Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Xoves, 12 de decembro de 2002 Páx. 17.094

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2002, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do texto do convenio colectivo para o persoal laboral do Concello da Rúa (provincia de Ourense).

Visto o texto do convenio colectivo para o persoal laboral do Concello da Rúa da provincia de Ourense (código de convenio número 3200852), con entrada nesta delegación provincial o día 20 de febreiro de 2002, subscrito con data 16 de xaneiro de 2002, polo alcalde, en representación da parte económica e, polos delegados de persoal, en representación da parte social.

Esta delegación provincial, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo e demais normas aplicables de dereito común,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 12 de marzo de 2002.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo para o persoal laboral do Concello da Rúa

Capítulo I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Ámbito persoal.

As normas que integran o presente acordo son de aplicación a todo o persoal laboral do Concello da Rúa con independencia da modalidade de contratación ou duración, indefinida ou temporal, da relación laboral. Queda exceptuado do ámbito de aplicación do presente convenio todo o persoal contratado en virtude de convenios de colaboración ou mediante subvencións doutras institucións e administracións.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

O presente convenio terá vixencia desde o 1-1-2002 ata o 31-12-2003, prorrogándose automaticamente ata ser substituído por un novo acordo. As materias retributivas estarán sometidas a negociación e revisión anuais.

Capítulo II

Garantías

Artigo 3º.-Negociación colectiva.

Quedan reservadas a negociación colectiva todas aquelas materias que, directa ou indirectamente, afecten ás condicións de traballo do persoal deste concello, e particularmente: as retribucións, oferta de emprego, cadro de persoal e relación de postos de traballo, sistema de selección, promoción e provisión de postos de traballo, xornada laboral, calendario de vacacións, réxime disciplinario, xestión de servicios e métodos de traballo, seguridade e hixiene, e dereitos sindicais e de participación.

Artigo 4º.-Comisión de seguimento.

Ós 30 días da aprobación do acordo constituirase unha comisión de seguimento, en forma paritaria, composta de tres membros designados polo Pleno e tres representantes sindicais dos traballadores.

A comisión reunirase nun prazo máximo de 48 horas por petición de calquera das partes, sendo os seus acordos de aplicación práctica nos termos en que se conclúan.

As funcións e actividades da comisión non impedirán, en ningún caso, o libre exercicio das xurisdiccións administrativa, contenciosa ou social previstas no ordenamento xurídico.

As partes adhírense por vontade expresa ó Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo.

Capítulo III

Organización do traballo

Artigo 5º

A organización do traballo, de conformidade co disposto na lexislación vixente, é competencia da corporación, a través dos seus órganos de goberno.

A súa aplicación práctica correspóndelle ó presidente da corporación, segundo as facultades que lle atribúe a lexislación ou lle foran delegadas.

Cando do exercicio destas competencias se deriven repercusións sobre as condicións de traballo dos empregados públicos esixirase, previamente á súa posta en práctica, cumpri-los procesos de negociación colectiva correspondentes.

Tódolos expedientes relativos ó persoal, funcionario ou laboral, que deba aproba-la Comisión de Goberno ou Pleno, de se-lo caso, trasladaránselle á representación sindical dos traballadores, ser prexuízo do trámite de audiencia ós interesados.

Artigo 6º.-Clasificación profesional.

Ten por obxecto a determinación, ordenación e definición das diferentes categorías dos empregados públicos, así como as súas funcións ou competencias.

O persoal laboral do Concello da Rúa integrarase nalgunha das seguintes categorías:

-Operario: traballadores manuais que realizan, baixo a dirección doutros, traballos, reparacións ou obras de calquera especialidade que non requiren habilidades especiais.

-Subalterno: traballadores que realizan tarefas de vixilancia e custodia interior de oficinas, así como misións de conserxe, uxier, porteiro ou outras análogas en edificios da corporación e ocupándose do mantemento en estado óptimo das instalacións municipais ó seu cargo.

Poderánselles atribuír ós que por idade ou outras razóns teñan diminuída a súa capacidade para misións de particular esforzo ou penosidade, pero que conserven a requirida para subalternos.

-Oficial de oficios: traballadores prácticos nun oficio manual, no cal se desenvolven con soltura, mandan e dirixen ós dependentes da súa especialidade e sector, corrixindo a realización dunha tarefa que se efectúa baixo ordes superiores.

-Encargado: traballadores que teñen ó seu coidado a boa marcha e mantemento dun determinado sector dun servicio.

-Auxiliar administrativo: traballadores que realizan tarefas de mecanografía, despacho de correspondencia, cálculo simple, manexo de máquinas, arquivo de documentos e similares.

-Administrativo: traballadores que realizan tarefas administrativas de trámite e colaboración.

-Técnico medio: traballadores que realizan funcións que son obxecto dunha carreira universitaria de ciclo medio.

-Técnico superior: traballadores que realizan funcións que son obxecto dunha carreira universitaria de ciclo superior.

Artigo 7º.-Traballos de superior categoría.

A realización de traballos de superior categoría responderá a necesidades excepcionais e perentorias e durará o tempo mínimo imprescindible.

A adscrición dun traballador a un posto de superior categoría farase por decreto da alcaldía, tendo en conta a capacitación profesional necesaria, con comunicación ós representantes sindicais dos traballadores, implicando automaticamente o pagamento das retribucións que correspondan ó posto desempeñado. O tempo máximo que un traballador pode estar nesta situación será de seis meses, transcorridos os cales, outro traballador ocupará o seu lugar.

Os postos cubertos en situación de superior categoría incluiranse obrigatoriamente na seguinte oferta de emprego público.

Aqueles traballadores que con carácter estacional ou ocasional realicen traballos de superior categoría percibirán durante ese período as retribución correspondentes á categoría superior.

Artigo 8º.-Segunda actividade.

1. A corporación e os representantes sindicais dos traballadores concretarán, dentro das medidas de reorganización, os postos de traballo que poidan ser considerados aptos para a creación dunha escala de segunda actividade dentro do cadro de persoal ou relación de postos de traballo. A eles adscribirase o persoal que teña minguadas as súas facultades.

O persoal pasará á escala de segunda actividade por incapacidade para o exercicio da súa función habitual.

Calquera traballador que sufra invalidez poderá ser reinserido noutro posto de traballo, sempre que a corporación e os delegados cheguen a un acordo que non implique crear un novo centro de traballo.

2. A adscrición individualizada realizarase tendo en conta as aptitudes necesarias para o desenvolvemento do posto, por aplicación sucesiva dos seguintes criterios.

a) Enfermidade invalidante.

b) Nivel de incapacidade.

c) Idade.

3. Todo persoal que pase a escala de segunda actividade desde categorías superiores conservará o total de retribucións que viña percibindo. As vacantes orixinadas por adscrición á segunda actividade incluiranse obrigatoriamente na seguinte oferta de emprego.

Artigo 9º

A empregada municipal embarazada terá dereito a que, se o posto de traballo que desempeña é prexudicial para o seu estado, se lle encomenden funcións acordes coas súas circunstancias.

Artigo 10º

Todo comportamento ou situación que atente contra o respecto ou a intimidade dos traballadores/as, e as conductas de acoso sexual, verbais ou físicas, serán tratadas como faltas disciplinarias.

Capítulo IV

Ingreso, promoción e provisión de postos

Artigo 11º.-Ingreso no Concello da Rúa.

1. Trala negociación cos representantes sindicais dos traballadores, o concello aprobará no prazo dun mes desde a aprobación dos orzamentos municipais, a súa oferta de emprego público, que conterá obrigatoriamente tódalas prazas vacantes e que será convocada durante o primeiro trimestre do ano.

O Concello da Rúa reservará para a promoción interna a totalidade das prazas laborais vacantes.

2. Da oferta de emprego público daráselle conta ós representantes sindicais dos traballadores, os cales participarán na elaboración e redacción das bases reguladoras de cada convocatoria. Os procedementos de selección, contratación, promoción e provisión realizaranse mediante convocatoria pública, baixo os principios de igualdade, mérito e capacidade.

3. O ingreso no Concello da Rúa realizarase polo sistema de concurso-oposición, no cal a fase de concurso será valorada co 45% da puntuación total do proceso selectivo.

4. A contratación laboral en réxime de duración temporal responderá a necesidades conxunturais e puntuais. Os sistemas de ingreso e selección serán os establecidos con carácter xeral no presente convenio aténdose ó establecido nos puntos 2 e 3 do presente artigo.

5. A oferta pública de emprego estructúrase obrigatoriamente nas seguintes quendas:

1. Quenda de promoción: integrada polas reservas de promoción previstas no 1º punto do presente artigo.

2. Quenda libre: nela serán especialmente valorados, na fase de concurso, os servicios prestados con anterioridade no Concello da Rúa.

Artigo 12º.-Promoción interna e profesional.

1. A promoción interna vertical consiste no ascenso dun grupo de titulación a outro superior. O concello reservará a totalidade das prazas para promoción interna. O sistema de selección será o concurso-oposición, no cal a fase de concurso será valorada co 45% da puntuación total do proceso selectivo. Os criterios para valorar na fase de concurso serán:

-Méritos académicos: 30%.

-Antigüidade: 40%.

-Méritos profesionais: 30%.

Na fase de oposición non serán esixibles os coñecementos acreditados en probas anteriores de ingreso ou outras de promoción.

2. A promoción profesional consiste no ascenso dunha categoría a outra superior, integradas ámbalas dúas no mesmo grupo de titulación. O concello reservará a totalidade das prazas laborais vacantes para a promoción. profesional. O sistema de selección será o concurso. Os criterios do concurso serán os mesmos que os da promoción interna vertical.

3. Os representantes sindicais dos traballadores participarán na elaboración de bases, baremos, cursos e probas.

Artigo 13º.-Provisión de postos.

Os sistemas de provisión de postos serán os seguintes:

1. Concurso. Será o sistema normal de provisión. Os baremos destes concursos serán acordados cos representantes legais dos traballadores e terán que conte-los seguintes criterios:

-Méritos académicos: 35%.

-Antigüidade: 35%.

-Méritos profesionais específicos: 30%.

Cando se trate de concursos específicos entre os méritos profesionais específicos poderanse incluír entrevistas ou memorias sobre o posto para desenvolver, que non terán carácter eliminatorio, nin supera-lo 75% da valoración total destes méritos.

2. Libre designación. Proveranse mediante este sistema os postos de traballo reservados ó persoal que preste servicios de asesoramento especial e postos de traballo directamente vinculados á alcaldía ou ós grupos políticos.

Estes sistemas garantirán en todo momento os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade. As convocatorias e a súa resolución serán publicadas no BOP.

Artigo 14º.-Tribunais de selección e comisións de valoración.

Os tribunais de selección (externa e interna) e mailas comisións de valoración (provisión) estarán

constituídos por un número impar de membros, empregados municipais, non inferior a 2, téndose que designa-lo mesmo número de suplentes.

A totalidade dos membros terá que posuír un nivel de titulación igual ou superior ó esixido para o acceso á praza convocada. Alomenos dous membros serán designados a proposta da representación dos traballadores.

Capítulo V

Vacacións, permisos, licencias, excedencias e despedimentos

Artigo 15º.-Vacacións.

As vacacións anuais retribuídas terán a duración dun mes natural, gozaranse preferentemente entre os meses de xuño e setembro, ámbolos dous incluídos.

Ser por necesidade do servicio, comunicadas expresamente con antelación mínima de dous meses salvo casos imprevisibles, o traballador non puidera goza-las vacacións anuais nos meses sinalados, terá dereito a escoller libremente o período de vacacións e a gozar de 7 días adicionais. Neste suposto e no caso de que o traballador escolla goza-lo período de vacacións partido, quince días entre xuño e setembro e os restantes quince noutros meses, os días adicionais serán tres.

Non obstante o traballador poderá solicitar da Alcaldía goza-las súas vacacións en mes diferente ós sinalados no parágrafo primeiro, sen que isto xere dereito a gozar dos días adicionais.

O plano de vacacións anuais elaborarase entre novembro e decembro do ano anterior para a súa negociación cos representantes dos traballadores.

As vacacións quedarán en suspenso cando con anterioridade ó seu inicio o traballador se atope en situación de IT. Neste suposto as vacacións gozaranse dentro do ano natural noutro período, segundo as dispoñibilidades do servicio e sen dereito a día adicional ningún.

Artigo 16º.-Permisos.

Concederanse permisos retribuídos polas seguintes causas xustificadas:

a) Por nacemento ou adopción de fillos: 4 días.

b) Por morte ou enfermidade grave dun familiar de primeiro grao de consanguinidade ou afinidade: 4 días. Se o suceso se produce en localidade distinta: 5 días. Se o parentesco é de segundo grao terase dereito a un día menos que os sinalados anteriormente.

c) Por traslado de domicilio: 2 días.

d) O traballador cun fillo menor de nove meses terá dereito a unha hora de ausencia do traballo. Este período de tempo poderase dividir en dúas fraccións ou substituírse por unha reducción de xornada en media hora.

e) Quen por garda legal teña ó seu cargo algún menor de seis anos ou diminuído físico, psíquico ou sensorial, terá dereito a unha reducción de xornada nun tercio ou a metade, con deducción proporcional de retribucións. Tamén poderán acollerse a este dereito os traballadores municipais que teñan ó seu cargo familiares en primeiro grao, que por

razóns de enfermidade, precisen asistencia continuada.

f) Para exames ou probas de avaliación en centros oficiais, o día da súa realización e o tempo necesario para concorrer ós mesmos xustificadamente.

g) Durante o tempo que duren os congresos ou reunións de carácter profesional, social, académico ou sindical, coa debida xustificación, en función das necesidades do servicio.

h) Por asuntos propios sen xustificación, ata 9 días ó ano. De non poder gozalas dentro do ano natural por razóns de servicio, poderá facerse dentro do mes de xaneiro do ano seguinte. O desfrute dos días por asuntos propios non poderá unirse ás vacacións anuais, e non poderán acumularse máis de dous ó mes. Deberán solicitarse por escrito, cunha antelación de 5 días. Para garanti-lo correcto funcionamento dos diferentes servicios municipais, poderán ser denegadas por razóns do servicio. En ningún caso poderán disfrutalos dous traballadores pertencentes á mesma brigada ou servicio.

i) Para o cumprimento dun deber público de carácter inescusable, o tempo imprescindible.

l) Os traballadores municipais que participen en procesos de negociación colectiva gozarán do permiso suficiente para o estudio e negociación establecido legalmente.

m) Por asistencia a cursos de perfeccionamento laboral directamente relacionados coa especialidade persoal do traballador, e sempre que se derive unha mellora directa para o funcionamento dos servicios municipais e fosen autorizados previamente.

n) Por matrimonio, licencia retribuída de 15 días continuados.

Artigo 17º.-Licencias.

Permisos e licencias conforme estipule a lei no réxime laboral.

Artigo 18º.-Despedimentos.

No caso de despedimento declarado improcedente polos órganos competentes será o traballador quen opte entre a indemnización legal ou a súa readmisión.

Quedan exceptuados do ámbito de aplicación desta cláusula aqueles/as traballadores/as que non conten cunha antigüidade mínima de tres anos sen interrupción ó servicio do Concello da Rúa.

Artigo 19º.-Xornada laboral.

1. A xornada laboral ordinaria será de 37,5 horas semanais e desenvolverase preferentemente durante os cinco primeiros días da semana, de luns a venres, e sempre con dúas fins de semana (sábado e domingo) completas e libres ó mes como mínimo.

2. A prestación diaria dos servicios realizarase preferentemente en réxime de xornada partida, en todo caso desde o 15 de xuño ó 15 de setembro realizarase en xornada continuada. Durante o período de realización de xornada partida o horario será de 8.45 a 13.15 e de 15 a 18.

3. O persoal que, en sábado, manteña abertas dependencias municipais trasladará o seu descanso ó día laborable inmediato seguinte.

4. Ó traballador municipal que curse estudios oficiais facilitaráselle a elección de quenda de traballo se tal é o sistema que se segue no seu servicio, para permitirlle unha maior compatibilidade co seu horario lectivo ou de titoría.

5. Establécense como días non laborables e non recuperables o 24 de decembro (Noiteboa) e o 31 de decembro (Noitevella).

6. Calquera reducción de xornada por festas, Nadal, etc. alcanzará a tódolos traballadores do concello, compensando coa mesma reducción noutras datas, á elección do traballador afectado, a quen non poida gozalas por razón de servicio.

7. O tempo que o empregado municipal empregue nas actuacións xudiciais derivadas da súa función será considerado, para tódolos efectos, como tempo de traballo efectivo.

8. Os traballadores que por razón do servicio teñan que prolonga-lo seu horario normal de traballo serán compensados economicamente ou con días de descanso, á súa elección, considerando as ditas prolongacións de xornada como servicios extraordinarios no marco do artigo 22º do presente convenio.

Artigo 20º.-Descansos.

Todo traballador municipal terá dereito a gozar dun descanso de 20 minutos durante a súa xornada diaria, cando esta sexa continuada, que se computará para tódolos efectos como tempo de traballo efectivo.

O descanso entre xornada e xornada será como mínimo de 12 horas. O descanso semanal mínimo ininterrompido será de día e medio, gozándoo preferentemente entre a tarde do sábado e o domingo.

Capítulo VI

Réxime de retribucións

Artigo 21º.-Retribucións.

Os sistema retributivo para o persoal do Concello da Rúa virá definido pola seguinte estructura e conceptos:

-Soldo base mensual: determinado pola pertenza a unha categoría profesional. A súa contía determinarase, anualmente, nas táboas salariais recollidas neste convenio.

-Antigüidade mensual: determinadas por trienios. A contía será de 16,57 euros/mes/trienio por cada tres anos de servicio nas administracións públicas, con independencia de telos prestado de xeito continuado ou non.

-Pagas extraordinarias: serán dúas ó ano, pagadas nos meses de xuño e decembro, por importe dunha mensualidade de soldo base e máis antigüidade cada unha delas.

-Gratificacións: de acordo co disposto no artigo 22º deste convenio.

Indemnizacións por razón de servicio: aplicaranse conceptos e contías recollidos no artigo 23º.

-Sobresoldo: de nocturnidade e festividade, segundo se recolle no artigo 24º.

Artigo 22º.-Gratificacións.

1. Establécese a prohibición de realizar traballos extraordinarios fóra da xornada normal, que superen as 50 horas extraordinarias anuais. Exceptúanse da

regra anterior traballos necesarios para prever ou reparar sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes.

2. Mensualmente informarase documentalmente ós representantes dos traballadores do número e contías económicas percibidas polos traballadores do concello.

3. O importe económico ou compensación horaria, e se é o caso, da hora extraordinaria virá determinado polo seguinte cálculo:

(Retribución anual / xornada anual) * 1,75

Artigo 23º.-Indemnizacións por razón de servicio.

Estableceranse indemnizacións por razón de servicio polos seguintes conceptos, na contía que legalmente se fixe para os funcionarios, en función do seu grupo de equivalencia: axuda de custo, residencia eventual, cursos selectivos/reciclaxe, asistencia a órganos de selección, asistencias a órganos colexiados, colaboración escolas admón., traslado residencia.

Artigo 24º.-Sobresoldos.

1. Sobresoldo de nocturnidade: o traballador que desenvolva a súa tarefa en horario comprendido entre as 22 horas e as 6 horas do día seguinte percibirá por cada hora de traballo ou fracción o seguinte sobresoldo:

(Retribución anual / xornada anual) * 0,25

2. Sobresoldo de festividade: no caso de traballar en domingo ou festivo, o empregado municipal percibirá un sobresoldo por hora ou fracción segundo o seguinte cálculo:

(Retribución anual / xornada anual) * 0,25

Quedan exceptuados da percepción destes sobresoldos aqueles/as traballadores/as que sexan contratados expresamente para a realización de xornadas e horarios especiais.

Artigo 25º.-Revisión salarial.

Ó remate do ano, sempre que o IPC anual supere o incremento experimentado a primeiros de ano polas retribucións do persoal, procederase a unha revisión salarial pola diferencia producida: incremento IPC -incremento retribucións.

Artigo 26º.-Retribucións en caso de IT.

1. As enfermidades e accidentes que impidan o normal desempeño da función darán dereito a licencia con plenitude de dereitos económicos desde o primeiro día da situación de ILT. O traballador terá a obriga de someterse ós controis médicos que se estimen convenientes por parte da corporación e a facilita-las visitas médicas.

2. En supostos de accidente laboral o/a traballador/a cobrará a totalidade dos conceptos que lle corresponderían tal como se realizara a súa xornada normal ou, no caso de non estar previsto, a media das cantidades percibidas ó longo do ano.

Capítulo VII

Dereitos sociais

Artigo 27º

O concello formalizará un seguro de cobertura das posibles responsabilidades civís de todo o persoal que preste os seus servicios nel, e polos actos que

realicen por razón do seu traballo. No seu lugar o concello asumirá toda a responsabilidade.

Artigo 28º

O concello designará ó seu cargo a defensa do traballador que, como consecuencia do exercicio das súas funcións, sexa obxecto de actuacións xudiciais, asumindo o concello as custas e gastos que se deriven, incluídas fianzas, salvo nos casos en que se recoñeza na sentencia dolo, culpa, neglixencia grave ou mala fe por parte do traballador.

Artigo 29º

Por petición do interesado o concello concederalles ós seus empregados anticipos de ata 4 mensualidades completas, cun tope máximo de 500.000 pesetas. A súa devolución efectuarase mediante deduccións mensuais en nómina, sen xerar ningúns xuros. O prazo para a devolución fixarao o interesado dentro dos seguintes máximos.

-14 meses para os anticipos dunha mensualidade.

-24 meses para os de dúas mensualidades.

-36 meses para os de tres mensualidades.

-48 meses para os de catro mensualidades.

Artigo 30º.-Fondo social.

1. O concello dotará anualmente un fondo, a partir do 1-1-2000 para cumprir coa obriga legal de prestación de asistencia social para a totalidade dos seus empregados municipais.

2. O dito fondo subsidiará:

a) Axuda de oftalmoloxía: 50% factura, ata unha contía máxima de 150,25 euros.

b) Axuda de odontoloxía: 50% factura, ata unha contía máxima de 150,25 euros.

c) Axuda por natalidade ou adopción: 90,15 euros.

d) Axuda por nupcialidade: 90,15 euros.

e) Axuda por defunción en favor de habentes causa: 601,01 euros.

f) Axuda de matrícula: 80% importe por curso académico e ata un máximo de 300,51 euros.

g) Axuda de librería (por cada membro de unidade familiar):

-Ensino básico ou primario: 90,15 euros.

-Ensino medio: 150,25 euros.

-Ensino superior: 210,35 euros.

h) Axudas por minusvalidez e incapacidades: 90,15 euros/mes/membro unidade familiar diminuído.

Artigo 31º

A partir do 1-1-2000 o concello subscribirá un seguro colectivo para a totalidade dos seus traballadores, que garanta unha indemnización en caso de morte ou invalidez absoluta durante a xornada laboral por importe de 24.040,48 euros.

Capítulo VIII

Seguridade e saúde

Artigo 32º

O concello constituirá e dotará a esta entidade dun Comité de Seguridade e Saúde e máis un Servicio de Prevención de Riscos.

Artigo 33º.-Comité de Seguridade e Saúde.

1. O Comité de Seguridade e Saúde estará constituído polos representantes dos traballadores e polo concelleiro de persoal ou persoa en quen delegue. Nomearanse un presidente e un secretario, e dotaráselle dun regulamento de funcionamento.

2. O Servicio de Prevención de Riscos estará constituído por un conxunto de medios humanos e materias afectados á prevención e protección da seguridade e saúde dos traballadores municipais. Os seus compoñentes non estarán sometidos ó principio de xerarquía.

3. O Comité de Seguridade e Saúde terá entre as súas competencias:

a) Promove-lo coñecemento e a observancia da normativa desta materia.

b) Coñecer e recibir información dos riscos profesionais.

c) Estudio das situacións de perigosidade, accidentes ocorridos, analiza-las súas causas e realizar propostas motivadas de prevención.

d) Confeccionar un ficheiro de locais do concello, e estudia-las súas condicións de seguridade e salubridade, para o cal contará co máximo apoio e axuda da corporación.

e) Realización e programación de campañas e cursos de mentalización e prevención de accidentes.

f) Pór en coñecemento dos órganos competentes as situacións de perigosidade e risco que se produzan con carácter de urxencia.

g) Realiza-la paralización provisional de traballos diante da presencia dun risco grave e inminente.

h) Realizar planos de evacuación.

i) Estudio do tipo e número de uniformes, e prazos de entrega.

l) Estudio e proposta de equipos de protección e seguridade persoal.

Artigo 34º

Con carácter xeral, anualmente efectuaráselles un recoñecemento médico a tódolos traballadores municipais e do seu resultado terá que se lles dar coñecemento. Quedará a xuízo do servicio médico o tipo de recoñecemento a que deba someterse o traballador. Este recoñecemento será voluntario e realizarase preferentemente dentro da xornada laboral.

Realizaranse dúas revisións anuais e específicas ó persoal que desenvolva unha actividade de alto risco ou que o faga conveniente.

Ademais do recoñecemento xeral, os maiores de 50 anos poderán solicita-la realización dun exame cardiovascular.

O concello formalizará co Gabinete de Saúde Laboral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia a solicitude para a realización dos recoñecementos médicos do persoal do concello.

Artigo 35º

O concello proporcionará uniformes de traballo en concordancia co posto e función que se realice seguindo a normativa vixente en materia de seguridade laboral.

O Comité de Seguridade e Saúde informará previamente nesta materia. Soamente terán dereito a uniforme os postos de traballo que esixan un vestiario especial.

Con carácter xeral o persoal do concello terá dereito a que se lle entregue roupa de traballo no primeiro trimestre de cada ano.

Artigo 36º

Cada servicio, sección, negociado ou unidade de traballo contará imperativamente cos medios necesarios de primeiros auxilios en perfectas condicións de utilización en todo intre, así como axeitados servicios hixiénicos, armarios individuais e duchas con auga quente e auga potable. Tamén contará co necesario material de seguridade persoal en perfectas condicións de uso.

Artigo 37º

Os membros do Comité de Seguridade e Saúde disporán do tempo necesario para asistir ás reunións ou para realiza-los cometidos sinalados polo propio comité. Asemade contarán, mensualmente, cun crédito horario sindical de 18 horas.

Capítulo IX

Dereitos sindicais

Artigo 38º

A corporación e os representantes legais dos traballadores comprométense a desenvolver condicións que permitan o pleno exercicio da liberdade sindical.

Artigo 39º

A representación do persoal desenvolverase de conformidade coa Lei orgánica de liberdade sindical e cantas disposicións desenvolvan esta materia.

Artigo 40º.-Acción sindical.

1. Para cumprir coas súas funcións, a Administración porá á disposición dos representantes dos traballadores un local axeitado e que contará con espacio para cada sección sindical, e medios materias necesarios (mesas, cadeiras, arquivadores e material de oficina).

2. Tódolos centros de traballo e dependencias contarán con taboleiros de anuncios exclusivamente sindicais. Calquera representante legal ou delegado sindical poderá acceder ás dependencias, oficinas e servicios municipais, tendo dereito a ser informados dos asuntos que deban coñecer pola representación que teñan. En todo caso este dereito compatibilizarase coa boa marcha das dependencias en cuestión.

Artigo 41º

É competencia dos representantes sindicais dos traballadores a defensa dos intereses xerais e específicos dos empregados públicos e, en particular, a negociación das súas condicións salariais, sociais e sindicais mediante os oportunos procedementos de negociación colectiva.

Os representantes sindicais dos traballadores serán informados de:

a) Das cuestións que afecten ó persoal e vaian ser tratadas na comisión informativa de persoal. Notificarase a orde do día e a acta da reunión anterior e permitirase na dita comisión a presencia dos repre

sentantes legais dos traballadores para que expoñan as súas opinións, non estando presente nas votacións.

b) Daráselles audiencia en materia de sancións e expedientes disciplinarios.

c) Informarase dos contratos de acordo coa lexislación vixente, facilitando copias básicas deste a tódalas seccións sindicais.

d) Da asignación de complementos, gratificacións, honores e distincións.

Asemade, trala petición, facilitaránselles resumos documentais de horas extras.

Artigo 42º

Os representantes dos traballadores terán a capacidade xurídica que o ordenamento lles outorgue para o exercicio das accións administrativas ou xudiciais que procedan no ámbito da súa competencia.

Artigo 43º

Recoñécese o dereito á folga. Ó persoal que exerza o seu dereito á folga deduciráselle como máximo as cantidades resultantes das seguintes fórmulas.

a) Desconto por hora = (soldo base mensual + antigüidade mensual)/ ( 6 *xornada semanal).

b) Desconto por día = (soldo base mensual + antigüidade mensual)/ 30.

Artigo 44º

Os representantes legais dos traballadores non poderán ser discriminados na súa promoción profesional ou económica. Ningún deles poderá ser trasladado nin sancionado durante o exercicio das súas funcións nin dentro do ano seguinte á expiración da súa condición.

Cada delegado de persoal, así como o secretario das respectivas seccións sindicais e máis dos delegados sindicais, disporán de 18 horas mensuais para a realización das súas actividades, coas seguintes especificacións:

a) Quedan fóra do cómputo as empregadas en negociación colectiva e nas reunións da comisión de seguimento.

b) A comunicación do seu uso realizarase con 24 horas de antelación, ou 48 horas se se ten traballo a rolda, perante o servicio de persoal e no propio servicio.

No caso de non poder facer así respectaranse as necesidades do servicio pasando, posteriormente, notificación a persoal.

c) Tamén, coa antelación que sexa posible, os membros das comisións negociadoras comunicarán no seu servicio a dita ausencia.

d) Mensualmente, por decisión do sindicato ó que pertenzan, poderanse acumula-las horas dos traballadores presentes nos distintos órganos de representación, así como as dos delegados sindicais e mailas do secretario da sección sindical, nun ou

varios compoñentes das seccións sindicais, dando coñecemento con antelación suficiente ó Servicio de Persoal con expresión de quén acumula e de quén procedan.

Artigo 45º

Están autorizadas as xuntanzas e asembleas nos centros de traballo fóra da xornada laboral.

Están aurotizadas as reunións e asembleas nos centros de traballo dentro da xornada laboral ata un máximo de 36 horas anuais que corresponderán ás seccións sindicais.

Procurarase que a realización de asembleas e reunións en xornada laboral coincida coa entrada ou saída dos traballadores.

Capítulo X

Formación profesional

Artigo 46º

O empregado municipal poderá acceder á realización de calquera curso de formación, perfeccionamento ou reciclaxe relacionado co seu posto de traballo convocado polo concello ou calquera outro organismo, respectándose o principio de igualdade de oportunidades.

A asistencia e superación dos cursos será tida en conta para a promoción.

Artigo 47º

Os gastos de asistencia a cursos serán aboados polo concello con cargo ás súas dispoñibilidades orzamentarias.

Os gastos dos cursos obrigatorios dos empregados públicos en prácticas para a toma de posesión serán integramente aboados polo Concello.

Capítulo XI

Faltas e sancións

Artigo 48º.-Faltas e sancións.

O réxime disciplinario do persoal ó servicio do Concello da Rúa será o recollido na lexislación vixente para os funcionarios públicos, en especial o disposto no Decreto da Xunta de Galicia 94/1991, ou lexislación que o substitúa.

Artigo 49º.-Homologación salarial cos funcionarios/as.

Acórdase homologa-los salarios do persoal laboral cos do mesmo grupo de titulación do persoal funcionario.

Esta homologación culminarase no ano 2006. Para conseguir esta homologación establécese un complemento salarial de homologación nas contías que para cada categoría se establecen nas táboas salariais en catorce pagas anuais. No ano 2006, unha vez culminada a homologación salarial, este complemento será absorbido polo salario base.

As partes comprométense a manter este complemento de homologación, en sucesivas negociacións colectivas, ata consegui-lo obxectivo de homologación.

Disposicións adicionais

Primeira.-Estabilización do emprego. A totalidade das prazas vacantes ou cubertas en situación de precariedade, interinaxes, contratación laboral temporal, serán obxecto de obrigada convocatoria no 2002, coa finalidade de dotar de carácter permanente a relación de prestación de servicios profesionais no Concello da Rúa.

Segunda.-Promoción profesional. No primeiro trimestre de 2002, convocarase proceso, por promoción interna vertical mediante concurso, para que dous peóns, con titulación de oficial, promocionen á categoría de oficial de oficios.

Terceira.-Reclasificación profesional. Con efectos a partir do 1-1-2002 reclasificaranse todos aqueles traballadores que figurando como peóns realizan funcións de subalterno tales como atención ás instalacións municipais, á categoría de subalterno.

Cuarta.-Recoñécese a condición de traballadores fixos-descontinuos a aqueles traballadores que estean prestando servicios de carácter estacional cunha asiduidade superior a 3 anos.

Retribucións mensuais: ano 2002.

Establécese como táboa salarial para o ano 2002, para as categorías existentes no cadro laboral, as seguintes cantidades con cargo ó Concello da Rúa:

Categoría; soldo mes; complemento de homologación mes; soldo ano.

-Operario; 778,86 euros; 22,91 euros; 11.224,78 euros.

-Subalterno; 798,92 euros; 23,50 euros; 11.513,88 euros.

-Oficial de oficios; 856,57 euros; 25,19 euros; 12.344,64 euros.

-Auxiliar administ.; 832,38 euros; 24,48 euros; 11.996,04 euros.

-Administrativo; 872,53 euros; 25,66 euros; 12.574,66 euros.

O oficial conductor e os operarios que presten servicio de recollida do lixo, así como o operario do centro de saúde, incrementarán as retribucións da súa categoría recollidas na anterior táboa salarial por concepto de recollida para outros concellos e actividades complementarias como mínimo nas contías que perciben na actualidade (300,51 euros/mes), contías que manterán a consideración de cotizables á Seguridade Social.

Establécense para o caso de reclasificación profesional no cadro laboral existente ou de creación de novas prazas no mesmo, as seguintes contías de referencia:

Categorías; soldo mes; complemento de homologación mes; soldo ano.

-Encargado; 872,53 euros; 25,66 euros; 12.574,66 euros.

-Técnico medio; 939,44 euros; 27,63 euros; 13.538,98 euros.

-Técnico superior; 1.006,34 euros; 29,60 euros; 14.503,16 euros.

Retribucións mensuais: ano 2003.

Establécese como táboa salarial para o ano 2003, para as categorías existentes no cadro laboral, as seguintes cantidades con cargo ó Concello da Rúa.

Categoría; soldo mes; complemento de homologación mes; soldo ano.

-Operario; soldo 2002+IPC; 16,04 euros; 14[(soldo2002+IPC) + 16,04]

-Subalterno; soldo 2002+IPC; 16,45 euros; 14[(soldo2002+IPC) + 16,45]

-Oficial de oficios; soldo 2002+IPC; 17,62 euros; 14[(soldo2002+IPC) + 17,62]

-Auxiliar administ.; soldo 2002+IPC; 17,13 euros; 14[(soldo2002+IPC) + 17,13]

-Administrativo; soldo 2002+IPC; 17,96 euros; 14[(soldo2002+IPC) + 17,96]

O oficial conductor e os operarios que presten servicio de recollida do lixo, así como o operario do centro de saúde, incrementarán as retribucións da súa categoría recollidas na anterior táboa salarial por concepto de recollida para outros concellos e actividades complementarias como mínimo nas contías que perciben na actualidade (300,51 euros/mes), contías que manterán a consideración de cotizables á Seguridade Social.

Establécense para o caso de reclasificación profesional no cadro laboral existente ou de creación de novas prazas no mesmo, as seguintes contías de referencia:

Categorías; soldo mes; complemento de homologación mes; soldo ano.

-Encargado; soldo 2002+IPC; 17,96 euros; 14[(soldo2002+IPC) + 17,96]

-Técnico medio; soldo 2002+IPC; 19,34 euros; 14[(soldo2002+IPC) + 19,34]

-Técnico superior; soldo 2002+IPC; 20,72 euros; 14[(soldo2002+IPC) + 20,72]

Disposicións derraderias

Primeira.-Para os efectos do disposto no artigo 85 do Estatuto dos traballadores, e segundo o recollido no artigo 87 do mesmo texto, actúan como partes concertantes deste convenio o alcalde, en representación do Pleno do Concello da Rúa, e os delegados de persoal electos en representación do colectivo de traballadores laborais.

Segunda.-Para a renovación do convenio a parte que a promova procederá á súa denuncia dentro do último mes de vixencia, denuncia que se axustará ó disposto no vixente artigo 89.1º do Estatuto dos traballadores.