Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 7 de marzo de 2012 Páx. 8389

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 de Reforzo da Coruña

AUTO de aclaración de sentenza (1071/2009).

María Mercedes Santos García, secretaria xudicial de reforzo do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fago saber que no procedemento de demanda 1071/2009, seguido neste xulgado, por Montserrat Matos Salgado, maxistrada xuíza deste reforzo, ditou auto de aclaración de sentenza do teor literal seguinte:

Auto.

A Coruña, 24 de xaneiro de 2012.

Feitos.

Primeiro. Con data do 9 de decembro de 2011 ditouse sentenza nestes autos, co seguinte teor literal na súa resolución:

«Resolvo que estimando integramente a demanda formulada por José Artigas Aguiar Cruz, representado pola letrada Sra. Gómez Lozano, contra a empresa Noroeste Express Servicio Integral de Paquetería, S.L., en rebeldía procesual, e o Fogasa, que non comparece, debo condenar e condeno a demandada a lle aboar ao demandante a cantidade de 7.092,75 euros, en concepto de obriga de pagamento emitida a prol do demandante en febreiro de 2008 con data de vencemento do 16 de maio de 2008, obriga de pagamento emitida a prol do demandante en abril de 2008 con data de vencemento do 16 de xuño de 2008 e obriga de pagamento emitida a prol do demandante en abril de 2008 con data de vencemento do 16 de xullo de 2008, incrementada cos xuros moratorios pertinentes.

Así mesmo, debo condenar e condeno subsidiariamente o Fogasa a responder de tales cantidades nos termos establecidos no artigo 33 do Estatuto dos traballadores».

Segundo. Mediante escrito do 16 de xaneiro de 2012, a representación do Fogasa solicita a rectificación desa resolución, xa que, en virtude do disposto no artigo 33 do Estatuto dos traballadores, non se pode condenar o Fogasa nesta instancia e só cabe responsabilidade subsidiaria logo de declaración de insolvencia.

Terceiro. No día da data quedaron os autos á disposición do provisor para ditar a oportuna resolución.

Fundamentos de dereito.

Único. O artigo 267 da Lei orgánica do poder xudicial e, en idéntico sentido os artigos 214 e 215 da LAC, regulan o chamado recurso de aclaración, que posibilita con carácter excepcional a aclaración de puntos escuros, a corrección de omisións ou a corrección de erros simplemente materiais sobre puntos discutidos no litixio, pero sen consentir, en ningún caso, que por tal vía se poida rectificar o que deriva dos fundamentos xurídicos e do sentido da resolución ou cambiar o sentido das conclusións probatorias previamente mantidas, agás que excepcionalmente o erro material consista en, «un simple desaxuste ou contradición patente e independente de calquera xuízo valorativo ou apreciación xurídica, entre a doutrina establecida nos fundamentos xurídicos e o ditame da resolución xudicial», é dicir, cando é evidente que o órgano xudicial «simplemente se equivocou ao trasladar o resultado do seu xuízo á resolución».

Así mesmo, o artigo 267.3.º da Lei orgánica do poder xudicial establece que «3. Os erros materiais manifestos e os aritméticos en que incorran as resolucións xudiciais poderán ser rectificados en calquera momento».

En consideración disto, tendo en conta que efectivamente se produciu un erro de transcrición na resolución, débese acceder á rectificación solicitada pola demandada, no sentido proposto por ela no seu escrito do 16 de xaneiro de 2012 e nos termos expostos no feito segundo desta resolución.

Vistos os artigos citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Parte dispositiva.

Débese aclarar a resolución da sentenza do 9 de decembro de 2011, ditada nestes autos, que queda do seguinte teor literal:

«Resolvo que estimando integramente a demanda formulada por José Artigas Aguiar Cruz, representado pola letrada Sra. Gómez Lozano, contra a empresa Noroeste Express Servicio Integral de Paquetería, S.L., en rebeldía procesual, e o Fogasa, que non comparece, debo condenar e condeno a demandada a lle aboar ao demandante a cantidade de 7.092,75 euros, en concepto de obriga de pagamento emitida a prol do demandante en febreiro de 2008 con data de vencemento do 16 de maio de 2008, obriga de pagamento emitida a prol do demandante en abril de 2008 con data de vencemento do 16 de xuño de 2008 e obriga de pagamento emitida a prol do demandante en abril de 2008 con data de vencemento do 16 de xullo de 2008, incrementada cos xuros moratorios pertinentes.

Así mesmo, debo absolver e absolvo ao Fogasa sen prexuízo da súa responsabilidade subsidiaria nos casos previstos no artigo 33 do Estatuto dos traballadores».

Notifíquese esta resolución ás partes, ás cales se lles fará saber que non cabe recurso contra ela, en virtude do disposto nos artigos 215.4 da LAC e 267.7 da Lei orgánica do poder xudicial.

E, para que así conste e para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia, expido este auto na Coruña o 16 de febreiro de 2012.

A secretaria xudicial