nos xornais La Voz de Galicia e La Opinión da Coruña do 21 de outubro de 2011, e tamén estivo exposta nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados durante un prazo de vinte días (Culleredo: desde o 18 de outubro de 2011 ao 10 de novembro de 2011; Cambre: desde o 18 de outubro ata o 10 de novembro de 2011; Carral: desde o 17 de outubro de 2011 ao 10 de novembro de 2011).

Así mesmo, esta dirección xeral cursou as preceptivas notificacións individuais a todas as persoas que aparecen como interesadas no procedemento expropiatorio, e cuxos predios afectados se relacionaron no anexo da devandita resolución de información pública do 4 de outubro de 2011.

Quinto. Así mesmo, esta dirección xeral trasladou as separatas deste proxecto ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, con bens e dereitos ao seu cargo, afectadas pola mencionada condución de gas, para os efectos de obter o seu informe ao respecto. Na seguinte táboa relaciónanse estas entidades e recóllese un resumo da súa resposta:

N.º

Entidade

Resumo da resposta

1

Demarcación de Estradas do Estado en Galicia - Ministerio de Fomento

Non contestaron á petición de informe (xustificante de recepción do 18.10.2011), nin á reiteración desta petición (xustificante de recepción do 13.12.2011). Polo tanto, conforme o disposto nos artigos 80 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, enténdese a súa conformidade, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

2

Servizo de Infraestruturas da Xefatura Territorial da Coruña - Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

Informe do 21.10.2011: informan favorablemente o proxecto de referencia.

3

Augas de Galicia - Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

Informe do 25.10.2011: emiten informe favorable do proxecto de referencia en canto ao seu trazado, sempre que se teñan en conta as consideracións que fan.

4

Servizo de Vías e Obras - Deputación Provincial da Coruña

Non contestaron á petición de informe (xustificante de recepción do 17.10.2011), nin á reiteración desta petición (xustificante de recepción do 12.12.2011). Polo tanto, conforme o disposto nos artigos 80 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, enténdese a súa conformidade, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

5

Concello de Culleredo

Informe do 21.10.2011: informan favorablemente o proxecto de referencia, achegan a correspondente condicionado técnico e indican que previamente á execución da obra a empresa promotora deberá solicitarlle a preceptiva autorización.

6

Concello de Cambre

Non contestaron á petición de informe (xustificante de recepción do 17.10.2011), nin á reiteración desta petición (xustificante de recepción do 30.1.2012). Polo tanto, conforme o disposto nos artigos 80 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, enténdese a súa conformidade, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

7

Concello de Carral

Informe do 31.1.2012: emiten informe favorable do proxecto de referencia.

8

Gas Natural Fenosa

Informe do 15.12.2011: dan a súa conformidade ao proxecto de referencia.

Sexto. A Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria (en diante, xefatura territorial) emitiu informe favorable sobre o o proxecto de referencia o 25 de outubro de 2011.

Sétimo. Durante o período de información pública legalmente establecido presentáronse as seguintes alegacións:

Alegacións

N.º

Resumo

1

A Entidade Pública Empresarial de Solo (SEPES), que figura como propietaria do predio C-CU-028, indica que este predio non é deles, senón que é do Ministerio de Fomento.

2

Gonzalo López Liñares, que figura na RBDA (Relación de Bens e Dereitos Afectados) como propietario do predio C-CU-016, indica que este predio ten un cerramento de bloques, ten árbores e andan animais e, polo tanto, solicita que se teña todo isto en conta á hora de valorar os danos que se puidesen causar.

3

Jorge Souto Mariñas, que intervén en representación de Ángel López Cacheiro, que figura na RBDA como propietario dos predios C-CA-04 e C-CA-05, indica que o nome da paraxe que figura para estes predios está mal. Tamén solicita que o gasoduto pase por debaixo dunha liña eléctrica de alta tensión que pasa polos seus predios.

4

María Dolores García Deschamps, que figura na RBDA como propietaria do predio C-CU-003, propón dúas alternativas de cambio de trazado para reducir as afeccións ao seu predio C-CU-003 e seguintes (ata o C-CU-008 na 1.ª alternativa; e ata o C-CU-004 na 2.ª).

5

Élida Rodríguez Angeriz, que figura na RBDA como propietaria do predio C-CU-024/1, indica que este non é da súa propiedade.

6

Eduardo Parcero Garrido, que figura na RBDA como propietario do predio C-CU-006, propón unha alternativa de cambio de trazado para reducir as afeccións aos predios comprendidos entre o C-CU-003 e o C-CU-008 (din que esta alternativa sería aceptada por todos os afectados).

7

Os herdeiros de Dolores Liñares Fuentes, que figura na RBDA como propietaria do predio C-CU-005, propoñen unha alternativa de cambio de trazado para reducir as afeccións aos predios comprendidos entre o C-CU-003 e o C-CU-008 (din que esta alternativa sería aceptada por todos os afectados).

8

Remigio Barbeito Veira, que di ser interesado no procedemento, propón unha alternativa de cambio de trazado para reducir as afeccións aos predios comprendidos entre o C-CU-003 e o C-CU-008 (din que esta alternativa sería aceptada por todos os afectados).

9

Luis Montes Barral, que figura como propietario do predio C-CA-16, di que o trazado afecta ao cerramento perimetral do seu predio (muro de bloque) e propón varias alternativas que evitan esta afección.

10

Issac Nión Patiño, di que o predio C-CU-004 é da súa propiedade (aínda que na RBDA figura como propietaria Rosa Naya Canedo) e propón unha alternativa de cambio de trazado para reducir as afeccións aos predios comprendidos entre o C-CU-003 e o C-CU-008 (di que esta alternativa sería aceptada por todos os afectados).

11

María Dolores Tasende Díaz, que figura na RBDA como propietaria do predio C-CU-046, di que este predio xa non é dela, ao serlle adxudicado, por segregación, a Autora Castro Patiño, con enderezo no Lg. de Barrio, 9, Sueiro, 15189 Culleredo (quen xa consta como propietaria do predio C-CU-047).

12

Luis Miguel González Vázquez, que figura como propietario do predio C-CU-033, di que este predio non está dedicado a pastos, senón a labradío.

13

Manuela Candal Reboredo, que figura na RBDA como propietaria do predio C-CU-027, di que este predio non está dedicado a pastos, senón a horta; ademais, indica que a lonxitude da traza non é de 28,77 m, senón de 23 m.

14

O Ministerio de Economía e Facenda, que figura na RBDA como propietario dos predios C-CU-(062,063,064,074) e C-CM-(001,007,017), di que no seu inventario de bens e dereitos do Estado non figura ningunha propiedade patrimonial con referencias catastrais reflectidas para eses predios.

15

Ricardo Federico Pombo Vázquez (no nome da comunidade que conforma con Rosa María Vázquez Martínez e Lorena Pombo Vázquez), a respecto dos predios C-CU-(007,014) para os que figura na RBDA como propietaria Rosa María Vázquez Martínez, indica o seguinte: en canto ao predio C-CU-014 pide que se libere da súa afección e se aproveite o trazado dunha liña eléctrica sobre o predio C-CU-015, o que reduciría tamén a afección aos predios C-CU-(017,018); e en canto ao predio C-CU-007 pide un desprazamento do trazado cara ao nordeste para evitar a afección duns exemplares protexidos e de gran porte que conforman unha masa forestal.

16

Pedro Fco. Blázquez Fragoso, en nome de Bruno Martínez Vázquez (quen di actuar no seu nome e no da Comunidade de Herdeiros de Federico Ramón Vázquez Paredes, que figura na RBDA como propietario do predio C-CU-022), indica o seguinte: pide un desprazamento do trazado cara ao norte para evitar a afección da vexetación de ribeira do leito do río Valiñas e de exemplares protexidos (carballos e castiñeiros).

17

Mª Dolores e M.ª Susana Ramos Bao, que din actuar como herdeiras de Pedro Ramos Bergondo que figura na RBDA como propietario do predio C-CA-07, piden que o trazado se faga coincidir co da liña eléctrica que atravesa o predio de oeste a leste na súa parte sur.

18

Olga Martínez Candamio, que figura na RBDA como propietaria do predio C-CU-043, pregunta por que non se lle enviou a notificación individual. Ademais, di que tamén é propietaria doutra parcela colindante no mesmo polígono e que non figura na relación de predios afectados e pide información sobre como vai quedar afectada polo gasoduto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; e no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, modificado polo Decreto 8/2011, do 23 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30 de novembro de 1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. Á vista das alegacións presentadas, das contestacións da empresa Gas Galicia SDG, S.A. a estas alegacións e do resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto o seguinte:

1. En canto aos cambios ou erros na titularidade dos predios afectados polas instalacións do proxecto, aos que se fai referencia nas alegacións n.º 1, 5, 7, 10, 11, 14, 15, 16 e 17, cómpre indicar o seguinte:

– Alegación n.º 1: corríxese a titularidade do predio C-CU-028 a prol do Ministerio de Fomento - Demarcación de Estradas do Estado en Galicia (r/ Antonio Machado, 15701 A Coruña).

– Alegación n.º 5: corríxese a titularidade do predio C-CU-024/1 a prol de propietario descoñecido.

– Alegación n.º 7: corríxese a titularidade do predio C-CU-005 a prol dos herdeiros de Dolores Liñares Fuentes; non obstante, deberán achegar a documentación acreditativa da súa titularidade (orixinal ou copia compulsada).

– Alegación n.º 10: corríxese a titularidade do predio C-CU-004 a prol de Issac Nión Patiño; non obstante, deberá achegar a documentación acreditativa da súa titularidade (orixinal ou copia compulsada).

– Alegación n.º 11: corríxese a titularidade do predio C-CU-046 a prol de Aurora Castro Patiño (Lg. Barrio, 9, Sueiro, 15189 Culleredo); non obstante, deberá achegar a documentación acreditativa da súa titularidade (orixinal ou copia compulsada).

– Alegación n.º 14: corríxese a titularidade dos predios C-CU-(062,063,064,074) e C-CM-(001,007) a prol de propietario descoñecido.

– Alegación n.º 15: corríxese a titularidade dos predios C-CU-(007,014) a prol da comunidade conformada por Ricardo Federico Pombo Vázquez, Lorena Pombo Vázquez e Rosa María Vázquez Martínez; non obstante, deberán achegar a documentación acreditativa da súa titularidade (orixinal ou copia compulsada).

– Alegación n.º 16: corríxese a titularidade do predio C-CU-022 a prol dos herdeiros de Federico Ramón Vázquez Paredes; non obstante, deberán achegar a documentación acreditativa da súa titularidade (orixinal ou copia compulsada).

– Alegación n.º 17: corríxese a titularidade do predio C-CA-07 a prol de María Dolores e María Susana Ramos Bao; non obstante, deberán achegar a documentación acreditativa da súa titularidade (orixinal ou copia compulsada).

2. O achegamento da documentación acreditativa da titularidade dos predios, aos que se fai referencia no punto anterior, poderase realizar durante o acto de levantamento de actas previas á ocupación, ao cal serán oportunamente convocados todos os afectados. Así mesmo, neste acto de levantamento de actas previas á ocupación tomaranse en consideración, de ser o caso, as cuestións relativas á natureza dos predios feitas nas alegacións n.º 3, 12 e 13, así como as cuestións relativas aos bens ou dereitos que resultan afectados, feitas na alegación n.º 2.

3. En canto ao resto da alegación n.º 3, cómpre indicar que, atendendo a normas de seguridade e mantemento, o gasoduto non pode discorrer por debaixo da liña eléctrica de alta tensión; non obstante, vai discorrer por dentro da zona de servidume da dita liña eléctrica, no intento de xerar o menor prexuízo sobre a propiedade.

4. En canto á alegación n.º 4, é necesario indicar o seguinte:

– A respecto da 1.ª variante do trazado: adaptar o trazado do gasoduto ao camiño existente non é viable porque a súa largura non é suficiente para librar de afeccións aos predios lindantes, afectando propiedades non incluídas no expediente, cuxos propietarios non manifestaron o seu consentimento. Non obstante, na fase de construción o trazado poderá ser axustado aos lindeiros dos predios, sempre e cando exista o consentimento dos propietarios de todos os predios afectados.

– A respecto da 2.ª variante do trazado: afectaría ao predio C-CU-004, cuxo propietario, que tamén presentou escrito de alegacións no que solicita cambio do trazado do gasoduto, non fixo alusión a esta alternativa.

5. En canto ás alegacións n.º 6 e 8, e ao resto da alegación n.º 7, cómpre indicar o mesmo que o dito a este respecto para a alegación n.º 4.

6. En canto á alegación n.º 9, hai que indicar que adaptar o trazado do gasoduto a algunha das modificacións propostas implicaría afectar propiedades non incluídas no expediente ou modificar as afeccións sobre outros predios, cuxos propietarios non manifestaron o seu consentimento. Polo que respecta ao cerramento do predio, unha vez finalizada a fase de construción, tanto o terreo como este cerramento serán repostos ao seu estado orixinal.

7. En canto á alegación n.º 10, hai que indicar o mesmo que o dito a este respecto para as alegacións n.º 4, 6, 7 e 8.

8. En canto á alegación n.º 15, cómpre indicar o seguinte:

– O trazado nesta zona proxectouse en paralelo á liña eléctrica existente, intentando ocasionar o menor prexuízo posible; entre os vértices V-35 e V-36 realízase un cruzamento coa vía de comunicación, en perpendicular, que ocasiona o desprazamento do gasoduto ao outro lado da liña eléctrica, afectando o predio C-CU-014. Non obstante, na fase de construción o trazado poderá ser axustado aos lindeiros do predio, sempre e cando exista o consentimento dos propietarios de todos os predios afectados.

– Por requirimento do organismo Augas de Galicia, o cruzamento do río de Valiñas realizarase con perforación dirixida para non afectar a vexetación da ribeira deste río; por esta razón, non se producirá ocupación temporal no predio C-CU-007, quedando polo tanto sen afeccións orixinadas por la construción do gasoduto.

9. En canto á alegación n.º 16, hai que indicar que por requirimento do organismo Augas de Galicia, o cruzamento do río de Valiñas realizarase con perforación dirixida para non afectar a vexetación da ribeira deste río, tal e como se solicita na alegación.

10. En canto á alegación n.º 17, hai que indicar o mesmo que o dito a este respecto para a alegación n.º 3.

11. En canto á alegación n.º 18, é necesario indicar que esta dirección xeral contestoulle ao interesado, mediante oficio con rexistro de saída do 14 de febreiro de 2012 (xustificante de recepción do 25 de febreiro de 2012), nos seguintes termos:

– En canto á notificación falida: esta dirección xeral intentou no seu momento a preceptiva notificación ao enderezo que constaba no catastro (rúa Sueiro, n.º 27, 15189 Culleredo, A Coruña), non obstante, o servizo de Correos devolvéunola por ser incorrecto o enderezo; polo tanto, de acordo co exixido no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, enviámoslla ao Ministerio Fiscal (Fiscal da Audiencia Provincial da Coruña).

– En canto á afección dun novo predio: a empresa promotora, despois de realizar as oportunas comprobacións, constatou a veracidade do expresado polo interesado, ao existir un predio afectado, coa referencia catastral n.º 0608NH5900N, que non figuraba no proxecto. Como consecuencia disto, modificouse a afección do predio C-CU-44, ao engadirse un novo predio no proxecto, identificado co n.º C-CU-043/1, cuxo titular é o interesado.

– No devandito oficio de contestación ao interesado desta dirección xeral, informóuselle das afeccións deste novo predio (C-CU-043/1), acompañouse copia do plano parcelario e outorgóuselle un novo prazo de 20 días para a formulación das alegacións que estimase oportunas. A día de hoxe, o interesado non presentou novas alegacións.

Cuarto. Na relación de predios afectados, publicada como anexo da devandita resolución de información pública do 4 de outubro de 2011, así como nas notificacións individuais practicadas no seu momento, detectouse un erro, consistente en que as superficies afectadas por SP (servidume de paso) e por OT (ocupación temporal) están intercambiadas. A corrección deste erro supón para os afectados un menor prexuízo, porque a ocupación temporal afecta unha maior superficie que a servidume de paso.

Quinto. En canto aos bens e dereitos afectados por este gasoduto e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes, ou, de ser o caso, pendentes de emitir.

De conformidade cos preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

Outorgar á empresa Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa, aprobar o proxecto de execución e recoñecer, en concreto, a utilidade pública do gasoduto de distribución de gas natural denominado ramal de subministración en 10 bar a Carral; con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. La empresa Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contados desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 12.217,76 €, importe do 2% do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro. A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que, en xeral, sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os cumprimentan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta Comunidade Autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Cuarta. As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto subscrito polo enxeñeiro de camiños, canles e portos David Gistau Cosculluela (colexiado n.º 12.806 - Colexio de Madrid) e visado polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Madrid (expediente: 145.578; data: 29 de xuño de 2011).

Quinta. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. deberá presentar a solicitude de posta en marcha ante a xefatura territorial, quen deberá estendela, previas as comprobacións técnicas que considere oportunas. Previamente ao levantamento da acta de posta en marcha, a xefatura territorial solicitará á empresa distribuidora os ensaios e probas oportunas, así como o certificado de dirección e remate de obra, asinado por técnico competente, en que conste que a construción e montaxe das instalacións se efectuaron de acordo co proxecto correspondente, acreditando, así mesmo, expresamente, o cumprimento das condicións técnicas e prescricións regulamentarias de aplicación.

Sexta. A empresa Gas Galicia SDG, S.A. deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Sétima. A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarias para realizar as instalacións aprobadas.

Oitava. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo; por incumprimento das condicións estipuladas; pola facilitación de datos inexactos; ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, conforme o establecido nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2012.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas