Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Xoves, 19 de abril de 2012 Páx. 14313

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 5 da Coruña

EDICTO (484/2011).

Na cidade da Coruña, 7 de febreiro de 2012.

José Ignacio García Bourrellier, xuíz substituto do Xulgado do Social número cinco desta cidade, viu os presentes autos de xuízo número 484/2011, seguidos por instancia da entidade aseguradora Mutua Gallega de Accidentes de Trabajo, representada e asistida pola letrada Julia Garea Cao, contra o INSS e a TXSS, representados e asistidos pola letrada Victoria Regueira Rodríguez, e a empresa Exfoga, S.L., que non comparece a pesar de estar citada en legal forma, sendo o obxecto da reclamación, declaración de responsabilidade no aboamento de prestacións e reintegro destas; e

Antecedentes de feito.

Primeiro. A demandante formulou demanda recibida no Xulgado Decano do Social no 29.4.2011, e repartida a este xulgado no 2.5.2011, contra os demandados xa mencionados, na cal, despois de expor os feitos e fundamentos que achou pertinentes, terminaba suplicando que se ditase sentenza:

«... pola que se estime integramente a presente demanda e se declare a mencionada empresa responsable directa e principal do aboamento de todas e cada unha das prestacións anticipadas pola miña representada aos traballadores Jesús Alberto Romero Sanisidro, Juan Manuel Campos Lara e Rubén González Parga, polos accidentes de traballo padecidos, e que se declare tamén a responsabilidade subsidiaria do INSS e da Tesouraría Xeral da Seguridade Social para o suposto de insolvencia da citada empresa; e, en consecuencia, que se condene con carácter principal a empresa Exfoga, S.L. e o INSS e a Tesouraría Xeral da Seguridade Social con carácter subsidiario, a reintegraren a Mutua Gallega de Accidentes de Trabajo a cantidade de catro mil oitocentos trinta e tres euros con noventa e tres céntimos (4.833,93 euros), que a miña representada xa anticipou en concepto de gastos de asistencia sanitaria e prestacións económicas de IT».

Segundo. Por decreto do 20 de xullo de 2011 admitiuse a trámite a demanda formulada e sinalouse para o acto do xuízo o día 3 de outubro de 2011, ás 9.45 horas.

A parte demandante afirmouse e ratificouse no seu escrito de demanda, e pediu o recibimento do preito a proba. As partes demandadas contestaron a demanda para se oporen a ela polos motivos que constan acreditados en autos, e solicitaron o recibimento do preito a proba.

A empresa Exfoga, S.L. recibiu a citación para acudir ao acto de xuízo o día 27 de xullo de 2011 segundo consta en autos. Chegado o día da vista, non compareceu e presentou no Xulgado Decano da Coruña o día 30 de setembro de 2011, con entrada neste xulgado o día 3 de outubro de 2011, escrito no cal indica que Exfoga, S.L. foi declarada en situación legal de concurso voluntario por auto do 5.11.2010, ditado polo Xulgado do Mercantil número 1 da Coruña, con número de autos 501/2010 L.

Recibido o xuízo a proba, a demandante propuxo proba documental a cal se declarou pertinente e co resultado que, se for o caso, se mencionará.

O INSS e a TXSS propuxeron proba documental, cuxos documentos se uniron aos autos despois da declaración de pertinencia, co resultado que, se for o caso, se mencionará.

Practicada a proba proposta polas partes e acordada, o xulgador acordou como dilixencia final requirir o INSS para que presente o certificado de descuberto da empresa Exfoga, S.L., despois de recibirse este o día 13 de outubro de 2011, polo que se deu traslado ás partes para formularen alegacións no prazo de 5 días mediante dilixencia de ordenación do 18 de outubro de 2011.

Mediante dilixencia de ordenación do 9 de decembro de 2011 pasáronse os autos a S.Sª para ditar sentenza.

Terceiro. Na tramitación deste xuízo observáronse as prescricións legais vixentes.

Feitos que se declaran probados.

Primeiro. A empresa Exfoga, S.L. subscribiu un documento de asociación para a cobertura das continxencias profesionais dos produtores ao seu servizo, así como pola prestación económica de IT por continxencias comúns, coa Mutua Gallega o 19 de xullo de 1999.

Segundo. Jesús Alberto Romero Sanisidro, mentres traballaba para Exfoga, S.L., sufriu un accidente sen baixa médica o 19 de xuño de 2009 e como consecuencia ocasionouse o gasto de 342,06 euros en concepto de asistencia sanitaria.

Terceiro. Juan Manuel Campos Lara, mentres traballaba para Exfoga, S.L., sufriu un accidente con baixa médica o 21 de decembro de 2009 e como consecuencia ocasionáronse os gastos seguintes:

– Prestacións económicas de IT: 397,20 euros.

– Asistencia sanitaria: 185,69 euros.

Cuarto. Rubén González Parga, mentres traballaba para Exfoga, S.L., sufriu un accidente con baixa médica o 12 de xaneiro de 2010 e como consecuencia ocasionáronse os gastos seguintes:

– Prestacións económicas de IT: 1.709,82 euros.

– Asistencia sanitaria: 2.199,16 euros.

Quinto. A empresa Exfoga, S.L. mantiña na data 4 de outubro de 2011 unha débeda total coa Seguridade Social polo importe total de 1.030.007,50 euros, como consecuencia dos descubertos no pagamento das súas obrigas sociais.

Sexto. A demandante, que fixo fronte ao pagamento da cantidades antes citadas, cuxa suma ascendía ao importe de 4.833,93 euros, ante o que consideraba un reiterado e prolongado descuberto de Exfoga, S.L. no pagamento das súas cotas á Seguridade Social, presentou escrito de inicio de actuacións e reclamación previa ante a Dirección Provincial do INSS e da TXSS da Coruña solicitando que lle fosen reintegradas as prestacións económicas e de asistencia sanitaria que aboara a mutua demandante durante a IT dos traballadores xa citados.

O escrito de solicitude de inicio de actuacións do 11 de marzo de 2011 foi desestimado por resolución do INSS notificada á demandante o 28 de marzo de 2011, alegando non ter sido declarada insolvente a empresa Exfoga, S.L.

A reclamación previa do 6 de abril de 2011 foi desestimada expresamente por resolución do INSS notificada á demandada o 19 de abril de 2011, canto aos gastos de asistencia sanitaria. A reclamación das demais prestacións económicas de IT foi desestimada por silencio administrativo.

Presentouse papeleta de conciliación ante o SMAC da Coruña solicitando o reintegro da cantidade reclamada, acto que tivo lugar o día 29 de marzo de 2011 co resultado de sen avinza.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A anterior relación fáctica foi probada en virtude da proba documental presentada polas partes, e que consta nos autos.

Segundo. A conclusión a que pode chegarse despois de examinar a proba que consta nos autos é a de que existe un claro e reiterado incumprimento por parte de Exfoga, S.L. no pagamento das súas cotas á Seguridade Social, segundo fica demostrado pola certificación expedida pola Seguridade Social cuxo contido se dá por reproducido. Esta situación está deficientemente regulada na LXSS, polo que se debe atender ao establecido polo Tribunal Supremo (Sala do Social) en, por exemplo, a súa sentenza do 23 de xaneiro de 2003, que di:

«Esta Sala mantivo nos seus últimos tempos criterios xerais bastante claros, que se concretan nos dous seguintes, a saber: a) Que a responsabilidade nestes casos está en función da duración dos descubertos en atención ao período de seguro correspondente ao traballador afectado, de forma que só cando o período en descuberto é «expresivo da vontade empresarial de non cumprir coas súas obrigas de cotizar» debe imputarse esa responsabilidade prestacional á empresa, o que non se producirá cando se trate de «incumprimentos transitorios, ocasionais ou involuntarios» xa que, por o seren, non obedecen a unha vontade de incumprir aquela obriga legal de cotizar, senón a outras circunstancias accidentais non constitutivas de incumprimento determinante de responsabilidade.

A Sala distinguiu, en definitiva, entre incumprimento doloso ou incumprimento neglixente ou fortuíto, e en tal senso foi como considerou en diversas sentenzas que a empresa era responsable - así na STS 1.2.2000 (Rec.-694/99) en que o descuberto era só de sete meses pero eran os únicos sete meses de relación laboral do traballador coa empresa -; STS 21.2.2000 (Rec.-71/99) en que a falta de cotización atinxía un ano e dez meses; STS 18.9.2000 (Rec.-3745/99) nun suposto en que o período de descuberto foi superior a dous anos; STS 15.12.2000 (Rec.-4348/99) cun período de case catro anos de descuberto; STS 5.2.2001 (Rec.-2122/00) con cerca de tres anos de descubertos; STS 12.2.2001 (Rec.-131/2000 ) cun descuberto de dous anos e tres meses; STS 5.3.2991 (Rec.-.4606/99) en que a empresa só aboara un mes dentro do período dos doce meses anteriores, que eran os únicos traballados desde que fora dado de alta na empresa; STS 20.3.2001 (Rec.- 594/00) con máis de doce anos en descuberto; STS 21.3.2001 (Rec.-2187/2000) con máis de dous anos de descubertos; STS 5.4.2001 (Rec.-1838/2000) con máis de cinco anos de descuberto; STS 28.6.2001 (Rec.-3412/00) con trinta e catro meses de falta de cotización; ou STS 17.9.2001 (Rec.-1824/2000) con descubertos de máis de dous anos inmediatamente anteriores ao accidente. Como se pode apreciar, é importante non só a duración do incumprimento senón a súa duración proporcional ao período de aseguramento e a súa relación de inmediatez temporal co accidente; e b) Que os únicos descubertos que se deben en conta son os anteriores ao accidente, dado que a responsabilidade empresarial só pode considerarse derivada da actuación empresarial previa á produción do accidente e non de calquera actuación posterior, como se pode apreciar recollida nas sentenzas desta Sala do 22.2.2001 (Rec.-3033/2000) e do 24.3.2001 (Rec.-794/2000)».

No caso que nos ocupa, débese considerar que existe un incumprimento doloso da empresa demandada Exfoga, S.L., atendendo á falta de pagamento das súas cotas de modo reiterado, polo que procede condenala a reintegrar á demandante a cantidade reclamada de 4.833,93 euros, así como a declaración como responsables subsidiarios para o caso de que se declare a insolvencia de Exfoga, S.L., do INSS e da TXSS.

Vistos os preceptos citados e demais de xeral e pertinente aplicación.

Resolvo en atención ao exposto, este órgano xudicial, pola autoridade que lle confire a Constitución, decidiu:

«Que debo condenar e condeno a empresa demandada Exfoga, S.L. a reintegrar á entidade demandante a cantidade de 4.833,93 euros, anticipada pola demandante polos conceptos xa indicados e, para o caso da declaración de insolvencia de Exfoga, S.L., declárase o INSS e a TXSS responsables subsidiarios, e condénoos, caso de que Exfoga, S.L. sexa declarada insolvente, ao pagamento á demandante da cantidade reclamada na demanda.

Notifíquese esta resolución ás partes, ás cales se fará saber que contra esta só cabe recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, recurso que se debe anunciar ante este xulgado no prazo de cinco días contados a partir da notificación desta sentenza, e no propio termo se o recorrente non gozar do beneficio de xustiza gratuíta deberá, ao anunciar o recurso, débese entregar comprobante de ter consignado a cantidade obxecto de condena na conta de depósitos e consignacións que este xulgado ten aberta no Banesto desta cidade co número de conta 0030-6349-1532-0000-60-1009-07.

E igualmente deberá, no momento de interpor o recurso, consignar a suma de 150,25 euros en concepto de depósito especial para recorrer na conta 0030-6349-1532-0000-65-1009-07.

Así o pronuncio, mando e asino por esta a miña sentenza, xulgando definitivamente en primeira instancia».