Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 7 de marzo de 2012 Páx. 8387

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 de Reforzo da Coruña

EDICTO (1037/2008).

María Mercedes Santos García, secretaria xudicial do Reforzo do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fago saber que no procedemento de demanda 1037/2009, seguido neste xulgado, Montserrat Matos Salgado, maxistrada xuíza deste Reforzo, ditou auto aclaratorio de sentenza cuxo teor literal é o seguinte:

Auto.

A Coruña, o dezaoito de xaneiro de dous mil doce.

Feitos.

Primeiro. O 13 de decembro de 2011 ditouse sentenza nos presentes autos, co seguinte teor literal no seu ditame:

«Decido que, estimando integramente a demanda formulada por Enrique Pereiro González representado polo letrado Sr. Martínez Ramonde, contra a empresa Galinsta, S.L., en rebeldía procesual, e o Fogasa, que non comparece, debo condenar e condeno a demandada a aboar á demandante a suma de 6.063,64 euros, no sentido exposto no fundamento primeiro, incrementada cos xuros moratorios pertinentes. Así mesmo, debo condenar e condeno subsidiariamente o Fogasa a responder de tales cantidades nos termos establecidos no artigo 33 do ET».

Segundo. Por escrito do 16 de xaneiro de 2012, a representación do Fogasa solicita a rectificación do devandito ditame, unha vez que en virtude do disposto no artigo 33 do ET non se pode condenar o Fogasa nesta instancia e só cabe a responsabilidade subsidiaria despois de declaración de insolvencia.

Terceiro. No día da data quedaron os autos á disposición do provisor para ditar a oportuna resolución.

Fundamentos de dereito.

Único. O artigo 267 da LOPX e idéntico sentido os artigos 214 e 215 da LAC regulan o chamado recurso de aclaración, que posibilita con carácter excepcional a aclaración de puntos escuros, a emenda de omisións ou a corrección de erros meramente materiais sobre puntos discutidos no litixio, pero sen, en ningún caso, consentir que por tal vía poida ser rectificado o que deriva dos fundamentos xurídicos e sentido do ditame ou se subvertan as conclusións probatorias previamente mantidas, salvo que excepcionalmente o erro material consista «nun mero desaxuste ou contradición patente e independente de calquera xuízo valorativo ou apreciación xurídica, entre a doutrina establecida nos fundamentos xurídicos e o ditame da resolución xudicial», isto é, cando sexa evidente que o órgano xudicial «simplemente se equivocou ao trasladar o resultado do seu xuízo ao ditame».

Así mesmo, establece o artigo 267.3.º LOPX: «3. Os erros materiais manifestos e os aritméticos en que incorran as resolucións xudiciais poderán ser rectificados en calquera momento».

Na súa consideración, tendo en conta que efectivamente se produciu un erro de transcrición no ditame, débese acceder á rectificación solicitada pola demandante, no sentido proposto por esta no seu escrito do 16 de xaneiro de 2012 e nos termos expostos no feito segundo desta resolución.

Vistos os artigos citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Parte dispositiva.

Que se debe aclarar o ditame da sentenza do 13 de decembro de 2011 ditada nestes autos, que queda do seguinte teor literal:

«Decido que, estimando integramente a demanda formulada por Enrique Pereiro González representado polo letrado Sr. Martínez Ramonde, contra a empresa Galinsta, S.L., en rebeldía procesual, e o Fogasa, que non comparece, debo condenar e condeno a demandada a aboar á demandante a suma de 6.063,64 euros, no sentido exposto no fundamento primeiro, incrementada cos xuros moratorios pertinentes. Así mesmo, debo absolver o Fogasa sen prexuízo da súa responsabilidade subsidiaria nos casos previstos no artigo 33 do ET».

Notifíquese esta resolución ás partes, facéndolles saber que contra ela non cabe recurso ningún en virtude do disposto no artigo 215.4 da LAC e artigo 267.7 da LOPX.

E para que así conste, e a súa inserción no Diario Oficial de Galicia, expido este na Coruña o 16 de febreiro de 2012.

A secretaria xudicial