Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Xoves, 22 de marzo de 2012 Páx. 10091

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2012, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se somete a información pública o proxecto de decreto polo que se aproba o Plan de Conservación do Espazo Natural de Interese Local Xunqueira de Alba, pertencente ao concello de Pontevedra.

A Lei do Parlamento galego 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, define como espazos naturais protexidos aqueles espazos que conteñan elementos ou sistemas naturais de particular valor, interese ou singularidade, tanto debidos á acción e evolución da natureza como derivados da actividade humana, e que fosen declarados como tales.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, recoñece o espazo natural de interese local (ENIL en diante) como unha das categorías nas cales se clasifican os espazos naturais protexidos. O artigo 17 desta lei establece que, por petición do Concello e logo dos informes perceptivos, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas poderá declarar como ENIL aqueles espazos integrados no seu termo municipal que polas súas singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais.

A declaración dun ENIL é competencia da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, mentres que a responsabilidade e competencia da súa xestión será municipal. Así mesmo, a declaración dun ENIL non comporta a súa inclusión na Rede galega de espazos naturais protexidos.

A regulación dos espazos naturais de interese local recollida na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, foi desenvolvida polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura do espazo natural de interese local e a figura do espazo privado de interese natural. O artigo 4 deste decreto recolle a posibilidade que ten a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de declarar, de xeito provisional, un ENIL por un prazo non superior a dous anos. Dentro deste prazo os promotores, como requisito imprescindible para a declaración do ENIL deberán presentar, o plan de conservación deste espazo.

Mediante a Orde do 21 de outubro de 2009 (DOG n.º 210, do 27 de outubro), declarouse de forma provisional o ENIL Xunqueira de Alba, localizado no concello de Pontevedra. Durante a declaración provisional e como requisito imprescindible para a súa declaración definitiva, o Concello de Pontevedra debía presentar ante a consellería competente o Plan de Conservación do Espazo, o que fixo o pasado 13 de xaneiro de 2011.

Así mesmo, e conforme dispón o artigo 40 da Lei 9/2001, someteuse a información pública e audiencia dos interesados mediante a Resolución do 24 de marzo de 2011 (DOG n.º 81, do 27 de abril), tras o cal resulta procedente elevalo ao Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación mediante decreto.

Vista a documentación presentada polo Concello de Pontevedra perante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en que propón a aprobación do Plan de Conservación do lugar denominado Xunqueira de Alba como espazo natural de interese local, esta dirección xeral considera necesario establecer un período de información pública na tramitación deste decreto con obxecto de cumprir co disposto no artigo 3.5 da Lei 4/2006, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega e co preceptuado pola Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á xustiza en materia de ambiente.

Polas razóns explicadas,

RESOLVO:

Primeiro. Someter a información pública e audiencia aos interesados o proxecto de decreto polo que se aproba o Plan de Conservación do Espazo Natural de Interese Local Xunqueira de Alba, pertencente ao concello de Pontevedra.

Segundo. Para os efectos informativos ponse á disposición dos interesados copias do proxecto de decreto polo que se aproba o Plan de Conservación do Espazo Natural de Interese Local Xunqueira de Alba, pertencente ao concello de Pontevedra, nas seguintes dependencias:

– Subdirección Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, San Lázaro s/n, 15781 Santiago de Compostela.

– A Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en Pontevedra (edificio administrativo, rúa Fernández Ladreda, n.º 43, 36071 Pontevedra).

– O Concello de Pontevedra (Praza de España, n.º 1, 36071 Pontevedra).

Do mesmo xeito poderase consultar o texto da memoria da proposta de declaración provisional na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas:

http://medioambiente.xunta.es/nc/transparencia/elaboracion_de_disposicions

Terceiro. As alegacións formularanse durante o prazo de vinte (20) días, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2012.

Ricardo García-Borregón Millán
Director xeral de Conservación da Natureza