Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Martes, 3 de abril de 2012 Páx. 11911

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 2009, do Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense, pola que se dá publicidade do Acordo do 27 de agosto de 2009, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da concesión derivada Naves n.º 4696.1, no concello de Ourense, promovido por Extracción y Transformación del Granito, S.L.

Visto o artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, o xefe territorial da Consellería de Economía e Industria en Ourense resolve dar publicidade á Resolución do 6 de outubro de 2009, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da concesión derivada Naves n.º 4696.1, no concello de Ourense, promovido por Extracción y Transformación del Granito, S.L., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Ourense, 6 de outubro de 2009.

Gabriel Diéguez Domínguez
Xefe territorial de Ourense

Declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da concesión
derivada Naves n.º 4696.1, no concello de Ourense, promovido
por Extracción y Transformación del Granito, S.L.

Antecedentes.

Con data do 16 de maio de 2006 ten entrada na entón Consellería de Medio Ambiente o estudo ambiental do proxecto de referencia co obxecto de proceder ao trámite ambiental correspondente.

Dado que o artigo 2.5.º da Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, establece a obrigatoriedade de someter á avaliación de impacto ambiental os proxectos consistentes na realización de obras, instalacións ou actividades comprendidas no seu anexo I, e dado que a actividade obxecto do proxecto está comprendida entre as que figuran no antedito anexo grupo 2 (apartado a.5.ª), procede a cualificalo como sometido á avaliación de impacto ambiental.

En cumprimento do establecido no artigo 5, punto 2 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, con data do 3 de setembro de 2007 (DOG n.º 170), sométese a información pública o estudo de impacto ambiental, non tendo constancia da presentación de alegacións durante o devandito período.

Durante o período de consultas solicítanse informes ás direccións xerais de Industria, Enerxía e Minas, de Patrimonio Cultural, de Conservación da Natureza, á Confederación Hidrográfica do Norte e ao Concello de Ourense.

No 7 de agosto de 2009 ten entrada nesta consellería, remitido pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, o expediente que inclúe os resultados de exposición pública e os informes solicitados.

Cumprida a tramitación administrativa do expediente, coa entrada da documentación complementaria na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en data 19 de xuño de 2009, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, conforme a Orde do 11 de maio de 2009 sobre adscrición de órganos e delegación de competencias, formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da concesión derivada Naves n.º 4696.1.

O órgano substantivo para este proxecto é a Consellería de Economía e Industria e o órgano ambiental é a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, ambas da Xunta de Galicia.

Datos do proxecto.

A explotación de granito a ceo aberto localízase na paraxe de Naves, no concello de Ourense.

A superficie afectada é de 80.654 m2 coa seguinte distribución:

– Fronte de explotación: 32.880 m2.

– Entulleira: 30.742 m2.

– Acumulación terra vexetal: 5.069 m2.

– Infraestruturas: 11.963 m2.

Está previsto extraer 189.724 m3 en 30 anos de explotación.

A restauración da entulleira exterior levarase a cabo unha vez finalizada a súa vida útil, aos 11 anos, e o resto ao final dos labores.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación técnica que figura no expediente e valorados os informes, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta declaración, ademais das incluídas no estudo ambiental e na restante documentación avaliada, prevalecendo sempre os documentos máis recentes, tendo en conta que, no caso de que exista contradición, prevalecerá o disposto nesta DIA.

I. Ámbito da declaración.

Esta declaración refírese en exclusiva aos labores de explotación que se levarán a cabo nas dúas cuadrículas solicitadas sobre unha superficie dunhas 8,1 ha e da demarcación cuxas coordenadas se indican a seguir:

Coordenadas UTM

Vértice

X

Y

1

587.450,60

4.689.623,74

2

587.566,08

4.689.533,72

3

587.631,05

4.689.528,59

4

587.652,19

4.689.468,10

5

587.599,94

4.689.308,24

6

587.496,52

4.689.279,31

7

587.433,14

4.689.310,57

8

587.288,94

4.689.289,90

9

587.327,94

4.689.448,73

10

587.420,17

4.689.600,74

Para explotar outras áreas dentro da concesión, será preciso revisar esta declaración ou emitir unha nova.

En calquera caso non se poderá efectuar ningunha actividade que non veña recollida na documentación ou nesta declaración.

II. Condicións xerais.

Serán de aplicación, segundo proceda, as seguintes:

1. Atmosfera.

1.1. Os niveis de po e gases medidos nas vivendas máis próximas á zona de explotación non superarán os límites para partículas sedimentables establecidos polo Real decreto 1073/2002, do 18 de outubro, sobre avaliación e xestión da calidade do aire ambiente en relación co dióxido de xofre, dióxido de nitróxeno, partículas, chumbo, benceno e monóxido de carbono.

1.2. Os niveis de presión sonora nas vivendas máis próximas á zona de explotación non poderán superar os valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ao respecto.

2. Augas.

2.1. As augas pluviais que incidan directamente sobre a explotación serán conducidas ao sistema de decantación e prohíbese vertelas directamente.

2.2. Procederase á limpeza periódica da balsa de decantación co obxecto de manter a súa funcionalidade, e sempre que a altura entre a camada de sedimentos e a lámina libre de auga sexa inferior a 1 m. Os lodos empregaranse na restauración, constituíndo a primeira camada do perfil artificial que se prevexa. O almacenamento destes realizarase en zonas habilitadas para o efecto.

2.3. O promotor deberá contar coa preceptiva autorización de vertedura e/ou captación outorgada polo órgano de bacía.

2.4. Desde o punto de vista hidrolóxico e hidraúlico, para o cálculo e deseño da explotación, vertedoiros, tratamento de residuos e obras inherentes, deberase ter en conta a vixente normativa en materia de augas.

3. Solo.

3.1. Retirarase e amorearase a camada de terra vexetal procedente de cada superficie a ocupar previamente ao inicio dos labores mineiros. Así mesmo, unicamente se procederá á retirada da cuberta vexetal necesaria para os labores, segundo cada unha das fases previstas no proxecto.

3.2. As moreas de terra vexetal disporanse, como máximo, con alturas de ata 2 m. Asemade, estas moreas deberán ser estables e facerse de forma que se impida a súa deterioración por compactación e arrastres. Ademais, ata o momento da súa reposición, procederase ao seu mantemento realizando sementeiras de herbáceas (mestura de gramíneas e leguminosas), remexendo cada seis meses como mínimo, fornecendo fertilizante e regando nos períodos de seca.

3.3. A terra vexetal, en canto permaneza amoreada, non poderá ser mesturada cos lodos procedentes das balsas de decantación nin con ningún tipo de residuos ou entullos.

3.4. Todos os residuos xerados se xestionarán conforme a lexislación vixente de aplicación, en función da súa natureza.

3.5. Os labores de mantemento da maquinaria que non se leven a cabo en taller autorizado efectuaranse nunha zona delimitada para o efecto. Os residuos producidos recolleranse e entregaranse a un xestor autorizado.

3.6. Na coroación dos noiros e durante a fase de explotación, instalarase un chousume de protección de malla metálica de tipo cinexético que impida a caída de animais, cunha altura non inferior a 1,50 m, e a luz de malla na parte xunto ao chan será suficientemente chousa para impedir o paso de fauna de pequeno tamaño; evitarase en calquera caso o emprego de arame de pugas. O chousume manterase en perfecto estado ata que rematen os labores de restauración, momento en que será retirado.

4. Vexetación e fauna.

4.1. Respectarase sistematicamente a vexetación existente no contorno compatible cos labores de explotación.

4.2. Para a realización de cortas das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, tendo que facer a correspondente comunicación da corta ou solicitude de autorización, segundo o caso. Os restos vexetais que se produzan deberán ser xestionados, prevalecendo sempre a súa valoración. No caso de depositalos no terreo, deberán ser triturados e espallados homoxeneamente, para permitir unha rápida incorporación ao solo.

4.3. No caso de empregar pantallas vexetais de ocultación e para evitar a linearidade, realizarase a plantación en disposición triangular. Ademais de cumprir coa súa función desde o primeiro momento, polo que a altura das especies a empregar será como mínimo de 1,5 m. Se algunha das árbores que a conforman non prender ou deixar de cumprir a súa función, deberá ser substituída por outra inmediatamente.

4.4. Os traballos de maior impacto deberanse executar nas épocas que non coincidan coas de cría das especies máis sensibles.

5. Patrimonio arqueolóxico.

5.1. Os xacigos arqueolóxicos e o seu ámbito de protección quedarán excluídos das zonas previstas para o desenvolvemento dos labores.

5.2. Para evitar calquera tipo de afección sobre o patrimonio cultural, sinalizaranse nos planos de labores empregados pola empresa os elementos do devandito patrimonio e as súas áreas de protección.

6. Restauración.

6.1. Sempre que o desenvolvemento dos labores o permita, procederase a restaurar as zonas xa explotadas e abandonadas.

6.2. A dose de sementes que se empreguen na sementeira será de 300 kg/ha como mínimo.

6.3. Todas as árbores ou sementes que se empreguen reunirán as condicións suficientes de pureza, potencia xerminativa e ausencia de pestes e enfermidades que garantan o éxito da revexetación.

6.4. Canto á procedencia das especies arbóreas que se vaian a empregar na revexetación, á parte de empregar especies e variedades da contorna, deberá terse en conta o disposto na Orde do 17 de marzo de 2005 da Consellería de Medio Ambiente, pola que se aproba a delimitación e a determinación dos materiais de base para a produción de materiais forestais de reprodución de diversas especies no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

6.5. No que respecta ao sistema de drenaxe e ao chousume perimetral, procederase ao seu enchemento e desmantelamento, no caso de abandono de labores, así como ao peche e restauración das pistas interiores xunto coas súas correspondentes cunetas.

6.6. No caso de que resulte deficitaria a cantidade de terra vexetal necesaria para a restauración, poderá substituírse por solos artificiais obtidos baixo autorización administrativa da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (Instrución técnica de residuos 01/08, do 8 de xaneiro). No caso de que co seu emprego non se acaden os obxectivos previstos na restauración, a devandita terra vexetal deberá provir de acumulacións autorizadas.

7. Vixilancia ambiental.

7.1. Procederase á rega regular, ao abonado mineral de reforzo anual e á resementeira daquelas superficies en que se observe a existencia de calvas e/ou marras, ata que se asegure a viabilidade da revexetación co obxecto de manter a densidade de plantación proposta no proxecto.

8. Outras.

8.1. A presente declaración non exime o promotor de obter as autorizacións e/ou licenzas que se precisen, quedando obrigado a cumprir todas as disposicións que se diten con posterioridade en relación con este tipo de actividades.

8.2. O promotor poderá solicitar ao órgano ambiental a revisión das medidas indicadas nesta declaración co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na explotación, e sempre que as novas medidas propostas permitan acadar os obxectivos e fins que se indican nesta declaración.

Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, presentando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada esta declaración polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ao promotor, quen non poderá comezar os traballos de explotación antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto.

8.3. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera momento e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais a esta declaración en función dos resultados que se obteñan no desenvolvemento da explotación ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

8.4. Se os plans de labores anuais reflectiren un desenvolvemento distinto ao previsto no proxecto, comunicarase a esta secretaría xeral con obxecto de revisar e, se procede, modificar o condicionado da presente declaración.

8.5. O órgano substantivo comunicará ao órgano ambiental a data de comezo da explotación e no primeiro trimestre de cada ano natural remitirá a esta Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental un informe sobre o grao de cumprimento desta declaración.

III. Condicións particulares.

1. Augas.

1.1. Dado que a explotación se sitúa na cabeceira da bacía dun regato afluente do río Miño pola marxe dereita, sendo a distancia máis próxima á devandita canle de 150 m, evitarase calquera afección ao devandito regato sen autorización expresa da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, debéndose respectar e conservar o espazo fluvial composto pola canle das augas medias e os noiros que o conforman (coa correspondente vexetación de ribeira), así como a parte da chaira de inundación que contribúe ao sostemento dos ecosistemas fluviais e da dinámica natural dos ríos.

1.2. Durante a fase de extracción deberase respectar a distancia marcada nos planos entre a explotación e o devandito regato. Antes do comezo dos labores farase unha delimitación concisa de todas as áreas afectadas (extracción, provisións, accesos e servizos), así como das medidas de protección que se van tomar, levantándose acta do feito, con obxecto de asegurar que se respecten as distancias reflectidas nos planos con respecto ás canles próximas e posibilitar futuros controis periódicos sobre a evolución da explotación con respecto ás devanditas canles. Ao comezo deberán estar en funcionamento as medidas de protección definidas e ser obxecto de vixilancia cunha revisión mensual.

2. Patrimonio arqueolóxico.

2.1. Aínda que o acceso á canteira se realizará, segundo o proxecto, pasando pola localidade de Naves, o que pode producir afecccións polo tránsito de camións e maquinaria a través da aldea, que se atopa protexida e delimitada no Inventario do patrimonio cultural do PXOM de Ourense, contando no seu interior con numerosos elementos inventariados, como o forno de Naves (FO 412.6) situado á beira do camiño, deberase eludir o paso pola súa beira ou adoptar as medidas pertinentes (de conformidade cos servizos de Arqueoloxía e de Arquitectura e Etnografía da D.X. de Patrimonio Cultural) para evitar unha posible afección.

2.2. Así mesmo, evitarase que as voaduras afecten o mosteiro de Naves, situado nas inmediacións.

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2009. Justo de Benito Basanta, secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.